domingo, maio 03, 2009

Crónica de Iván Prado viaxando a Palestina: Metáfora de sufrimento e esquizofrenia colectiva

Segunda crónica de "Pallasos en Rebeldía dende Palestina"
Por Iván Prado
30.04.2009


Yenin foi a vila máis atacada polos israelís durante a segunda intifada. Foi lugar de dor e masacre. Os cans de ferro dos xudeos non daban abasto botando abaixo casas e declaracións dos dereitos humanos.Yenin, durante eses anos, converteuse na tradución ao árabe do inferno: nenos chorando nús polas rúas mentras o tiroteo lles facía a raia ao medio.

Metáfora de sufrimento e esquizofrenia colectiva.

Durante a nosa viaxe no 2003 intentamos ir actuar alí pero non o conseguimos. De feito, a anterior caravana anterior á nosa de Pallasos Sen Fronteiras acabou apedreada polos propios rapaces. 6 anos máis tarde chega o meu primeiro traballo nestas terras de dignidade e xenocidio.

A xente do circo palestino lévanos a traballar en dous centros, un para mulleres maltratadas, violadas e torturadas. Esta guerra é así. Non hai medias partes nin descanso para as máquinas do terror. O outro grupo é de xente nova que leva un tempo practicando con eles as artes circenses como xeito para fuxir da barbarie.

O día anterior, durante case unha hora adoutrínanme sobre as grandes dificultades para traballar con estes grupos. Elas son moi tímidas, non se van tirar ao chan , non van brincar non van correr, nin sequera se agochan a recoller os malabares cando caen ao chan. Porén, sempre segundo a xente do circo, os novos son moi violentos, están moi tensos e pertencen a familias moi machacadas.

As mulleres recíbenme na distancia. Van tapadas da cabeza aos pés aínda que por baixo dos traxes levan zapatos de tacón, o mellor calzado para unha sesión de risoterapia. Non as podo tocar nin mirar moito. As directoras do centro retíranme a man de forma cortés para saudarme cunha man no peito... Ben, o caso é que xa estou aquí e formo parte dunha internacional da risa revolucionaria que cre fondamente que, sen esperanza, os pobos non podemos conseguir a liberación, así que me lanzo ao traballo sen rede de protección nin paracaídas. Que sexa o que Alá queira.

Iniciamos o obradoiro con mestras mirando sentadas mentras fan calceta e as mulleres participantes a dez metros de distancia de min. Rematamos con elas abrazadas, bailando, saltando chorando e rindo como nunca o fixeran na súa vida. Ao final, ata as mulleres mesmas viñan saudarme e falar conmigo.

Eu non traballo a risoterapia senón a humanoterapia, abrirse de arriba a abaixo, demostrar o poder do ridículo, desvelar as enerxías que nos unen e, finalmente, visualizar o potencial que aniña nos nosos soños.

3 horas que, segundo os organizadores e incluso os reponsables políticos dos programas culturais de Yenin, cambiaron as vidas destas mulleres. As palabras que máis sairon neste obradoiro foron liberdade e revolución. Así me agradecian a ínica virtude que posúo como dinamizador de grupos, a verdade radical coa que me lanzo nestas experiencias humanas.

Pola tarde e co subidón da experiencia nuclear que acabamos de vivir, imos ao segundo lugar de traballo. Polo camiño, a xente do circo palestino, que non o pode crer, non deixa de comentar a experiencia. Están tan agradecidos que os seus ollos, cando falan conmigo alumean coma faros.

Empezamos o segundo obradoiro con dez rapaces. Eu abórdoos nas escaleiras, métome con eles, fágolles chistes... Ao final acabamos bailando as súas danzas tradicionais, sacándonos fotos, abrazándonos comos se fosemos veciños de toda a vida. Xente cunha dor terrible pero capaz de acollerme coma o seu irmán.

Mentres nos cambiamos na parte de atrás dun ultramarinos, comezan as historias. Un fálame da súa familia maltratada pola ocupación e outro de como fai un par de anos, mentres xogaba un partido de fútbol, veu como un helicóptero isarelí mataba diante dos seus ollos un rapaz que coma el apenas pasaba dos 12 anos. O seu delito era xogar ao fútbol e non chamarse Ronaldinno nin Raúl, senón simplemente Mohamed.

Esta guerra contra a vida ten coordenadas moi claras. Os israelís mantéñense en Palestina a costa de matar, torturar e humillar a poboación civil que ten como horizonte o Mediterráneo e as súas oliveiras. Mentres tanto, os nosos gobernantes fan reunións nas que negocian a canto sae o cadáver de neno palestino no mercado de valores.

Cando marchamos para Ramala, unha das mulleres que nos acompaña dime cunha mirada vidrosa que nunca na sua vida vira rirse dese xeito a esta xente. Será que a rebeldía fai que o amor entre os seres humanos sexa tan radical e trasnformador que ata a ocupación asasina se difumina durante unhas horas. Que poderiamos facer se en vez de exércitos bélicos armasemos guerrillas da risa activa e comprometida?

[*] Iván Prado (Lugo, 1974) saíu da súa cidade natal aos 18 anos para marchar a Cuba. Esa foi a súa primeira gran viaxe e desde entón non parou. Guatemala, Nicaragua, Chiapas ou Palestina son algúns dos lugares polos que pasou tentando poñer unha nota de humor e facendo ver que outro mundo é posible. [En Galiciaé]
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon