Por Xaquín Campo Freire [*]
06.04.2022
“TIO JOSELITO”. SEMBLANZA AFECTUOSA E AGRADECIDA NO DÍA DO RIO
“Cando cheguemos alá, ...,
o camiño será máis curto e,
sobre as nosas propias sombras,
nós, os xitáns, ... ,
repousaremos.
Agora o camiño é longo
e as sombras anticipan o noso paso...”.
(Piel de Carpa. Los gitanos de México).
Todos te coñeciamos por ese nome: Joselito. Hoxe, pasado xa un tempo, volvo á túa memoria póstuma con emoción, con agradecemento e con sumo cariño. E permíteme que me refira a ti co máximo respecto como é de lei entre os “rrom”: “Tío Joselito”.
Sinxelo. Humilde. Afanoso por facer sempre o ben. Un xitano de pro! Ti coma no evanxeo: “pasaches facendo ben”.
Seguramente que alguén hame dicir, estás esaxerando! Non tal. Coñecinte ben, e como paio, son testemuña da túa bonhomía. Non eras un home de letras. E sempre fuches de saúde delicada. Pero como di a Biblia, formaches parte deses homes con sabedoría experiencial: “esa actitude de quen o obxectivo último é encontrar solucións e respostas ás grandes preguntas, desafíos e misterios da existencia, que constitúe a arte de vivir”. O teu foi facer de mediador. Como pobo ‘rrom’, con ADN oriental, vós encarnades o problema do mundo e da vida na súa acepción máis universal, máis alá da fronteiras, das patrias e da terra natal. A verdadeira terra do caló é a súa persoa. É de ningures. Vive no camiño.
Por ti tiven a oportunidade de coñecer de primeira man a existencia da cultura romaní. Por ti descubrín a necesidade de documentarme e afondar nela e na súa esencia, sen prexuízos, con alma limpa e con sumo respecto.
E desde vós souben, que tamén na realidade de sermos pobo galego, na miña cultura e na lingua propia, non só fomos secularmente asoballados senón incluso descualificados: “Hable usted en cristiano”. E o peor é que nós mesmos aínda levamos introxectado un auto odio e unha auto xenreira contra nós mesmos e todo o de nós. Cousa na que vós non caestes: vós estades gozosos de serdes calé.
De vós aprendín a importancia de aquilo que experimentou Moisés. “Descálzate, estás entrando no misterio, no inefável: a terra que pisas é sagrada”. Aínda hoxe non temos respecto pola natureza, coa humanidade dentro.
Por iso, cando está ás portas o DÍA DO RÍO, o 8 de abril de 2022, Día Internacional do Pobo Xitano, quero, coma nun memorial, deixarme coller de novo pola túa amizade e volver á transhumancia. E, desde aí, sempre en camiño, repasar de novo e con sumo respecto os valores da comunidade romaní, ultrapasando o efémero, a anécdota, as limitacións, os erros de cada intre, incluso as grandes eivas que nos ameazan a todos, tal como o mundo da droga, á que se vos vincula, así, sen máis. Debo manifestar o nefastos e inxustos que son os tópicos mal intencionados, as ideas tóxicas, como se lles chama en psicoloxía Pero eses non sodes vós.
Esa é unha miseria colectiva na que todos estamos implicados de moitas maneiras. Quen está detrás? Hai grupos de xitanos? E de paios non? “Non se salvan nin a banca nin os grandes ‘lobbies’, nin os cárteles que buscan influir nos procesos de elaboración de políticas” nas súas institucións. "Tres ramas: as consultoras profesionais e despachos de avogados; os lobbistas de empresas e asociacións comerciais; ou os think tanks (fábricas de ideas)"· Son grandes sistemas do crime organizado aos que lles vén moi ben ter a quen culpar para distraernos. Todo iso está detrás. Así eles móvense con impunidade e presenza honorável [1].
Todo acontece no camiño. O mesmo camiño irá ofrecendo solucións para as necesidades reais que en cada intre da marcha e da convivencia nos vaian ofrecendo. Pero cómpre camiñar só co esencial. Non hai que levar máis carga da que a vida nos pida. Hai que vivir abertos, sen excesivas prevencións artificiais que só serven para angustiarnos e fosilizarnos, pararnos e deixar de andar. “Andei, andei por longos camiños”, di o voso himno.
Que aprendín de ti? A confianza na vida. A esperanza e a emoción ante ao descubrimento do minúsculo, do mínimo, da bondade. A capacidade de desprendemento por parte dos débiles. A vosa solidariedade absoluta sen nada a cambio. Só a conciencia de ter axudado nos libera. O acaparamento fainos cegos, duros e insensíveis. Se vivimos cos ollos abertos e o sentido da sorpresa cotiá descubriremos a valía do irmán universal. “Só se ve ben cos ollos do corazón, o esencial é invisível”. Estámolo a ver agora coa guerra.
E que máis aprendín de ti en tantas conversas?: “Os xitáns somos un povo con cultura propia, baseada nunha historia común, cunha conciencia colectiva, unha lei propia que nos rexe, unha serie de costumes e unha lingua propia: o ‘rromanó’. Un grandísimo sentido de comunidade e de familia. Somos coma uns quince millóns no mundo, mantemos o carácter oriental, vivimos máis centrados no ser do que no ter e posuír. Temos un conxunto de valores que non queremos perder porque teñen auténtico valor. Temos un altísimo sentido da transcendencia, pero non coma os occidentais. Non nos sentimos entendidos. Queremos integrarnos pero non ser engulidos”. Ti, isto e moito máis, expresáchesmo doutra maneira máis fresca. Na vida.
A xeito de pregaria poética quero ofrecerche estas verbas de Gabriela Mistral, a poeta da tenrura: “Señor. Te digo que era bueno. Que tenía el corazón entero a flor de pecho. Que era suave de índole. Franco como la luz del día. Henchido de milagro como la primavera“.
Grazas por todo, Tío Joselito.
Xaquín Campo Freire. Narón, 01-04-2022
[1] https://www.lavanguardia.com: Lobbies, 07-06-2020.
Foto: Bidón con lume, de Paca Sapena. | 2016
Enviado por:
Xaquin Campo Freire
-xaquinderoca@gmail.com-
2 de abril de 2022 10:37
_______