ADEGA, e outros colectivos do Comité Cidádán de Emerxencia para a ría de Ferrol, vimos de presentar alegacións contra a ampliación da capacidade regasificadora de REGANOSA a 825.600 m3(N)/h, isto é, ao duplo da capacidade actual. Esta ampliación multiplicaría o risco do trafego de gaseiros pola ría (pasarían dos actuais 50 a 104 barcos anuais) e o consumo/vertido de efluentes na ría. ADEGA agarda que, como acaba de acontecer cos depósitos do Ferrazo (Vilagarcía), sexan os tribunais os que confirmen a ilegalidade da planta de Mugardos: nos dous casos, faltou o preceitivo estudo de impacto ambiental.
E é que no caso dos depósitos do Ferrazo, o Tribunal Supremo foi meridianamente claro na súa sentenza: ratifica punto por punto a resolución previa do TSXG (2006) declarando a nulidade da autorización dada pola Xunta de Fraga para a instalación dos depósitos en Vilagarcía, por carecer de estudo de impacto ambiental.
Segundo o Supremo, a autorización das instalacións en Vilagarcía non puido obviar o trámite de impacto ambiental, por ter "efectos significativos e relevantes" sobre o ambiente. O fallo aponta á natureza das actividades de FINSA e FORESA, o tipo de produtos almacenados (hidrocarburos) e ao risco das operacións dunha planta con 80.000 m3, veciña a núcleos urbanos e nunha contorna de especial relevancia paisaxística (a ría de Arousa). O tribunal engade que os riscos "poden incidir negativamente no ecosistema, provocar contaminación do mar e da atmosfera e degradar a riqueza mariña".
Polo que atinxe a REGANOSA, co seu proxecto inicia unha fuxida cara adiante pretendendo forzar a capacidade de regasificación dunhas instalacións constrinxidas entre as casas de Mugardos e sen posibilidade de ampliación, multiplicando os riscos ao duplicar o trafego de gaseiros -poderían traer barcos máis grandes, pero non entrarían na ría!-.
Do mesmo xeito que cos depósitos de Vilagarcía, as instalacións de REGANOSA en Mugardos carecen de estudo de impacto ambiental e comportan parecidos riscos paisaxísticos, ambientais e de seguridade cidadá. Por iso, ADEGA agarda que a sentenza do Ferrazo sente xurisprudencia e, en coerencia coa súa rexente resolución, o Tribunal Supremo declare a nulidade das autorizacións concedidas pola Xunta a REGANOSA.
Consonte a isto, ADEGA agarda tamén que a Xunta modifique a súa posición, e asuma as consideracións do Supremo, renunciando aos vergoñentos recursos contra as sentenzas contrarias a REGANOSA que no seu día emitíu o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza e que nin o PP nin o bipartito quixeron retirar.
Baixar Alegacións á AMPLIACIÓN de REGANOSA en formato -pdf-
Fonte: ADEGA
_______________
Enlaces relacionados:
_______________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon