Amosando publicacións coa etiqueta Recimil. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Recimil. Amosar todas as publicacións

sábado, xuño 29, 2013

Recimil: A loita por unha vivenda digna continúa - Intento de peche na sede local do Partido Popular - Reunión cos grupos municipais da oposición


O pasado 26 de Xuño, tiña lugar unha Asemblea de Persoas Afectadas pola desidia do goberno municipal á hora da entrega das vivendas protexidas de titularidade municipal de Recimil. A Asemblea estaba convocada por Stop-Desafiuzamentos de Ferrol Terra da Rede de Apoio Mutuo. A xuntanza tiña lugar pola tarde, no Inferniño, no Centro Cultural Carvalho Calero. Foi unha Asemblea moi participativa. Tanto de persoas afectadas como de activistas en apoio desta xusta loita. O obxectivo desta asemblea era o de abordar o estado actual da reivindicación de adxudicación e entrega das vivendas.

Despois da información veu o debate e a toma de decisións. A Comisión de Traballo levaba unha proposta de mobilización e unha entrevista cos grupos municipais da oposición, ratificado na Asemblea de "Stop", do pasado 20 de Xuño. A acción tería lugar este Venres 28 de Xuño. Mais no transcurso da Asemblea, saíu a proposta de que, dado que o Sr. Alcalde non recibe a este colectivo, ir até a sede local do Partido Popular, e pechar-se até conseguir un compromiso público e firme. Esta proposta complementaria foi aprobada pola Asemblea. A acción tería lugar o mesmo día no que se ía celebrar o Pleno, o 27 de Xuño, ás 11:30 hs.

As dúas accións xa se efectivizaron. Mentres se producía o convulso Pleno Municipal do 27 de xuño, un grupo de 22 persoas entre afectadas e activistas, dirixiron-se até a sede do Partido Popular, na rúa Ruvalcaba, a porta pechada e de abrir nada. Á media hora chegou a policía, mais sen ter claro se nos podían desaloxar ou non. De feito, a acción durou máis de hora e media e a rematamos por decisión asemblearia. Non sen antes deixando-lles unha misiva na porta cos motivos da nosa acción. Este venres, 28 de Xuño, concentrábamo-nos no Pazo Municipal, para posteriormente manter unha xuntanza cos grupos municipais da oposición, para entregar-lles as nosas queixas e demandas ao Concello, recabar a información que eles teñen sobre o parque de vivendas e o proceso de reparación, adxudicación e entrega.

Levamos desde o 22 de maio agardando por unha nova xuntanza co Sr. Alcalde, José Manuel Rey Varela, reiterada por varias veces coa nosa presencia física diante das dependencias da Alcaldía. Non nos chega con algunhas difusas noticias de prensa, cos rumores de que xa contrataron a unha empresa para a reforma e reparación das vivendas baleiras; ou de que seguen chamando, por orde, a algunhas persoas da lista de espera, para confirmar a súa demanda de vivenda; ou tamén que se rematou de elaborar o demandado censo de vivendas baleiras. Na primeira xuntanza e única que mantivemos con el, e con a concelleira Rosa Martínez Beceiro, negou-se á conformación dunha comisión de seguimento, alegando que as portas da Alcaldía sempre estarían abertas para cando quixeramos. Mais foi todo o contrario, non só non están abertas senón que puxo "catro candados". Desde a secretaría da Alcaldía dan-nos largas, supostamente, unha vez consultado co Alcalde. O Regulamento de Participación Cidadá ampara-nos (Artigos 4, 5, 9, 10, e 54).

No seu momento denunciamos que as dúas primeiras vivendas que se entregaron non reunían as condicións básicas de habitabilidade. O que non é de xustiza e vulnera o acordado no Pleno Municipal do pasado 28 de febreiro. Unha parte da veciñanza afectada, concretamente 30, presentaron reclamacións ante o Concello de Ferrol e unha Queixa ao Valedor do Pobo que están polo de agora sen resolver. O propio "Stop" da Rede presentou unha Queixa ante o Valedor do Pobo.

A desidia deste goberno á hora de solucionar o problema potenciou a ocupación ilegal de vivendas que nos consta que segue na actualidade, co conseguinte descenso do número de vivendas baleiras o que supón un alto potencial de conflito moi difícil de solucionar.

Non temos a menor dúbida de que se algo se está movendo no asunto Recimil, é porque nos comezamos a mobilizar para demandar os nosos dereitos, a denunciar a mala xestión do goberno municipal con respecto ao parque municipal de vivendas de Recimil e sobre todo no referente ao Regulamento sobre o procedemento de adxudicación das vivendas.

A loita por unha vivenda digna continúa.

Stop-Desafiuzamentos (Adherida ás PAHs) - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna,
da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra

Correo-e:
forosocialdeferrolterra@gmail.com

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

Enviado por:
Foro Social de Ferrol Terra FSdeFerrolTerra
-forosocialdeferrolterra@gmail.com-
28 de junho de 2013 23:24

__________

mércores, maio 29, 2013

Nova concentración de protesta e entrega no rexistro dunha nova reclamación de afetad@s pola desidia do goberno local de Ferrol, na adxudicación de vivendas protexidas de Recimil - Desta vez o Xoves 30 de Maio, ás 11:30hs na Praza do Concello


AFECTAD@S RECLAMARÁN A ADXUDICACIÓN, REPARACIÓN E ENTREGA DAS VIVENDAS PROTEXIDAS DE RECIMIL, O XOVES 30 DE MAIO

Afetad@s pola desidia da Xunta de Goberno Local de Ferrol, na adxudicación de vivendas protexidas de Recimil, reclaman, unha vez máis, unha solución a súa situación de falta de vivenda. Mais desta vez sabedor@s de que os responsabeis municipais, non están reparando as vivendas, para que reunan condicións de habitabilidade dignas. Esiximos que o Goberno Municipal do Sr. Rey Varela, faga públicas, as cantidades asignadas, os informes técnicos de inspección, as vivendas que se están reparando e que empresa ou empresas están realizando as obras de rehabilitación e as súas condicións contractuais. Ademais do censo provisional do estado das vivendas.

O pasado Xoves, 22 de Maio, nunha Asemblea realizada na Praza do Concello,  acordou-se facer unha nova concentración, o vindeiro xoves 30 de maio, ás 11:30hs para, con posterioridade,  presentar no rexistro do Concello a seguinte reclamación:

" ...

EXPOÑO:

Que son unha das persoas relacionadas na listaxe definitiva para acceder a unha vivenda protexida de propiedade municipal do barrio de Recimil, co nº___.

Que sei que hai vivendas baleiras aptas para vivir que só necesitan sinxelas reformas ou reparacións.

Que se está vulnerando o dereito fundamental a unha vivenda digna e adecuada, cando se tapian vivendas baleiras e  non se adxudican, nin se reparan, nin se entregan ás familias que si as necesitan.

Que non é de xustiza, e vulnera o acordado no Pleno Municipal do pasado 28 de febreiro, que as dúas únicas vivendas que se entregan non reúnen as condicións básicas de habitabilidade.

Que a miña situación económica segue sendo moi difícil e que necesito que se me adxudique unha vivenda sen demora.

SOLICITO:

Que teñan a ben atender esta reclamación.

Que faga públicas, as cantidades asignadas, os informes técnicos de inspección, as vivendas que se están reparando e que empresa ou empresas están realizando as obras de rehabilitación e as súas condicións contractuais. Ademais do censo provisional do estado e ocupación das vivendas.

Que admita unha Comisión de Seguimento, ao amparo dos dereitos de participación cidadá, onde poda estar unha representación das persoas afectadas a través da Rede de Apoio Mutuo que vele polo bo facer na adxudicación, reparación e entrega das vivendas.

Que se me adxudique, repare e entregue xa, algunha das vivendas protexidas de propiedade municipal do barrio de Recimil que están baleiras.


... "

Ao tempo, o mesmo 22 de Maio, presentou-se por escrito unha petición ao Sr. Alcalde, para que reciba a unha Comisión de persoas afectadas, acompañada por persoas da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, para recibirmos información, explicar-lle o sentido da nova reclamación das persoas afectadas e formular-lle as nosas novas e vellas demandas.

Stop-Desafiuzamentos (Adherida ás PAHs) - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna, da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

No facebook:
http://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosFerrolTerra/

Alimentos Solidarios Ferrolterra no facebook:
https://www.facebook.com/BancoDeAlimentosFerrolterra

SOLIDARIZATE E APOIA, ÁS PERSOAS AFECTADAS POLA DESIDIA DO GOBERNO MUNICIPAL DO PP FERROLÁN, NA ADXUDICACIÓN DAS VIVENDAS PROTEXIDAS DE RECIMIL, PARTICIPANDO ESTE XOVES 30 DE MAIO, ÁS 11.30HS DIANTE DO PAZO MUNICIPAL.

___________________________

luns, maio 20, 2013

Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo, convoca á cidadanía, diante do Pazo Municipal de Ferrol, a unha concentración de apoio ás 114 familias que están esperando a que o goberno municipal lles adxudique e entregue unha vivenda no barrio de Recimil


Este Mércores 22 de Maio de 2013, ás 11:30hs, Stop-Desafiuzamentos da Rede de Apoio Mutuo, convoca á cidadanía, diante do Pazo Municipal de Ferrol, a unha concentración de apoio ás 114 familias que están esperando a que o goberno municipal lles adxudique e entregue unha vivenda no barrio de Recimil.

Unha Comisión de persoas afectadas, acompañada por membros da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra, despois de case un mes de espera e ter que reiterar a solicitude, mantivemos unha xuntanza co Sr.Alcalde e a responsábel de Benestar Social, o pasado 10 de maio. O Sr. Alcalde, na reunión, non chegou a ningún compromiso con nós, non admitiu, a súa desidia nin despreocupación, só dixo que el era a máxima autoridade no Concello e que iría entregando algunhas vivendas, mais nunca nos prazos que nós marcabamos e menos comprometerse a un calendario concreto. Manifestou que entregar vivendas a todas as persoas que estaban na lista, sería aumentar o problema social que xa de por si ten o propio barrio.

Polo de agora só entregaron dúas vivendas, sen quentador nen cociña e unha delas en non moi boas condicións de habitabilidade. O que quere dicir que o Concello estivo todo este tempo "a velas vir", non estaba habilitando nengunha vivenda, só comezaron ao mobilizar-nos. Non pode ser tanta desidia e tanto engano. Este é un maltrato deste goberno municipal coas familias que están agardando pola vivenda.

As 114 familias que agardan por unha vivenda protexida, son persoas afectadas, porque a falta de sensibilidade, a falta de preocupación e o non asumir, o  goberno municipal, as súas responsabilidades, provócanlles un grande prexuízo económico e social. Algunhas familias están pagando alugueres por encima das súas posibilidades reais, outras xa deixaron de pagar, outras viven amontoadas con outros familiares, outras viven en condicións de insalubridade, todas agardando por unha vivenda municipal en Recimil.

As nosas accións están encamiñadas a conseguir unha morada onde poder vivir, demandamos unha solución xa.

O vindeiro Mércores 22 de Maio mobilizamo-nos para:
  1. Queixar-nos da desidia do goberno municipal á hora de poñer a disposición da cidadanía o parque de vivendas municipais baleiras e en condicións de ser habitadas.
  2. Queixar-nos de que non tiveran elaborado, aínda, o censo de vivendas municipais baleiras do barrio de Recimil.
  3. Queixar-nos de que unha vez baremadas as persoas e elaborada unha listaxe definitiva de 116 persoas admitidas, das 267 presentadas, non se puxeran a exposición pública até un ano despois a citada listaxe.
  4. Queixar-nos de que desde o 10 de xullo do pasado ano 2012 que rematou o prazo de exposición pública e da publicación definitiva da listaxe, non se adxudicara nin entregara ningunha vivenda, até que nos comezamos a mobilizar e denunciar ao goberno municipal pola súa desidia e xogar cos dereitos e vida das persoas.
  5. Demandar ao Concello o cumprimento das ordenanzas municipais en materia de vivenda, en canto ao deber de conservación dos inmóbeis da súa titularidade. Poñendo a disposición medios económicos suficientes (modificación orzamentaria se fose necesario), propios ou en convenio con outras administracións, para habilitar o parque de vivendas municipais.
  6. Demandar do Concello que exerza as facultades públicas de deslinde e determine dunha vez a situación exacta do parque de vivendas públicas municipais, e a posta en condicións de uso inmediata, como se dixo, das que recupera en canto quedan baleiras.
  7. Demandar a adxudicación e entrega das vivendas xa, segundo o disposto no punto 7 do Artigo 2.- do Regulamento sobre o procedemento de adxudicación das vivendas protexidas do barrio de Recimil. Vivenda que quede baleira debe ser adxudicada, e posteriormente entregada cando estea en condicións de habitabilidade.
  8. Demandar ao Goberno Municipal un calendario de entrega de vivendas, 30 antes de finalizar Xuño deste ano e o resto antes de comezar o curso escolar no mes de setembro.
  9. Demandar ao Goberno Municipal a constitución dunha Comisión de Seguimento, onde podamos estar representadas as persoas afectadas a través da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.
PARTICIPA !!

Ferrol, a 19 de Maio de 2013

Stop-Desafiuzamentos (Adherida ás PAHs) - Comisión Dereito a unha Vivenda Digna,
da Rede de Apoio Mutuo de Ferrol Terra.

Blogue:
http://stop-desafiuzamentos-ferrolterra.blogspot.com.es/

No facebook:
http://www.facebook.com/StopDesafiuzamentosFerrolTerra/

Alimentos Solidarios Ferrolterra no facebook:
https://www.facebook.com/BancoDeAlimentosFerrolterra

______________________

sábado, febreiro 11, 2012

Demandan o acondicionamento das vivendas baleiras de Recimil para que poidan ser adxudicadas ao máis dun cento de familias que agardan a poder facer uso delas - Esquerda Unida

INFORMACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA

Ferrol, venres 10 de febreiro de 2012

ESQUERDA UNIDA PÍDELLE AO GOBERNO MUNICIPAL QUE REMATE A ADAPTACIÓN E ADXUDIQUE CON URXENCIA AS VIVENDAS BALEIRAS DE RECIMIL

“SEMELLA QUE A ÚNICA INICIATIVA QUE TEN O GOBERNO PARA RECIMIL É DERRIBAR O BAMBÚ E APURAR A DEGRADACIÓN MATERIAL DO BARRIO, EN TROQUES DE REHABILITAR E FACER DO BARRIO UN EXEMPLO”, SALIENTA YOLANDA DÍAZ

O Grupo Municipal de Esquerda Unida pregúntalle ao Goberno Municipal que iniciativas concretas está a desenvolver no barrio de Recimil, nas vivendas baleiras, en orde a acondicionalas para que poidan ser adxudicadas ao máis dun cento de familias que agardan a poder facer uso delas. EU tense interesado en numerosas ocasións en comisións informativas por un tema, o do acceso á vivenda social pública, da meirande importancia na actual situación de carestía social e a vaga de desafiuzamentos en curso.

Adiar un día máis a situación de impasse desta cuestión semella inaceptable. Esquerda Unida pregúntalle á concelleira de Benestar que vivendas están a ser acondicionadas e que previsión manexa para proceder a súa entrega. Demandamos un prazo firme comprometido por parte do Goberno Municipal para concluír un proceso que levantou expectación na cidadanía e que non deixa de sementar cada día que pasa máis e máis frustración. Un prazo para concluír os arranxos nas vievndas e poder proceder a súa adxudicación.

Esquerda Unida coñece da situación de falla de vivenda que golpea a nosa cidadanía e demándalle ao Goberno un esforzo por axilizar a resolución desta adxudicación que cubrirá unha parte desa demanda social que non atopa acceso a un ben fundamental, protexido pola Constitución.

Os datos dos desafiuzamentos na cidade non deixan dúbidas acerca da perentoriedade de artellar unha política de vivenda atenta ás persoas que necesitan deste ben fundamental e non poden acceder a el no chamado mercado de vivenda libre. Se no ano 2010 o total de desafiuzamentos acadou a cifra de 189, para este ano vai afectar a uns 350 familias ( ían 286 no terceito trimestre do ano).

Semella que a única iniciativa que ten o Goberno Municipal para Recimil é a do derribo do Bambú e apurar a degradación material do barrio, en troques de darlle un pulo con esas adxudicacións e acometendo o proceso de rehabilitación do barrio. Proceso rehabilitador que supón un estimable aforro económico e de sustentabilidade respeito a axenda oculta do PP de demolelo todo, e que permitiría desenvolver unha ambiciosa política pública de vivenda.


Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
10 de fevereiro de 2012 13:34
Prezadas/os amigas/os: achegamos INFORMACIÓNS demandando que se remate a adaptación das vivendas baleiras de Recimil e se adxudiquen. Saúdos, Ramiro Marier
_________________

mércores, agosto 31, 2011

Outra vez Recimil, ... Por Amadeo Varela Rodríguez

Por Amadeo Varela [*]
31.08.2011


Tal como se esperaba, o novo goberno municipal do PP ataca de novo contra as Casas Baratas. Aos veciños xa non nos colle de sorpresa, pois desde fai trinta anos, algúns integrantes do Partido Popular ferrolán convertéronse na "besta negra" da nosa barriada. Metéuselles entre cella e cella o da derriba e non hai xeito de facerlles respectar os seus propios acordos. Eles fan os seus cálculos e só ven o beneficio que representaría semellante operación urbanística pero, beneficios para quen? Por suposto, a veciñanza non sairía beneficiada, por máis promesas imposibles que poñan sobre a mesa. Chegaron a dicir que aqueles veciños que non quixesen comprar as súas novas vivendas -con ascensor trasteiro e garaxe- seguirían pagando o mesmo que agora. Pero claro, tíñano todo ben pensado; calculaban que a operación derrubo e construción duraría dez anos e, calculaban tamén que ese sería o ciclo vital dos veciños: "Dentro de dez anos estarán todos mortos", dixéronnos nas nosas propias barbas. Contaban con iso para realizar un negocio redondo. Saben que cada vez somos máis vellos e con menos ánimos para defender os nosos fogares, nos que moitos investimos os aforros de toda unha vida de traballo. Pero nada disto resulta novo, como tampouco é nova a serie de mentiras e verdades a medias que se utilizan para desprestixiar o barrio e os seus moradores. Repiten ata a saciedade que son edificios construídos con malos materiais, pero non din cantos e cales son eses males materiais, nin cantos deles foron substituídos xa polos propios veciños. Chegan ao colmo de utilizar á xente nas súas argucias demagóxicas: "Os pobrecitos anciáns non teñen ascensores". Pero non din que eses anciáns sobreviven con pensións de 400 euros ou menos. Iso non interesa. Din que é máis caro rehabilitar que construír, pero a min as contas non me saen. Claro que eu non son arquitecto, pero só calculando o custo da derriba destes robustos muros de pedra de granito e o transporte dos cascallos, as cifras dispáranlleme. E non falemos do custo ecolóxico e moito menos do custo social. Iso tampouco interesa. Creo que sería importante coñecer a opinión de sociólogos e economistas, pois nese aspecto, os demoledores parecen non estar moi decatados. Véxase o exemplo do Bambú Club: "Rehabilitar ese edificio é tirar o diñeiro" din. ¡Vaia home! E eu que cría todo o contrario, é dicir, tirar o diñeiro é ter nun estado lastimoso ese edificio que, unha vez rehabilitado, podería proporcionar ao Concello -ou sexa, ao pobo- uns substanciosos ingresos que agora non dá, ademais da creación dalgúns postos de traballo que antes xa había. Certamente, as opinións son respectables, pero todas. Incluídas as da Delegación Local dos Arquitectos Galegos, que dedicaron a esta barriada o Día Mundial da Arquitectura no ano 2005, argumentando que a construción das Casas Baratas foi "o fito urbanístico máis importante de Ferrol no século XX" e que "coa construción desa barriada, Ferrol entrou na modernidade urbanística". Ou como a decisión da Comisión Provincial de Patrimonio, que decidiu manter a barriada no catálogo patrimonial, "polo seu indubidable valor histórico e urbanístico".

En fin, hai tantas cousas que dicir en defensa desta barriada, que farían esta carta interminable e que ademais non servirían para nada, pois os "demoledores", nunca atenderon a razóns nin atenderían agora, por moito que presuman de dialogantes. Chegan ao extremo de violar os seus propios acordos tomados por unanimidade no Parlamento Galego e no propio Concello, nos que votaron a favor da rehabilitación. Como se pode chegar a ese extremo de impudicia política? Como pode o pobo ferrolán votar a quen amenten, enganan e insultan aos veciños neste tema de Recimil? Non cabe suporlles a capacidade de facer o mesmo en calquera outro tema? Ata cando imos ter que soportar esta praga?

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
____________

martes, febreiro 01, 2011

Esperanza, ... por Amadeo Varela

Por Amadeo Varela [*]
01.02.2011


Quero enviar a miña mensaxe de ilusión dun Ferrol mellor, que moitos non chegaremos a ver, pero que a min paréceme imparable.

Aos que daban por perdida a fraga de Menáncaro, aos que contaban que non había solución para “a palangana” de Sartaña, aos que xa daban por feitos os edificios da Praza de España, aos que dicían que non se podería tirar a muralla, aos que profetizaron que as “Casas Baratas” non chegarían ó ano 2000, e a todos aqueles que por esas e outras razóns caeron no desánimo, quero recordarlles que, aínda que eses e outros temas non estean totalmente rematados, a realidade actual é ben distinta, grazas á loita das persoas que se enfrontaron á ilegalidade e á inxustiza.

Non sempre se gañan as batallas contra a especulación e os intereses bastardos daqueles que buscan ante todo o seu propio beneficio; mais cando a xente de ben esperta e se une para loitar por uns intereses comúns, a vitoria está asegurada. O difícil é facer espertar á xente. Para iso fan falta persoas honradas, mulleres e homes, capaces de organizar, dirixir e canalizar as protestas e as xestións.

Líderes que non se sintan atados polos intereses dos partidos políticos, que saiban dicir non no momento oportuno e que poñan por diante os intereses do pobo. Xa se sabe: “o pobo unido…”. Unidos, poderemos incluso botar a Reganosa fora da ría. Eu teño esa esperanza. Si.

Artigo publicado no xornal comarcal "Diario de Ferrol" o 31.01.2011

[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida".) publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
________________

martes, setembro 07, 2010

En Ferrol, denuncian o mal remate das obras no barrio de Recimil: a pesares da recepción polo Concello das mesmas, nunha evidente deixación do control e garantía que ten que exercer a administración pública local

O GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA DENUNCIA O MAL REMATE DAS OBRAS ACOMETIDAS EN RECIMIL, CON BALDOSAS ROTAS, VERTEDURAS DE AUGAS, CABLES DA LUZ COLGANDO... A PESARES DA RECEPCIÓN DAS OBRAS POLO GOBERNO MUNICIPAL

ESQUERDA UNIDA ESIXE DO GOBERNO MUNICIPAL QUE IMPOÑA O ARRANXO DE TODAS ESTAS DESFEITAS

O Grupo Municipal de Esquerda Unida denuncia o mal remate das obras acometidas no barrio de Recimil. Choven estas críticas da propia veciñanza que ten que contemplar o desleixo e mal acabado das mesmas en diferentes rúas do barrio. Situación que semella inconcebible trala recepción das obras hai nada polo concello.

Pavimentos rotos e non repostos, xunto con continuas verteduras das canalizacións cos conseguintes problemas co subministro da luz na rúa Betanzos, ou a imaxe de cables do tendido eléctrico colgando na rúa Sotomayor, cos riscos que supón para os peóns, denotan que as cousas non se están a facer de maneira correcta polo Goberno Municipal.

Esquerda Unida denuncia a falla de control do Goberno Municipal para atender ao correcto remate das obras no barrio e para a subsanar estas eivas, que molestan ás veciñas e veciños e afean ao barrio en xeral. A nosa organización ten que lamentar o desinterese e mal facer do Goberno que recepcionou as obras hai apenas uns días sen comprobar o estado real das mesmas.

O noso Grupo Municipal esixe do Goberno Municipal que realice as xestións axeitadas para garantir a reparación do que non está ben rematado e, xa que logo, permita unha adecuada recepción das obras.

Ferrol, luns 6 de setembro de 2010

Grupo Municipal de Esquerda Unida

Web de Esquerda Unida:
http://www.esquerdaunida.org/


Enviado por:
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
6 de setembro de 2010 17:13
_________________