Amosando publicacións coa etiqueta Rede Galiza Non se Vende. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Rede Galiza Non se Vende. Amosar todas as publicacións

sábado, maio 07, 2011

Manifestación: “Contra o saqueo socioambiental da Nosa Terra” - Domingo 8 de Maio de 2011, ás 12 do mediodía na Alameda de Compostela - "Goberne quen goberne Galiza Non se Vende"



CONTRA O SAQUEO SOCIOAMBIENTAL DA NOSA TERRA
Terra viva e vida digna para tod@s

MANIFESTACIÓN

Día: Domingo 8 de Maio

Hora: 12:00 h

Lugar: Alameda/Santiago de Compostela

A rede Galiza Non Se Vende convídavos a participar na manifestación que se celebrará o próximo 8 de maio en Compostela, as 12 na Alameda. Os 60 colectivos que a forman continúan a diario a loitar, resistir, traballar, arelar, formular, construír, informar, concienciar a favor da nosa terra e na procura de dignidade e equidade. Vente expresar con nós por unha Galiza mellor.

CONTRA O SAQUEO SOCIOAMBIENTAL DA NOSA TERRA!!!

Por unha utilización racional dos recursos naturais
Pola protección do patrimonio natural e histórico
Por unhas rías limpas
Por uns ríos vivos
Pola defensa da nosa soberanía alimentaria
Por un litoral público e natural
Por un urbanismo integrado na natureza e na nosa cultura
Por uns montes ben xestionados
Pola participación da cidadanía na xestión do noso
Por unha xustiza incorruptible
Polo respecto ás outras especies e a protección real da natureza
Por un transporte colectivo eficaz
Por unhas alternativas enerxéticas públicas e conscientes
Por unha xestión responsable dos residuos
Polo fortalecemento do rural e a economía social na Galiza

O 8 de Maio, día da manifestación contra a destrución socioambiental danosa terra, ás 17:00 celebrarase na Sala Nasa o último concerto da III Caravana de GNSV, onde actuarán os grupos Guintervan e GalegoZ, presentados polo grupo de teatro Berrobamban.Concerto de remate da III Caravana de concertos da rede de colectivos “Galiza Non Se Vende” co lema: “Contra o saqueo socioambiental da nosa terra”. Terra viva e vida digna para tod@s.
Actuarán os grupos Güintervan e GalegoZ presentados polo grupo de teatro Berrobambán:

Guintervan

Género: Acústica / Drum & Bass / Folk. Excentrica mistura de melodias balcánicas, ritmos e armonias diabólicas, velocidade extrema e cancións líricas en galego é a marca da banda. Presentan o seu novo traballo “Mundo loco”

GalegoZ

Género: Electrónica en directo / Fusión. Bases electrónicas misturadas con reggae, funk e soul, e salpicadas por letras combativas, irreverentes e a veces incluso surrealistas conforman o orixinal sonido de GalegoZ. Música marxista-electricista, para bailar pensada e feita en Galiza.

Palabras de Mabel Rivera, voceira de GNSV

Escoita esta entrevista á compañeira Mabel Rivera, voceira da plataforma medioambientalista.



Fonte: http://galizanonsevende.org/



Manifesto

CONTRA O SAQUEO SOCIOAMBIENTAL DA NOSA TERRA

Galiza, está a sufrir un saqueo social e ambiental a todos os niveis, mantido por un modelo económico e social inviabel, que destrúe os ecosistemas, acaba coa biodiversidade e produce miseria e condicións sociolaborais de esclavitude, para as personas.

Saquean os recursos naturais para o beneficio privado duns poucos cobizosos, sen ter en conta a destrución do medio ambiente e o que vai quedar para as xeracións futuras.

Depredan os nosos montes, pretendendo privatizalos. Devorándoos con canteiras e louseiras que deixan toneladas de entullos. Fomentando a, eucaliptización, as concentracións parcelarias, o abandono da silvicultura, e a desaparición do gando ceibe e o pastoreo, que propician os incendios e a desertización. Permitindo que se infesten de parques eólicos e industriais.

Espolian a nosa identidade, Estragando xacementos arqueolóxicos e edificacións de alto valor etnográfico. Atacando a nosa lingua e a nosa cultura, impoñendonos un modelo alleo, miserabel e individualista que provoca a pérda tráxica e irreparabel dos nosos legados culturais.

Usurpan as nosas arelas de xustiza, con fiscais e xuices que non defenden os bens comúns senón que favorecen aos ricos e poderosos, criminalizando e reprimindo os movementos sociais con multas, paos e ata o cárcere.

Desmantelan o pouco transporte público e colectivo que temos, construindo irracionais infraestruturas para o transporte privado, como as autovías ou o elitista AVE.

Saquean a nosa saúde, intentando privatizar a sanidade. Impoñendonos o negocio das farmaceuticas. Fomentando o cultivo de transxénicos e a utilización de agro-tóxicos. Contaminando o medio coa incineración e aterramento de residuos, centrais térmicas e industrias sucias. Contaminando acuíferos, ríos e rías por falta de depuración. E instalando industrias perigosas que arriscan a vida da poboación en caso de accidente.

Depredan o litoral, construíndo recheos nas rías para crear polígonos industriais sobre o mar ou para protexer portos deportivos que utiliza unha minoría e privatizan a costa. Instalando piscifactorías e gaiolas para cria e engorde industrial de peixes artificiais. E desenvolvendo un aberrante e caótico urbanismo que infecta toda a costa.

Espolian os espazos naturais, que deberian estar protexidos polo seu valor natural ou a súa vulnerábel biodiversidade, onde permiten construcións e actividades de todo tipo que os van degradando, sendo o pais con menos espazos naturais protexidos do Estado.

Usurpan o dereito á participación cidadá na toma de decisións, apuntalando a precariedade democrática, a corrupción xeneralizada do sistema e posibilitando a impunidade dos que abusan da cidadanía. Utilizan o parlamento para debater diferencias persoais ou partidistas, sin atender aos problemas da sociedade, como as 70.000 familias galegas sen ningún ingreso.

Desmantelan as nosas paisaxes, Con aberracións urbanísticas, polígonos industriais, infraestruturas viarias irracionais, infraestruturas enerxéticas, canteiras, minas, louseiras, concentracións parcelarias, e campos de golf, que poñen en perigo o equilibrio ecolóxico e a biodiversidade.

Saquean o noso futuro, Roubándonos as pensións. Repartíndose o diñeiro publico entre as grandes empresas e bancos. Privatizando todos os servizos sociais, aumentando o número de persoas sen recursos. Apostando por un irracional sistema económico baseado no consumo e o crecemento ilimitado.

Depredan os océanos, Mediante unha pesca industrial que esquilma os bancos de peixe roubando os recursos dos países empobrecidos e impoñéndolles unhas relacións de prepotencia, insolidarias e inxustas.

Espolian outros países, asasinando, sometendo e violando os dereitos humáns das suas xentes mediante invasións e guerras imperialistas para apoderarse de todos os seus recursos, sobre todo os mineiros e enerxéticos.

Usurpan o noso dereito a información, Controlando os grandes medios de comunicación, pagados con cartos públicos e a servizo do poder político e económico.

Desmantelan a división natural do pais en comarcas, afondando ainda máis os desequilibrios territoriais entre o interior e a costa, o rural e o urbano, concentrando masivamente a poboación en grandes cidades e areas metropolitanas centralizadoras, artificiais e insostíbeis.

Saquean os nosos dereitos máis básicos, intentando privatizar o agua ou as sementes, considerandoas como mercadoria e permitindo que sexan acaparadas por intereses privados.

Depredan os nosos ríos, Cunha sobreexplotación hidroeléctrica, que crea barreiras artificiais. Disminuindo o seu caudal cunha rede de abastecimento ineficaz para un uso derrochador do auga. Utilizandoos como sumidoiros naturais de aguas residuais e industriais que acaban coa súa biodiversidade.

Espolian o pequeno comercio, Coa proliferación de grandes centros comerciais e macropolígonos empresariais, que desestruturan o territorio e perxudican á vida dos barrios e pobos.

Usurpan o noso dereito á vivenda cun urbanismo baseado na especulación, convertendo unha necesidade social nun negocio. Aprobando planos xerais que chegan a triplicar o número de vivendas en vilas e cidades, nun pais con decrecemento da poboacion.

Desmantelan a nosa soberania alimentaria, desprotexendo os nosos sectores produtivos tradicionais como o agro, a gandeiria, a pesca de baixura e o marisqueo.

Estes individuos que Saquean, depredan, espolian, usurpan e desmantelan a nosa terra teñen nome e apelidos e forman a clase política corrupta de todas as administracións, banqueiros, e empresarios sen escrúpulos e xuíces e fiscais comprados. Son culpábeis de enriquecerse a base de depredar o territorio e empobrecer a nosa xente, culpábeis de cobiza insaciábel, culpábeis da nosa escravitude e de por en marcha e manter de xeito forzado este sistema insostíbel, culpábeis, en definitiva da nosa ruína.

Por un cambio de modelo economico e social, baseado na xustiza, na solidariedade entre as persoas e os pobos, na harmonia coa natureza, no equilibrio entre o uso dos recursos naturais e a súa proteción e no respeto pola nosa cultura e todas as demais.

Parecen moitos, pero nós somos máis, parecen fortes pero precisan de nós.

Por un futuro que é o noso: movámonos, informémonos, xuntémonos, resistamos, rebelémonos, loitemos, denunciemos, defendamos, mobilicémonos, imaxinemos, creamos, traballemos, actuemos, fagamos posible esta terra viva e vida digna que todos e todas queremos.

GOBERNE QUEN GOBERNE GALIZA NON SE VENDE

Rede Galiza Non Se Vende
http://galizanonsevende.org/
info@galizanonsevende.org
___________________

venres, setembro 03, 2010

"Galiza precisa un cambio radical na xestión do monte" ... a Rede Galiza Non Se Vende, ante a vaga de lumes ... esixe responsabilidades e un cambio radical na política forestal da Xunta de Galicia



GALIZA NON SE VENDE

MANIFESTO CONTRA OS LUMES FORESTAIS

Este ano 2010, como todos os das últimas décadas, volve ser negro para os montes galegos, e mesmo tráxico, coa morte de dous traballadores da loita contra o lume.

Galiza perdeu o bosque orixinario que a cubría enteira. Perdeuno século a século, co avance da agricultura e da gandeiría, como ocorreu en casi todo o mundo. Daquel bosque quedan, tan só, algúns vestixios. Sen embargo, as árbores ocupan dous terzos do territorio galego. É a masa forestal da repoboación do franquismo, que invadiu os pastos e as terras de labor con especies arbóreas alóctonas e pirófitas, que acabou nunha década cun sistema agrogandeiro que levaba funcionando séculos, e que acabou, tamén, con valiosos reductos de árbores autóctonas.

Esta masa forestal de máis de 600 millóns de árbores, é na súa meirande parte un cultivo forestal abandoado. Pero tamén un tesouro económico de 28.000 millóns de euros, do que, sen embargo, apenas se tira rendemento. Só o nove por cento da superficie forestal de Galiza está cuidada e explotada comercialmente. Malia ser unha das comunidades con máis masa arbórea, Galiza ocupa os últimos postos en termos de investimento no sector forestal.

Esta masa forestal é un enorme ecosistema, valioso por sí mesmo pero, sobre todo, necesario para unha transición que permita recuperar de forma equilibrada o bosque autóctono e, con él, a súa grande biodiversidade, o seu valor coma recurso, dada a diversificación dos seus usos, e a súa resistencia aos lumes, que fai del a mellor maneira de prevelos e combatilos.

Pero o valor ambiental desta masa arbórea tamén é desprezado. Só o 18 por cento dos bosques galegos están incluidos nunha área natural protexida pola Administración, a peor ratio do Estado. E o seu valor como paisaxe é ignorado. As masas arbóreas de calquera lugar de Galiza están desprotexidas ante o avance das actividades humanas, malia a súa cualificación como Solo Rústico de Protección Forestal, e malia a existencia dunha inoperativa Lei da Paisaxe.

Dende Galiza Non Se Vende temos que denunciar a nefasta política forestal practicada, goberno tras goberno, dende a Xunta de Galiza. Unha política cegamente economicista e allea ao mundo rural que, por unha parte, abandoa o monte e, por outra parte, continúa a práctica franquista da repoboación forestal con especies alóctonas e pirófitas, que fan da masa arbórea unha tea inmensa que en calquera momento pode arder.

A política de eucaliptización beneficiou, e beneficia, dende hai décadas, a uns poucos empresarios a costa da degradación do noso medio natural, non só mediante o cultivo forestal, senón tamén mediante o lume. As empresas madereiras e as industrias da celulosa obteñen grandes beneficios dos incendios forestais, debido ao baixo prezo da madeira queimada, que chega, incluso, a saír de balde, co falso argumento de que recoller a madeira equivale e limpar e sanear o monte. É curioso que as plantacións destas empresas nunca se queiman.

Tamén buscan beneficio, malia a restricción da Lei de Montes sobre a súa recualificación tras un incendio, as empresas enerxéticas do sector eólico, as empresas da canteiría, as empresas industriais e incluso as empresas inmobiliarias e construtoras. O resultado é que máis do 90 por cento dos lumes forestais en Galiza son intencionados.

A catástrofe incendiaria que vivimos dende hai décadas provoca perdas económicas e sociais, ás veces tráxicas. Pero tamén provoca unha gravísima alteración do ecosistema forestal, e do solo que é o seu soporte, e dos acuíferos, e dos regatos, e das augas das rías, e dos seres vivos que os habitan. E tamén provoca unha grave perda de patrimonio arqueolóxico.

Arde o monte e con cada lume desaparece a vexetación que ampara e fixa a terra, que será arrastrada polas chuvias, invadindo os ríos e as rías, e colmatando as lagoas e os encoros, e acabando cos seres vivos destes ecosistemas. O monte queda desertizado e as súas posibilidades de rexeneración, quedan imposibilitadas durante milleiros de anos.

Con cada lume carbonízase a flora e morren abrasados, ou desprazados do seu territorio, os seres vivos que habitan o monte.

Con cada lume quéimase unha parte de nós, porque somos parte desta terra, e respiramos o osíxeno que produce a vexetación dos nosos montes.

Con cada lume quéimanse e desaparecen os filtros naturais dos nosos acuíferos que nos regalan a imprescindible auga potable, e que aínda hoxe, como antano, son o única fonte de abastecemento en centos de parroquias.

Con cada lume desaparecen centos de restos arqueolóxicos, moitos aínda sen estudar, moitos, incluso, descoñecidos, víctimas do desprezo dos nosos gobernantes polo noso patrimonio cultural e pola nosa propia identidade.

Con cada lume prodúcese unha gravísima perda ecolóxica e cultural que nunca aparece nas cuantificacións de danos.

O fenómeno incendiario constitúe, en suma, un atentado ecolóxico e cultural que se repite ano tras ano ante a pasividade dos responsables da Xunta de Galiza, cómplices, por acción ou por omisión, desta catástrofe ambiental.

Para colmo, os medios para luitar contra o lume son unha parodia do que deberían ser. A inexistencia de políticas dinamizadoras do rural provoca a falla de implicación da veciñanza (mesmo pola súa inexistencia) na vixiancia e loita contra o lume e poñen en perigo a vida das traballadoras e traballadores das brigadas contraincendios, que traballan con escasa formación, con medios precarios, en condicións extremas, durante xornadas abusivas, e sen medidas eficaces de prevención de riscos. Así hoxe temos que lamentar a morte dos dous traballadores veciños de Nigrán e Tomiño que perderon a vida apagando un lume en Fornelos con poucos medios, nunha actuación descoordinada e sen ter recibido a debida información sobre o lume e o terreo afectado.

Por isto, dende Galiza Non Se Vende manifestamos a nosa indignación ante a incompetencia demostrada, unha vez máis, polo goberno galego, que ten a obriga de prever os desastres ecolóxicos, minimizar as súas causas e facer fronte aos seus efectos; minimizar os riscos laborais que causan mortes, e garantir unha información obxectiva e fluída á cidadanía e aos axentes sociais involucrados no terrible e persistente problema dos incendios forestais.

Como remate, a Xunta actual practíca unha política expresa de manipulación informativa e falla de transparencia, ocultando os datos sobre o número de focos de lume e as superficies queimadas. Deste xeito, a cidadanía non pode saber canto se queima, onde, cando, como, nin por quén, nin os medios dipoñibles para as intervencións contra o lume, nin os medios realmente necesarios. A Xunta intenta minimizar os efectos dos incendios para ocultar a súa propia incompetencia na politica forestal e na loita contra o lume.

Galiza precisa un cambio radical na xestión do monte. Galiza precisa revitalizar o rural, recuperar a actividade agrogandeira e recuperar o bosque autóctono nunha transición equlibrada e sustentable. E, durante esa transición, os lumes han de ser previdos e combatidos con medios e medidas eficaces, e a cidadanía debe ser informada con transparencia.

Ésta é a responsabilidade da Xunta de Galiza, e ésta é a responsabilidade que lle esiximos.

  • POLO MAL GOBERNO DA XUNTA DE GALIZA
  • POLA SÚA NEFASTA POLÍTICA FORESTAL
  • POLA SÚA INCOMPETENCIA E INOPERATIVIDADE
  • ESIXIMOS RESPONSABILIDADES
  • ESIXIMOS UN CAMBIO RADICAL NA XESTIÓN DO MONTE
  • GOBERNE QUEN GOBERNE, O NOSO MONTE NON SE VENDE
  • TERRA VIVA E DIGNA PARA TOD@S.
Rede Galiza Non Se Vende

http://galizanonsevende.org/
__________________

martes, marzo 23, 2010

Vídeo da manifestación de "Galiza Non Se Vende", celebrada este Domingo 21 de Marzo de 2010

Este Domingo 21 de Marzo de 2010, máis de mil persoas secundaron a convocatoria da Rede Galiza Non Se Vende, na defensa do territorio por un outro modelo económico non productivista, pola defensa do litoral, por unha ordenación racional do territorio, pola nosa soberanía alimentaria e enerxética, por outro modelo de transporte, ... Máis unha vez berrou-se: GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE !!!


___________

Enlace relacionado:

http://galizanonsevende.org/
____________________

venres, marzo 19, 2010

Recordatorio de que o próximo Domingo 21 de Marzo temos unha cita importante ás 12 do mediodía na Alameda de Santiago de Compostela


Querid@s tod@s,
este é un recordatorio de que o próximo domingo 21 de Marzo temos unha cita importante ás 12:00 do mediodía na Alameda de Santiago de Compostela, a onde nos convoca a Rede-GNSV, á que nós pertencemos, e coa que vimos reclamando o noso dereito a outro modelo de sociedade máis xusto e solidario baseado no respecto ás persoas e ao noso medio natural.

Ademais, e organizada por unha comisión de compañeir@s da Rede, estes últimos meses hai unha Caravana Festivo-reivindicativa que vén percorrendo distintos puntos de Galicia a fin de informar das distintas problemáticas que procuramos abordar e de animar ao maior número posible de cidadáns a que se unan a esta gran mobilización e a que acudan ao último concerto desta Caravana que se celebrará na mesma tarde da manifestación na Sala Nasa de Santiago de Compostela coas actuacións de:
  • O Sonoro Maxín
  • Pallas@s en Rebeldía
  • Pandeireteiras de Bouba
  • Sacha na Horta

Acudide e difundide esta convocatoria

  • Pola defensa do litoral
  • Por unha ordenación racional do territorio
  • Pola nosa soberanía alimentaria e enerxética
  • Por outro modelo de transporte
  • GOBERNE QUEN GOBERNE, GALIZA NON SE VENDE !!!

Terra viva e vida digna para tod@s !!!

Apertas,
Mabel&Enrique.

Enviado por:
Mabel
-mriver@fundaciongaliciaverde.org-
19 de março de 2010 00:38
___________________

Enlace relacionado
:

Ártabra 21: Manifestación Nacional en Compostela "Contra a destrución do territorio": Domingo 21 de Marzo de 2010, ás 12 do mediodía na Alameda




[Foto da Primeira manifestación da Rede Galicia Non Se Vende en Febreiro de 2008]
__________________________

martes, marzo 16, 2010

Manifestación Nacional en Compostela "Contra a destrución do territorio": Domingo 21 de Marzo de 2010, ás 12 do mediodía na Alameda

Este 21 de Marzo de 2010, ás 12 do mediodía, desde a Alameda de Compostela, sairá unha Manifestación Nacional baixo o lema "Contra a destrución do territorio", convocada pola Rede Galiza Non Se Vende.

Cando se cumpre un ano do cambio de goberno da Xunta, comprobamos que goberne quen goberne, gaña o produtivísimo. O goberno do PP, como os anteriores, segue o imposíbel camiño do crecemento indefinido: producir máis para consumir máis, quimera inviábel nun planeta con recursos limitados.

Os recursos naturais son postos ao servizo dos intereses económicos e das grandes empresas, subvencionadas con cartos públicos, mentres que aumenta o desemprego e pechan os pequenos negocios.

Intentan manter un modelo que non serve, que nos espreme como persoas, destroza o medio ambiente e agranda as diferencias económicas entre os pobos e entre as persoas.

A nosa lingua e a nosa cultura son menosprezadas e atacadas por un goberno que se avergoña e renega delas. A Sanidade vai camiño da privatización total. O transporte público é escaso, caro, ineficaz e está en mans privadas. As infraestruturas viarias baséanse no transporte privado contaminante e insustentábel. O noso litoral entrégase ás construtoras para o seu grande negocio especulativo. As nosas rías seguen acumulando recheos e naves industriais en primeira liña de costa e uns alarmantes niveis de contaminación. Grandes zonas costeiras son cedidas ás multinacionais piscícolas, ao mesmo tempo que a pesca industrial arrasa os océanos e o marisqueo e a pesca de baixura tradicionais van sendo desmantelados. Cultívanse transxénicos nas nosas leiras, mentres se fomenta a desaparición do noso agro. A ordenación do territorio é inexistente, o que provoca graves diferencias entre o interior e a costa. Louseiras e mineiras estragan as zonas mellor conservadas. A política forestal promove os cultivos de especies alóctonas e invasoras que sementan o país de incendios. O urbanismo caótico proxectase en función dos intereses económicos. A xestión de residuos basease na contaminante incineración. Industrias perigosas e contaminantes seguen funcionando irresponsabelmente...
  • É o tempo de unirnos todos e todas e paralizar as agresións á vida e á Terra!
  • É o tempo de esixir a participación da sociedade nos procesos de decisión que lle afectan directamente. É hora de que se teñan en conta aos colectivos sociais e á cidadanía.
  • É hora de saír á rúa e reclamar outro modelo económico e social.
  • Tod@s a Compostela o domingo 21!!!
  • Pola defensa do litoral.
  • Por unha ordenación racional do territorio
  • Pola soberanía alimentaria e enerxética
  • Por outro modelo de transporte
Ese mesmo día ás 17:00 da tarde na Sala Nasa de Compostela, última parada da II Caravana reivindicativa de GNSV, na que actuarán: Pallasos en Rebeldía, Pandereteiras Bouba, Sacha na Horta e O Sonoro Maxín.

GALIZA NON SE VENDE!!!

Terra viva e vida digna para tod@s

http://galizanonsevende.org/
info@galizanonsevende.org
____________________________

xoves, febreiro 25, 2010

6º concerto da II Caravana Reivindicativa de Galiza Non Se Vende en Pontedeume: Sábado 27 de Febreiro de 2010



Pontedeume: 6º concerto da II Caravana Reivindicativa de Galiza Non Se Vende

CARAVANA GNSVPONTEDEUME:

Sábado 27 de Febreiro:
Ás 19:00 hh. Pasaruas pola vila.
Ás 21:00 hh. Concerto no Centro Social Ocupado A Casa da Estación onde actuarán:
  • Xorxe Mirancos Cantor música galego-portuguesa
  • Tonhito de Poi Rock
  • Mencer Vermelho Rock oi

Colaboración 3 Euros

Esta Caravana, que está percorrendo as principias vilas e cidades de Galiza, rematará o 21 de Marzo, cunha grande manifestación en Compostela, que sairá ás 12 da mañan da Alameda, en contra da destrución do territorio (a terra, o mar, o aire, os ríos… e os recursos naturais todos). Porque sin territorio non hai vida, non hai cultura, non hai música, non hai nada.

  • Por un Plan do litoral que protexa toda a nosa costa.
  • Por unha ordenación racional do terrtorio.
  • Pola defensa dos sectores primarios: Soberania alimentaria e enerxética.
  • Por outro modelo de transporte.
  • Goberne quen goberne Galiza Non Se Vende
  • Terra viva e vida digna para tod@s

http://www.myspace.com/caravanagalizanonsevende

Fonte: http://galizanonsevende.org/?p=918
_________________________

martes, febreiro 02, 2010

A Segunda caravana Reivindicativa de Galiza Non Se Vende chega a Pontedeume que será a súa terceira parada: Sábado 6 de Febreiro de 2010


PONTEDEUME: 3º parada da II Caravana reivindicativa de GNSV

PONTEDEUME 3º CONCERTO DA II CARAVANA REIVINDICATIVA DE GALIZA NON SE VENDE

    Sábado 6 de Febreiro ás 21:00 no Centro Social Ocupado "A Casa da Estación"

    Actuarán:

    * Inllorfeis - HardCore/ Punk desde Corrubedo
    * Los Krasta - Punk desde Ribeira

    Colaboración : 2 euros

    Esta Caravana, que percorrerá as principias vilas e cidades de Galicia, rematará o 21 de Marzo, cunha grande manifestación en Compostela en defensa do territorio.

    A clase política é culpabel da catástrofe ambiental que sofre a nosa terra. Uns e outros, todos eles, préganse como nunca á avaricia dos grandes intereses económicos que subvencionan aos seus partidos. Por iso, coa voz dos seus amos, pretenden enganarnos con palabras como progreso, desenvolvemento, crecemento… engadindo sempre, como unha xaculatoria hipócrita, a palabra “sostibel”. En realidade o crecemento é só para aqueles que lles pagan. Os recursos de Galiza (e os do planeta) son limitados, e esta carreira de depredación e espolio é un camiño que non leva a ningures. Ou que leva só a hipotecar o futuro dos nosos fillos e a deixar miseria como herdanza ás próximas xeracións.

    É hora de pararlles os pés a esta panda de corruptos

    Goberne quen goberne Galiza Non Se Vende

    Terra viva e vida digna para tod@s

    http://www.myspace.com/caravanagalizanonsevende
    http://galizanonsevende.org/

    Enviado por:
    Edi -duarteferrin@gmail.com-
    2 de fevereiro de 2010 21:12
    ________________________