Amosando publicacións coa etiqueta Seminario Galego de Educación para a Paz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Seminario Galego de Educación para a Paz. Amosar todas as publicacións

xoves, setembro 11, 2014

21 de Setembro: Día Internacional da Paz, ... Por Manuel Dios Diz

Por Manuel Dios Diz [*]
11.09.2014


O vindeiro 21 de Setembro conmemórase en todo o mundo o Día Internacional pola Paz, unha data promovida polas Nacións Unidas para fortalecer os ideais de paz tanto dentro como entre as nacións e os pobos do mundo. O tema escollido este ano para a celebración céntrase no Dereito dos Pobos á Paz desde a perspectiva de que a promoción da paz é fundamental para o pleno goce de todos os dereitos humanos.

O International Day of Peace estableceuse por primeira vez en 1981 por unha Resolución, a 36/37 da Asemblea Xeral de Nacións Unidas para que coincidise coa súa sesión de apertura que ten lugar o terceiro martes de Setembro de cada ano.

Foi en 2001 cando de novo a Asemblea Xeral aprobou, por unanimidade, outra Resolución, a 55/282, que estableceu o 21 de Setembro como un día anual en favor da nonviolencia e o alto o fogo nos conflitos bélicos.

Como cada ano, as Nacións Unidas convidan tanto ás nacións como ás persoas de boa vontade para acadar o remate das hostilidades durante todo ese día, en calquera lugar do mundo onde exista violencia armada, durante vintecatro horas polo menos, así como a desenvolver iniciativas de paz por medio da educación e a sensibilización da cidadanía.

Na páxina web das Nacións Unidas, http://www.un.org/en/events/peaceday/
calquera persoa interesada, o profesorado para as súas aulas, pode atopar diversos documentos útiles para organizar actividades diversas, o cartaz conmemorativo e outros recursos didácticos, entre eles, a Declaración sobre o Dereito dos Pobos á Paz que empeza por reafirmar o propósito principal da ONU que non é outro que o mantemento da paz e a seguridade internacional sobre a base dos principios fundamentais do dereito internacional xa establecidos na Carta Fundacional das Nacións Unidas, aquela que empeza precisamente dicindo: "Nosoutros os pobos, resoltos a preservar ás xeracións vindeiras do flaxelo da guerra,..."

http://www.un.org/es/documents/charter/

A mesma declaración sobre o dereito dos pobos á paz expresa a vontade e as aspiracións de todos os pobos do mundo de eliminar a guerra da vida da humanidade e, especialmente, de evitar unha catástrofe nuclear mundial proclamando solemnemente o dereito sagrado á paz para tódolos pobos do mundo.

Para asegurar o exercicio do dereito dos pobos á paz requírese que a política dos Estados estea orientada cara a eliminación da ameaza da guerra, especialmente da guerra nuclear, á renuncia ó uso da forza nas relacións internacionais e ó arranxo das controversias internacionais por medios pacíficos de conformidade coa Carta das Nacións Unidas.

Remata a citada Declaración facendo un chamamento a tódolos Estados e a todas as organizacións internacionais para que contribúan por tódolos medios a asegurar o exercicio do dereito dos pobos á paz mediante a adopción de medidas pertinentes nos planos nacional e internacional, xusto, precisamente, o que a Comunidade Internacional non fai diante dos numerosos conflitos bélicos abertos en distintos lugares do planeta, particularmente, en Oriente Medio, Libia, Siria, Iraq, Afganistán... en Gaza, sometida ata hai ben pouco a un auténtico xenocidio sen consecuencias para o Estado de Israel, ou no corazón de Europa, ás portas de Rusia, en Ucraína, por non citar outros conflitos armados, os chamados "esquecidos" que tamén se prolongan no tempo sen merecer un minuto de telexornal que os poña no foco da actualidade.

Cando se celebre en todo o mundo o Día Internacional da Paz, o 21 de Setembro, as forzas armadas españolas, unha fragata con base naval en Ferrol, a F-102, estará participando nuns exercicios militares que o Estado Español secunda, no marco da OTAN, nos que uns 1300 soldados de 15 países, a maioría da UE, baixo as ordes dos EE.UU, realizarán na cidade ucraína de Yavoriv, concretamente entre o 15 e o 26 de Setembro, nun operativo denominado "Rapid Trident" das forzas estadounidenses en Europa.

Paralelamente a OTAN ben de acordar o seu rearme no Leste de Europa cunha forza de intervención rápida. España e a UE envían armamento á zona de conflito e mesmo doan material militar a Ucraína. A UE ven de demandar ós estados membros o progresivo incremento dos seus respectivos presupostos de defensa en plena crise económica e cando a maioría da poboación sofre as consecuencias dos recortes e das políticas austericidas.

Non parecen estas manobras en Ucraína, no limex occidental fronte a Rusia, a mellor maneira de contribuír a rebaixar a tensión internacional en Europa e de responder ós chamados das Nacións Unidas.

Desde o Seminario Galego de Educación para a Paz (www.sgep.org) facemos un chamamento á reflexión e á acción, particularmente nas aulas, na defensa do dereito dos pobos á paz, ó dereito humano á paz, aínda pendente de aprobación, así como a solución pacífica e negociada dos conflitos nacionais e internacionais.

Publicado no seu blogue 'A paz é o camiño' | 10.09.2014.

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia, doutorando en Estudios Contemporáneos pola Universidade de Santiago de Compostela, fundador e presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz (1985-2008), profesor xubilado. Activista pola non violencia, pola Paz e a concordia. Escritor, articulista, investigador, ... foi varias veces premiado polos seus numerosos contributos sociais e pedagóxicos [+info].

Enviado por:

Educación e Paz
-paz@sgep.org-
11 de setembro de 2014 08:23
_________________

sábado, setembro 28, 2013

Declaración polo Día da non violencia, ... Polo Seminario Galego de Educación para a Paz


DÍA DA NON VIOLENCIA, 2 DE OUTUBRO
DECLARACIÓN INSTITUCIONAL POLO DÍA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA

Mércores, 2 de Outubro de 2013

Con motivo da conmemoración, o vindeiro Mércores, 2 de Outubro, do DIA INTERNACIONAL DA NON VIOLENCIA, proclamado por Nacións Unidas, no aniversario do nacemento de Mahatma Gandhi, e co obxecto de chamar a atención das persoas, institucións, organizacións non gobernamentais, sociedade civil en xeral e, particularmente, dos centros educativos, sobre o valor da nonviolencia, da paz, do diálogo e da negociación, como instrumentos para abordar a resolución pacífica dos conflitos e a mellora da convivencia, o Seminario Galego de Educación para a Paz, fai tamén un chamamento ás forzas políticas parlamentarias galegas para que atopen vías de entendemento e concordia sobre as violencias que existen na sociedade que estamos a vivir e sobre a súa prevención e erradicación.

Ningunha acción violenta, directa, estrutural ou cultural, pode estar xustificada nunha sociedade democrática. A violencia, en ningunha das súas formas, pode admitirse nun estado de dereito como método para acadar obxectivos políticos, sociais ou culturais. A non violencia activa, a desobediencia civil, a obxección de conciencia ou a insubmisión pacífica fronte a leis ou políticas inxustas están lexitimadas e deben ser contempladas no ordenamento xurídico nunha sociedade autenticamente democrática e avanzada. Porque a non violencia é moito máis que non ser violentos, é buscar e promover alternativas para reducir o sufrimento e o dano entre os seres humanos.

Polo mesmo, a apoloxía da violencia, en calquera das súas formas, por acción ou omisión, do franquismo, do fascismo, do nazismo, do terrorismo, do belicismo, da desigualdade, do sexismo,  do racismo, da xenofobia, non son aceptables nunha formación política democrática e, en consecuencia, non poden ser amparadas nin toleradas, polo que deberan ser perseguidas de oficio.

De acordo coa Resolución A/RES/61/271, da Asemblea Xeral do 15 de Xuño de 2007, das Nacións Unidas, debemos reafirmar hoxe a relevancia universal do principio da non violencia e promover tódolos esforzos, individuais e colectivos, para construír unha Cultura de Paz, tolerancia e comprensión entre os pobos.

Por último, o Seminario Galego de Educación para a Paz reitera o chamamento para que o Relatorio Conxunto do Parlamento Galego co fin de aprobar unha Lei de Fomento da Cultura da Paz de Galicia, constituída oficialmente na anterior lexislatura, se faga efectiva no actual período de sesións, e como proba inequívoca de que as forzas políticas parlamentarias galegas comparten principios e obxectivos en materia de paz e non violencia.
 
Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACIÓN CULTURA DE PAZ
www.sgep.org
Tfno: 981-554053

Enviado por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
27 de setembro de 2013 17:55

_________________________

venres, agosto 30, 2013

O Seminario Galego de Educación para a Paz, manifesta o seu rexeitamento a unha intervención militar en Siria e chama á mobilización social contra a mesma - Convocatoria de reunión en Compostela

O SGEP MANIFÉSTASE EN CONTRA DUNHA INTERVENCIÓN MILITAR DOS EE.UU. EN SIRIA | CHAMA Á MOBILIZACIÓN SOCIAL DA CIDADANÍA PARA PARALA | CONVOCATORIA DE REUNIÓN DA COORDINADORA GALEGA POLA PAZ

O Seminario Galego de Educación para a Paz, diante da posibilidade certa de que o goberno norteamericano bombardee Siria nas próximas horas, cos seus aliados máis entusiastas, mesmo sen o respaldo e o aval das Nacións Unidas, e con toda a opinión pública en contra, quere manifestar o que segue:

1º.- Siria leva dous anos nunha feroz guerra civil alimentada, fundamentalmente, polas potencias que controlan o Consello de Seguridade da ONU, xunto cos estados máis importantes da rexión, apoiando a un ou a outro bando en loita. A utilización de armamento químico diverso, vendido polos que agora poñer o berro no ceo, parece estar probado por ambas partes en conflito.

2º.- A intervención militar dos EE.UU. e dos seus aliados en Siria, por moito que se anuncie como puntual, rápida e cirúrxica, contra bases e instalacións militares do réxime de Bachar el Assad, producirá, sen dúbida, máis sufrimento e destrución, morte e desesperación, nun pobo que leva perdidas máis de 100.000 persoas e millóns de desprazados e refuxiados.

3º.- O dereito a protexer ou a utilización de armamento químico, de autoría dubidosa e múltiple, non poden ser esgrimidos como argumentos para os ataques pois é precisamente a poboación civil siria, de ambos bandos, a que sofre as consecuencias dunha guerra atroz de desgaste propiciada, precisamente, polos que agora se proclaman xendarmes internacionais vulnerando inequivocamente a legalidade internacional.

4º.- A decisión do Parlamento británico de non apoiar a intervención ten que facer reflexionar á comunidade internacional, ós parlamentos democráticos, incluído o español e o galego, e converterse nun exemplo a seguir co obxecto de forzar a Barack Obama, Premio Nobel da Paz, para que cambie de política e procure a vía da presión económica e diplomática, co liderado das Nacións Unidas e da Liga Árabe, que impoña un alto o fogo e permita abrir vías de negociación multilateral.

5º.- Por último, a mobilización social pacífica, a presión sobre os parlamentos e demais institucións democráticas, da cidadanía local e global, é a máis poderosa arma de construción de paz que existe. Neste senso, o Seminario Galego de Educación para a Paz apoiará tódalas iniciativas unitarias da sociedade civil e dos movementos sociais en contra da intervención militar en Siria e fai un chamamento para que, no caso de que finalmente teña lugar, a cidadanía responda con concentracións e actos de solidariedade co pobo sirio.

...

Benqueridas amigas e amigos:

Pola presente procedo a informar da reunión que o vindeiro luns, día 2 de Setembro, ás 19:00 horas, terá lugar na Galería Sargadelos en Compostela (Rúa Nova), da COORDINADORA GALEGA POLA PAZ, en réxime de autoconvocatoria aberta, co obxecto de consensuar accións para manifestar a protesta social pola inminente intervención militar de EE.UU (e algúns dos seus tradicionais aliados) en Siria.

Na confianza de que poderemos contar coa vosa participación aproveito para trasladar un saúdo afectuoso.

Agradecemos a confirmación da asistencia.

Cordialmente,

Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACION CULTURA DE PAZ
www.sgep.org
Tfno: 981-554053






Enviado por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
30 de agosto de 2013 11:49

__________________

luns, marzo 12, 2012

Informe sobre o escudo antimísiles na base de Rota

O presidente Zapatero, antes de deixar o seu cargo de responsabilidade como xefe de Goberno do, polo de agora, Reino de España, deixou-nos unha herdanza como un xigante dardo envelenado: un acordo co goberno de USAmerica para dispoñer, por moitos anos, dunha base militar e a instalación en territorio da península dun escudo antimísiles.

O Centro Delàs presenta o seu informe núm. 10: Escudo antimísiles na base de Rota. Un paso máis na militarización mundial, no que se argumenta o impacto negativo que a instalación deste proxecto militar terá para a economía e seguridade españolas.

Os seus autores son Teresa de Fortuny e Xavier Bohigas.

Informe en formato -pdf.

Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACIÓN CULTURA DE PAZ
www.sgep.org
Tfno: 981-554053
Rúa do Valiño 13-1º
15703- SANTIAGO DE COMPOSTELA
__________________

mércores, xuño 08, 2011

Presentación en Ferrol do libro de Manolo Dios Diz: A Paz como cultura 'Fontes e recursos dunha pedagoxía para a Paz' - Xoves 9 de Xuño, ás 8 da Tarde

Presentación do libro de Manolo Dios [*] na Galería Sargadelos de Ferrol

Presentación do libro; A Paz como Cultura:  'Fontes e recursos dunha pedagoxía para a Paz' de Manuel Dios Diz. Licenciado en Xeografía e Historia, (Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz).

Día: Xoves, 9 de Xuño,
Hora: ás 8 da Tarde,
Lugar: na Galería Sargadelos [Esquina rúas María/Rubalcava].

O Acto estará presentado por: Carlos Neira Suárez.

Organiza: Seminario Galego de Educación para a Paz.

O libro foi publicado pola Editorial Milenio, está prologado por Federico Mayor Zaragoza.

Trátase dunha obra que analiza o significado e a orixe do concepto "Cultura de Paz" e da propia Declaración e o Programa de Acción para unha Cultura de Paz aprobado polas Nacións Unidas en 1999, así como as referencias teóricas e prácticas que sustentan unha pedagoxía para a paz desde a perspectiva non só da Educación para os Dereitos Humanos, a Convivencia e a Democracia, senón tamén en directa relación coa superación da pobreza e da miseria (Obxectivos do Milenio), do diálogo intercultural e interrelixioso (Alianza de Civilizacións), así como da resolución pacífica de conflitos (convivencia escolar) e da prevención da paz.

O autor fai un percorrido histórico polos documentos e declaracións que inspiraron a Cultura da Paz fronte da cultura da violencia, da imposición ou da forza, da súa influencia nos currículas escolares, na lexislación ou na política internacional, para adiantar recursos e dinámicas de aula cos que poñer en práctica, na escola e na vida, unha cultura baseada no diálogo, no acordo e na concordia, bases da nonviolencia e dos movementos sociais que a asumen como metodoloxía de desobediencia civil e de construcción doutro mundo posible, máis xusto, máis democrático, máis sustentable e máis humano, desde un enfoque transformador.

Fará a presentación do autor, Carlos Neira Suarez, ex- traballador e dirixente sindicalde Astano, militante destacado da esquerda nacionalista galega durante a reconversión naval e bo amigo de Manuel Dios.

[*] Manuel Dios Diz, é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC e preside o Seminario Galego de Educación para a Paz.

Rúa do Valiño 13- 1º
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Tfno: 981-561956



Enviado por:

avesteiro
-avesteiro@galicia.com-
6 de junho de 2011 09:48
______________

xoves, abril 07, 2011

Pola paz, non á guerra, ... Coordinadora Galega pola Paz

As persoas que hoxe respondemos á chamada da Coordinadora Galega pola Paz, o facemos para manifestar publicamente a nosa oposición á guerra, ás guerras como maneira de resolver os conflitos.

A guerra, o belicismo, a cultura da violencia, o terror, non significan a continuación da política por outros medios, como dicía Carl von Clausewitz, senón o fracaso da política, o fracaso da diplomacia, o fracaso da palabra, o fracaso da humanidade.

As guerras son sempre xustas para aqueles que as inician. Os agresores, sexan quen sexan, énchense de razóns para xustificar as súas accións militares. Todas as guerras buscaron sempre a compracencia da cidadanía, a súa parálise, a inacción, cando non a súa complicidade. Sen a complicidade ou a parálise da poboación, sen a silencio dos pobos, o delito de silencio, as guerras non son posibles.

En todas as guerras a primeira vítima é sempre a verdade. As mentiras están na orixe dos conflitos armados. E os bandos enfrontados menten, menten máis que falan, menten cando non din a verdade, ou cando a contan a medias. A propaganda e a manipulación anulan á información. E a mentira trunfa.

A intervención militar occidental en Libia está chea de cinismo, de hipocresía e de mentiras. Ninguén nega que a Resolución 1973 do Consello de Seguridade sexa legal. Ou que a decisión de apoiar a intervención do Parlamento Español non sexa maioritaria, coas honrosas excepcións do BNG e de IU. Son legais. Sen embargo, a súa lexitimidade, a súa xustiza, non están tan claras. Como tampouco o están os intereses secretos e non confesados dos intervintes.

Non podemos ser xuíces e parte nos conflitos armados. Non debemos esquecer que o Consello de Seguridade está formado polos estados que son os principais vendedores de armas do mundo. Tamén por aqueles que teñen enormes intereses económicos e xeoestratéxicos en Libia, particularmente Francia, Italia e o Reino Unido. Libia é, ademais, o segundo provedor de petróleo e gas do Estado Español. A participación española na guerra costa ás arcas do estado, a todas e a cada un de nós, 1 millón de euros ó día. Como podemos ver, neste caso, o déficit está ben xustificado, as guerras non contan, son un gran negocio, para algúns, para os mercadores da morte.

Os mesmos que, ata hai un mes, vendíanlle armamento convencional sen límites a Gadafi, os mesmos que o paseaban polas cancilerías e o presentaban como un actor principal no Mediterráneo, son agora os que aborrecen do ditador e o cualifican de asasino do seu propio pobo, merecedor polo tanto de detención e xuízo no Tribunal Penal Internacional, corte aínda non recoñecida, por certo, polos EE.UU.

Gadafi non é precisamente un modelo de gobernante democrático. Desde logo non o é máis que Mubarak en Exipto ou Ben Ali en Túnez. Como tampouco o son moitos gobernantes da rexión, algúns deles aliados da Coalición de Voluntarios. Como tampouco o é Mohamed VI de Marrocos, os príncipes dos estados do Golfo ou Arabia Saudita, por citar só a algúns.

¿Como non imos compartir o dereito a protexer á poboación civil?. Claro que si, mais en todo o mundo, non só en Libia e só dun bando. Para impoñer o dereito de protección non é necesario atacar militarmente a un estado soberano. Para impoñer a exclusión aérea non é necesario converterse no brazo armado dunha das partes no conflito, armala e asesorala, calada ou abertamente.

En Barheim, onde por certo existe unha base USA, tropas de Arabia Saudita interviron militarmente con extrema dureza non para protexer á poboación civil, senón para asegurar ó réxime monárquico que actuaba contra do seu propio pobo. Curiosa forma de impoñer o dereito de protección precisamente contra da poboación civil. En Gaza, por exemplo, os bombardeos do goberno sionista de Israel, contra da poboación civil son constantes e reiterados, vulnerando tódalas resolucións de Nacións Unidas, diante da total pasividade da comunidade internacional. ¡Canto cinismo, canta hipocresía!.

Non, así non se protexe. Non, así non se resolven os conflitos. Non, así non garantimos a paz e a seguridade.

Son moitas as mentiras. Son moitas as medias verdades no caso da guerra en Libia. ¿Quen pode crer o repentino entusiasmo de Sarkosy, Cameron ou Berlusconi polos dereitos humanos, a poboación civil libia ou a axuda humanitaria?. O cheiro a petróleo é abafante …

Todos sabemos que non se esgotaron as medidas de presión económica e diplomática previas. Tampouco se buscou o dereito de protección sobre a base da interposición de forzas da ONU para procurar un alto o fogo real e multilateral. Nin se propiciaron acordos políticos sobre a base da democracia representativa. O penoso papel do Secretario Xeral da ONU, Ban Ki-Moon, neste conflito, evidencia o seu sometemento absoluto ós poderosos e á industria do petróleo e do armamento.

Rematar canto antes os ataques aéreos, interpoñer de inmediato forzas de vixianza de paz das Nacións Unidas, retomar o papel da diplomacia, garantir un tránsito pacífico sobre a base do diálogo entre as partes, deberan ser os obxectivos da comunidade internacional.

Non podemos seguir lexitimando a guerra e a violencia. Nin tampouco a partición do Estado Libio, nin a apropiación das súas riquezas petrolíferas e gasísticas por parte de Occidente, nin a tutelaxe política da súa cidadanía.

As persoas que hoxe estamos aquí, convocadas pola Coordinadora Galega pola Paz, reiteramos que a democracia non se impón con bombas e misís, que as matanzas non se evitan provocando novas masacres. Que o dereito de protección non pode materializarse sobre a base da xeralización da guerra e da violencia.

Sobran as razóns. Estamos cargados de argumentos para seguir a berrar, unha e outra vez:

pola paz, non á guerra.

COORDINADORA GALEGA POLA PAZ


Enviado por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
7 de abril de 2011 10:32



Benqueridas amigas e amigos:

En arquivo adxunto achego a Declaración e a Convocatoria dunha Concentración realizada pola COORDINADORA GALEGA POLA PAZ (da que formamos parte desde 2003) para HOXE XOVES, DÍA 7, ÁS 20:30 HORAS, na Praza do Toural de Santiago de Compostela.

Que ninguén nos acuse de delito de silencio. Era Burke quen con moito acerto dicía: "Lástima que pensando que podían facer pouco, non fixeron nada".

A guerra de Libia pode ser legal, pode ser lexítima en dereito, mesmo aprobada pola práctica unanimidade no Congreso (coas honrosas excepcións do BNG e de IU), sen embargo non por elo convértese en xusta. Estase a vulnerar por exceso a propia Resolución 1973 e o dereito de protección de Nacións Unidas parece, neste caso, unha excusa para acochar outros intereses como o petróleo e o gas. Armar á poboación ou partir Libia en dúas metades vulnera o dereito internacional.

A guerra, as guerras matan en todas partes, firen, causan destrozos irreparables, horror, miles de desprazados, especialmente entre a poboación civil (anciáns, nenos e mulleres), en tódas as partes en conflito. En Libia tamén.

Por último, ás deficitarias arcas do estado español estalle a costar esta guerra 1 millón de euros por día...

Para manifestar a nosa oposición, para reiterar que a democracia non se impón a bombazos, para denunciar que a guerra non é a maneira de resolver os conflitos, animámoste a que participes na citada Concentración e berres con nos, unha vez máis, POLA PAZ, NON Á GUERRA.

AGRADECEMOS MOI ESPECIALMENTE QUE SE DIFUNDA E REPLIQUE ESTA INFORMACIÓN

Manuel Dios Diz
Presidente
Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACION CULTURA DE PAZ
www.sgep.org
Tfno: 981-554053
Rúa do Valiño 13-1º
15703- SANTIAGO DE COMPOSTELA
______________

domingo, decembro 12, 2010

"Educar en ser persoa", Manuel Dios Diz, fala sobre o libro de Jonan Fernández, director de Baketik

Por Manuel Dios Diz [*]
12.12.2010


Jonan Fernández, director de Baketik (Centro pola Paz de Arántzazu) en Euskadi, portavoz durante varios anos de Lokarri, rede cidadá polo acordo, a consulta e a reconciliación, organización pacifista de Euskal Herria, ven de publicar un precioso libro, ó meu parecer, moi útil, tanto desde o punto de vista persoal como para aquelas persoas que educan, todas dunha maneira ou doutra, nalgún momento da nosa vida.

Trátase dunha proposta moi orixinal realizada desde a súa propia experiencia vital, resultado dunha análise consigo mesmo, de facer contas e de contar. E o fai non desde a pedagoxía ou desde a docencia pois ese non é, precisamente, o seu medio natural. Sen embargo, a súa reflexión, resulta especialmente educativa e tamén didáctica.

Persegue Jonan matizar, completar e compartir, ideas que xa estaban en “Ser humano en los conflictos” (2006) e, sobre todo, en “Vivir y convivir. Cuatro aprendizajes básicos” (2008). Agora, en “Educar en ser persona”, quente aínda do prelo, considera non só catro aprendizaxes básicos senón que engade outros tres de carácter instrumental e un máis que cualifica de “fundamental”. En realidade, Jonan Fernández, como afirma Federico Mayor Zaragoza no prólogo, tenta responder a preguntas como: ¿Que temos que saber para educar en ser persoa? Ou si se quere: ¿Que temos que estudiar para educar para a paz, a convivencia, os dereitos humanos, ou a xustiza? ¿Onde aprender eses contidos e valores?, ¿Quen os imparte?, ou ¿Como nos educamos cada un de nós para ser realmente persoas? Jonan Fernández considera que para aprender, na súa dobre acepción en galego, ensinar e aprender, a ser persoas necesitamos catro aprendizaxes básicos previos. O primeiro sería, para el, a aprendizaxe da limitación da condición humana. O segundo, aprender o sentido do agradecemento. O terceiro, a aprendizaxe da escoita da propia conciencia e, por último, a aprendizaxe do significado da dignidade humana. Como podemos comprobar, estamos a falar de aprendizaxes nada fáciles e moi escasos no supermercado docente. A estes catro aprendizaxes básicos engade, Jonan Fernández, outros tres máis que el denomina “instrumentais”. Serían o máis do diálogo, o máis da empatía e o máis da paciencia, ferramentas imprescindibles para vivir e convivir.

Por último, incorpora unha aprendizaxe fundamental, que integra e engloba todo o anterior, refírese a aprendizaxe do amor. E o fai non desde unha perspectiva exclusivamente cognitiva, baseada nos coñecementos racionais senón, sobre todo, desde a experiencia e desde os afectos e os sentimentos, como non podía ser doutro xeito. Non se limita a explicar con detalle o significado de cada aprendizaxe senón que escava nas súas implicacións e na súa vivencia. Remata cada unha das aprendizaxes con exercicios prácticos, persoais e de aula.

Penso sinceramente que estamos diante dunha das propostas máis relevantes dos últimos anos no ámbito da Educación para a Paz. E non resulta anecdótico ou circunstancial que proveña de Euskadi, quizais precisamente por iso ten un valor engadido. A experiencia do Centro pola Paz de Arántzazu, dende o ano 2006, un espacio privilexiado de reflexión e de acción, polo que teñen pasado máis de 6.000 persoas para realizar cursos de formación, está moi presente no libro.

Na utilización dunha gramática insubordinada, Jonan Fernández, inventa un palabro, especialmente suxerinte, “Experiendizaxe”, en realidade, trátase dunha pedagoxía para mellorar a vida, a persoal, a convivencia e a educación, facendo aprendizaxe da conciencia da nosa propia experiencia. A pedagoxía da “experiendizaxe” sintetiza un traballo de catro anos en Baketik, e describe a súa filosofía de fondo: desenvolver, profundizar e promover activamente este concepto que vai a actuar como clave de bóveda que vertebra as súas actividades e proxectos.

Reflexión e vivencia, vivencia e reflexión, unha pedagoxía ética para vivir, convivir e educar mellor. Parabéns, Jonan.

[*] Manuel Dios Diz, é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC e preside o Seminario Galego de Educación para a Paz.

_______________________

venres, novembro 27, 2009

Co motivo do o 61 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948


O vindeiro 10 de Decembro celébrase o "Día Internacional dos Dereitos Humanos", nesta ocasión, conmemoramos o 61 Aniversario da Declaración Universal de 1948.

No ano 2009, ademáis, tanto a Convención dos Dereitos de Nenos e Nenas (1989) como a Declaración previa de 1959, cumpren, respectivamente, 20 e 50 anos.

Como ven sendo habitual, o Seminario Galego de Educación para a Paz organiza un Acto Cívico conmemorativo no Consello da Cultura Galega, o propio día 10 de Decembro, a partir das 11:00 horas.

O Acto conta coa colaboración do Colexio de Abogados de Santiago de Compostela, de UNICEF e do propio Consello da Cultura Galega.

Haberá  intervencións institucionais, música, leitura pública da Declaración Universal de 1948 a cargo de distintas personalidades da cultura, da sociedade civil, artistas, escritoras, cidadáns e cidadás, así como nenas e nenos dos colexios e institutos de Santiago que lerán a súa propia Declaración de Dereitos.

Seminario Galego de Educación para a Paz
www.sgep.org
__________________

xoves, outubro 22, 2009

Acto Pacifista en Compostela con motivo do paso por Galiza da Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia


  • ACTO PACIFISTA EN COMPOSTELA
  • DOMINGO, 25 DE OUTUBRO, 12:30 HORAS
  • TEATRO PRINCIPAL

PROGRAMA

Presentación
  • Begoña Fontenla (TVG)
  • Entrega da gaita galega que percorrerá o mundo coa Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia
Actuación de:
  • Pepe Ferreirós (Milladoiro)
Intervencións institucionais:
  • Leitura do Manifesto de Compostela pola Paz Mundial e a Xustiza, por Manuel Dios Diz (Seminario Galego de Educación para a Paz)
Intervencións poéticas:
  • Luis González Tosar
  • Marilar Alexandre
  • Concha Rousia
Contacontos:
  • Anxo Moure (Bicis pola Paz)
Intervencións Musicais:
  • Pepe Costenla
  • Xoán Curiel
  • No title (Loli e Leo)
  • Emilio Rúa
Clasura:
  • Pepe Ferreirós: Himno Galego
_______________________

Manifesto de Compostela pola paz mundial e a xustiza
25 de Outubro de 2009
Con motivo da Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia

Cada día morren 35,000 nenos de fame no mundo segundo a FAO. É un xenocidio de proporcións impresionantes, ao que asistimos impasibles, moitas veces sen inmutarnos. Ao mesmo tempo, calcúlase que o gasto diario en armamento é de 3.000 millóns de dólares e os subsidios agrícolas dos Estados Unidos e da Unión Europea roldan os 800 millóns diarios. Afirman que non hai fondos para o tratamento da SIDA, para acadar os Obxectivos do Milenio, para rematar coa pobreza e a miseria ... pero os Estados veñen de sair ó rescate das institucións financieiras e dos cobizosos que provocaron, coa súa ambición desmedida, o desplome da economía capitalista internacional.

Os enormes beneficios do complexo industrial bélico e militar dirixen en boa medida a economía mundial. Porque seguimos a vivir nunha economía de guerra. De feito, persisten máis de 35 conflitos armados no mundo, algúns especialmente longos e xeradores de enorme inestabilidade internacional, como é a ocupación israelíta dos territorios palestinos, a guerra de Afganistán e Iraq, ou Chechenia, por citar tan só algúns dos máis relevantes.

Derogar a guerra segue a ser un imperativo moral do século XXI.

É urxente compartir xustamente. Non hai mellor caldo de cultivo da radicalización, a animadversión e a agresividade que a humillación e a exclusión. A violencia non se xustifica, nin pode lexitimarse, pero as súas orixes deben de examinarse atentamente. 

Cómpre fortalecer o multilateralismo e dotar ás Nacións Unidas dos medios e autoridade necesarios para emprender un gran plan global de desenvolvemento en beneficio de todos.

O Norte, primordialmente, séguese a enriquecer cos recursos naturais de países aos que empobrece progresivamente e cuxa cidadanía se ve forzada a emigrar en circunstancias que con frecuencia constitúen un agravio á súa dignidade e atopando na dura viaxe a hostilidade e a restrición das leis dos Estados que, curiosamente, os explotan (Directiva da Vergoña).

Non é con votos cautivos, con obediencia cega e con temor e medo como se constrúe e consolida a democracia xenuína. Non é con guerras de cobiza, con demostracións de forza, accións bélicas e invasións dirixidas por intereses económicos e enerxéticos -que xeran unha espiral de violencia, de acción e reacción, de intervención e represalia- como podemos facer fronte aos grandes desafíos e asimetrías de todo orde que presenta a situación mundial. 

Os gobernantes abdicaron das súas responsabilidades políticas, substituíndo valores universais polas leis do mercado. O resultado foi a concentración da riqueza nunhas cantas mans e a ampliación das fendas sociais e económicas. 

¡NON Á POBREZA!

Hai que esixir aos gobernantes, a través dun auténtico clamor a escala mundial, que dean prioridade ao cumprimento dos Obxectivos do Milenio e o remate da carreira armamentística. Chegou o momento da non resignación, da implicación persoal. 

Proclamamos, unha vez máis, que non xustificamos os atentados e a violencia, veña de onde veña. Condenamos todo tipo de terrorismo: o dos grupos ocultos nas sombras e o terrorismo de Estado. Utilizouse a tortura, o trato cruel e degradante, violando reiteradamente o dereito internacional e humanitario. 

É necesario que a Comunidade Internacional poña fin á barbarie, ás masacres. Como se establece na Carta das Nacións Unidas son os pobos os que deben decidir sobre o seu destino. Debemos sumar con rapidez voces de todos os pobos do mundo para dicir:

¡BASTA! Á GUERRA E Á VIOLENCIA

Calamos en exceso. Agora acabouse o silencio. Os pobos elevarán a súa voz. A guerra é unha traxedia para todos. É urxente desarmar a razón armada. Hoxe máis que nunca son necesarios a capacidade de diálogo e de alianza, o compromiso de intentar a resolución pacífica de conflictos, fomentando actitudes de encontro e respecto aos demais, mediante a aplicación cotiá dos DereitosHumanos sustituíndo a violencia, a forza e a imposición pola Cultura da Paz

É necesario cambiar o curso dos acontecementos a través de accións colectivas, desenvolvendo a solidariedade entre os pobos. É urxente que os intelectuais, artistas, educadores, científicos .... abandonen a súa pasividade e pasen á acción. Só así os seus escritos e as súas palabras será cribles e poderán contribuír a sumar os seus esforzos aos de moitos outros para deter a tolemia da guerra, da confrontación e da violencia. 

Chegou o momento da xente. E, sobre todo, dos mozos, dos homes e mulleres que reclaman outro mundo posible. As institucións e medios de comunicación deben axudar á cidadanía mundial para que, por fin, deixen de ser espectadores e desempeñen a súa función de protagonistas no deseño do futuro. Os gobernantes, parlamentarios, membros dos Consellos Municipais ... teñen unha especial responsabilidade neste cambio histórico. 

Chegou tamén o momento das culturas e das relixións máis diversas para que, unidas pola solidariedade e o amor ao próximo que lles é inherente, se poñan a vangarda do rescate da dignidade humana. 

É necesario que os pobos asuman a resistencia social, cultural, política e espiritual a través de mobilizacións, da non cooperación á violencia e inxustiza, de sumar esforzos con outros pobos e denunciar aos responsables de dominacións e da dor que afecta a humanidade. 

Hai que poñerse en pé, en pé de paz e camiñar cara a novos horizontes de vida e non de morte. Malia todo, esa é a esperanza.

E a Marcha Mundial pola Paz e a non violencia é unha ocasión máis de poñernos en pé de paz e de camiñar xuntos pola xustiza, a paz e a solidariedade. E aquí estamos en Compostela organizacións moi diversas unidas polo noso compromiso inequívoco coa cultura da paz e a non violencia, para sustituír a forza pola palabra, a imposición polo diálogo, a confrontación pola negociación.

Por canto antecede, coa mirada posta nas xeracións vindeiras, facemos un chamamento a todos quen se sentan igualmente concernidos para que manifesten pacificamente, a través de todos os medios ao seu alcance, presenciais e virtuais, a súa adhesión á paz:

Neste sentido reivindicamos:

1º.- O desarmamento nuclear a nivel mundial

2º.- O retiro inmediato das tropas invasoras de tódolos territorios ocupados.

3º.- A reducción progresiva do armamento convencional.

4º.- A sinatura de tratados de non agresión entre países.

5º.- A renuncia dos gobernos a utilizar as guerras como medio para resolver os conflictos.

5º.- O rexeitamento de toda forma de violencia.

Reafirmamos hoxe o noso compromiso coa paz e a non violencia e dicimos, de novo,

NON Á GUERRA E Á VIOLENCIA!

SI Á PAZ E Á XUSTIZA!


 ASINAN A PRESENTE DECLARACIÓN:
  • AIS O PETO
  • ASOCIACION CULTURAL WIPALA
  • CC.OO DE GALICIA
  • COLEXIO DE EDUCACION SOCIAL
  • COLEXIO DE PSICOLOXÍA SOCIAL
  • COORDINADORA GALEGA POLA PAZ
  • FORO GALEGO DA INMIGRACION
  • FUNDACION CULTURA DE PAZ
  • INICIATIVA POLOS DEREITOS HUMANOS
  • IRIMIA
  • MEDICOS DO MUNDO
  • MUNDO SEN GUERRAS
  • OSPAAAL GALICIA
  • SEMINARIO GALEGO DE EDUCACION PARA A PAZ
  • UGT GALICIA
  • XENEME INTERVENCION SOCIAL
Información elaborada coa enviada por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
www.sgep.org
21 de outubro de 2009 13:30
________________________

luns, setembro 28, 2009

"Autoritas ou potestas?", un artigo de Manuel Dios a mantenta do debate sobre a autoridade do profesorado


En relación co debate sobre a autoridade do profesorado

Por Manuel Dios Diz [*]
28.09.2009

Resulta imposible resumir nun artigo todo o que suscita un debate sobre a autoridade do profesorado que, polo demais, non é novo. Habería que enmarcalo nunha reflexión máis global sobre a sociedade, sobre o fracaso (social e escolar), sobre o rol que xogamos cada quen, e de maneira máis particular, sobre a propia comunidade educativa que xa non se circunscribe ós pais e ás nais, ós docentes e ó alumnado, porque hoxe, como sabemos, existen novos axentes, algúns moi activos e poderosos, na transmisión de valores (positivos ou negativos) como son, por exemplo, os iguais, os media ou a publicidade. Con todo aportarei algunha reflexión.

A escola, o instituto que coñecemos e lembramos os adultos, digamos de mediana idade, moi pouco ten que ver cos actuais. Basta escoitar os comentarios dalgunhas personalidades públicas nestes días para decatarse do lonxe que están da realidade educativa actual. Entre outras cousas, porque a sociedade cambiou extraordinariamente e de maneira moi rápida, como nós mesmos, e porque agora van ó instituto tódolos alumnos e alumnas, non unha minoría seleccionada, como noutras épocas. Falamos da totalidade dos rapaces e rapazas en idade escolar, é dicir, dos que queren estudar, dos que valoran o esforzo e o saber, dos que proveñen de ambientes económicos e culturais acomodados, e daqueles que viven en familias desestructuradas, xunto cos que obxectan, os que asisten por obrigación, os que arrastran carencias relevantes (afectivas, económicas, culturais …), e os superprotexidos, os da chave, os emperadores, os amos, os que viven a violencia (de xénero e outras) como modelos, os hiperactivos, os que teñen dificultades, os que aborrecen da imaxe que a escola lles devolve de si mesmos … todos e todas sen excepción, especialmente na escola pública. Isto, simplemente isto, cambiou por completo os colexios e os institutos. E moitas persoas seguen sen comprendelo, moito menos asumilo.

Si algo compartimos é que non debemos lexislar a golpe de titular nin tampouco en función da alarma social xerada. Non parece o máis sensato. A educación manexa (ou debe manexar) tempos moi distintos dos que utiliza o xornalismo ou a política. O profesorado traballa con persoas concretas, con ritmos e necesidades distintas, non en función de intereses económicos, mercados, ventas, beneficios, audiencias… ou votos. Por iso o tempo educativo non ten nada que ver coa fugacidade do tempo televisivo, radiofónico ou electoral.

Analizar a situación, coñecer o que acontece no sistema educativo, facer un bo diagnóstico, resulta imprescindible para atopar vías de mellora da calidade, da convivencia, dos resultados académicos, do clima escolar. E isto non ten nada que ver coas ocorrencias, nin co alarmismo, nin tampouco co pensamento maniqueo, co branco e o negro, o todo ou o nada, tan frecuente nos titulares e nas declaracións. A educación significa aprender a dirixir con sentido a propia vida, en palabras de D. Francisco Giner de los Ríos, e implica non so información senón tamén coñecemento, contraste, reflexión, elaboración… en definitiva, fuxir do pensamento maniqueo, da simplicidade, das receitas máxicas, das causas únicas, das ocorrencias, diga quen as diga. E por iso resulta tan frustrante, tan difícil, querer matizar, especialmente, nos medios de comunicación, porque en moitas ocasións, un titular repetido mil e unha veces, a todas horas, en tódalas cadeas, desbarata miles de esforzos porque, ó final, o que escoitamos é o enorme estrondo da árbore que cae mentres que ignoramos o son da herba que medra cada día… as malas noticias son as únicas noticias e isto da unha visión parcial ou falseada da realidade.

Non podemos solventar os temas a golpe de frase enxeñosa, crernos de verdade que a conflitividade escolar pode resolverse con tarimas, recuperando o tratamento de vostede, ou con galóns máis ou menos chamativos impostos pola autoridade política de turno. As cousas, por desgraza, non son tan simples, e eles o saben.

Ademais, non é verdade que a gran maioría do profesorado non teña autoridade ou que decline dela. Tampouco que o alumnado en xeral non respete ós seus profesores, que sexa violento ou borracho, inconsciente ou irresponsable como tantas veces se reitera. Ou que as nais e os pais pasen da educación dos seus fillos e fillas. E que os institutos sexan territorio comanche. Non é certo. Nada máis lonxe da realidade. Temos que fuxir das xeralizacións, das atribucións globais de responsabilidade, de confundir unha parte co todo, por moi rechamante que sexa, e analizar polo miúdo o que sucede, con rigor, sen prexuízos, distinguindo a palla do grao, identificando ben os problemas, asumindo que todos e todas temos porcións de razón e de culpa, e debemos ser parte da solución.

Non podemos seguir trasladando ós demais as causas dos males que percibimos no sistema educativo, que si os pais, que si os profes, que si os rapaces, que si a administración, que si os media… non basta con repetir que para educar a un neno fai falla a tribo enteira, senón crelo de verdade e obrar en consecuencia. E temos instrumentos para facelo. Mellorables, sen dúbida. Existen, desde hai anos, en todo o Estado, nas CC.AA, plans integrais de mellora da convivencia escolar, observatorios, protocolos, departamentos de orientación, equipos de mediación e tratamento de conflitos… o que sorprende é que esta realidade, a maioritaria convivencia escolar nos miles de centros educativos, non resulte visible, atractiva, interesante, recoñecible, avaliable. Isto provoca grandes doses de frustración nos educadores e nas educadoras, nas miles de persoas que se esforzan cada día, a pe de aula, por mellorar o clima escolar, por ilusionar ó seu alumnado, por facerlles ver que a educación, a cultura, o traballo ben feito, son útiles, contra todo o ambiente social e as mensaxes constantes que reciben, a cotío, en senso contrario, a fama, o éxito, o minuto de gloria, o triunfo sen esforzo, o diñeiro a mans cheas, e modelos e referentes tan edificantes como Belén Esteban ou a Campanario… mañá e tarde, a todas horas…

O ministro Angel Gabilondo, cunha traxectoria profesional dedicada á reflexión filosófica, á metafísica, está moi lonxe, ó meu parecer, do pensamento maniqueo, das solucións máxicas, das ocorrencias, e quere, como tantos docentes, un pacto de estado pola educación, que fermosa utopía, apelando á tribo enteira para cambiar o noso sistema educativo que, como non, necesita mellorar, e quere facelo con tódalas mans, con acordos, con diálogo, con consenso, pero probablemente fracase, porque os tempos educativos non son os políticos e as grandes necesidades significan tamén grandes recursos, e en épocas de crise, xa se sabe, o máis efectista resulta sacarse unha gorra da manga e impoñer a autoridade por lei.

Con moita frecuencia confundimos a auctoritas coa potestas que tan ben distinguían os romanos. A primeira ten que ver coa autoridade moral que temos que gañar cada día coa nosa profesionalidade, co bo exemplo, co respecto, coa dedicación, co cariño, cos afectos e os sentimentos, coa persuasión e a convicción, co diálogo, coa comunicación, con xenerosidade, cos nosos coñecementos, experiencia, comportamentos e condutas, sabendo e preparando a materia… esta ascendencia moral non se compra no supermercado, nin se compra nin se vende, apréndese e constrúese cada día, con moito esforzo, con ilusión, con vocación, con amor por este fermoso oficio, o de ensinar, aprender e compartir cultura, saber e sabedoría… mentres que a potestas, polo contrario, consiste nun conxunto de facultades públicas que son outorgadas, desde fora, a unha persoa de acordo cunhas formalidades ben definidas, trátase dun poder que non emana da condición persoal do titular, senón que está relacionada coa forza e a imposición coercitiva, con aquilo que Maquiavelo dicía: o príncipe debe infundir temor e impoñerse pola forza da espada… por iso, o debate sobre a autoridade debera ser moral, ético, profesional, humanista, educativo…, non simplemente administrativo ou xurídico, nin vingativo, o desquite do ’68, en palabras de Sarkozy, ou de tantos e tantas que añoran un pasado que xa está escrito…

Sinceramente estou convencido de que a maioría do profesorado ten autoridade suficiente, capacidade de persuadir e de convencer, auctoritas. E o sistema educativo, como o xurídico, a fiscalía, conta con lexislación e sentencias que protexen e respaldan ó profesorado. Os propios centros escolares teñen, ademais, recursos e mecanismos variados, plans, equipos, protocolos que permiten resolver os conflitos razoablemente ben, sen caer no victimismo, polo que non necesita investirse de potestas pública, mellor dito, que alguén externo ó propio sistema a impoña, porque, entre outras cousas, sen auctoritas non hai potestas por moito que alguén se empeñe en converternos en axentes da autoridade pública… as cousas son moito máis complexas.

Por certo, en moitos centros educativos hai docentes sen autoridade moral. Todos o sabemos. Algúns reciben moito máis respecto do seu alumnado do que merecen. É un dicir. Como existen pais e nais con moi pouca ascendencia sobre a súa prole. E médicos incompetentes, e xornalistas, e mestres… o que ten que ver coa formación inicial e permanente, co acceso, con desempeñar ou non o oficio que se quere, que se ama… pero isto merecería outro artigo.

Unha pregunta impertinente: como pais e nais, como avós e abóas, como titores e titoras, como políticos, como… temos auctoritas ??, nola gañamos cada día cos nosos comportamentos e condutas ?, ou habería que impoñérnola tamén por lei ?? ...

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, forma parte do Observatorio Galego da Convivencia Escolar e preside o Seminario Galego de Educación para a Paz. FUNDACION CULTURA DE PAZ


Enviado por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
28 de setembro de 2009 13:13
__________________________

mércores, maio 27, 2009

Folleto de promoción para o libro de texto cidadanía 6º

Benqueridas amigas e amigos:

O Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz) presenará o seu libro de texto para 6º de Primaria de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, en galego, o vindeiro XOVES, 4 DE XUÑO, ás 19:30 horas, na Librería Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes) onde esperamos saudarte persoalmente.

Tal e como podes comprobar na información adxunta, o libro de 6º de Primaria, que se implanta o próximo curso, complementa os dous anteriores, xa no mercado, correspondentes a 2º e 4º de Secundaria.

Fou coordinado por Moisés Lozano Paz, catedrático de filosofía no IES de Ames, en coautoría con Calo Iglesias Díaz, co- fundador do Seminario Galego de Educación para a Paz, profesor de instituto xubilado, escritor e experto en mediación de conflitos, e Manuel Dios Diz, Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz.

O Prólogo é de Juan José Tamayo, Director da Cátedra Ignacio Ellacuría da Universidade Carlos III de Madrid. Para máis información non dubides en poñerte en contacto con nós no 981-561956, por correo electrónico en paz@sgep.org, ou co Consorcio Editorial Galego.

Confiando en que asistas á presentación e en que consideres de utilidade o libro de texto aproveitamos para trasladar un saudo afectuoso.
Cordialmente,

Manuel Dios Diz
Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz

Enviado por:
Educación e Paz -paz@sgep.org- 27 de maio de 2009 09:37

FUNDACIÓN CULTURA DE PAZ
Rúa do Valiño 13- 1º
SANTIAGO DE COMPOSTELA
www.sgep.org

_________________

Accede ou Baixar o Folleto en formato -pdf- dos Arquivos Ártabros
_______________________

mércores, xaneiro 28, 2009

30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz

Por Manuel Dios Diz [*]

Colexios e institutos galegos, desde hai xa moitos anos, veñen celebrando o Día Escolar pola Paz, no aniversario da morte de Gandhi, unha traxedia que tivo lugar o 30 de Xaneiro de 1948, en Nova Delhi, a mans dun mozo extremista hindú de nome Nathuram Godsé. Foi, como sabemos, un asasinato político, un magnicidio, no mesmo ano en que a Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobaba a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, un texto extraordinario, probablemente o máis influínte e duradeiro do século XX, pero tamén o máis violentado.

Un texto acordado no que Gandhi interveu de maneira notable xunto con outras grandes personalidades da época, de diferentes culturas e civilizacións, entre elas, Eleonor Roosevelt, a viúva do presidente norteamericano falecido en Abril de 1945. Ela foi a presidenta da Comisión Redactora que en Setembro de 1948 remitiu o borrador rematado á Asemblea Xeral.

O proceso de aprobación non foi fácil. Os debates se prolongaron aínda que tiveron a grandeza do consenso. Foran dous anos enteiros de traballo, 81 reunións, 168 emendas, máis de 1400 votos particulares. O momento máxico chegou precisamente o 10 de Decembro de 1948 cando, por fin, a Declaración Universal se aprobaba sen un so voto en contra, aínda que 8 estados decidiron absterse.

O pasado 10 de Decembro conmemoramos o seu 60 Aniversario (1948-2008), con iniciativas moi diversas que os centros escolares, sobre todo os máis dinámicos, promoveron, arredor dos valores que a Declaración proclama. Entre outras, a que celebramos no Consello da Cultura Galega e na que moi diversas personalidades (e tamén xente do común) leron –conxunta e solemnemente, os 30 artigos e o seu marabilloso Preámbulo:

... Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos ten orixinado actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade; e que se ten proclamado, como a aspiración máis elevada do home, o advenimento dun mundo no que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gozen da liberdade de palabra e da liberdade de crenzas...

No Seminario Galego de Educación para a Paz, desde 1985, vimos traballando -de maneira ininterrumpida- na sensibilización social e na divulgación dos dereitos humanos entre o profesorado e na comunidade educativa, na idea de que é unha extraordinaria ferramenta didáctica para a educación nos valores cívicos e democráticos, así como no que nós chamamos Cultura da Paz, un concepto que non só abrangue a educación para a paz, os dereitos humanos e a democracia, senón tamén, a superación da exclusión e da pobreza, que está en íntima relación cos Obxectivos do Milenio, tan urxentes como incumpridos; no diálogo intercultural, sen dúbida o máis relevante dos fins da Alianza de Civilizacións; ou na consolidación da paz e a solución pacífica de conflitos, facendo fincapé, sobre todo, na prevención dos mesmos.

Coñezo a moitos cidadáns e cidadás que viven nun estado de auténtica indignación. ¿E como non vai a indignarse a cidadanía vendo como proliferan os fondos económicos para o rescate do sistema financeiro internacional, en cantidades que son incomprensibles para o común dos mortais, mentres que se escatiman as axudas para combater a pobreza e a fame, a mortalidade infantil nos países máis empobrecidos por enfermidades que están superadas en Occidente, ou a SIDA, particularmente endémica en África; o analfabetismo crónico, o acceso ós bens máis elementais por parte da maioría da poboación mundial ou para conseguir frear o cambio climático que algúns negan, de maneira certamente exótica nos tempos que corren?. Indignación que aumenta cando observamos, desde hai tantos anos, tantas e tantas promesas incumpridas, tantas mentiras, tantos enganos cos países máis desfavorecidos... e mentres, os paraísos fiscais están cheos a rebentar...

Alguén tivo a xenialidade de dividir os millóns de euros e de dólares canalizados para o rescate dos bancos en todo o mundo, na primeira provisión de recursos, unhas cantidades seguidas de moitos ceros, de dividilos, digo, entre todos os habitantes do planeta, algo máis de 6.500 millóns de persoas. E, ¡vaia sorpresa!. Resultou que todos e cada un de nós, seriamos, automaticamente, millonarios, con mais de 100 millóns por persoa !!!.

Na Educación para a Paz distinguimos moitos tipos de violencia. Pero si tiveramos que resumilos en dous, falariamos da coñecida como “violencia directa”, aquela que percibimos inmediatamente como tal (unha agresión, unha violación, un avión petando contra das torres xemelgas...), e a que denominamos como “violencia estrutural”, moito máis opaca, máis difícil de identificar, máis sutil, aquela que ten que ver coas inxustizas, tal e como afirma a vella máxima, tan certa, de que “as inxustizas de hoxe son as guerras de mañá”. Porque condenar a dous terzos da poboación mundial á miseria e á fame, iso é violencia estrutural. Facelo ademais mentres priorizamos o rescate dun puñado de tramposos, sen responsabilidade algunha, máis que indignante...

Tódalas persoas de ben aborrecemos do terrorismo e da violencia para acadar obxectivos políticos, incluído o terrorismo de Estado. E si existe hoxe un Estado que practique de maneira criminal a violencia indiscriminada e desproporcionada, sen escrúpulo moral algún, sen respecto polas elementais normas da guerra (que vergoñento resulta falar disto), ese é o Estado sionista de Israel, a quen a comunidade internacional segue a dar bula e licencia para matar sen compaixón, violando sistematicamente a legalidade internacional, burlándose dos Dereitos Humanos e das mesmas Nacións Unidas, un Estado a quen rearman constantemente os Estados que se sentan no Consello de Seguridade, sobre todo e principalmente os EE.UU.

E que ninguén pense, nin por un momento, que o que veño de dicir, pretende abalar a violencia de Hamás ou calquera outra. Nada máis lonxe da realidade. É o pobo de Gaza, Palestina enteira, a que escolle a súa representación lexítima, e a Comunidade Internacional debe aceptalo, democraticamente, non só cando gañan aqueles que apoian, sobre todo por egoísmo lúcido, para que os fundamentalistas violentos transiten, o máis rapidamente posible, cara a acción política.

Por iso, neste 30 de Xaneiro, no Día Escolar pola Paz, como o pasado 10 de Decembro, Día dos Dereitos Humanos, temos a oportunidade de reflexionar e de actuar. Porque sendo importante a reflexión non é suficiente coa análise, co debate. Debemos intervir, ser protagonistas e non tan só espectadores, especialmente, para que nos oian e tamén para que nos escoiten, para contar nas decisións e non só para que nos conten...como acostuma a repetir Federico Mayor Zaragoza.

Está ben que aproveitemos a ocasión (e todos os días) para traballar co noso alumnado sobre a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, sobre todo, neste ano 2009, consagrado por Nacións Unidas como Ano Internacional da Aprendizaxe dos Dereitos Humanos, que paradoxo, e non só no marco da nova materia de Cidadanía e Dereitos Humanos, que empezará en 6º de Primaria o curso que ven, senón de xeito transversal, en todas as áreas e materias, con actividades de aula e colectivas, para culminar nese día, a tarefa e os esforzos de todo un ano.

O Seminario Galego de Educación para a Paz, directamente e na súa web, ofrece numerosos materiais didácticos para esta conmemoración e anima a actuar en solidariedade, nesta ocasión, con colexios e institutos de Gaza, ou a remitir cartas de protesta, peticións de rectificación, de sancións e indemnizacións, á embaixada israelí en España, ó Secretario Xeral das Nacións Unidas, ó noso goberno, porque como di o novo presidente norteamericano, yes we can, xuntos podemos, porque outro mundo é non só posible senon necesario...

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz e dirixe a Fundación Cultura de Paz en Galicia.

Rúa do Valiño 13- 1º
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Tfno: 981-561956
__________________

domingo, xaneiro 18, 2009

Manifesto Unitario para a Manifestación Nacional Por Palestina do Domingo 18 de Xaneiro de 2009

De: Educación e Paz
Para: artabra21@gmail.com
Data: 16 de janeiro de 2009 12:20
Asunto:Manifesto Unitario para o Domingo 18



Benqueridas amigas e amig@s:

Achego copia do Manifesto Unitario aprobado finalmente na reunión de onte, día 15, que será lido no remate da Manifestación do domingo, na Praza da Quintana de Compostela, así como a relación de organizacións convocantes por orde alfabética.

Agradecemos a máxima difusión posible.

Cordialmente,

Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACION CULTURA DE PAZ
www.sgep.org

COMUNICADO UNÁNIME:

GALIZA CON PALESTINA
NON AO MASACRE!
ALAMEDA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA DOMINGO, DÍA 18 DE XANEIRO, ÁS 12:00 HORAS

A actual intervención do exército israelí na franxa de Gaza non é máis que a continuación da política de exterminio do pobo palestino que o sionismo ven practicando dende que logrou que o peor imperialismo europeo e norteamericano inventara o Estado de Israel. Estamos, unha vez máis, diante dun episodio de violencia indiscriminada e bárbara, unha auténtica matanza, contra a poboación civil, e contra as súas organizacións de resistencia.

Esta non é unha guerra, non existen exércitos enfrontados, nin igualdade de forzas. Esta é unha agresión militar por parte dun estado IMPERIALISTA armado e financiado por Norteamérica e Europa, que conta cun poderosísimo exercito e ataca por terra, mar e aire a un pobo sen outra defensa que o heroísmo e sacrificio dos seus mal armados milicianos, e que nin sequera ten a posibilidade de fuxir.

Os verdugos teñen nome coñecido e as vítimas tamén, cóntanse por miles, entre as mortes e as persoas feridas. A vulneración dos dereitos humanos, a violación sistemática da legalidade internacional, dos acordos de paz e das resolucións das Nacións Unidas teñen un nome inequívoco, o Estado Sionista de Israel.

Trátase, xa que logo, dun auténtico masacre, sen escrúpulo moral algún, sen respecto pola poboación máis indefensa, as persoas anciáns, nenas e nenos, mesmo cooperantes internacionais. Tampouco respectan nin as mesquitas, hospitais ou mesmo escolas, as escolas das Nacións Unidas, con identificación oficial, con coordenadas coñecidas e transmitidas, onde estaban refuxiados do horror centos de cativos e cativas palestinas. O sionismo non coñece límites.

O exército e o goberno israelí, sabémolo ben, son expertos tamén na ocultación da verdade, contan con axentes moi poderosos. Resulta escandaloso que manifesten que as accións militares actuais son resposta ao lanzamento de foguetes caseiros desde Gaza. Menten coma sempre!!! ¿non sabemos que Israel rompe as treguas sistematicamente? ¿acaso non coñecemos a política de asasinatos selectivos das persoas dirixentes palestinas, practicada por Israel nos últimos anos? ¿De destrución das vivendas e das súas familias?

Xa coñecemos que tipo de loita é, balas contra pedras, tanques e mísiles contra a poboación civil, ocupación militar dos territorios palestinos, máis colonizacións fronte dos acordos de paz.

Son centos e miles : as palestinas e os palestinos asasinados; as presas e os presos; as torturadas e os torturados nas cadeas israelís; as mortes como consecuencia do bloqueo, as persoas que a diario son vexadas e inspeccionadas.

En ningún caso a morte de civís está xustificada, nin a violación sistemática dos dereitos humanos, nin a ocupación militar dos territorios palestinos, nin a vulneración permanente das resolucións das Nacións Unidas. O estado de Israel non ten credibilidade algunha.É probablemente o estado do mundo que máis ten violentado a legalidade internacional, negado unha solución política a un conflito que se dilata inxustificadamente no tempo. Cada vez quedan menos persoas no mundo que podan crer as mentiras israelís. Indigna pensar que a brutal ofensiva militar israelí actual teña que ver coa súa propia axenda electoral. Traficar mortes por votos fai que abominemos aínda máis do sionismo e das súas prácticas.

Esiximos das institucións da comunidade internacional, da UE e do Estado Español que obriguen a Israel a deter o masacre, a cesar inmediatamente todos os ataques e bombardeos sobre os territorios e a poboación palestina, a propiciar un alto o fogo inmediato e a levantar o bloqueo de Gaza abrindo todos os pasos internacionais para que poida chegar axuda urxente aos homes e mulleres da castigada Franxa de Gaza.

O pobo galego está co pobo palestino, apoia e recoñece o seu dereito á existencia e a ter un estado propio, a elixir libremente a súa representación e que esta sexa recoñecida pola comunidade internacional, incluído Hamás, e finalmente, apoia o regreso das persoas palestinas refuxiadas aos seus fogares.

O estado español, a UE, a comunidade internacional no seu conxunto, ata agora cómplices do sionismo ou pasivos ante a traxedia palestina, teñen a obriga moral e política de impoñer a Israel o respecto escrupuloso polas resolucións de Nacións Unidas, con toda firmeza, con medidas de boicot comercial, con ruptura inmediata das relacións diplomáticas e coa expulsión da embaixada sionista. Desde logo, non podemos seguir a tolerar que Israel ocupe territorios, masacre á poboación civil palestina; non podemos tolerar que se siga comprando e vendendo armas aos sionistas como está a facer España e outros estados que se sentan no Consello de Seguridade da ONU.

Galiza enteira reclama a persecución xurídica nos tribunais internacionais dos criminais israelís, civís e militares, responsables desta matanza indiscriminada, un auténtico crime contra da humanidade.

E esiximos ademais:
  • Que se impulsen políticas activas de solidariedade en favor de Palestina.
  • Que a Xunta de Galicia se pronuncie contra Israel e a favor do pobo palestino.
  • Que se declaren á embaixada e o Goberno Israelí non gratos en todo o territorio galego no seu conxunto; e concello por concello,
  • E que os medios de comunicación e a prensa internacional informen con imparcialidade e non a favor do sionismo .
¡ALTO A AGRESIÓN! ¡VIVA O POBO PALESTINO! ¡VIVA PALESTINA!
_________________________

mércores, xaneiro 07, 2009

Convocada unha Manifestación Nacional por Palestina, o Sábado 17 de Xaneiro, en Compostela

NOTA IMPORTANTE.-

A manifestación Nacional en Compostela queda adiada para o Domingo 18 de Xaneiro, despois de celebrada unha segunda reunión en Compostela.


De: Educación e Paz -paz@sgep.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 7 de janeiro de 2009 21:07
Asunto: ACORDOS REUNION PRO PALESTINA



ACORDOS REUNIÓN PRO PALESTINA


Benqueridas amigas e amigos:

A reunión autoconvocada empezou coa explicación do Seminario Galego de Educación para a Paz do obxecto da convocatoria, das entidades convocadas (as que formaban ou forman parte da Coordinarora Galega pola Paz, da Iniciativa polos Dereitos Humanos, da Coordinadora Galega de ONGDs, do Foro de Inmigración e da Fundación Araguaney, así como ás entidades do Foro Social Galego). E da necesidade de dar unha resposta unitaria e nacional á matanza palestina en Gaza e de garantir a máxima participación posible da cidadanía.

Asistiron representantes das seguintes organizacións:

Esculca, Marcha Mundial das Mulheres, Ciberirmandade, CNT, Fundación Araguaney, Seminario Galego de Educación para a Paz, Fundación Galiza Sempre, Foro Galego de Inmnigración, Coordinadora de Crentes Galegos, Médicos do Mundo, Solidariedade Internacional, ACSUR Galiza, Mundo sen Guerras, Partido Humanista e Dina 3.

Non puderon asistir pero se adhiren:

Altermundo e CC.OO.

Tomáronse os seguintes ACORDOS:

1º.- Realizar unha MANIFESTACION NACIONAL en Santiago de Compostela, ás 12:00 horas da mañán, o vindeiro Sábado, día 17 de Xaneiro, saíndo da Alameda e rematando na Quintana.
2º.- Establecer un lema común, asumible polas organizacións, de inequívoco apoio ó pobo palestino e de condea pola masacre do sionismo en Gaza.
3º.- Encomendar ó Seminario Galego de Educación para a Paz para que faga unha proposta de lema e de Manifesto que será remitido mañán a tódalas organizacións.
4º.- Facer a comunicación á delegación do goberno (Esculca)
5º.- Lerán o Manifesto no remate da Manifestación María Bouzas ou Mabel Rivera (xestiona a Fundación Araguaney)
6º.- Faranse cuñas de radio na cadea SER e na Radio Galega (Fundación Araguaney)
7.- Contactarase cos medios, con periodistas concretos (AGARESO) para que animen a convocatoria.
8º.- A pancarta de cabeza levarana representantes de organizacións palestinas en Galicia. A continuación irán representantes das entidades convocantes.

En relación con outra convocatoria de reunión promovida polo COSAL en Sargadelos acórdase tentar facer unha única Manifestación e levarlle os acordos e as entidades que estiveron nesta para evitar duplicidades (encárgase Solidaridade Internacional).

A convocatoria está aberta a tódalas organizacións, entidades, partidos, sindicatos... que queiran incorporarse.

Prégase a maior difusión e comunicar a este correo electrónico as novas organizacións convocantes.

Sen máis, recibide unha aperta cordial.

Atentamente,

Manuel Dios Diz
Seminario Galego de Educación para a Paz.
_______________________

venres, xaneiro 02, 2009

Alberto Arce desde Gaza: para que teñades o meu telefono e reenviedes a todo o mundo

De: Educación e Paz -paz@sgep.org-
Para: artabra21@gmail.com

Data: 29 de Dezembro de 2008 11:39

Asunto: Alberto Arce DESDE GAZA: para que teñades o meu telefono e reenviedes a todo o mundo



Alberto Arce DESDE GAZA: para que teñades o meu telefono e reenviedes a todo o mundo

Benqueridas amigas,
Benqueridos amigos:

Replicamos esta información dramática desde a convicción de que o pobo palestino non merece esta parálise da comunidade internacional.

Tódolos esforzos solidarios, de sensibilización e de acción pacífica son necesarios.

Non podemos tolerar esta barbarie.

Agradecemos a máxima difusión.

Manuel Dios Diz
Seminario Galego de Educación para a Paz.
FUNDACION CULTURA DE PAZ

----- Original Message -----
From: Augusto Serrano
To: Undisclosed-Recipient:;
Sent: Sunday, December 28, 2008 7:14 PM
Subject:[Palestina] Alberto Arce DESDE GAZA: para que teñades o meu telefono e reenviedes a todo o mundo


AQUÍ VAI O CORREO QUE NOS MANDA ALBERTO DESDE GAZA. ABAIXO, TRAS AS SÚAS PALABRAS, ESTÁ O COMUNICADO CON TESTEMUÑOS D@S COOPERANTES QUE ESTÁN ALÍ NESTES MOMENTOS.

¡DÁDELLE DIFUSIÓN!

O que contan é moi dramático, pero o mundo ten que sabelo...

Laura

--- On Sun, 12/28/08, nonviolence project -nonviolenceproject@gmail.com- wrote:
From: nonviolence project -nonviolenceproject@gmail.com-
Subject: [causapalestina] de alberto desde Gaza, para que tenñades o meu telefono e reenviedes a todo o mundo
To: causapalestina_lista@listas.nodo50.org, chai_pcd@yahoo.es, "ejverdu@sodepaz.net" -ejverdu@sodepaz.net-, areainternacional@uso.es
Date: Sunday, December 28, 2008, 2:47 AM


Un abrazo desde Gaza para todos e todas.

Onde queda agora o silencio do noso goberno, os sorrisos e as palabras vacias de quen consente.

Trátase dun autentico golpe de estado desde o aire, indiscriminado, contra un goberno democraticamente elixido, e o mundo apóiao.

Os palestinos ensinaron-me onte a palabra "malauia": O espiritu de quen é optimista con firmeza.

Aquí estamos, como testemuñas, para pór os nosos ollos e nosas a voces ao servizo da verdade. Non hai xornalistas occidentais.

Quen queira saber o que pasa na cidade que nos chame.

Abrazos a todos e todas !

---------- Mensagem reenviado ----------
De: alberto arce -albarce@gmail.com-
Para: alberto arce -nonviolenceproject@gmail.com-
Data: 28 de Decembro de 2008 11:37

Asunto: TESTIMUÑOS EN GAZA


PARA DIFUSIÓN INMEDIATA:

Cooperantes Internacionais que traballan en defensa dos Dereitos Humanos na Franxa de Gaza testifican sobre os acontecementos das últimas horas: 27 de decembro de 2008, Cidade de Gaza.

Cooperantes e activistas do Movemento Internacional de Solidariedade están sendo testemuños dos ataques do exército israelí sobre a poboación da Franxa de Gaza. Estes testemuños teñen unha especial relevancia, dado que durante os últimos meses o exército israelí denegou a entrada a numerosos medios de comunicación e axencias internacionais de cooperación.

Hai poucos testemuños da masacre que se está vivindo.

Algúns deles son os integrantes do proxecto: "Free Gaza", (www.freegaza.org) un grupo de observadores internacionais de dereitos humanos, políticos, membros de diversas ONGs e xornalistas que abriron, co apoio de centos de doazóns de todo o mundo, unha vía humanitaria por mar para conectar Chipre co porto de Cidade de Gaza. A través desta vía entregan medicamentos aos hospitais da franxa e pretenden sensibilizar á comunidade internacional sobre as consecuencias humanas do bloqueo de Gaza:
  • "Durante os ataques, estaba na rúa Omar Mukhtar e fun testemuño de como un lanzagranadas caía a 150 metros de min. Había xente intentando socorrer ás vítimas doutro ataque, e o lanzagranadas atacou aos voluntarios que socorrían aos feridos. A situación nos hospitais é dramática. Ambulancias, camións e coches están traballando ao tempo no traslado dos feridos aos hospitais e en liberar camas nos hospitais trasladando aos enfermos ás súas casas. No depósito de cadáveres non hai espazo. Faltou sangue para facer transfusións. Acabo de darme conta de que entre tod@s os civís asasinad@s hoxe estaba a nai dun bo amigo do campo de Jabalya." Eva Barlett (Canadá) do Movemento Internacional de Solidariedade.
  • "Todos os hospitais da franxa de Gaza están saturados de feridos, e non hai nin medicamentos nin capacidade para tratalos. Hoxe estamos asistindo a crimes contra a humanidade e a unha violación sistemática dos Dereitos Humanos. O mundo debe actuar agora e intensificar as chamadas ao boicot, á desinversión e as sancións contra Israel; os gobernos deben pasar da condena destes ataques a obrigar a Israel a acabar co bloqueo de Gaza". Alberto Arce (España) do Movemento de Solidariedade Internacional
  • "O depósito de cadáveres do Hospital de Shifa non ten espazo para os cadáveres que van chegando. Hai partes de corpos distribuídos por todo o hospital"- Dr. Haidar Eid, (Palestino, de Sudáfrica) Profesor de Estudos culturais e sociais da Universidade Al Aqsa de Gaza.
  • "As bombas empezaron a caer cando @s nen@s estaban volvendo da escola. Saín fóra e atopeime un nena aterrorizada de apenas 5 anos que saltou aos meus brazos". Sharon Lock (Australia) do Movemento de Solidariedade Internacional
  • "É terriblemente triste. Esta masacre non traerá seguridade nin permitirá formar parte ao Estado de Israel de Medio Oriente. As chamadas á vinganza xa se escoitan por todas partes" Dr Eyad Sarraj- Presidente do Centro de Saúde Mental da franxa de Gaza.
  • "Mentres falo, eles derrubaron un edificio a 200 metros de aquí. Hai fume por todas partes. Esta mañá fun ao edificio á beira de onde vivo en Rafah que foi destruído. Dúas escavadoras estaban limpando a zona. Pensaban que xa atoparan todos os corpos, mais cando chegamos, atoparon un máis". Jenny Linnet (Reino Unido) Movemento de Solidariedade Internacional.

Cooperantes Internacionais que poden ser contactados na Franxa de Gaza:
  • Alberto Arce, (Español, Inglés): 972 59 8786094
  • Dr. Eyad Sarraj (Árabe e Inglés) 00972599400424
  • Ewa Jasiewicz, Coordinador de Free Gaza (Pólaco, Árabe e Inglés) 00972598700497
  • Dr. Haider Eid, Sudafricano (Inglés y árabe) - + 972 59 9441766
  • Sharon Lock- Australiano (English) - +972 59 8378945
  • Vittorio Arrigoni- Italian (Italian) - +972 59 8378945
  • Fida Qishta- Palestinian (English and Arabic) +972 59 9681669
  • Jenny Linnel- British (English) - +972 59 87653777
  • Natalie Abu Shakra- Lebanese(Arabic and English) 0598336328
  • Eva Bartlett, Canada (English) 0598-836308

Luca Gervasoni
NOVA - Social Innovation Centre Peace Building and Active Nonviolence Co-director
Office: +34 934 049 085
Cell Phone: +34 699 48 48 09
Skype: lucanonviolence
luca@novacis.org
www.nova.cat

____________
alberto arce
www.freegaza.org
www.palsolidarity.org
www.thebilbaoinitiative.org
http://www.iecah.org/cvautor_equipo.php?id=41
__________________

mércores, novembro 05, 2008

60 aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos 1948-2008

De: Educación e Paz -paz@sgep.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 5 de novembro de 2008 11:19
Asunto: 60 ANIVERSARIO DA DECLARACION UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS (1948-2008)



60 ANIVERSARIO DA DECLARACION UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS (1948-2008)

Benquerida amiga, benquerido amigo:

Achego en arquivo adxunto o Cartel e a Declaración que o Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz) elaborou en relación co 60 ANIVERSARIO DA DECLARACIÓN UNIVERSAL DOS DEREITOS HUMANOS que, como sabe, terá lugar o vindeiro 10 de Decembro.

Tamén poderá atopar un amplo Programa de Actividades en relación con esta conmemoración.

Ademais, na páxina web: www.sgep.org poderá entrar no apartado específico creado con este motivo onde, permanentemente, iremos incorporando materiais, documentos, propostas didácticas, videos, cancións que, sen dúbida, serán de axuda nas iniciativas e actividades que no seu ámbito organice e promova.

Agradecendo de antemán a súa colaboración na difusión desta proposta, aproveito para trasladarlle un saúdo cordial.

Atentamente,

Manuel Dios Diz
Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz.
FUNDACIÓN CULTURA DE PAZ

[Clicar acima das imaxens para ampliar]