Amosando publicacións coa etiqueta Pesca. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pesca. Amosar todas as publicacións

luns, novembro 09, 2015

O sector pesqueiro sinalou en Cangas as claves que AGE levará ao Parlamento galego e europeo


O sector pesqueiro sinalou en Cangas as claves que AGE levará ao Parlamento galego e europeo. | Esta xornada de análise articulouse en torno a oito mesas temáticas desenvolvidas por máis de quince representantes directos do sector. | A grave situación de contaminación nas rías, a merma de postos de traballo e a desigualdade de xénero, algúns dos temas abordados.


Hoxe tivo lugar a segunda das sesións da  xornada "As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro", que deron inicio onte, venres 6, no Auditorio Municipal de Cangas.

Ademais de para dar a coñecer na voz do propio sector as claves principais do marisqueo, a pesca e a acuicultura na Galiza, sinalar as principais problemáticas e debater conxuntamente na procura de solucións, esta xornada tivo o obxectivo tamén principal de funcionar como un espazo de encontro entre o sector, ca participación do deputado de AGE Juan Fajardo e a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, "co fin de artellar un grupo de traballo amplo con xente do sector para trasladar as iniciativas aos Parlamentos galego e europeo".

Na quenda de hoxe analizamos a primeira hora "O marisqueo na Galiza. Situación, retos e propostas",encetando este espazo ca mariscadora e vicepatroa da Confraría de Pontevedra, Marina Buceta, quen narrou como tradicionalmente na ría de Pontevedra "eramos case todas mulleres", mais non foi até 1999 cando comezaron a "estar aseguradas", marcando un punto e aparte o ano 2000, "no que empezamos a ter inquedanzas", xa que non contaban con elementos de xestión básicos, como as cotas ou as tallas, "vendíamos como podiamos". Foi tamén nestes inicios do século XXI cando as mariscadoras conseguiron ter unha lonxa na que poder vender, "foi un cambio radical, melloramos, logramos ter carto na man", valorou Buceta.

Sen embargo, proseguiu, "actualmente somos 400 mulleres, pero no 2000 eramos 800, moitas abandonaron". E é que o futuro, "nunca o vin tan negro". Demasiados son os ataques  ao ecosistema galego e ás actividades produtivas, froito do desleixo dunha Administración política pouco concienciada co coidado da biodiversidade do noso país: "con tanta contaminación que hai na ría, alí case non hai animal que viva, os verquidos fecais son o que máis nos afecta".

Buceta explicou que hai xa 3 anos que as mariscadoras de Pontevedra non meten berberecho, "e a ameixa tamén está morrendo, vémola toda coa boca aberta". Esta situación provocou que a día de hoxe practicamente so podan traballar en Ameixal e Combarro. "Temos moitas praias afectadas e as bateas do fondo da ría tamén o están", polo que non poden vender produto fresco. "Non podemos vivir así, gañamos no verán e no Nadal e o resto son todo meses mortos, hai xente que non pode afrontar pagar o seguro", alertou.

Pola súa banda, Rafael González, mariscador a flote na ría de Ferrol, coincidiu con Buceta en que "isto cada vez vai a peor", e exemplificou a situación sinalando que na zona das Pías, malia a abarcar medio millón de metros cadrados, "de zona produtiva haberá 200.000".  Mención a parte mereceu a ría de Ferrol, "afectada por unha contaminación bestial, recheos e lodos por todos lados". A isto engádese a presenza dunha fábrica de colas "que bota metais pesados á ría, plomo... E iso vai para o fondo e mata todo", reiterou. González esixiu solucións para a Ría de Ferrol, onde na actualidade marisquean unhas 500 persoas, "pero poderiamos chegar a ser 1000", se o se tomara en serio o coidado da ría. En relación ao controvertido porto exterior de Ferrol, Gonzalez foi contundente: "nin solución do paro nin nada. Os ecoloxistas avisaron do que podía pasar, e pasou. A ría está infrautilizada e golpeada por todos os lados".

Pechou esta primeira mesa adicada ao marisqueo José Luís Lorenzo, representante do colectivo da navalla de Cangas, un grupo que deu inicio no ano 1996 integrado por 25 persoas. "Daquela non tiñamos nin idea, guiábanos o grupo de Fisterra que xa funcionaba. Empezamos a cegas e por presións porque a maioría eramos ata daquela furtivos". A principal preocupación nos inicios foi manter o recurso de forma sostíbel, "había que seguir as cotas, non esquilmar todo". Polo que decidiron implicarse directamente, "vixiabamos as praias... Fixemos unhas normas con sancións para a sobrepesca, o furtivismo… custou traballo e man dura", recoñeceu. Para González, un dos principais problemas aos que se enfrentan na recollida da navalla son as biotoxinas, causantes de peches cautelares na ría "dun día para outro e sen distinción de especies", o que implica semanas sen traballar e grande frustación, xa que, realizadas as analíticas, "a navalla nunca dá (positivo por biotoxinas)". Os problemas aos que se está a enfrontar o colectivo repercuten tamén ás veces en tensións internas, fronte ao que González apelou á unidade do sector, ao tempo que salientou botar en falla "asesoramento das Administracións, que nos informen de por que fan así, non simplemente ditar normas".

A sesión de tarde desta xornada de sábado deu comezo ca mesa "A invisibilidade das mulleres no mundo da pesca. As mariscadoras a pé: un modelo de organización", integrada por cinco mulleres.

Pencha Santasmarinas Raposo, muller feminista que ten asumido distintas responsabilidades na Consellería de Pesca da Xunta de Galicia -entre elas a de Xefa do Servizo de Organización no Sector Marisqueiro-, abríu a súa intervención analizando o xeito mesmo no que adoita describirse o sector: "as mulleres no  mundo da pesca eran invisibles. Cando eu cheguei á pesca, referíanse sempre aos mariscadores, cando a maioría son mulleres, mariscadoras. Nós mesmas nos invisibilizamos cando falamos de nós en masculino". Porén, o marisqueo a pé en Galiza lévano mulleres, inda que tamén elas están a ser eliminadas paulatinamente, "mariscadoras a pé había 12.000 no ano 2003, hoxe quedan 4.000 e pico; armadoras 243, redeiras 324... En total, 20.000 mulleres están relacionadas co mar en Galiza e non se fala nunca delas", sentenciou. Santasmarinas denunciou a "marxinalidade" na que se atopaban as mulleres cando ela se incorporou ao traballo na Xunta de Galicia. As mariscadoras e redeiras "son unhas namoradas desta profesión, moitas non gañaban case nada e érano porque lles gustaba, e o eran desde pequenas", daí a importancia "de loitar porque  fora unha profesión", salientou,  pola convocatoria de cursos específicos para mulleres, conseguir que percibiran a mesma retribución económica que os homes, e ir superando obstáculos. Nesa estratexia resultou fundamental fomentar "que se relacionaran entre elas". "Comezamos a crear agrupacións de mariscadoras para erradicar o furtivismo interno e consolidouse, o seguinte paso foi que as mariscadoras cotizaran á Seguridade Social", analizou Santasmarinas.

A primeira destas agrupación foi creada en Arcade que, como sinalou  Consuelo Vidal Carvajal, ex presidenta da Agrupación de Arcade, presente tamén nesta mesa na tarde de hoxe, "foi o lugar pioneiro. Empezamos a organizarnos no 94".

Logo de tantos anos de loita e experiencia, a conclusión para Pencha Santasmarinas é clara: "Hai que procurar que as mariscadoras non dependan da Administración, porque a Administración non sempre está disposta a defendelas. Teñen que elas por si mesmas saber defenderse."

Así o subscribíu punto por punto Geli Martínez,  redeira do cerco de Cangas e seguinte ponente nesta mesa. "Pasamos de ser invisibles a estar organizadas.  Comprendín que tiñamos que abrirnos e decidimos entrar na Federación, saín elixida e collín o cargo de presidenta", explicou. Agora, pelexa cada día ca diversidade de problemáticas asociadas á multidisciplinar práctica profesional das redeiras. As redeiras do palangre, apuntou, que desenvolven a súa laboura maioritariamente en Burela e Malpica , "traballan a prezos moi baixos, ademais teñen un alto  nivel de intrusismo, e aí non hai regras de ningún tipo. Traballan para efectos navais". O problema do intrusismo, lembrou, afecta tamén ás redeiras de artes menores, presentes en toda  Galiza. As redeiras do cerco, sen embargo, non padecen o intrusismo "porque o noso traballo non se pode levar para a casa", ironizou Martínez, "tes que saber e ter unha formación para facer este traballo".  Para ela, todas as redeiras deberían manexar as distintas variedades para "poder vivir de redeiras", e sinala a importancia de que esta actividade puidera contar con unha cualificación profesional. "En Cangas intentamos diversificarnos e hoxe temos tal carga de traballo que non damos feito", argumentou. O aumento desta carga produtiva levounas tamén a tomar conciencia da necesidade de prestar atención á  saúde laboral desta actividade, "temos xornadas de traballo moi grandes e monótonas, e o noso traballo lévanos a ter moitos problemas de cervicais", e de seren tomadas en conta medidas retributivas que se axusten ás características desta profesión, como "solicitar un coeficiente redutor" que estableza unha idade de xubilación axeitada.

Cangas, 7 Novembro, de 2015

Máis información: Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
AGEe Europa
-ageeneuropa@gmail.com-
7 de novembro de 2015 19:46
____________

xoves, novembro 05, 2015

Xornada "As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro" - Cangas do Morrazo, 6 e 7 de Novembro


"As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da PPC: retos e propostas de futuro". | Xornada informativa e de debate sobre o sector pesqueiro. Auditorio Municipal de Cangas, venres 6 e sábado 7 de novembro. | Acuicultura, cotas pesqueiras, pesca artesanal, marisqueo, acordos de pesca da UE ou o papel das mulleres na pesca galega, temas principais.


Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe) e o Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) -do que AGEe forma parte no Parlamento Europeo-, desenvolverán este venres 6 e sábado 7 a xornada "As pescas e a acuicultura na Galiza no contexto da Política Pesqueira Común (PPC): retos e propostas de futuro" [1], que terá lugar no Auditorio Municipal de Cangas e será introducida polo alcalde desta vila fortemente vinculada ao mar, Xosé Manuel Pazos Varela.

Da man da eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, e a través dun esquema de traballo en torno a oito mesas temáticas, abordaranse aspectos clave do sector pesqueiro galego, "procurando ao mesmo tempo propiciar un espazo de encontro e intercambio entre os distintos colectivos profesionais", apunta Senra.

Así, o deputado de AGE Juan Fajardo, encetará a xornada do venres 6 dando conta dos riscos do modelo de acuicultura que proxecta a Xunta de Galicia, entre o que podemos atopar a controvertida mudanza da actividade marisqueira en "acuicultura" a nivel lexislativo. Nesa mesma xeira, o técnico superior en produción pesqueira e acuícola, Xurxo Pérez Rodal, e o responsábel de pesca sostíbel de Anova Terra, Miguel Ángel Arís Abilleira, abordarán criticamente as estratexias de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+I) no eido acuícola.

Como non podía ser doutro xeito, a problemática das cotas pesqueiras e a loita dos mariñeiros do cerco, será tamén tratada pormenorizadamente na tarde do venres a través do representante da Asociación de Armadores de Cerco de Galicia (ACERGA), Andrés García Boutureira.

Será tamén neste primeiro día de xornada en Cangas cando se debata en torno á situación do sector mexilloeiro, cun relatorio a cargo de Alfonso Alcaide Núñez, do Consello Regulador do Mexillón de Galicia.

A xornada do sábado 7 articularase ao redor de catro eixos principais: marisqueo, as mulleres na pesca, a pesca artesanal e os acordos pesqueiros da UE con terceiros países.

"O marisqueo na Galiza. Situación, retos e propostas", é o epígrafe que dará cabida ás intervencións de Marina Buceta Alonso, mariscadora e vicepatroa  da Confraría de Pontevedra, quen porá sobre a mesa as claves do marisqueo a pé, e o mariscador Rafael González Ferreiro, quen dará conta da situación do marisqueo a flote na Ría de Ferrol; José Luís Lorenzo García e o patrón maior da Confraría da Pobra do Caramiñal, José Manuel Iglesias,  completarán esta mesa.

Nesta liña produtiva, a pesca artesanal contará con dous ámbitos de análise. Por unha banda, exporanse os retos e propostas deste sector, que serán trasladadas polo pescador e patrón maior da Confraría de Cangas, Francisco Javier Costa. Pola súa banda, o patrón maior da Confraría de Corucubión, José Dominguez Buitrón, exporá os principais riscos para a pesca de baixura.

A quenda de mañá pechará ca intervención "Os acordos de pesca entre a Unión Europea e países terceiros. Do papel á realidade", introducida pola eurodeputada de AGEe, Lídia Senra.

O sábado será tamén o momento de abordar a situación de invisibilidade das mulleres no mundo da pesca, salientando a situación das mariscadoras a pé e o seu modelo de organización nun espazo desenvolvido por Pencha Santasmarinas Raposo, unha das mulleres feministas máis destacada no sector pesqueiro, merecedora da Medalla Castelao 2010, e que ten asumido distintas responsabilidades na Consellería de Pesca da Xunta de Galicia, entre elas a de Xefa do Servizo de Organización no Sector Marisqueiro.

Santasmarinas estará acompañada pola redeira Geli Martínez Sotelo; a patroa maior de Arcade, Rita Míguez de la Iglesia e a presidenta da Agrupación de Mariscadoras de Arcade, Rosa Vilán Branco, que completarán a análise da situación das mulleres no sector pesqueiro galego.

A  posta en común das mesas temáticas será realizada a través de distintos espazos de debate ao longo dos dous días nos que desenvolverá a xornada.

A deputada de AGEe, Lídia Senra, salientou como obxectivo principal da mesma "ter a oportunidade de intercambiar puntos de vista con representantes de distintos ámbitos das pescas,  para deste xeito obtermos unha visión ampla e clara de cales son as preocupacións do sector con respecto á Política Pesqueira Común (PPC) e traballar dende AGEe para poder trasladalas no Parlamento Europeo".

Bruxelas, 5 Novembro de 2015.

[1] Adxuntamos cartaz e programa.

---

Máis información:

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | Tlf: 609 845 861, lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez

Enviado por:
MONTOTO VAZQUEZ Vera
-vera.montotovazquez@europarl.europa.eu-
5 de novembro de 2015 11:22
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
5 de novembro de 2015 18:13

_____________

sábado, abril 11, 2015

Charla – coloquio en Cedeira sobre pesca, da europarlamentaria por AGEe, Lidia Senra - Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL) - Na Casa do Mar, o sábado 11 de Abril, ás 12 do mediodía


Charla – coloquio en Cedeira, sobre a pesca, da europarlamentaria por AGEe, Lidia Senra. O acto terá lugar o sábado 11 de Abril de 2015, ás 12 do mediodía, na Casa do Mar. Organizada por Anova-IN de Cedeira e coa colaboración da Cofradía de Pescadores.

[*] Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde (AGEe - GUE/NGL).
|
Tlf: 609 845 861
|
lidia.senra@europarl.europa.eu



Máis información en
:

________________

mércores, maio 05, 2010

A sociedade civil galega concreta as conclusións do encontro paralelo celebrado ao redor das políticas pesqueiras da UE


Pesca: Manifesto de Vigo.
Asinado por máis de 70 colectivos e organizacións
Manifesto de Vigo, asinado por máis de 70 colectivos e organizacións onde se recollen as Conclusións do Encontro Paralelo celebrado ao redor das políticas pesqueiras da UE

En documento adxunto achegámosvos o texto íntegro do documento base que será entregado á Axencia de Pesca da UE.

A SOCIEDADE CIVIL POR UNHA RELACIÓN SUSTENTABLE CO MAR:

MANIFESTO DE VIGO
A sociedade civil galega concreta as conclusións do encontro paralelo celebrado ao redor das políticas pesqueiras da UE. Colectivos como A Ría Non se Vende, Ecoloxistas en Acción, Galiza Non se Vende, Marcha Mundial dás Mulleres, Salvemos Pontevedra, Verdegaia, WWF ou Greenpeace asinan un manifesto no que subliñan a necesidade urxente de abordar un modo radicalmente distinto de relación co medio mariño, onde se teña en conta a contorna natural e a protección ás prácticas pesqueiras tradicionais e sustentables.

Numerosas organizacións sociais e ambientais, tanto da sociedade galega, como estatais, recalcan que de seguir así as políticas da UE, o futuro do mar e das súas xentes verase comprometido de maneira irreversible.

Hoxe presentáronse en Vigo as principais conclusións do encontro paralelo sobre pesca organizado pola sociedade civil, que se agruparon ao redor da denominación de Manifesto de Vigo.

Neste manifesto, os colectivos asinantes subliñan a súa análise crítica ao redor de eixos diversos:

Máis do 80% dos stocks están sobreexplotados, un 30% deles por baixo do límite de seguridade biolóxica, e as ¾ partes do peixe que se consome na UE procede de importacións. O peixe que se captura en augas europeas pertence, na súa gran maioría, ao estadio xuvenil, e os pescadores apenas poden cubrir os gastos da súa actividade por non poder competir cos produtos importados.
As rías están a ser contaminadas pola escasa depuración de augas que existe en toda a costa galega e, a contaminación industrial que existe en varios puntos de Galicia como a ría de Pontevedra, Vigo e Ferrol.

O Plan de Portos de Galicia, que pretende instalar 19.000 novos amarres en toda a costa galega, ameaza zonas marisqueiras e lugares de importancia para a pesca artesanal e o equilibrio dos ecosistemas costeiros, esenciais para a sustentabilidade costeira.

A presión da flota europea, e en particular a española, sobre boa parte dos caladoiros mundiais, xera unha industria pirata que abunda nunha cultura neocolonial de expoliación dos recursos pesqueiros dos países menos desenvolvidos.

Por todo iso, a cidadanía, a través do manifesto de Vigo, propón unha serie de alternativas que considera imprescindibles para poder desenvolver unha cultura da sustentabilidade co medio mariño:

1. Necesidade urxente de crear plans de xestión a longo prazo do medio mariño, que teñan en conta elementos tan importantes como a posibilidade de coxestión das flotas pesqueiras artesanais e marisqueiras, un enfoque ecosistémico baseado en argumentos contrastados cientificamente, etc.

2. A creación dunha rede de áreas mariñas, eficaz, dinámica e que teña en conta a todos os axentes implicados na súa creación e sostemento.

3. Acabar coa indefensión do sector pesqueiro artesanal e marisqueiro, ante a destrución da costa e as verteduras ao mar.

Ría de Vigo, 4 de maio 2010

Enviado por:
A Ría non se vende
-arianonsevende@gmail.com-
4 de maio de 2010 19:45
_____________________

Enlace para acceder ou baixar o Documento base que será entregado á Axencia de Pesca da UE - En formato -pdf- 16 páxinas do Servidor de VERDEGAIA

Enlace relacionado:

Ártabra 21: Encontro paralelo á reunión de ministros de pesca da UE en Vigo
_____________________________

luns, abril 26, 2010

Encontro paralelo á reunión de ministros de pesca da UE en Vigo

Ante a reunión que manterán nos primeiros días de maio os ministros de pesca da UE en Vigo, os grupos integrados na rede de colectivos A RIA NON SE VENDE / GALIZA NON SE VENDE pensamos que, na alarmante situación actual, cómpre facer visibles á sociedade os enormes problemas e a ignorada catástrofe que os sistemas de pesca industrial están causando nos océanos, máis a problematica situación do litoral galego, especialmente nas rías e o sector extractivo.

Por este grave motivo, ARNSV/GNSV organiza un encontro paralelo á reunión ministerial con distintos grupos ecoloxistas de Galicia, do resto do Estado e das máis importantes organizacións internacionais, entre as que se contan Greenpeace, Ecoloxistas en Acción, WWF Adena, Océana, Marcha Mundial das Mulleres, Amarante, Altermundo e outras, así como confrarías de pesca e representantes do sector marisqueiro locais.

O encontro terá lugar entre o 27 de abril e o último día da reunión ministerial, o 5 de maio. Nel trataranse os problemas que se expoñen no documento de convocatoria anexo, e constará dos actos e accións que se detallan no programa que engadimos tamén en documento adxunto.

As conclusións do encontro serán recollidas nun Documento que será entregado aos/ás participantes na reunión ministerial.

Programa - Clicar acima da imaxen para ampliar




Enviado por:
AMARANTE Educación
-educacion@amaranteong.org-
26 de abril de 2010 16:27
_________________