Amosando publicacións coa etiqueta Seminario Galego de Educación para a Paz. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Seminario Galego de Educación para a Paz. Amosar todas as publicacións

venres, novembro 27, 2009

Co motivo do o 61 Aniversario da Declaración Universal dos Dereitos Humanos de 1948


O vindeiro 10 de Decembro celébrase o "Día Internacional dos Dereitos Humanos", nesta ocasión, conmemoramos o 61 Aniversario da Declaración Universal de 1948.

No ano 2009, ademáis, tanto a Convención dos Dereitos de Nenos e Nenas (1989) como a Declaración previa de 1959, cumpren, respectivamente, 20 e 50 anos.

Como ven sendo habitual, o Seminario Galego de Educación para a Paz organiza un Acto Cívico conmemorativo no Consello da Cultura Galega, o propio día 10 de Decembro, a partir das 11:00 horas.

O Acto conta coa colaboración do Colexio de Abogados de Santiago de Compostela, de UNICEF e do propio Consello da Cultura Galega.

Haberá  intervencións institucionais, música, leitura pública da Declaración Universal de 1948 a cargo de distintas personalidades da cultura, da sociedade civil, artistas, escritoras, cidadáns e cidadás, así como nenas e nenos dos colexios e institutos de Santiago que lerán a súa propia Declaración de Dereitos.

Seminario Galego de Educación para a Paz
www.sgep.org
__________________

xoves, outubro 22, 2009

Acto Pacifista en Compostela con motivo do paso por Galiza da Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia


  • ACTO PACIFISTA EN COMPOSTELA
  • DOMINGO, 25 DE OUTUBRO, 12:30 HORAS
  • TEATRO PRINCIPAL

PROGRAMA

Presentación
  • Begoña Fontenla (TVG)
  • Entrega da gaita galega que percorrerá o mundo coa Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia
Actuación de:
  • Pepe Ferreirós (Milladoiro)
Intervencións institucionais:
  • Leitura do Manifesto de Compostela pola Paz Mundial e a Xustiza, por Manuel Dios Diz (Seminario Galego de Educación para a Paz)
Intervencións poéticas:
  • Luis González Tosar
  • Marilar Alexandre
  • Concha Rousia
Contacontos:
  • Anxo Moure (Bicis pola Paz)
Intervencións Musicais:
  • Pepe Costenla
  • Xoán Curiel
  • No title (Loli e Leo)
  • Emilio Rúa
Clasura:
  • Pepe Ferreirós: Himno Galego
_______________________

Manifesto de Compostela pola paz mundial e a xustiza
25 de Outubro de 2009
Con motivo da Marcha Mundial pola Paz e a Non Violencia

Cada día morren 35,000 nenos de fame no mundo segundo a FAO. É un xenocidio de proporcións impresionantes, ao que asistimos impasibles, moitas veces sen inmutarnos. Ao mesmo tempo, calcúlase que o gasto diario en armamento é de 3.000 millóns de dólares e os subsidios agrícolas dos Estados Unidos e da Unión Europea roldan os 800 millóns diarios. Afirman que non hai fondos para o tratamento da SIDA, para acadar os Obxectivos do Milenio, para rematar coa pobreza e a miseria ... pero os Estados veñen de sair ó rescate das institucións financieiras e dos cobizosos que provocaron, coa súa ambición desmedida, o desplome da economía capitalista internacional.

Os enormes beneficios do complexo industrial bélico e militar dirixen en boa medida a economía mundial. Porque seguimos a vivir nunha economía de guerra. De feito, persisten máis de 35 conflitos armados no mundo, algúns especialmente longos e xeradores de enorme inestabilidade internacional, como é a ocupación israelíta dos territorios palestinos, a guerra de Afganistán e Iraq, ou Chechenia, por citar tan só algúns dos máis relevantes.

Derogar a guerra segue a ser un imperativo moral do século XXI.

É urxente compartir xustamente. Non hai mellor caldo de cultivo da radicalización, a animadversión e a agresividade que a humillación e a exclusión. A violencia non se xustifica, nin pode lexitimarse, pero as súas orixes deben de examinarse atentamente. 

Cómpre fortalecer o multilateralismo e dotar ás Nacións Unidas dos medios e autoridade necesarios para emprender un gran plan global de desenvolvemento en beneficio de todos.

O Norte, primordialmente, séguese a enriquecer cos recursos naturais de países aos que empobrece progresivamente e cuxa cidadanía se ve forzada a emigrar en circunstancias que con frecuencia constitúen un agravio á súa dignidade e atopando na dura viaxe a hostilidade e a restrición das leis dos Estados que, curiosamente, os explotan (Directiva da Vergoña).

Non é con votos cautivos, con obediencia cega e con temor e medo como se constrúe e consolida a democracia xenuína. Non é con guerras de cobiza, con demostracións de forza, accións bélicas e invasións dirixidas por intereses económicos e enerxéticos -que xeran unha espiral de violencia, de acción e reacción, de intervención e represalia- como podemos facer fronte aos grandes desafíos e asimetrías de todo orde que presenta a situación mundial. 

Os gobernantes abdicaron das súas responsabilidades políticas, substituíndo valores universais polas leis do mercado. O resultado foi a concentración da riqueza nunhas cantas mans e a ampliación das fendas sociais e económicas. 

¡NON Á POBREZA!

Hai que esixir aos gobernantes, a través dun auténtico clamor a escala mundial, que dean prioridade ao cumprimento dos Obxectivos do Milenio e o remate da carreira armamentística. Chegou o momento da non resignación, da implicación persoal. 

Proclamamos, unha vez máis, que non xustificamos os atentados e a violencia, veña de onde veña. Condenamos todo tipo de terrorismo: o dos grupos ocultos nas sombras e o terrorismo de Estado. Utilizouse a tortura, o trato cruel e degradante, violando reiteradamente o dereito internacional e humanitario. 

É necesario que a Comunidade Internacional poña fin á barbarie, ás masacres. Como se establece na Carta das Nacións Unidas son os pobos os que deben decidir sobre o seu destino. Debemos sumar con rapidez voces de todos os pobos do mundo para dicir:

¡BASTA! Á GUERRA E Á VIOLENCIA

Calamos en exceso. Agora acabouse o silencio. Os pobos elevarán a súa voz. A guerra é unha traxedia para todos. É urxente desarmar a razón armada. Hoxe máis que nunca son necesarios a capacidade de diálogo e de alianza, o compromiso de intentar a resolución pacífica de conflictos, fomentando actitudes de encontro e respecto aos demais, mediante a aplicación cotiá dos DereitosHumanos sustituíndo a violencia, a forza e a imposición pola Cultura da Paz

É necesario cambiar o curso dos acontecementos a través de accións colectivas, desenvolvendo a solidariedade entre os pobos. É urxente que os intelectuais, artistas, educadores, científicos .... abandonen a súa pasividade e pasen á acción. Só así os seus escritos e as súas palabras será cribles e poderán contribuír a sumar os seus esforzos aos de moitos outros para deter a tolemia da guerra, da confrontación e da violencia. 

Chegou o momento da xente. E, sobre todo, dos mozos, dos homes e mulleres que reclaman outro mundo posible. As institucións e medios de comunicación deben axudar á cidadanía mundial para que, por fin, deixen de ser espectadores e desempeñen a súa función de protagonistas no deseño do futuro. Os gobernantes, parlamentarios, membros dos Consellos Municipais ... teñen unha especial responsabilidade neste cambio histórico. 

Chegou tamén o momento das culturas e das relixións máis diversas para que, unidas pola solidariedade e o amor ao próximo que lles é inherente, se poñan a vangarda do rescate da dignidade humana. 

É necesario que os pobos asuman a resistencia social, cultural, política e espiritual a través de mobilizacións, da non cooperación á violencia e inxustiza, de sumar esforzos con outros pobos e denunciar aos responsables de dominacións e da dor que afecta a humanidade. 

Hai que poñerse en pé, en pé de paz e camiñar cara a novos horizontes de vida e non de morte. Malia todo, esa é a esperanza.

E a Marcha Mundial pola Paz e a non violencia é unha ocasión máis de poñernos en pé de paz e de camiñar xuntos pola xustiza, a paz e a solidariedade. E aquí estamos en Compostela organizacións moi diversas unidas polo noso compromiso inequívoco coa cultura da paz e a non violencia, para sustituír a forza pola palabra, a imposición polo diálogo, a confrontación pola negociación.

Por canto antecede, coa mirada posta nas xeracións vindeiras, facemos un chamamento a todos quen se sentan igualmente concernidos para que manifesten pacificamente, a través de todos os medios ao seu alcance, presenciais e virtuais, a súa adhesión á paz:

Neste sentido reivindicamos:

1º.- O desarmamento nuclear a nivel mundial

2º.- O retiro inmediato das tropas invasoras de tódolos territorios ocupados.

3º.- A reducción progresiva do armamento convencional.

4º.- A sinatura de tratados de non agresión entre países.

5º.- A renuncia dos gobernos a utilizar as guerras como medio para resolver os conflictos.

5º.- O rexeitamento de toda forma de violencia.

Reafirmamos hoxe o noso compromiso coa paz e a non violencia e dicimos, de novo,

NON Á GUERRA E Á VIOLENCIA!

SI Á PAZ E Á XUSTIZA!


 ASINAN A PRESENTE DECLARACIÓN:
  • AIS O PETO
  • ASOCIACION CULTURAL WIPALA
  • CC.OO DE GALICIA
  • COLEXIO DE EDUCACION SOCIAL
  • COLEXIO DE PSICOLOXÍA SOCIAL
  • COORDINADORA GALEGA POLA PAZ
  • FORO GALEGO DA INMIGRACION
  • FUNDACION CULTURA DE PAZ
  • INICIATIVA POLOS DEREITOS HUMANOS
  • IRIMIA
  • MEDICOS DO MUNDO
  • MUNDO SEN GUERRAS
  • OSPAAAL GALICIA
  • SEMINARIO GALEGO DE EDUCACION PARA A PAZ
  • UGT GALICIA
  • XENEME INTERVENCION SOCIAL
Información elaborada coa enviada por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
www.sgep.org
21 de outubro de 2009 13:30
________________________

luns, setembro 28, 2009

"Autoritas ou potestas?", un artigo de Manuel Dios a mantenta do debate sobre a autoridade do profesorado


En relación co debate sobre a autoridade do profesorado

Por Manuel Dios Diz [*]
28.09.2009

Resulta imposible resumir nun artigo todo o que suscita un debate sobre a autoridade do profesorado que, polo demais, non é novo. Habería que enmarcalo nunha reflexión máis global sobre a sociedade, sobre o fracaso (social e escolar), sobre o rol que xogamos cada quen, e de maneira máis particular, sobre a propia comunidade educativa que xa non se circunscribe ós pais e ás nais, ós docentes e ó alumnado, porque hoxe, como sabemos, existen novos axentes, algúns moi activos e poderosos, na transmisión de valores (positivos ou negativos) como son, por exemplo, os iguais, os media ou a publicidade. Con todo aportarei algunha reflexión.

A escola, o instituto que coñecemos e lembramos os adultos, digamos de mediana idade, moi pouco ten que ver cos actuais. Basta escoitar os comentarios dalgunhas personalidades públicas nestes días para decatarse do lonxe que están da realidade educativa actual. Entre outras cousas, porque a sociedade cambiou extraordinariamente e de maneira moi rápida, como nós mesmos, e porque agora van ó instituto tódolos alumnos e alumnas, non unha minoría seleccionada, como noutras épocas. Falamos da totalidade dos rapaces e rapazas en idade escolar, é dicir, dos que queren estudar, dos que valoran o esforzo e o saber, dos que proveñen de ambientes económicos e culturais acomodados, e daqueles que viven en familias desestructuradas, xunto cos que obxectan, os que asisten por obrigación, os que arrastran carencias relevantes (afectivas, económicas, culturais …), e os superprotexidos, os da chave, os emperadores, os amos, os que viven a violencia (de xénero e outras) como modelos, os hiperactivos, os que teñen dificultades, os que aborrecen da imaxe que a escola lles devolve de si mesmos … todos e todas sen excepción, especialmente na escola pública. Isto, simplemente isto, cambiou por completo os colexios e os institutos. E moitas persoas seguen sen comprendelo, moito menos asumilo.

Si algo compartimos é que non debemos lexislar a golpe de titular nin tampouco en función da alarma social xerada. Non parece o máis sensato. A educación manexa (ou debe manexar) tempos moi distintos dos que utiliza o xornalismo ou a política. O profesorado traballa con persoas concretas, con ritmos e necesidades distintas, non en función de intereses económicos, mercados, ventas, beneficios, audiencias… ou votos. Por iso o tempo educativo non ten nada que ver coa fugacidade do tempo televisivo, radiofónico ou electoral.

Analizar a situación, coñecer o que acontece no sistema educativo, facer un bo diagnóstico, resulta imprescindible para atopar vías de mellora da calidade, da convivencia, dos resultados académicos, do clima escolar. E isto non ten nada que ver coas ocorrencias, nin co alarmismo, nin tampouco co pensamento maniqueo, co branco e o negro, o todo ou o nada, tan frecuente nos titulares e nas declaracións. A educación significa aprender a dirixir con sentido a propia vida, en palabras de D. Francisco Giner de los Ríos, e implica non so información senón tamén coñecemento, contraste, reflexión, elaboración… en definitiva, fuxir do pensamento maniqueo, da simplicidade, das receitas máxicas, das causas únicas, das ocorrencias, diga quen as diga. E por iso resulta tan frustrante, tan difícil, querer matizar, especialmente, nos medios de comunicación, porque en moitas ocasións, un titular repetido mil e unha veces, a todas horas, en tódalas cadeas, desbarata miles de esforzos porque, ó final, o que escoitamos é o enorme estrondo da árbore que cae mentres que ignoramos o son da herba que medra cada día… as malas noticias son as únicas noticias e isto da unha visión parcial ou falseada da realidade.

Non podemos solventar os temas a golpe de frase enxeñosa, crernos de verdade que a conflitividade escolar pode resolverse con tarimas, recuperando o tratamento de vostede, ou con galóns máis ou menos chamativos impostos pola autoridade política de turno. As cousas, por desgraza, non son tan simples, e eles o saben.

Ademais, non é verdade que a gran maioría do profesorado non teña autoridade ou que decline dela. Tampouco que o alumnado en xeral non respete ós seus profesores, que sexa violento ou borracho, inconsciente ou irresponsable como tantas veces se reitera. Ou que as nais e os pais pasen da educación dos seus fillos e fillas. E que os institutos sexan territorio comanche. Non é certo. Nada máis lonxe da realidade. Temos que fuxir das xeralizacións, das atribucións globais de responsabilidade, de confundir unha parte co todo, por moi rechamante que sexa, e analizar polo miúdo o que sucede, con rigor, sen prexuízos, distinguindo a palla do grao, identificando ben os problemas, asumindo que todos e todas temos porcións de razón e de culpa, e debemos ser parte da solución.

Non podemos seguir trasladando ós demais as causas dos males que percibimos no sistema educativo, que si os pais, que si os profes, que si os rapaces, que si a administración, que si os media… non basta con repetir que para educar a un neno fai falla a tribo enteira, senón crelo de verdade e obrar en consecuencia. E temos instrumentos para facelo. Mellorables, sen dúbida. Existen, desde hai anos, en todo o Estado, nas CC.AA, plans integrais de mellora da convivencia escolar, observatorios, protocolos, departamentos de orientación, equipos de mediación e tratamento de conflitos… o que sorprende é que esta realidade, a maioritaria convivencia escolar nos miles de centros educativos, non resulte visible, atractiva, interesante, recoñecible, avaliable. Isto provoca grandes doses de frustración nos educadores e nas educadoras, nas miles de persoas que se esforzan cada día, a pe de aula, por mellorar o clima escolar, por ilusionar ó seu alumnado, por facerlles ver que a educación, a cultura, o traballo ben feito, son útiles, contra todo o ambiente social e as mensaxes constantes que reciben, a cotío, en senso contrario, a fama, o éxito, o minuto de gloria, o triunfo sen esforzo, o diñeiro a mans cheas, e modelos e referentes tan edificantes como Belén Esteban ou a Campanario… mañá e tarde, a todas horas…

O ministro Angel Gabilondo, cunha traxectoria profesional dedicada á reflexión filosófica, á metafísica, está moi lonxe, ó meu parecer, do pensamento maniqueo, das solucións máxicas, das ocorrencias, e quere, como tantos docentes, un pacto de estado pola educación, que fermosa utopía, apelando á tribo enteira para cambiar o noso sistema educativo que, como non, necesita mellorar, e quere facelo con tódalas mans, con acordos, con diálogo, con consenso, pero probablemente fracase, porque os tempos educativos non son os políticos e as grandes necesidades significan tamén grandes recursos, e en épocas de crise, xa se sabe, o máis efectista resulta sacarse unha gorra da manga e impoñer a autoridade por lei.

Con moita frecuencia confundimos a auctoritas coa potestas que tan ben distinguían os romanos. A primeira ten que ver coa autoridade moral que temos que gañar cada día coa nosa profesionalidade, co bo exemplo, co respecto, coa dedicación, co cariño, cos afectos e os sentimentos, coa persuasión e a convicción, co diálogo, coa comunicación, con xenerosidade, cos nosos coñecementos, experiencia, comportamentos e condutas, sabendo e preparando a materia… esta ascendencia moral non se compra no supermercado, nin se compra nin se vende, apréndese e constrúese cada día, con moito esforzo, con ilusión, con vocación, con amor por este fermoso oficio, o de ensinar, aprender e compartir cultura, saber e sabedoría… mentres que a potestas, polo contrario, consiste nun conxunto de facultades públicas que son outorgadas, desde fora, a unha persoa de acordo cunhas formalidades ben definidas, trátase dun poder que non emana da condición persoal do titular, senón que está relacionada coa forza e a imposición coercitiva, con aquilo que Maquiavelo dicía: o príncipe debe infundir temor e impoñerse pola forza da espada… por iso, o debate sobre a autoridade debera ser moral, ético, profesional, humanista, educativo…, non simplemente administrativo ou xurídico, nin vingativo, o desquite do ’68, en palabras de Sarkozy, ou de tantos e tantas que añoran un pasado que xa está escrito…

Sinceramente estou convencido de que a maioría do profesorado ten autoridade suficiente, capacidade de persuadir e de convencer, auctoritas. E o sistema educativo, como o xurídico, a fiscalía, conta con lexislación e sentencias que protexen e respaldan ó profesorado. Os propios centros escolares teñen, ademais, recursos e mecanismos variados, plans, equipos, protocolos que permiten resolver os conflitos razoablemente ben, sen caer no victimismo, polo que non necesita investirse de potestas pública, mellor dito, que alguén externo ó propio sistema a impoña, porque, entre outras cousas, sen auctoritas non hai potestas por moito que alguén se empeñe en converternos en axentes da autoridade pública… as cousas son moito máis complexas.

Por certo, en moitos centros educativos hai docentes sen autoridade moral. Todos o sabemos. Algúns reciben moito máis respecto do seu alumnado do que merecen. É un dicir. Como existen pais e nais con moi pouca ascendencia sobre a súa prole. E médicos incompetentes, e xornalistas, e mestres… o que ten que ver coa formación inicial e permanente, co acceso, con desempeñar ou non o oficio que se quere, que se ama… pero isto merecería outro artigo.

Unha pregunta impertinente: como pais e nais, como avós e abóas, como titores e titoras, como políticos, como… temos auctoritas ??, nola gañamos cada día cos nosos comportamentos e condutas ?, ou habería que impoñérnola tamén por lei ?? ...

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, forma parte do Observatorio Galego da Convivencia Escolar e preside o Seminario Galego de Educación para a Paz. FUNDACION CULTURA DE PAZ


Enviado por:
Educación e Paz
-paz@sgep.org-
28 de setembro de 2009 13:13
__________________________

mércores, maio 27, 2009

Folleto de promoción para o libro de texto cidadanía 6º

Benqueridas amigas e amigos:

O Seminario Galego de Educación para a Paz (Fundación Cultura de Paz) presenará o seu libro de texto para 6º de Primaria de Educación para a Cidadanía e os Dereitos Humanos, en galego, o vindeiro XOVES, 4 DE XUÑO, ás 19:30 horas, na Librería Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes) onde esperamos saudarte persoalmente.

Tal e como podes comprobar na información adxunta, o libro de 6º de Primaria, que se implanta o próximo curso, complementa os dous anteriores, xa no mercado, correspondentes a 2º e 4º de Secundaria.

Fou coordinado por Moisés Lozano Paz, catedrático de filosofía no IES de Ames, en coautoría con Calo Iglesias Díaz, co- fundador do Seminario Galego de Educación para a Paz, profesor de instituto xubilado, escritor e experto en mediación de conflitos, e Manuel Dios Diz, Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz.

O Prólogo é de Juan José Tamayo, Director da Cátedra Ignacio Ellacuría da Universidade Carlos III de Madrid. Para máis información non dubides en poñerte en contacto con nós no 981-561956, por correo electrónico en paz@sgep.org, ou co Consorcio Editorial Galego.

Confiando en que asistas á presentación e en que consideres de utilidade o libro de texto aproveitamos para trasladar un saudo afectuoso.
Cordialmente,

Manuel Dios Diz
Presidente do Seminario Galego de Educación para a Paz

Enviado por:
Educación e Paz -paz@sgep.org- 27 de maio de 2009 09:37

FUNDACIÓN CULTURA DE PAZ
Rúa do Valiño 13- 1º
SANTIAGO DE COMPOSTELA
www.sgep.org

_________________

Accede ou Baixar o Folleto en formato -pdf- dos Arquivos Ártabros
_______________________

mércores, xaneiro 28, 2009

30 de Xaneiro, Día Escolar pola Paz

Por Manuel Dios Diz [*]

Colexios e institutos galegos, desde hai xa moitos anos, veñen celebrando o Día Escolar pola Paz, no aniversario da morte de Gandhi, unha traxedia que tivo lugar o 30 de Xaneiro de 1948, en Nova Delhi, a mans dun mozo extremista hindú de nome Nathuram Godsé. Foi, como sabemos, un asasinato político, un magnicidio, no mesmo ano en que a Asemblea Xeral de Nacións Unidas aprobaba a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, un texto extraordinario, probablemente o máis influínte e duradeiro do século XX, pero tamén o máis violentado.

Un texto acordado no que Gandhi interveu de maneira notable xunto con outras grandes personalidades da época, de diferentes culturas e civilizacións, entre elas, Eleonor Roosevelt, a viúva do presidente norteamericano falecido en Abril de 1945. Ela foi a presidenta da Comisión Redactora que en Setembro de 1948 remitiu o borrador rematado á Asemblea Xeral.

O proceso de aprobación non foi fácil. Os debates se prolongaron aínda que tiveron a grandeza do consenso. Foran dous anos enteiros de traballo, 81 reunións, 168 emendas, máis de 1400 votos particulares. O momento máxico chegou precisamente o 10 de Decembro de 1948 cando, por fin, a Declaración Universal se aprobaba sen un so voto en contra, aínda que 8 estados decidiron absterse.

O pasado 10 de Decembro conmemoramos o seu 60 Aniversario (1948-2008), con iniciativas moi diversas que os centros escolares, sobre todo os máis dinámicos, promoveron, arredor dos valores que a Declaración proclama. Entre outras, a que celebramos no Consello da Cultura Galega e na que moi diversas personalidades (e tamén xente do común) leron –conxunta e solemnemente, os 30 artigos e o seu marabilloso Preámbulo:

... Considerando que o descoñecemento e o menosprezo dos dereitos humanos ten orixinado actos de barbarie ultraxantes para a conciencia da humanidade; e que se ten proclamado, como a aspiración máis elevada do home, o advenimento dun mundo no que os seres humanos, liberados do temor e da miseria, gozen da liberdade de palabra e da liberdade de crenzas...

No Seminario Galego de Educación para a Paz, desde 1985, vimos traballando -de maneira ininterrumpida- na sensibilización social e na divulgación dos dereitos humanos entre o profesorado e na comunidade educativa, na idea de que é unha extraordinaria ferramenta didáctica para a educación nos valores cívicos e democráticos, así como no que nós chamamos Cultura da Paz, un concepto que non só abrangue a educación para a paz, os dereitos humanos e a democracia, senón tamén, a superación da exclusión e da pobreza, que está en íntima relación cos Obxectivos do Milenio, tan urxentes como incumpridos; no diálogo intercultural, sen dúbida o máis relevante dos fins da Alianza de Civilizacións; ou na consolidación da paz e a solución pacífica de conflitos, facendo fincapé, sobre todo, na prevención dos mesmos.

Coñezo a moitos cidadáns e cidadás que viven nun estado de auténtica indignación. ¿E como non vai a indignarse a cidadanía vendo como proliferan os fondos económicos para o rescate do sistema financeiro internacional, en cantidades que son incomprensibles para o común dos mortais, mentres que se escatiman as axudas para combater a pobreza e a fame, a mortalidade infantil nos países máis empobrecidos por enfermidades que están superadas en Occidente, ou a SIDA, particularmente endémica en África; o analfabetismo crónico, o acceso ós bens máis elementais por parte da maioría da poboación mundial ou para conseguir frear o cambio climático que algúns negan, de maneira certamente exótica nos tempos que corren?. Indignación que aumenta cando observamos, desde hai tantos anos, tantas e tantas promesas incumpridas, tantas mentiras, tantos enganos cos países máis desfavorecidos... e mentres, os paraísos fiscais están cheos a rebentar...

Alguén tivo a xenialidade de dividir os millóns de euros e de dólares canalizados para o rescate dos bancos en todo o mundo, na primeira provisión de recursos, unhas cantidades seguidas de moitos ceros, de dividilos, digo, entre todos os habitantes do planeta, algo máis de 6.500 millóns de persoas. E, ¡vaia sorpresa!. Resultou que todos e cada un de nós, seriamos, automaticamente, millonarios, con mais de 100 millóns por persoa !!!.

Na Educación para a Paz distinguimos moitos tipos de violencia. Pero si tiveramos que resumilos en dous, falariamos da coñecida como “violencia directa”, aquela que percibimos inmediatamente como tal (unha agresión, unha violación, un avión petando contra das torres xemelgas...), e a que denominamos como “violencia estrutural”, moito máis opaca, máis difícil de identificar, máis sutil, aquela que ten que ver coas inxustizas, tal e como afirma a vella máxima, tan certa, de que “as inxustizas de hoxe son as guerras de mañá”. Porque condenar a dous terzos da poboación mundial á miseria e á fame, iso é violencia estrutural. Facelo ademais mentres priorizamos o rescate dun puñado de tramposos, sen responsabilidade algunha, máis que indignante...

Tódalas persoas de ben aborrecemos do terrorismo e da violencia para acadar obxectivos políticos, incluído o terrorismo de Estado. E si existe hoxe un Estado que practique de maneira criminal a violencia indiscriminada e desproporcionada, sen escrúpulo moral algún, sen respecto polas elementais normas da guerra (que vergoñento resulta falar disto), ese é o Estado sionista de Israel, a quen a comunidade internacional segue a dar bula e licencia para matar sen compaixón, violando sistematicamente a legalidade internacional, burlándose dos Dereitos Humanos e das mesmas Nacións Unidas, un Estado a quen rearman constantemente os Estados que se sentan no Consello de Seguridade, sobre todo e principalmente os EE.UU.

E que ninguén pense, nin por un momento, que o que veño de dicir, pretende abalar a violencia de Hamás ou calquera outra. Nada máis lonxe da realidade. É o pobo de Gaza, Palestina enteira, a que escolle a súa representación lexítima, e a Comunidade Internacional debe aceptalo, democraticamente, non só cando gañan aqueles que apoian, sobre todo por egoísmo lúcido, para que os fundamentalistas violentos transiten, o máis rapidamente posible, cara a acción política.

Por iso, neste 30 de Xaneiro, no Día Escolar pola Paz, como o pasado 10 de Decembro, Día dos Dereitos Humanos, temos a oportunidade de reflexionar e de actuar. Porque sendo importante a reflexión non é suficiente coa análise, co debate. Debemos intervir, ser protagonistas e non tan só espectadores, especialmente, para que nos oian e tamén para que nos escoiten, para contar nas decisións e non só para que nos conten...como acostuma a repetir Federico Mayor Zaragoza.

Está ben que aproveitemos a ocasión (e todos os días) para traballar co noso alumnado sobre a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, sobre todo, neste ano 2009, consagrado por Nacións Unidas como Ano Internacional da Aprendizaxe dos Dereitos Humanos, que paradoxo, e non só no marco da nova materia de Cidadanía e Dereitos Humanos, que empezará en 6º de Primaria o curso que ven, senón de xeito transversal, en todas as áreas e materias, con actividades de aula e colectivas, para culminar nese día, a tarefa e os esforzos de todo un ano.

O Seminario Galego de Educación para a Paz, directamente e na súa web, ofrece numerosos materiais didácticos para esta conmemoración e anima a actuar en solidariedade, nesta ocasión, con colexios e institutos de Gaza, ou a remitir cartas de protesta, peticións de rectificación, de sancións e indemnizacións, á embaixada israelí en España, ó Secretario Xeral das Nacións Unidas, ó noso goberno, porque como di o novo presidente norteamericano, yes we can, xuntos podemos, porque outro mundo é non só posible senon necesario...

[*] Manuel Dios Diz é mestre, licenciado en Xeografía e Historia pola USC, preside o Seminario Galego de Educación para a Paz e dirixe a Fundación Cultura de Paz en Galicia.

Rúa do Valiño 13- 1º
SANTIAGO DE COMPOSTELA
Tfno: 981-561956
__________________

domingo, xaneiro 18, 2009

Manifesto Unitario para a Manifestación Nacional Por Palestina do Domingo 18 de Xaneiro de 2009

De: Educación e Paz
Para: artabra21@gmail.com
Data: 16 de janeiro de 2009 12:20
Asunto:Manifesto Unitario para o Domingo 18



Benqueridas amigas e amig@s:

Achego copia do Manifesto Unitario aprobado finalmente na reunión de onte, día 15, que será lido no remate da Manifestación do domingo, na Praza da Quintana de Compostela, así como a relación de organizacións convocantes por orde alfabética.

Agradecemos a máxima difusión posible.

Cordialmente,

Seminario Galego de Educación para a Paz
FUNDACION CULTURA DE PAZ
www.sgep.org

COMUNICADO UNÁNIME:

GALIZA CON PALESTINA
NON AO MASACRE!
ALAMEDA DE SANTIAGO DE COMPOSTELA DOMINGO, DÍA 18 DE XANEIRO, ÁS 12:00 HORAS

A actual intervención do exército israelí na franxa de Gaza non é máis que a continuación da política de exterminio do pobo palestino que o sionismo ven practicando dende que logrou que o peor imperialismo europeo e norteamericano inventara o Estado de Israel. Estamos, unha vez máis, diante dun episodio de violencia indiscriminada e bárbara, unha auténtica matanza, contra a poboación civil, e contra as súas organizacións de resistencia.

Esta non é unha guerra, non existen exércitos enfrontados, nin igualdade de forzas. Esta é unha agresión militar por parte dun estado IMPERIALISTA armado e financiado por Norteamérica e Europa, que conta cun poderosísimo exercito e ataca por terra, mar e aire a un pobo sen outra defensa que o heroísmo e sacrificio dos seus mal armados milicianos, e que nin sequera ten a posibilidade de fuxir.

Os verdugos teñen nome coñecido e as vítimas tamén, cóntanse por miles, entre as mortes e as persoas feridas. A vulneración dos dereitos humanos, a violación sistemática da legalidade internacional, dos acordos de paz e das resolucións das Nacións Unidas teñen un nome inequívoco, o Estado Sionista de Israel.

Trátase, xa que logo, dun auténtico masacre, sen escrúpulo moral algún, sen respecto pola poboación máis indefensa, as persoas anciáns, nenas e nenos, mesmo cooperantes internacionais. Tampouco respectan nin as mesquitas, hospitais ou mesmo escolas, as escolas das Nacións Unidas, con identificación oficial, con coordenadas coñecidas e transmitidas, onde estaban refuxiados do horror centos de cativos e cativas palestinas. O sionismo non coñece límites.

O exército e o goberno israelí, sabémolo ben, son expertos tamén na ocultación da verdade, contan con axentes moi poderosos. Resulta escandaloso que manifesten que as accións militares actuais son resposta ao lanzamento de foguetes caseiros desde Gaza. Menten coma sempre!!! ¿non sabemos que Israel rompe as treguas sistematicamente? ¿acaso non coñecemos a política de asasinatos selectivos das persoas dirixentes palestinas, practicada por Israel nos últimos anos? ¿De destrución das vivendas e das súas familias?

Xa coñecemos que tipo de loita é, balas contra pedras, tanques e mísiles contra a poboación civil, ocupación militar dos territorios palestinos, máis colonizacións fronte dos acordos de paz.

Son centos e miles : as palestinas e os palestinos asasinados; as presas e os presos; as torturadas e os torturados nas cadeas israelís; as mortes como consecuencia do bloqueo, as persoas que a diario son vexadas e inspeccionadas.

En ningún caso a morte de civís está xustificada, nin a violación sistemática dos dereitos humanos, nin a ocupación militar dos territorios palestinos, nin a vulneración permanente das resolucións das Nacións Unidas. O estado de Israel non ten credibilidade algunha.É probablemente o estado do mundo que máis ten violentado a legalidade internacional, negado unha solución política a un conflito que se dilata inxustificadamente no tempo. Cada vez quedan menos persoas no mundo que podan crer as mentiras israelís. Indigna pensar que a brutal ofensiva militar israelí actual teña que ver coa súa propia axenda electoral. Traficar mortes por votos fai que abominemos aínda máis do sionismo e das súas prácticas.

Esiximos das institucións da comunidade internacional, da UE e do Estado Español que obriguen a Israel a deter o masacre, a cesar inmediatamente todos os ataques e bombardeos sobre os territorios e a poboación palestina, a propiciar un alto o fogo inmediato e a levantar o bloqueo de Gaza abrindo todos os pasos internacionais para que poida chegar axuda urxente aos homes e mulleres da castigada Franxa de Gaza.

O pobo galego está co pobo palestino, apoia e recoñece o seu dereito á existencia e a ter un estado propio, a elixir libremente a súa representación e que esta sexa recoñecida pola comunidade internacional, incluído Hamás, e finalmente, apoia o regreso das persoas palestinas refuxiadas aos seus fogares.

O estado español, a UE, a comunidade internacional no seu conxunto, ata agora cómplices do sionismo ou pasivos ante a traxedia palestina, teñen a obriga moral e política de impoñer a Israel o respecto escrupuloso polas resolucións de Nacións Unidas, con toda firmeza, con medidas de boicot comercial, con ruptura inmediata das relacións diplomáticas e coa expulsión da embaixada sionista. Desde logo, non podemos seguir a tolerar que Israel ocupe territorios, masacre á poboación civil palestina; non podemos tolerar que se siga comprando e vendendo armas aos sionistas como está a facer España e outros estados que se sentan no Consello de Seguridade da ONU.

Galiza enteira reclama a persecución xurídica nos tribunais internacionais dos criminais israelís, civís e militares, responsables desta matanza indiscriminada, un auténtico crime contra da humanidade.

E esiximos ademais:
  • Que se impulsen políticas activas de solidariedade en favor de Palestina.
  • Que a Xunta de Galicia se pronuncie contra Israel e a favor do pobo palestino.
  • Que se declaren á embaixada e o Goberno Israelí non gratos en todo o territorio galego no seu conxunto; e concello por concello,
  • E que os medios de comunicación e a prensa internacional informen con imparcialidade e non a favor do sionismo .
¡ALTO A AGRESIÓN! ¡VIVA O POBO PALESTINO! ¡VIVA PALESTINA!
_________________________

mércores, xaneiro 07, 2009

Convocada unha Manifestación Nacional por Palestina, o Sábado 17 de Xaneiro, en Compostela

NOTA IMPORTANTE.-

A manifestación Nacional en Compostela queda adiada para o Domingo 18 de Xaneiro, despois de celebrada unha segunda reunión en Compostela.


De: Educación e Paz -paz@sgep.org-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 7 de janeiro de 2009 21:07
Asunto: ACORDOS REUNION PRO PALESTINA



ACORDOS REUNIÓN PRO PALESTINA


Benqueridas amigas e amigos:

A reunión autoconvocada empezou coa explicación do Seminario Galego de Educación para a Paz do obxecto da convocatoria, das entidades convocadas (as que formaban ou forman parte da Coordinarora Galega pola Paz, da Iniciativa polos Dereitos Humanos, da Coordinadora Galega de ONGDs, do Foro de Inmigración e da Fundación Araguaney, así como ás entidades do Foro Social Galego). E da necesidade de dar unha resposta unitaria e nacional á matanza palestina en Gaza e de garantir a máxima participación posible da cidadanía.

Asistiron representantes das seguintes organizacións:

Esculca, Marcha Mundial das Mulheres, Ciberirmandade, CNT, Fundación Araguaney, Seminario Galego de Educación para a Paz, Fundación Galiza Sempre, Foro Galego de Inmnigración, Coordinadora de Crentes Galegos, Médicos do Mundo, Solidariedade Internacional, ACSUR Galiza, Mundo sen Guerras, Partido Humanista e Dina 3.

Non puderon asistir pero se adhiren:

Altermundo e CC.OO.

Tomáronse os seguintes ACORDOS:

1º.- Realizar unha MANIFESTACION NACIONAL en Santiago de Compostela, ás 12:00 horas da mañán, o vindeiro Sábado, día 17 de Xaneiro, saíndo da Alameda e rematando na Quintana.
2º.- Establecer un lema común, asumible polas organizacións, de inequívoco apoio ó pobo palestino e de condea pola masacre do sionismo en Gaza.
3º.- Encomendar ó Seminario Galego de Educación para a Paz para que faga unha proposta de lema e de Manifesto que será remitido mañán a tódalas organizacións.
4º.- Facer a comunicación á delegación do goberno (Esculca)
5º.- Lerán o Manifesto no remate da Manifestación María Bouzas ou Mabel Rivera (xestiona a Fundación Araguaney)
6º.- Faranse cuñas de radio na cadea SER e na Radio Galega (Fundación Araguaney)
7.- Contactarase cos medios, con periodistas concretos (AGARESO) para que animen a convocatoria.
8º.- A pancarta de cabeza levarana representantes de organizacións palestinas en Galicia. A continuación irán representantes das entidades convocantes.

En relación con outra convocatoria de reunión promovida polo COSAL en Sargadelos acórdase tentar facer unha única Manifestación e levarlle os acordos e as entidades que estiveron nesta para evitar duplicidades (encárgase Solidaridade Internacional).

A convocatoria está aberta a tódalas organizacións, entidades, partidos, sindicatos... que queiran incorporarse.

Prégase a maior difusión e comunicar a este correo electrónico as novas organizacións convocantes.

Sen máis, recibide unha aperta cordial.

Atentamente,

Manuel Dios Diz
Seminario Galego de Educación para a Paz.
_______________________