Amosando publicacións coa etiqueta Violencia contra a infancia. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Violencia contra a infancia. Amosar todas as publicacións

xoves, setembro 20, 2018

Agamme e a Rede Internacional Fight 4 Child Protection solicitan á Ministra melloras na atención a nenos e nenas vítimas, ante a a próxima redacción dunha Lei de Protección Integral ante a Violencia contra a Infancia



A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (
AGAMME) e a Rede Internacional Fight 4 Child Protection solicitan á Ministra de Sanidade, Consumo e Servizos Sociais melloras na atención aos nenos e nenas vítimas.

A raíz do anuncio feito público recentemente sobre a próxima redacción dunha Lei de Protección Integral ante a Violencia contra a Infancia, AGAMME e Fight 4 Child fixeron chegar este mércores un escrito dirixido á Ministra de Sanidade, Consumo e Servizos Sociais para que inclúa algúns cambios que ambas asociacións consideran necesarios para que as vítimas menores de idade reciban unha atención adecuada e respectuosa cos seus dereitos.

As asociacións piden maior concreción en varios aspectos da Lei do Estatuto da Vítima do Delito e a Lei de Protección á Infancia e á Adolescencia aprobadas en 2015, tales como o concepto de interese superior das crianzas que continúa sendo excesivamente difuso, o nivel de formación que debe esixirse aos equipos profesionais que entran en contacto con nenos, nenas e adolescentes vítimas, as características materiais e humanas que deben cumprirse en toda entrevista ou acto no que participe un neno ou nena vítima ou testemuña, as medidas que deberá tomar necesariamente o xuíz para protexer á vítima durante a instrución, en particular as que teñen que ver co contacto coa persoa encausada, etc. Todo elo enmarcado no contexto da normativa europea que establece a necesidade dunha xustiza adaptada á infancia. Para este fin propoñen que se cree unha unidade de control de calidade da xustiza adaptada á infancia.

Outro aspecto que consideran necesario modificar é o articulado da Lei de Protección á Infancia e á Adolescencia no cal se eliminan garantías aos nenos e nenas en acollida, promovendo unha maior axilidade e permitindo con iso que os servizos de menores tomen decisións sen a participación do xuíz ou xuíza.

AGAMME e Fight 4 Child, na mesma liña do anunciado por Vicepresidencia respecto a que ningún fillo ou filla de muller vítima de violencia de xénero deberá solicitar ao proxenitor permiso para recibir atención psicolóxica, indican a necesidade de asegurar o dereito das vítimas á recuperación, polo que solicitan que a medida se fagan extensible a calquera vítima menor de idade.

No texto as entidades piden a erradicación de ideas preconcibidas que poñen en dúbida por sistema a credibilidade dos nenos e nenas vítimas, por exemplo a través da suposta síndrome de alienación parental (sSAP), que sigue presente en numerosas sentencias e informes públicos, a pesar de ter sido reiteradamente refutado pola comunidade científica e sobre cuxa utilización alerta o Consello Xeral do Poder Xudicial.

Solicitan tamén a creación de instrumentos de rexistro de datos sobre maltrato infantil periódicos e fiables, así como mellorar a coordinación coas universidades e fomentar a investigación neste campo.

Outro dos puntos fortes do texto refírese á petición de que se modifique o Código Penal no relativo aos delitos contra a indemnidade sexual, para o cal propoñen a imprescriptibilidade deste tipo de delitos; contemplar como delito diferenciado o abuso sexual incestuoso; e revisar os tipos penais de tal forma que se unifiquen abuso sexual e agresión sexual nun único tipo, co cal as asociacións pretenden impedir que se xulgue a actitude de las vítimas menores de idade como elemento de análise para determinar o delito, pois consideran que a asimetría evidente de poder entre neno-a e adulto-a é de por si violenta nestas situacións.

A carta alerta tamén sobre algúns problemas que a mediación pode supoñer para as vítimas, polo que solicitan restricións para a súa utilización.

As asociacións consideran un gran paso a redacción desta nova lei, polo que transmiten á Ministra a necesidade de que sexa transformadora da realidade que a día de hoxe viven as vítimas cando atravesan el sistema xudicial.

Ferrol, a 19 de setembro de 2018

Xunta directiva de AGAMME




---

Carta enviada á Ministra de Sanidade, Consumo e Servizos Sociais, remitida pola Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME) e a Rede Internacional Fight 4 Child Protection, solicitando melloras na atención aos nenos e nenas vítimas de violencia. | 10 páxinas en formato PDF | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
20 de setembro de 2018 12:54

_____________________

martes, decembro 12, 2017

'O sistema de protección de menores de Galiza a análise', V Xornada Agamme: sábado 16 de decembro, no Ateneo Ferrolán, entre as 9:00 e as 14:00horas


V Xornada AGAMME
“O sistema de protección de menores de Galiza a análise"

Sábado 16 de novembro
no Ateneo Ferrolán,
Horario: entre as 9:00 e as 14:00 horas
Acto: Aberto ao público en xeral.
AGAMME, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores celebra a súa V Xornada sobre o Maltrato á Infancia e á Adolescencia, baixo o título “o sistema de protección de menores de Galiza a análise”. O evento terá lugar o vindeiro sábado 16 no Ateneo Ferrolán, entre as 9:00h e as 14:00h, co obxectivo de poñer sobre a mesa a realidade dos nenos, nenas e adolescentes en situación de acollemento, nas súas distintas modalidades, e analizar cifras e lexislación actualizadas.

O primeiro relatorio correrá a cargo de Fernando Blanco Arce, avogado especialista en dereitos da infancia e membro do Observatorio para a Defensa dos Direitos e das Liberdades Esculca, que falará sobre a lexislación que establece os procementos e as características dos centros de menores. Expoñerá asimesmo a súa experiencia profesional como avogado da quenda de menores e como compoñente de Esculca.

A continuación tomará a palabra María José Alonso Abalde, Presidenta de AGAFEM, Asociación Galega de Acollemento da Familia Extensa do Menor. O seu relatorio versará sobre o traballo que a súa asociación vén realizando así como o punto de vista do colectivo respecto da forma en que se tramitan os acollementos de nenos, nenas e adolescentes en Galiza.

Pechará a rolda de relatorios Ana Mª Fernández Martínez, Doutora pola Universidade de Vigo dentro do programa “Menores en situación de desprotección e conflito social”. Presentará os datos e conclusións da súa tese doutoral a respecto do sistema de acollemento residencial en Galiza.

Á volta dun pequeno receso abrirase un debate no que as persoas relatoras e o público analizarán en común os temas que se trataron na mesa.

No mesmo acto presentarase tamén a exposiciónPlántalle cara ao abuso sexual. Rompamos o silencio”, un material didáctico orientado a alumnado de educación secundaria, para a prevención do abuso sexual, que a asociación poñerá a disposición daqueles centros que estean interesados.

Contacto:
agammeferrol@gmail.com
Estrela Gómez Viñas
Víctor M. López Casal

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com
11 de dezembro de 2017 13:30

__________________

sábado, novembro 25, 2017

Este sábado 25 de novembro en Fene, ás 6 da tarde contra a violencia machista, acto convocado pola Marcha Mundial das Mulleres: O machismo oprime e mata dende a infancia - Organizémonos para combatelo


DIA INTERNACIONAL CONTRA A VILOLENCIA MACHISTA


ACTO CONMEMORATIVO DA MARCHA MUNDIAL DAS MULLERES DE FERROLTERRA

Sábado 25 de novembro:
"Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres"

A Marcha Mundial das Mulleres convoca unha acto en Ferrolterra como no resto da Galiza e do Mundo, no Día Internacional contra a violencia machista.

O acto de Ferrolterra, terá lugar desde as 6 da tarde na barriada de San Valetín (Fene), entre a ribeira e a Avenida do Mar, xunto ao Pavillón Polideportivo Municipal e o centro escolar A Xunqueira.

Este ano volve a ser Fene o concello anfitrión dos actos organizados pola Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra baixo o lema “O machismo OPRIME e MATA dende a infancia”.

O acto consistirá nunha performance baseada no lema escollido para esta ocasión. Preténdese con ela, facer unha reflexión sobre o aumento de casos de violencia contra os e as menores, utilizados e asasinados coa única finalidade de facer o máximo dano á muller, á nai. É necesaria a implicación de todo o mundo para illar aos agresores e a o propio machismo existente na sociedade, e loitar contra a violencia de xénero.

Farase tamén unha lembranza ás mulleres asasinadas no que vai de ano no Estado Español.

Para elo pediremos a implicación das persoas asistentes, como por outra parte ven sendo habitual nos actos da Marcha, na propia performance.

Rematarase o acto coa lectura do manifesto aprobado pola MMM a nivel nacional.​

"As mulleres decidimos"

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
www.feminismo.info
En Facebook e Twitter.

Enviado por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
24 de novembro de 2017 13:39

___________________

xoves, novembro 16, 2017

En novembro, no Ateneo Ferrolán, na Mostra Cinema e Sociedade 2017, falamos de infancia - A Mostra Cinema e Sociedade ten como obxectivo principal contribuír a coñecer a nosa realidade promovendo o debate por medio do uso do mundo da imaxe


En novembro, no Ateneo Ferrolán, na Mostra Cinema e Sociedade 2017, falamos de infancia.


DIA de COMADRES. FALAMOS de: INFANCIA
Novembro no #AteneoFerrolán ás 19:,30 h. Organiza: Asociación CONXEITO.

A Mostra Cinema e Sociedade ten como obxectivo principal contribuír a coñecer a nosa realidade promovendo o debate por medio do uso do mundo da imaxe e render unha homenaxe pública a entidades, homes e mulleres que veñen desenvolvendo a súa labor neste eido dun xeito comprometido coa sociedade. Velaí a creación da figura da Mención Especial que pretende recoller esa homenaxe. A Mostra “Cinema e Sociedade 2017” realizárase no espazo físico da comarca de Ferrol. A ubicación da Mostra poderá distribuírse en varias sedes ou localidades e a realización das súas actividades manterá un carácter multidisciplinar e sectorial, así coma rotativo, en función da demanda das entidades sociais interesadas na súa participación.

DÍA de COMADRES, será a vía directa que a Asociación CONXEITO ofrecerá a partir do presente ano coincidindo coa celebración mundial de eventos da loita social contra as diferentes enfermidades e discapacidades e desenvolverase en dúas modalidades:

a) A primeira aberta e pública con temáticas xerais que se desenvolverán nas sedes oficiais da Mostra.

b) Unha segunda vía reservada para aqueles Centros de Ensino ou entidades sociais que soliciten un tema concreto a desenvolver nos seus locais.

Cinema e Sociedade 2017” tentando chegar a un espectro máis amplo da sociedade invitará á participación directa no Cine Fórum a aqueles colectivos sociais implicados nas diferentes temáticas que se tratarán na mesma.

MOSTRA “CINEMA E SOCIEDADE 2017”. DÍA de COMADRES. FALAMOS de: INFANCIA

ATENEO FERROLÁN.
Programa. Novembro


Xoves 16 XUSTIZA ADAPTADA Á INFANCIA
19,30 h. Proxeccións:
AntiBulling. Amigas de Infancia. Fundación
Cine Fórum . Mesa Redonda
AGAMME (Estrela Gómez)
Psicóloga Forense (Beatriz Dorrio).

Luns 20 Niños y niñas: Adopcións especiales
19,30 h. Proxeccións:
Cine Fórum: “Fundación MENIÑOS
Ana González
Olalla Tajes

Venres 24 NENOS HIPERACTIVOS. ETIQUETAS .
19,30 h. Proxección:
Como identificar un niño hiperactivo
Diagnóstico y perfil de un niño hiperactivo
Cine Fórum: Mesa Redonda
ASPANEPS
ANHIDA

Luns 27 ACOSO ESCOLAR E NAS REDES
19,30 h. Proxeccións:
Acoso Escolar (3 min. 57 sgs.)
Bullyng Acoso (5 min. 8 sgs.)
Corto IES Carballo Calero.
Cine Fórum: Mesa Redonda.
IES Carballo Calero.
CEIP Recimil.
GALA MENCIÓN ESPECIAL
--
Un lugar de encontro para a cultura dende 1879 na cidade.

e-mail: secretaria@ateneoferrolan.org | Telf.: +34 981 357 970 - 644.720.055 Dirección Postal: Rúa Magdalena 202-204. CP.15402 | Ferrol (Galiza)

Síguenos:
TWITTER: @ateneoferrolan
BLOG: http://ateneo-ferrolan.blogspot.com/
FACEBOOK: https://www.facebook.com/Ateneo-Ferrol%C3%A1n-1430118530577463/
Faite soci@ on line! Colabora con nos!
http://ateneo-ferrolan.blogspot.com.es/2007/12/faite-soci.html

Para axudas e aportacións económicas:
CC en Cajamar Cooperativa. Titular Ateneo Ferrolán.
ES72-3058-6402-9527-2000-5350

Enviado por:
Ateneo Ferrolán Fundado en 1879
-ateneoferrolan@gmail.com-
16 de novembro de 2017 13:06

__________________

mércores, outubro 18, 2017

Pronunciamento da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores Agamme, ao respecto do debate no Parlamento Galego da ILP para a probación dunha lei galega de custodia compartida - A asociación considera que a aprobación da lei supoñería un paso atrás na loita contra o maltrato infantil e contra a violencia de xénero

Foto de portada do informe "Ollos que non queren ver", publicado por
Save the Children o 20 Setembro de 2017 , feita por Alba Lajarín.
Agamme, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, posiciónase en contra da ILP que propón a aprobación dunha lei galega de custodia compartida.

Agamme dirixiuse aos grupos parlamentarios para manifestar a súa inquedanza pola apertura do debate sobre a custodia compartida como opción preferente e para manifestar que unha lei destas características supón un risco para os nenos e nenas que sofren maltrato no ámbito familiar e/ou violencia de xénero e un paso atrás nos dereitos da infancia e adolescencia.

A asociación considera que a lei poñería en situación de maior vulnerabilidade aos nenos e nenas que sofren violencia no ámbito da familia por dous motivos: en primeiro lugar porque segue a existir unha gran falla de medios que permitan investigar adecuadamente os delitos cometidos contra nenos e nenas, o cal se traduce en que a inmensa maioría das denuncias non cheguen nin sequera a xuízo. Neste sentido apuntan os datos do informe recentemente publicado por Save the ChildrenOjos que no quieren ver”, sobre o abuso sexual. Segundo a ONG o 70% das denuncias quedan en fase de instrucción. Nestas condición, considerar necesaria unha condena firme para evitar a custodia compartida é evidentemente un risco para moitos nenos e nenas con situacións reais de maltrato que o sistema xudicial non chega a enxuiciar. Outro tanto sucede en situación de violencia de xénero. O perigo secundario desta realidade é que as mulleres atoparán dificultades engadidas á hora de decidirse a dar o paso da denuncia, por temor a que os fillos e fillas se atopen a soas ante o agresor.

Deste xeito, a aprobación da lei supoñería un paso atrás na loita contra o maltrato infantil e contra a violencia de xénero.

Por outra banda, Agamme lembra que un dos principios fundamentais da Lei de Protección Xurídica do Menor, do ano 96’, é a consideración do neno ou nena como suxeito de dereito, como parte activa nos asuntos que lle competen. Aplicar a custodia compartida de maneira prioritaria é tirar por terra este principio. Non existe unha fórmula maxistral aplicable a todos os casos, o Comité de Dereitos do Neno e da Nena, de Nacións Unidas, aclara que o interese superior debe ser estudado en cada caso, cada neno e cada nena ten a súa propia idiosincrasia que debe ser analizada coidadosamente para o seu benestar. Ademais o Comité considera imprescindible que o neno ou nena poida participar no procedemento a través do cal se toman decisións sobre asuntos que lle competen. É dicir, o neno ou a nena debe ter a oportunidade de ser escoitado ou escoitada.

Polo tanto, a aprobación dunha lei de custodia compartida significaría ignorar o marco internacional de dereitos dos nenos e das nenas por negarlles o dereito a que se considere o seu particular interese superior e a ser parte do procedemento a través do dereito a ser escoitados ou escoitadas.

Agamme reunirase en breve cos grupos parlamentarios para deixar constancia dos seus argumentos e do seu interese en participar no debate, como entidade a prol dos dereitos da infancia e da adolescencia

No nome da Asociación Galega contra o Maltrato a Menores - Agamme

Estrela Gómez Viñas e Víctor M. López Casal

agammeferrol@gmail.com
http://agamme.org/
Tamén no Twitter e no Facebook.

Informe "Os Ollos que non queren ver - Os abusos sexuais a nenos e nenas en España e os fallos do sistema" | Save the Children - En formato pdf, 160 páxinas - en español | Acceder/Baixar.

Enviado por:
Agamme
-agammeferrol@gmail.com-
18 de outubro de 2017 12:09

__________

venres, setembro 08, 2017

Manifestación: Un maltratador nunca é un bo pai - En Ferrolterra como noutras comarcas da Galiza, vai ter lugar este sábado 9 de setembro, ás 7 da tarde - Todas as mulleres coma Juana Rivas están na nosa casa


A Marcha Mundial das Mulleres de Ferrolterra convida a participar na manifestación que vai ter lugar en Ferrol, como noutra cidades da Galiza, este sábado 9 de setembro, ás 19 hs.que partirá da Praza de Amada García, baixo o lema "Un maltratador non é un bo pai".

Dende a Marcha Mundial das Mulleres queremos facer explícito o noso apoio a Juana Rivas e a todas as mulleres que se atopan nesta terrible situación de indefensión.

A decisión de Juana é moi valente, mais ela non pretendía ser unha heroína, só quería protexer aos seus fillos dun pai que a fixo vivir nun inferno de maltrato e que resultou condenado por violencia machista no 2009. Volveuno a denunciar no 2016 no estado español, que tardou un ano en trasladar a denuncia a Italia, o país competente para tramitala, o que indica o grado de prioridade e carencia de medios que teñen estas cuestións no sistema xudicial.  A súa fuxida foi unha decisión sobre todo desesperada, xa que o sistema xudicial  non lle deixou unha opción mellor que deixar os seus fillos nas mans do home que a agredía. Juana demostroulle á sociedade que fronte a indefensión que crean certas leis só lle cabe as afectadas a desobediencia. Unha desobediencia que non é gratuíta.  Juana enfróntase a pena de prisión e a privación da custodia sobre os seus fillos. O irónico é que a efectos da lei teñen o mesmo dereito sobre as crianzas vítima e verdugo, e que a castigada nestes casos pase a ser a vítima.

@s menores son tamén vítimas da violencia machista que viven nos fogares. Ou ben porque sofren agresións directas ou ben porque medran nun entorno de medo e violencia. Polo tanto, resulta grotesco que a persoa que exerce esa violencia se considere a efectos legais un pai con dereito a custodia e réxime de visitas, porque non se considera prexudicial para o desenvolvemento d@s súas fill@s.

A maiores, temos espantosos exemplos de casos nos que as crianzas son empregadas por agresores como arma para ferir a nai, sabendo a magnitude dese dano. Así sumamos loitos na Galiza de menores asasinad@s en réximes de visita por pais con historiais de maltrato. Que dereitos está a defender a lei? Os do pai ou os d@ menor? Sabemos que se están a dar algúns pasos neste eido, mais a realidade berra que son coma maquillaxe, lentos e insuficientes. Juana tivo que fuxir, porque estes son os medos e realidades que unha nai ten cando deixa @s súas fill@s nas mans dun maltratador.

Juana tamén nos demostrou que xuntas somos máis fortes, que a mobilización social é fundamental para que a xustiza se faga oír e que o patriarcado retroceda e que no berro de “Juana está na miña casa” se inclúen todas esas mulleres que viven no terror, que deste xeito están moito menos soas.

TODAS AS MULLERES COMA JUANA RIVA ESTÁN NA NOSA CASA

Somos persoas divers@s, mais iguais en dereitos

'As mulleres decidimos'
Coordenadora Nacional Galega
Marcha Mundial das Mulheres
Marcha Mundial das Mulleres
Rúa Romil, 20, baixo
36202 Vigo-Galiza
Teléfonos de contacto:
Coord. A Coruña 639 78 76 26
Coord. Compostela:  647735737
Coord. Vigo: 630486886
Coord. Ourense: 652140217
Coord. Ferrolterra: 636 87 86 06
Comunicación:
http://www.feminismo.info
@MMMGaliza

Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movemento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións oriéntanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan arredor da mundialización das solidariedades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderado das mulleres e o fortalecemento das alianzas entre mulleres e cos outros movementos sociais progresistas.


Info baseada na enviada por:
Marcha Mundial Ferrolterra
-mmmferrolterra@gmail.com-
4 de setembro de 2017 21:39
Marcha Mundial das Mulleres - Galiza
-marchagaliza@gmail.com-
28 de agosto de 2017 14:56

___________________

venres, maio 12, 2017

Tivo lugar en Ferrol unha concentración, como noutras cidades da Galiza, en repulsa polo asasinato de Javier un neno de 11 anos que se converte nunha nova vítima da violencia machista e de violencia contra a infancia, asasinado polo seu propio pai, Marcos Javier Mirás Montánez, supostamente, segundo fontes da investigación, para facer dano a súa exmuller, da que estaba divorciado e maltrataba - Vídeo do acto organizado pola Marcha Mundial das Mulleres


Javier un neno de 11 anos converte-se nunha nova vítima da violencia machista e violencia contra a infancia, asasinado polo seu propio pai, Marcos Javier Mirás Montánez, supostamente, segundo fontes da investigación, para facer dano a súa exmuller, da que estaba divorciado e maltrataba. Desde hai anos as organizacións feministas e contra os malos tratos a menores, veñen demandando que sexa a lei a que obrigue de xeito automático a negar a custodia aos maltratadores, e que tampouco poderán gozar dun réxime de visitas, autentica tortura para as crianzas que perante anos teñen que aguantar un réxime de visitas nos puntos de encontro ou pasar tempadas de fines de semana ou vacacións, cun maltratador.

A Marcha Mundial das Mulleres, como noutras cidades da Galiza, realizou unha acción de repulsa e denuncia, contra este asasinato machista.


https://youtu.be/WBYJLJMUEvY



https://youtu.be/s19G_Ehg6gY

Coordenadora Local de Ferrolterra da Marcha Mundial das Mulleres
mmmferrolterra@gmail.com
http://www.feminismo.info
https://www.facebook.com/marchamundialmulleres.galiza
https://twitter.com/MMMGaliza


Que é a Marcha ?
A Marcha Mundial das Mulleres é un movimento mundial de accións feministas que reúne grupos de mulleres e organizacións que actúan para eliminar as causas que orixinan a pobreza e a violencia contra as mulleres. Loitamos contra todas as formas de desigualdade e de discriminación sufridas polas mulleres. Os nosos valores e as nosas accións orientanse cara un cambio político, económico e social. Os mesmos que se articulan aoredor da mundialización das solidaridades, a igualdade entre mulleres, entre mulleres e homes, e entre os pobos, o respecto e a valoración do liderazgo das mulleres e o fortalecimento das alianzas entre mulleres e cos outros movimentos sociais progresistas.
____________________________