domingo, maio 03, 2009

Crónica de Iván Prado desde a Palestina: Eu si chorei

Terceira crónica de "Pallasos en Rebeldía desde Palestina"
Por Iván Prado
01.05.2009


Esta é a primeira crónica que escribo nos 5 días que levo en Palestina e apenas vexo o teclado por mor da choreira incontrolada que me deu ao despedirme da xente do circo palestino.

A despedida tivo lugar despois dun intenso obradoiro que demos en Hebrón, unha cidade palestina ocupada onde a poboación local ten que compartir espazo con colonos armados e protexidos por exércitos particulares que, ao igual que nas películas do Oeste, teñen atemorizada a toda a sociedade civil.

A verdade é que con tanto traballo, viaxes, xuntanzas e sobre todo emocións desbordantes non atopaba gañas nin tempo para escribir as crónicas. Creo que é a primeira vez que tardo tanto en comezalas pero hoxe, recluído na parte traseira da furgoneta e parapetado entre as mochilas de viaxe e malabares, sinto a vertixe que produce este país.

Hai algo esencial en Palestina, algo vital contra o que a maquinaria nazi dos israelitas non pode. Estou chorando ante o impacto nuclear que me xera un baño de realidade. Síntome como se me mergullase nunha piscina de magma na que non chego a arder pero que queima por dentro as miñas entrañas.

A xente do circo palestino é a mellor metáfora do que a esperanza implica para o ser humano, persoas que levan as artes circenses ao corazón do conflito que é o mesmo que o propio corazón da humanidade.

Todos falan ante as nosas cámaras, todos teñen palabras que removen a nosa alma. Un fala do compañeiro de xogos que mataron nos seus brazos e como a impotencia de non podelo levar a rastro a tempo ao hospital aínda o persegue hoxe. Outro fala dos seus soños como palestino e home de circo, soños que soan sinxelos ante a cámara pero que están cargados de vida e resistencia.

Outro cóntanos por que vai ter un fillo en Palestina e o vai a criar ante tanta inxustiza e violencia. A razón é tan fermosa como que o circo tamén é o seu fillo e non o pode deixar abandonado, pero a que máis me tocou na alma foi a muller do circo palestino quen, cando nos despedimos, me dixo que ela non tiña bágoas para chorar.

Eu si chorei. Chorei por todos eles, pola súa valentía, por veren cumprido o soño de que volvan á súa terra, por veren cumprido o soño dunha Palestina sen violencia onde criar un fillo en liberdade. Tamén chorei porque algún día todos os rapaces palestinos poidan ser nenos sen mais. Chorei ademais para que chegue o momento en que a miña amiga se permita chorar, pero en realidade chorei pola emoción de ver ao ser humano, a un igual, ser capaz de levantar a bandeira da dignidade mentres ao seu redor o mundo se derrumba pouco a pouco.

Neste intre venme á cabeza un verso en árabe clásico que tallaron na lápida dun guerrilleiro palestino: “Non serei servo de ninguén porque non vivirei mais que unha vez e fareino con dignidade”.

Bágoas e risas que tiran muros interiores, que liberan corpos e espazos, que crean colchóns de esperanza ante tanto terror e inxustiza. Choro, pero non deixo de rir, porque no fondo sei que estamos abocados á felicidade.



[*] Iván Prado (Lugo, 1974) saíu da súa cidade natal aos 18 anos para marchar a Cuba. Esa foi a súa primeira gran viaxe e desde entón non parou. Guatemala, Nicaragua, Chiapas ou Palestina son algúns dos lugares polos que pasou tentando poñer unha nota de humor e facendo ver que outro mundo é posible. [En Galiciaé]
____________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon