Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Manuel Beiras. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Xosé Manuel Beiras. Amosar todas as publicacións

domingo, marzo 13, 2011

O roubo da auga -I- De ben libre a mercadoría cobizada

Por Xosé Manuel Beiras [*]
13.03.2011



I. DE BEN LIBRE A MERCADORÍA COBIZADA

Os manuais académicos de Economía Política ao uso cando eu era estudante universitario primeirizo -poisque estudante seguino a ser logo como docente e inda o sigo a ser de vello agora- adoitaban definir os bens económicos polo principio da escaseza. Para seren bens "económicos", dicíasenos, era condición primeira e necesária que fosen aptos para satisfaceren necesidades humás. Mais non abondaba con iso: era ésa unha condición necesária, mais non suficiente. Compría asemade unha segunda condición: que fosen escasos. A escaseza era o atributo que marcaba a diferencia específica definitoria dos bens económicos dentro do conxunto dos bens aptos de seu para satisfaceren necesidades humás. Os bens non escasos, mesmo que fosen úteis para o ser humán, denominábanse bens "libres". E o exemplo de ben "libre" máis recurrentemente mentado naqueles manuais eravolo... a auga. Mesmamente. Tamén o aire, abofé. Xa vedes que moito choveu dende aquela, e adoito en forma de choiva aceda, para chegarmos á situación actual do planeta e do sistema-mundo, que desminte e invalida, coa contundencia dos "feitos pertinaces", os exemplos dados nos manuais académicos para ilustrar a sua axiomática "declaración universal" do que é "económico" e o que non: sic transit gloria mundi -que diría a curia romana no enterro de tan sabido dogma... académico.

Porque, unha de duas: ou a tal definición non é valedeira, ou é que a auga e o ár deixaron de ser bens "libres". Ora, se nen sequer o ár e a auga son bens "libres" xa, qué caste de bens cabe imaxinar que sexan aínda "libres", qué caste de bens úteis existentes na "natureza" -na biosfera- cabe cualificar de "libres", é dicir, non "económicos"?. E se todo na biosfera son bens económicos, de qué raio val logo a "diferencia específica" entre bens "económicos" e "libres" que dota de sentido á susodita definición?. Ou sexa: de qué val unha definición que xa non define o que pretende definir?. Non, non é unha brincadeira miña. Non estou a xogar aos trabalíngoas, nen a imitar ao inimitábel Groucho Marx -malia que algo de parodia hai neste meu palique. Estou a pórvos -paródicamente- en evidéncia o fraude conceitual que, dende as mesmísimas nocións basilares, permite convirtir a ciencia económica en ideoloxía ao servizo da mercantilización do universo todo, da conversión en mercadorías de absolutamente todos e calisquer elementos da natureza, da insaciábel depredación mercantil da biosfera enteira. Até das fontes da vida no planeta: a auga e a atmosfera.

Porque a escaseza non é un atributo dos obxetos naturais, senón un resultado da acción humana sobre a natureza: un fenómeno social, e non natural, que difire segundo sexan os modelos de civilización e de modo de produción e distribución dos produtos desa acción humana -e xa que logo, das relacións dos colectivos humáns cos ecosistemas da biosfera. E é a combinación da lóxica do modo de produción capitalista -o lucro e a acumulación- coa da civilización industrial -a cousificación utilitarista do medio natural- o que reduce tódolos bens úteis a mercadorías -ou sexa, tódolos bens económicos a unha soa das suas formas posíbeis- e tódolos elementos da natureza a recursos produtivos -ou sexa, a unha soa das suas posíbeis funcións, aquela que mesmamente os des-naturaliza: a de forzas produtivas para a transformación industrial. O resultado do primeiro é o desprazamento do valor de uso dos bens económicos polo seu valor de cambio: a mercantilización a prol do lucro privado. O do segundo éo a conversión da natureza nun obxeto inerte de apropriación sen reposición: a depredación levada ao paroxismo. Mercantilización e depredación: duas metáforas do roubo.

Emporiso, a segunda vaga histórica da razón ilustrada, a do pensamento revolucionario do s.XIX en diante, procedeu á crítica das nocións elaboradas pola economía política do liberalismo burgués, a desvelar a sua función ideolóxica de apoloxética do capitalismo e a contrapórlle outra perspectiva. Nela, os bens aptos para satisfaceren necesidades humás son obxetos úteis, a sua idoneidade radica no seu valor de uso. Uns téñena no seu estado natural, e abonda usalos ou consumilos. A outros, os máis, compre dárllela meiante procesos produtivos, compre producilos: como resultado, son produtos. Mais non por iso son necesariamente mercadorías. Convírtense en mercadorías cando se producen, non para utilizar o seu valor de uso, como por caso nas culturas campesiñas tradicionais, senón por mor do seu valor de cambio: para a venda -para o mercado. O paso seguinte é: para obter lucro. Cada paso na conversión do produto en mercadoría distánciao máis do seu valor de uso, é dicir, da sua función primixenia: cubrir as necesidades materiais da existencia humá. Ao mercado só ten acceso quen dispón de cartos pra poder comprar -non quen ten necesidades que satisfacer. Por iso, nun sistema que tente realizar o benestar social, os bens que satisfan necesidades básicas non poden convirtirse en mercadorías -non poden mercantilizarse. Saúde, educación, cultura son bens sociais non mercantilizábeis: o acceso a iles forma parte dos dereitos humanos fundamentais. Tamén os alimentos. E tamén, sobranceiramente -madia leva- os elementos todos do patrimonio natural, a empezar polos máis vitais para a biosfera. A auga, pois, tamén.

A "razón perguiceira" -obrigado, Boaventura- do liberalismo burgués negouse decote, teimudamente, a aceitar a existencia, e comprender a índole, tanto dos bens sociais coma dos patrimonios naturais. Non lle conviña: para ela business is business -e con iles non podía especular. E a "razón ilustrada" do pensamento revolucionário -anti-sistémico, pois- tardou de máis en dexergar e entender os colectivos humáns, as formacións sociais, como parte integrante da biosfera e dependente dos seus ecosistemas -de xeito que o socialismo ensaiado na prática tampouco chegou a ser un "eco-socialismo". Só a irrupción do ecoloxismo na escea das propostas e movementos alternativos mudou a cosmovisión da interacción home-natureza e o valor dos ecosistemas -redimensionada á sua vez, inda máis tarde, pola emerxencia das culturas dos povos orixinarios e os movementos indixenistas. Mais, entramentras, a contra-revolución desencadeada polo ultraliberalismo exacerbaría, até levalos ao paroxismo, os procesos de mercantilización e depredación dos bens naturais, consustancias coa aberrante lóxica do capitalismo: un capitalismo non depredador é tan inimaxinábel coma un tigre vexetariano -na sarcástica imaxe do Sousa Santos. E nésas estamos. A "lóxica" voracidade do capital convirtiu en mercadoría cobizada a auga, os sistemas hídricos todos do planeta, á par que esparexía a sua contaminación -e pola mesma convirtía as augas limpas nun ben cada vez máis escaso: provocaba a sua escaseza como coartada para facer business con ela. E tamén o vento -co pretexto das enerxías renovábeis, após espoliar as fósiles. E mesmo a atmósfera -ou qué outra cousa é o "mercado do carbono", ese enxendro ecocida.

A mercantilización da auga comezou pola dos servizos de suministro -de auga "potábel"- en expansión correlativa aos procesos malchamados de "urbanización" do habitat humán. Unha mercantilización privatizadora dos servizos públicos ao compás da desmontaxe peza a peza do "welfare- state" no actual período histórico de crise e involución reacionária. Mais o obxetivo fulcral atinxe á auga en si mesma, como xa dixen: á mutación do ben "libre" en "recurso escaso" -e portanto, á sua "lóxica"(?!) conversión en "mercadoría", a sua inexorábel mercantilización privatizadora. En prata: o seu roubo, a sua confiscación polo capital privado. É o pinchacarneiro espoliador que ven de pegar ese tigre non vexetariano tamén onda nós, no colo da consabida brigada política de demolicións: a recente "Lei de Augas... de Galicia". Da Galiza, dixen?. Meigas fóra! -mais o esconxuro fica prá vindeira semán.

Publicado en Galicia Hoxe o 06.03.2011
______________________

luns, xaneiro 24, 2011

Beiras: "Os que mandan saben que o Bloque está en crise" - Luis Pousa entrevista a Xosé Manuel Beiras

"A deterioración no BNG é patente: levamos catro anos sen facer unha asemblea ordinaria"// "Pasou de ser unha organización que funcionaba de abaixo a arriba a facelo de arriba a abaixo"


Por Luis Pousa
23.01.2011

Xa pasaron case dous anos desde que Xosé Manuel Beiras Torrado (Santiago, 1936; líder de Econtro Irmandiño e presidente da Fundación Galiza Sempre) advertiu de que o Bloque Nacionalista Galego se encontra por cuarta vez nunha situación crítica e esta é "a súa última oportunidade". Ségueo repetindo e os medios de comunicación fixéronse eco da súa advertencia no transcurso da xornada de clausura da III Asemblea de Encontro Irmandiño (15-01-2011), que pronto pasará de ser unha corrente política a un partido político, e que contou coa presenza do portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez.

- Encontro Irmandiño naceu co obxectivo de converterse nun partido político.

Non. Naceu como unha corrente que tiña como obxectivo aglutinar sectores do BNG que sentían a necesidade de restablecer as normas de convivencia fundacionais: unha fronte plural; unha afiliciación individual, aínda que houbese agrupacións políticas dentro, e un funcionamento radicalmente democrático: participativo, horizontal e asembleario. Na asemblea do BNG en 2006, iso plasmouse nas listas abertas, e esas listas abertas coincidiron coa formación desa corrente organizada.

Que é o que explica o paso de corrente interna a partido?

Cada vez foise deteriorando máis a convivencia no BNG, e violentando máis as súas normas estatutarias. Se o Bloque acaba esclerotizándose, hai que estar en condicións de activar un proceso que, dentro e fóra, capte xente capaz de construír unha alternativa. Había que darlle máis consistencia orgánica a esta corrente para estar en condicións, ata, de existir politicamente fóra do BNG, se fose necesario.

- Por que corresponsabiliza a Guillerme Vázquez da continuidade de EI no Bloque?

Sobre todo, para que o BNG siga sendo o instrumento útil para que naceu: articular unha maioría social e ideoloxicamente diversa, capaz de levar adiante o proceso de emancipación en dúas coordenadas. Emancipación social, ou sexa, loita contra as desigualdades e pola xustiza social. E emancipación nacional, coa conquista da soberanía política polo pobo galego (no BNG non hai unha formulación independentista explícita). O Bloque foise apartando desas dúas coordenadas, e converténdose nunha organización que opera no marco institucional, pero cada vez máis supeditada á dinámica propia dos aparatos de Estado, diverxente da cidadanía e da sociedade civil. Sobre todo dos seus elementos máis activos.

- Que bota en falta?

Nunha organización asemblearia todos os seus militantes e afiliados teñen voz e voto nos plenarios finais dos seus congresos. É fundamental para cumprir o principio da participación directa, horizontalidade, e que non haxa ningún mecanismo de intermediación que deturpe o proceso. Na asemblea posterior ó 11-M, a elección de delegados provocou que os focos con máis poder no control de aparato copasen os representantes na asemblea. Nunha fronte, os militantes son como os cidadáns con dereitos políticos nun país; cando se convocan eleccións votan todos e elixen os seus representantes.

- Si, pero dá a impresión de que iso, no caso das asembleas locais e/ou comarcais, tampouco resolve o problema de fondo.

Porque as asembleas locais ou comarcais convócanse para que o grupo dirixente dea consignas e informacións. O Bloque Nacionalista Galego pasou de ser unha organización que funcionaba de abaixo arriba a funcionar de arriba abaixo. Ata o extremo de que se incumpren sistematicamente as pautas constitucionais internas. En 2002 reformáronse nos estatutos as cadencias das asembleas nacionais, porque non se cumprían, e acordouse que fosen mínimo cada dous anos e máximo cada tres. Como había présas por algunhas cousas, entre elas sacarme a min do medio, incumpriuse acto seguido pois a seguinte convocouse para o outono de 2003, había ano pasado e medio. Agora levamos catro anos sen facer unha asemblea nacional ordinaria. A de 2009 foi extraordinaria, polo que non interrompe o tracto das ordinarias. A deterioración é patente. Dá a impresión de que as normas internas do BNG valen ou non valen en función dos intereses de quen controle o aparto.

- O que subxace en todo o que está contando é a denuncia a que a política sexa só cousa dunha elite e non de todos os cidadáns que queiran participar?

Exactamente. Latexa aí a recuperación dos principios republicanos, non só democráticos. Na sociedade republicana ningún cidadán pode ter dominio sobre outro. Hai vocación de darlle primacia á política xerada na sociedade civil e logo proxéctase no que Gramsci chamaba a sociedade política, no canto de ao revés. A resistencia dos dous focos que hoxe se disputan o control do BNG é toda unha autodelación dos seus temores a que o uso dos principios democráticos impida que se manipule a política desde arriba. Cando iso ocorre nunha forza que se define como emancipadora, o problema é máis grave, porque hai unha colisión entre o que se reclama e predica para a sociedade e o que se está facendo dentro desa forza política.

- O aparato de poder e as súas redes de control son conscientes de de que o BNG está en crise?

Son conscientes, pero non queren asumilo. Sobre todo as cabezas decisorias. Non se lle oculta a Francisco Rodríguez Sánchez, Guillerme Vázquez, Carlos Aymerich, Bascuas ou Teresa Táboas. Algunha desas persoas cando conversan con un recoñéceno. Os individuos que compoñen unha fronte débense basear en principios de cooperación e non de competición, non ten sentido que se polarice nun binomio APU (UPG) e + BNG. O bipartidismo nunha fronte é unha animalada, porque se prescindes das minorías precindes dos principios democráticos e republicanos. Presenciei comportamentos no BNG como os que lle botaba en cara ó PP nos tempos de Fraga, no Parlamento: deciden por maioría, pero ignoran sistematicamente toda a cidadanía que non lles votou a vostedes. Algo similar pasa no BNG: por exemplo, nas eleccións internas non hai xeito de que o noso grupo teña acceso ó censo de militantes. Fixeron unha purga de censos na cifra necesaria para darlle a volta á correlación de maiorías e minorías existentes, como pasou na Coruña. Isto é absolutamente inaceptable. É un proceso de descomposición.

- Desde cando?

Non é que antes funcionase perfectamente, pero funcionaba razoablemente ben. No Bloque está pasando o do xuízo salomónico, a auténtica nai permite que o seu fillo o leve a outra para que non o maten. É dicir, os que máis queren ó BNG, ceden.

- É posible ir a unha rexeneración horizontal do BNG sen afrontar a súa refundación?

Considéroo moi pouco verosímil, pero nós queremos cargarnos de razón e esgotar ata o indicible todas as vías para que se entenda a cuestión e se asuma, sen agardar a unha situación traumática para facelo. Non desexamos que o BNG leve un pau moi gordo, e non imos xogar con iso. Por iso lanzamos estas mensaxes como a derradeira oportunidade que ten o BNG de atender as nosas voces. O máis probable é que haxa que empezar a construír fóra a alternativa para esta nova fase histórica. Por iso o outro fixen mención ás tres crises do nacionalismo galego. Agora estamos na terceira, que coincide co final do réxime político da Constitución de 1978, non no plano formal de que se vaia derrogar a Constitución nin modificala a fondo. Ó meu entender, hoxe a Constitución española non está vixente no fundamental. Caracteriza tamén este contexto a crise económica. O BNG está tan succionado pola dinámica dos aparatos de poder do Estado e resúltalle virtualmente imposible rexenerarse e volver enganchar coas correntes de fondo que moven a cidadanía. Poden ser minoritarias, pero son as que moven a cidadanía. Non é unha cuestión de magnitude.

- É de masa crítica?

Ou este pobo está moribundo ou se non o está, o instrumento que creo hai trinta anos está esclerótico e creará outro. Aí hai que estar. Quen é o pobo? Non é unha masa informe, son os segmentos lúcidos da cidadanía. Nós estamos facendo un exercicio de hiperresponsabilidade, de non facer nada que prexudique o BNG mentres haxa esperanza de que se recupere, e de respecto á organización na que participamos e algúns creamos. Estamos coa cidadanía crítica, coa que quere avanzar e non coa que máis ou menos declara unha adhesión inquebrantable a unhas siglas, a unha marca electoral ou a un aparato.

- Dado que cabe supor que a alternativa non é un BNG bis, chegou a hora de transformar a fronte nun movemento?

Son dous aspectos distintos dunha mesma cuestión. Levo tempo dicindo que os modelos do Estado liberal democrático están obsoletos, e os que máis combaten en favor do avance histórico ven con claridade a obsolescencia dos aparatos de Estado, incluídos os partidos políticos. Iso explica en boa medida o rexeitamento e as reticencias que existen, nos movementos sociais, á política que fan os partidos e demais institucións políticas, (os Parlamentos, etc). O que aínda esta fervendo no pote é a fórmula que substituirá esas institucións. Hai que recuperar os postulados democráticos nos que se baseou a construción dun Bloque Nacionalista Galego distinto ó da vella frontepopulismo a ANPG, o BNPG e un partido líder, a UPG, ó vello uso. Pero a realidade non é a mesma hoxe que en 1982, e iso supón ter en conta que as estruturas da sociedade galega (sociais, económicas, culturais, ideolóxicas) mudaron. Non podemos facer un calco do que se construíu en 1982 porque nos equivoriamos. Así pois non tratar de facer un BNG bis e probablemente teña máis un carácter de movemento que de fronte. Pero eu entendo a fronte no sentido gramsciano de articulación dunha alianza de clases, con posicións distintas, ao redor dun eixe vertebrador que é o proceso de emancipación, e como logras a hexemonía mediante iso.

- Que entende por hexemonía?

Hexemonía no sentido gramsciano. Un grupo determinado é capaz de que o seu proxecto transcenda o espazo dos seus propios intereses e se converta en referente. Ten credibilidade e autoridade. Iso é o que pasaba co BNG nos anos noventa. O reto é deseñar un novo modelo de organización política e aparato de Estado que non teñan as eivas do que consideras obsoleto, e ofreza garantías de que non dexenerará naquela dirección outra vez. Iso é moito pedir, pero ese é o reto. Algúns exemplos xa se están construíndo en Latinoamérica (Bolivia, Ecuador ...) con todas as deficiencias. É o contrario do que estes últimos anos fixo a UPG.

- E que fixo a UPG?

Reconstruír, baixo a caparazón e a imaxe externa do BNG, o esquema UPG-ANPG-BNPG. Eles adoitan dicir que o nacionalismo "está fofo" na sociedade; non, é o revés, o que está fofo é o Bloque. O continxente de cidadanía que asume que Galicia é un país ben diferenciado, que o idioma galego é o único procreado por este país e que temos que gobernarnos por nós mesmos, transcende ó BNG, a unha parte do PSOE e a unha parte do PP. Deixémonos de caralladas. Todo iso está na sociedade e hai que captar e encarreirar cun esquema os suficiente flexible para que non sexa un corpiño, e teña a coherencia suficiente para actuar nun proxecto político con eses fins.

- Ese proxecto hexemónico aspira a conquistar o poder, democraticamente, no canto de preferir xogar a ser a oposición?

A hexemonía de que falamos non é a de dominar segundo a mentalidade da UPG. Non é unha concepción ML da conquista do poder. Tamén + BNG entende a hexemonía como desbancar a UPG e ocupar o seu lugar. Entre 1990 e 2001, quen dominaba en Galicia era o PP, pero o BNG tiña a hexemonía. Así nas enquisas saía que quen mellor defendía a Galicia era o BNG. A partir de 1997 o BNG empeza a considerar que gobernar na Xunta pode ser decisivo para facer avanzar máis o proxecto estratéxico. No momento en que se decide, na UPG din que gobernar obriga a pringarnos. É o medo a responsabilizarse de gobernar, medo a asumir riscos; é unha especie de conservadorismo.

A xente xa o di: estes prefiren ser menos e controlar. E iso non só é trazoar o proxecto do BNG, é tamén traizoar o pobo galego, do que tanto falan.
FRATERNIDADE "OBXETIVO: GARANTIR A IGUALDADE"

- Por que o nome de Encontro Irmandiño?

Cando en 2005 me dan o premio Facer país en Láncara, dixen no meu discurso que facía falta un gran encontro irmandiño e reivindiquei os principios republicanos. Eses principios serviron de base para a Declaración de Láncara. Nos avances importantes da Historia do pobo galego, non só o nacionalismo galego, tamén as irmandades tiveron un protagonismo evidente: os irmandiños, as grandes irmandades medievais que deron lugar ós procesos revolucionarios do século XV, finalmente frustrados. No galeguismo, a idea de irmandade sempre foi importante. No Partido Galeguista tratábanse entre eles de irmáns. Irmandade evoca fraternidade, non no sentido da lei de familia, senón no dos revolucionarios franceses que a identificaban coa necesidade dunha democracia horizontal que garantise a igualdade.

Forma parte dos idearios ilustrado e masónico máis de esquerdas. Mozart escribiu tres grandes óperas para celebrar os principios revolucionarios de liberdade, igualdade e fraternidade. O da liberdade é O rapto do serrallo; o da igualdade é As vodas de Fígaro; e o da fraternidade, A frauta máxica.

- O partido chamarase tamén Encontro Irmandiño?

É algo que ata agora ninguén o puxo en cuestión.

Fonte: elcorreogallego.es

Enviado por:
sabrexo
ares@yahoo.es
23 de janeiro de 2011 09:44
______________________

venres, xaneiro 14, 2011

"Estado de excepción económica permanente"

Por Xosé Mauel Beiras Torrado [*]
14.01.2011


Non, non vos é unha ocurréncia miña. É o incisivo rótulo dun recente ensaio de Slavoj Zizek. É a metafórica expresión coa que, suscitando unha tácita referéncia analóxica aos estados de excepción políticos, Zizek define a índole dos procesos de recrudecemento do capitalismo salvaxe actualmente en curso. "Hai -escribe- unha cousa que está clara: despois de décadas de Estado do benestar, cando os recortes eran relativamente limitados e chegaban coa promesa de que axiña as cousas retornarían á normalidade, estamos a entrar agora nun período no que un certo tipo de estado de excepción económica estáse a convirtir en permanente, volvéndose unha constante, un modo de vida".

Procesos de índole medularmente política -poisque "o modelo económico global existente apousa nunha serie de decisións polìticas", e que na crise pola que atravesa o sistema "non hai nada de natural". E procesos que derruban o valado de normas reguladoras da economía capitalista penosamente construído polo Welfare-State para "garantir" os dereitos sociais do común cidadán -a famosa "economía social de mercado" nun "estado social e democrático de dereito", na actualmente vácua expresión constitucional española- de xeito que semellante demolición equival á supresión de garantías constitucionais na que consiste mesmamente un "estado de excepción" político. Mais, como a propria denominación o indica, iste constitue unha fórmula excepcional, só aplicábel en graves situacións de emerxencia, en condicións estritamente reguladas polas proprias normas constitucionais, e cunha obrigadamente breve duración circunstancial -que, na norma española, "non poderá exceder de trinta días, prorrogábeis por outro prazo igual" (art. 116), e só poderá pór en suspenso determinados "dereitos e liberdades" específicamente enumerados (art.55). Calquer outra fórmula que suprima calisquer dereitos constitucionalmente fundamentais dos cidadáns virá ser unha forma espúrea de estado de excepción encuberto -como a antidemocrática lei de partidos inda hoxe vixente. Porén, esas modalidades espúreas deron en proliferar coa ofensiva ultraliberal: é o que os xuristas demócratas e republicáns europeos levan denunciado como "esnaquizamento do estado de dereito".

As malchamadas "desregulacións" dos mercados laborais e financeiros, a "mercantilización" dos bens sociais e comúns da cidadanía meiante a "privatización" ostensíbel ou disfrazada dos servizos públicos e sociais, a sustitución da "progresividade" pola "regresividade" como eixos vertebrais dos sistemas tributarios, e así seguido, implican a derrogación, de facto, doutros tantos marcos normativos constitucionalmente establecidos como peares básicos e trabes mestras de calquer "estado social de dereito" e "economía social de mercado" que pretenda ser tal -e abonda ler o texto constitucional español para comprobalo.

Por riba, no canto de se tratar de medidas circunstanciais de duración restrinxida, consolídanse no tempo, convírtense en permanentes. Consúmase así a aberrante monstrosidade antidemocrática e anticonstitucional do "estado permanente de excepción". Razón leva Zizek en denominalo asi. Venme ás mentes a insistencia de pensadores coma Antoni Domènech en sinalaren que difícilmente pode ser democrático o funcionamento político dunha sociedade se non son democráticas as relacións sociais que tecen a urda da "sociedade civil". Mais é evidente que, nunha formación social de base económica capitalista, nen son democráticas as relacións sociais de produción nen, xa que logo, tampouco a estrutura da unidade modélica na que esas relacións se tecen entre a forza de traballo e o capital: a empresa. A empresa capitalista non é unha orgaización democrática, senón todo o contrario: é unha institución xerárquica autocrática, ou se o preferides despótica, onde o poder de decisión non reside no colectivo de cidadáns que a integran, menos aínda no dos traballadores asalariados que constituen a sua base laboral, senón no "capitán de empresa" ou no grupo oligárquico situado no cume desa xerarquía polo capital -a "elite do poder", en famosa e xa clásica expresión de Wright-Mills. E todo ese mundo, todo ese espazo que constitue a base real da sociedade, fica á marxe do eido no que opera a "democracia política". "Non votamos -di Zizek- sobre quen posúe algo, ou sobre as relacións traballador-direitor nunha fábrica: todo iso confíaselle a procesos fóra da esfera do político".

Despois da II Guerra Mundial, no centro do sistema, alí onde se aplicou o modelo socialdemócrata do Welfare-State, operouse o que coido que o mesmo Domènech denominou "constitucionalización" da empresa e as relacións laborais. Non se "democratizou" -poisque o poder non mudou de titular, non pasou a mans da base cidadán, do colectivo laboral, senón que ficou nas do capital- mais someteuse a normas constitucionais que puñan lindes e estatuían regras de xogo ao exercizo dese poder -dende o dereito á asociación, representación e participación sindical nos órgaos de xestión da empresa ou á negociación colectiva, até os dereitos laborais verbo do salario social, paro, despedimentos, xubilacións e así seguido. A contra-revolución ultraliberal arremeteu paso a paso, en constante e sistemática progresión ascendente, contra todos eses logros conqueridos polas clases traballadoras e o común cidadán e "constitucionalizados" polo reformismo progresista socialdemócrata. Esa progresiva demolición do edificio construído polo Estado do benestar equival a un proceso de "des-constitucionalización" da base real da sociedade: instaura "un permanente estado de excepción económica"... -que entraña un permanente estado subrepticio de excepción política, ou excepción sen máis. En todo caso: unha abolición fáctica de liberdades cívicas.

Zizek descifra a índole e siñificado desa patoloxía coa chave da análise marxián do contido de clase do Estado. "Para Marx -escribe- a cuestión da liberdade non debería localizarse fundamentalmente na esfera política" -que se nun país hai eleicións libres, ou os xuices son independentes, ou se respeitan os dereitos humáns. "A chave da liberdade actual atópase, pola contra, na rede 'apolítica' das relacións sociais, dende o mercado á familia, onde a mutación que compre para a millora efectiva non é a reforma política, senón unha transformación das relacións sociais de produción. (...) Os cambios radicais nese terreo áchanse fóra da esfera dos dereitos legais. Abofé que semellantes procedementos democráticos poden desempeñar un rol positivo, mais seguen a ser parte do aparello de Estado da burguesía, que pretende garantir o funcionamento sen anomalías da reprodución capitalista. Neste preciso sentido, Badiou tiña razón ao afirmar que, hoxendía, o inimigo final non é o capitalismo, o imperio ou a esplotación, senón a 'democracia'. A aceptación dos 'mecanismos democráticos' é o marco que, en última instancia, impede unha transformación radical das relacións capitalistas".

Esa "desfetichización" das "institucións democráticas" -dunha "democracia" trucada e gangrenada por permanentes estados subrepticios de excepción, sinalémolo nós- conduce a Zizek a unha subseguinte desfetichización "da sua contrapartida negativa: a violencia". E non só da "violencia defensiva" propugnada por Alain Badiou. Porque -afirma Zizek- "dende o punto de vista dos subordinados e oprimidos, a existencia mesma do Estado como aparello de dominación de clase é un feito de violencia". E xa que logo, "nese estrito sentido, a utilización da forza polos oprimidos en contra da clase dirixente e do seu estado é sempre, en última instancia, unha utilización 'defensiva'. Nunha perspeitiva emancipatoria radical, para os oprimidos, a violencia sempre é lexítima -pois ese seu proprio estatus é resultado da violencia- malia que non sempre é necesaria". A crise que están a padecer os oprimidos do común cidadán, e só iles, non é debida a "procesos cegos do mercado, senón a intervencións estratéxicas coidadosamente orgaizadas de Estados e institucións financeiras que intentan resolver a crise á sua propria comenencia". Daquela, infire Zizek: "en semellantes condicións, non resultan logo axeitadas as contramedidas defensivas?".

E il será tan evidente o asunto?, pergúntome eu. E il será por iso que até un Joseph Stiglitz, un James Galbraith, un William Black, todos iles a tánta distancia ideolóxica do Slavoj Zizek, declaran sen pelos na língua que "ou mandamos aos banqueiros á cadea, ou non poderemos resolver a crise"? Pergúntomo eu, non sei vós.

Fonte: Encontro Irmandiño, publicado o 02.01.2011.

[*] Xosé Manuel Beiras Torrado, nado en Santiago de Compostela o 7 de Abril de 1936, e político e economista galego.

______________________

sábado, febreiro 27, 2010

Xosé Manuel Beiras, o vindeiro Venres 5 de Marzo de 2010 en Ferrol, nun ciclo de conferencias: “Crise: Outra visión”"

A asociación Fuco Buxan organiza un ciclo de conferencias sobre A Crise co título “Crise: Outra visión”, este Venres 5 de Marzo, ás 8 da tarde, presentan a Conferencia de Xosé Manuel Beiras, Catedrático de Estructura Económica, da Universidadea de Santiago de Compostela. activista político, análista e escritor. O acto será na Fundación Caixa Galicia, no edificio do Cantón en Ferrol. Presentará o acto o Presidente da entidade organizadora: Manuel A. Rodríguez Carballeira.

fuco buxán, a.c.
Aptdo Correos 240 C.P. 15400 Ferrol
Telef. 981325492
www.fucobuxan.com
fucobuxan@yahoo.es


Información baseada na enviada por:

Fuco Buxán Asoc. Cultural - Ferrol
-fucobuxan@gmail.com-
26 de fevereiro de 2010 17:52
_______________________


____________________________

domingo, setembro 02, 2007

Novo artigo de Xosé Manuel Beiras: "Do Courel a Corrubedo. IV. Gas licuado"

De: ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
Para: artabra21@gmail.com
Data: 2 de Setembro de 2007 11:21

Asunto: Artigo de Xose Manuel Beiras "Do Courel a Corrubedo. IV. Gas licuado"


GALICIA HOXE - 2/09/07 de catro a catro
Do Courel a Corrubedo. IV. Gas licuado
XOSÉ MANUEL BEIRAS

En países, sociedades e culturas como a nosa, industria e industrialización funcionaron adoito e inda arestora funcionan primordialmente como unha mitoloxía, e non como unha civilización. O mito, dicía Barthes, "é sempre un roubo de linguaxe". A civilización industrial é unha realidade histórica : a sua conversión en mito, a sua mitificación, transfórmaa nunha orde natural inalterábel -o mito "transforma a historia en natureza". Ese roubo fai desaparecer o sentido do conceito encerrado na palabra, e convírtea nunha mera forma, nun fetiche que oculta e sustitue á realidade -de xeito análogo a como a "pantalla mediática", na comunicación de masas, oculta e sustitue a realidade e o sentido dos acontecementos.

Este sarillo de matinacións suscitóumo antonte a leitura dunhas probas de imprensa. Textos meus en proceso de reedición. Con tal motivo descubrín -esquecérao por completo- que, hai trinta anos nada menos, xa arremetera eu contra a conversión en mito da industrialización da Galiza. Dicía eu xa daquela cousas como esta: "Cada país, cada formación social en cada fase histórica, require a fabricación e o manexo de mitos acaídos á sua idiosincrasia e ao tipo de estupefaciente que millor poda afastalo das reivindicacións fundamentais -perigosas decote, mesmo por séreno, para os poderosos. Ao noso, por ser periférico e subdesenrolado, tocoulle, entre outros, o da industrialización". Ou como estoutra: "A imitación do modelo de sociedade industrial que leva acobillada toda a irracionalidade do sistema económico vixente, únicamente pode facer seguir a sangrar o noso potencial económico a prol dos favorecidos de sempre".

Penso que o acontecido dende aquela confirma a validez da diagnose e o vaticinio -pesia seren meus. Onda nós, o mito da industrialización funcionou coma o espellismo dun oasis para os camiñantes no deserto : aturamos tódolos custes e penalidades para acadalo, mais nunca demos chegado a il porque se alonxaba conforme camiñabamos. Utilizouse coma un engado para chucharnos o sangue, as enerxías e os recursos -o das enerxías relatéivolo días pasados. Entramentras, na prática, o que se fixo foi na direición inversa: desindustrializarnos, demoucar os nosos ramos industriais máis circios e estratéxicos, e provocar unha hipertrofía dos servizos e a especulación -a famosa "terciarización" da nosa economía, cada vez máis fráxil e dependente. Pero nunca apostar por outro modelo alternativo e non periclitado, por outro conceito de "industria" e de actividade "industrial". O caso estaba en manternos amarrados ao tiovivo das funcións subsidiarias do progreso dos outros, da "extraversión" da nosa economía. E que interiorizásemos ese destino como fadalmente proprio, até o ponto de rifarmos entre nós, se for preciso, na preservación das pezas chave dese tiovivo infernal. Pois iso, mesmamente iso é o que fixemos no asunto Reganosa en relación coa central das Pontes. No canto de reformular o futuro "industrial" desa comarca, convirtímonos en adalides da supervivencia da central termoeléctrica -ou sexa, do rodopio de enclaves mineiro, enerxético e metalúrxico que xa vos espriquei. Inda que fose a custe de pórmos en perigo o ecosistema da ría ferrolán e a seguridade física dos cidadáns que a habitan. Vexámolo, logo, para deixar as cousas en claro.

A mina, primeiro. Resulta curioso, inda que seica nunca chamou a atención, o feito de que a esplotación dos xacementos galegos de lignitos pardos -As Pontes e Meirama- se encetase cando, no centro do sistema, xa ía moi adiantada a crise do ciclo histórico da mineiría do carbón como recurso enerxético fundamental da civilización industrial baseada na metalurxia do ferro. Mesmo tamén do seu emprego para a sua transformación en enerxía eléctrica. O primeiro fenómeno comenza hai máis de meio século, en paralelo co progresivo desprazamento do aceiro polo aluminio, e portanto da siderurxia en altos fornos pola metalurxia do aluminio meiante a electrolise. Precisamente a criación da CECA -Comunidade Europea do Carbón e o Aceiro- como precedente da CEE -Comunidade Económica Europea (1957)- é a resposta das principais potencias do capitalismo industrial na Europa continental para amañaren a xestión desa crise. O segundo fenómeno sobrevén a seguida, co apoxeo do petróleo como recurso a baixo custe -a prezos irrisorios para os subdesenvolvidos paises produtores.

Pois aínda pasarán dous decenios antes de que se aborde, a finais dos anos setenta, a esplotación dos lignitos galegos para producir eleitricidade. Certo que, polo medio, xurdira a famosa crise do petróleo, polo acordo da OPEP de elevar bruscamente os prezos. Mais o factor determinante é outro. O grupo Barrié, concesionario de Meirama, ademáis de ter o virtual monopolio da distribución de eleitricidade no mercado galego, xa era o propietario de Alugasa (Aluminios de Galicia). E o INI, titular dos xacementos das Pontes -que esplotaba a baixo ritmo para producir abonos nitroxenados- embarcárase con Alcan e Pechiney no proxecto do complexo alumina-aluminio de San Cibrán -ao que tamén se apuntou Alugasa. Coa esplotación dos lignitos de Meirama e As Pontes para as correlativas centrais térmicas Galiza convirtiuse de sócato na primeira produtora peninsuar de carbón. Xa non o eran Asturias nen León coas suas minas de antracita e hulla. Érao Galiza cos seus lignitos pardos, con altos contidos en impurezas de xofre, e pola mesma gravemente contaminantes da atmósfera ao seren queimados in situ a esgalla. Mais Galiza ficou sistemáticamente á marxe -ou ao sumo na marxe- dos planos anti-crise do goberno español para a mineiría do carbón. E tamén, portanto, de calquer caste de previsión para a continuidade das duas centrais cando os lignitos se esgotasen. No tocante ao goberno autónomo, os compromisos fraguiáns para a viabilidade das Pontes valeron para o que adoitaban valer: máis fume ca o emitido pola xigantesca cheminea, só que con outra caste de contaminación -a dos estupefacientes mediático-propagandísticos consabidos.

Paralelamente, irrumpira no cenario enerxético outra fonte en constante expansión : o gas natural. Con duas modalidades de transporte do lugar da extracción ao de destino para o consumo. Unha, os gasodutos. Outra, a licuación en orixe, transporte en buques gaseiros, retorno ao estado gaseoso en plantas regasificadoras estratexicamente situadas -e dende alí, distribución por terra en ramificacións de tuberías ad hoc. Nos primeiros mapas de anteproxectos de estacións regasificadoras figuraba localizada unha delas en Galiza, no golfo Ártabro. Non así en Asturias nen Euskadi. Porén, noutros subseguintes, a "galega" desaparecía, mentras o goberno vasco emprendía pola sua conta a construción dunha no porto exterior de Bilbao. Ian decorrendo os anos noventa, e nen o goberno español nen o galego daban un só paso a prol da hipototética planta galega. Os lignitos das Pontes ían camiño da extinción, comezábase a importar carbón para ralentizar a esplotación da mina, e Galiza levaba trazas de ficar fóra da rede de plantas regasificadoras, co cal o ciclo combinado con gas para a continuidade da central das Pontes volatilizaríase literalmente. E xa se sabe : peche da central, obreiros á rua, e máis tódolos etcéteras -ou queimar a mazo carbón de importación ao custe que fose en prezos e contaminación. E entrou a vertixe nos eidos político e sindical máis implicados no problema.

Ora, a carencia de decisión do poder político foi suplida por unha audaz decisión empresarial: tomou a iniciativa e emprendeu en solitario a aventura de conquerir unha planta regasificadora pola sua conta. Naturalmente, cos criterios e obxetivos do capital industrial privado, e non cos do interés público e o benestar social -e coa coñecida estratexia da anticipación, a presión e os feitos consumados. Así que un proxecto de relevancia colectiva para a política enerxética e industrial galega convirtiuse nun exclusivo e excluínte asunto de negocio lucrativo privado. Conseguintemente, as variábeis externas alleas ao cálculo de rendibilidade dun negocio -deseconomías externas, impactos sociais e ambientais, seguridade cidadán- ficaron excluídas de consideración: millor dito, pasaron a ser exclusivamente atrancos e interquinencias a superar meiante os procedimentos usualmente empregados polo capital neses casos. Incluída a habelenciosa conversión en dóciles aliados dos representantes políticos e sindicais dos previsibeis perxudicados polo colapso das Pontes se o proxecto "regasificador" fracasaba -e non, claro está, dos damnificados se o proxecto ía adiante nas condicións e emprazamento impostos polo interés do capital emprendedor.

Así chegamos á fase actual do conflito antre Reganosa e os cidadáns da ría ferrolán, ou viceversa. Mais, ollo: non é un conflito co proxecto dunha estación regasificadora. É un conflito coa sua ubicación e coas inadmisíbeis condicións da sua instalación. É unha reacción de autodefensa popular fronte á agresión que supón aos recursos, a meios de vida e traballo, aos ecosistemas da ría. Fronte á ameaza que constitue esa bomba potencial de gas licuado para as vidas dos habitantes de toda a redonda. Contra a arbitrariedade, a violación das leis e o desprezo aos dereitos e intereses do común cidadán con que se levou adiante o proxecto. Contra a deserción dos responsábeis políticos da obriga de defenderen a seguridade e o benestar dos cidadáns que os elixiron precisamente para iso. Contra a imposición dos criterios e intereses lucrativos empresariais privados por riba das implicacións sociais que, conforme di a Constitución, deben restrinxir o exercizo da propriedade privada. Cando do Prestige, os cidadáns tiveron que suplir, coa sua autodefensa, a deserción do poder político das suas obrigas. Só que daquela tratárase inicialmente dun "accidente". Agora trátase de actuacións feitas a mantenta. Daquela a catástrofe consumárase. Agora outra catastrofe paira no ar sobre a vida da ría ferrolán e os seus habitantes. Compre impedir que poda chegar a consumarse. Compre clausurar a planta de gas e trasladala ao porto exterior da ría. Non é un problema local: é cousa de todos nós, cidadáns galegos libres e exercentes como tais.

Enlace co artigo orixinal en Galicia Hoxe
_____________________

ESTEIRO-FERROL
ASOCIACION VECIÑAL FONTELONGA
-avvfontelonga@mundo-r.com-

Web veciñal
Blog veciñal

_____________

Enlaces Relacionados:

Do Courel a Corrubedo. IV. Gas licuado

En países, sociedades e culturas como a nosa, industria e industrialización funcionaron adoito e inda arestora funcionan primordialmente como unha mitoloxía, e non como unha civilización. O mito, dicía Barthes, "é sempre un roubo de linguaxe". A civilización industrial é unha realidade histórica : a...

02.09.2007 | Xosé Manuel Beiras

Do Courel a Corrubedo. III.- Enerxía a todo gas

...as terras de labramio apenas unha sexta parte e, fóra das terras chás e penichaos, as millores veigas e cultivos intensivos achábanse nos vales, as ribeiras e as bocarribeiras -en léxico de don Ramón. Polo demáis, o resultado está hoxe mesmo ben á vista, inda con non chegar a ser "integral" a execución do...

26.08.2007 | XOSÉ MANUEL BEIRAS

Do Courel a Corrubedo II.- Da acuicultura á fabricación de peixe

Hai tres decenios disto. Cómpre rememorármolo. Agonizaba o rexime franquista, morto e sepultado por fin o cadavre ambulante do seu xefe xenocida. O corpo social do común democrático, rexenerado e reactivado o seu tecido nervoso no combate a prol da reconquista das liberdades cívicas e o benestar dos...

19.08.2007 | XOSÉ MANUEL BEIRAS

Do Courel a Corrubedo I.- A terra e o home

...ón técnica. Nunha relación onde a terra non é un obxeto, unha cousa, senón un interlocutor humanizado e vivo -como na poética de Uxío, de Noriega, de Manuel, de Avilés tamén. Unha prolongación do ser e o existir individual e colectivo dos seres humáns galegos. Xa está, iso é: a biosfera, un anaco da bios...

12.08.2007 | XOSÉ MANUEL BEIRAS
_______________