Informe Sobre a Situación do Barrio do Inferniño, Decembro 2007En cumprimento dos compromisos adquiridos con veciños e veciñas nas distintas Asembleas de Socios e de Barrio celebradas durante estes anos, a Xunta Directiva da Asociación veciñal “O Rosario – Inferniño” realizou este informe que, sen animo de exahustividade, pretende reflectir cal e a situación actual do barrio en relación coa atención que calquera cidadán demanda da súa Administración.
O obxectivo deste informe non e facer unha crítica gratuíta, todo o contrario, preténdese encher de contido o traballo que, entendemos, debe desenvolver calquera asociación veciñal, servir de conexión entre a veciñanza e os poderes públicos, trasladándolle aos últimos as necesidades e inquedanzas dos primeiros e, levándolles a estes as propostas e solucións expostas polos segundos.
Dende esta perspectiva, nunha primeira aproximación, apreciamos unha grave situación de abandono institucional en distintos aspectos do barrio, abandono que consideramos aínda máis grave, se cabe, ao descubrir que para solucionar moitos dos problemas que padecemos non e necesario investimento algún, o simple cumprimento das obrigas de control da administración, vixiando e esixindo o respecto pola legalidade, abondarían para solucionalos.
Neste informe facemos un agrupamento das nosas demandas mais importantes, xa tantas veces repetidas, en catro apartados: URBNISMO, ESPAZOS VERDES E DE LECER, MANTEMENTO E CONTROL E ESPAZOS CULTURAIS E DEPORTIVOS.
1.URBANISMONa década dos anos 40, ao norte da estrada de Castela, comezou a trazarse en Ferrol un novo barrio que os técnicos municipais denominaron “Ensanche Zona A”, e ao que a linguaxe popular chamou “Inferniño”. Un crecemento desordenado protagonizado pola iniciativa privada caracterizou o novo barrio, os constructores edificaban nas parcelas dispoñibles e, logo, os veciños debían dirixirse ao concello para solicitar os servizos (o pavimentado, alumado público, traída de auga, etc...), a única infraestructura pública do barrio era un novo estadio de fútbol. Case 70 anos despois e xa no século XXI, a veciñanza deste barrio continúa pagando o desastroso “urbanismo” levado a cabo neses anos. Un barrio desordenado, excesivamente edificado e poboado e con escasísimas zonas verdes e servizos.
En decembro do ano 2000 o Concello pleno de Ferrol aprobou o vixente Plan Xeral de Ordenación Municipal, instrumento urbanístico de ordenación integral do territorio, sendo un dos seus obxectivos mellora-los servizos públicos, as infraestructuras, as dotacións, os equipamentos e a urbanización, dende esta Asociación esiximos aos responsables políticos que garantan o escrupuloso cumprimento do citado Plan Xeral, especialmente nas parcelas aínda sen urbanizar como son o Palco das Ánimas e o Río do Tronco, así como nas construccións que se realizan sobre solares ou edificios vellos que se derruban.
Outro dos problemas que preocupa á veciñanza neste ámbito consideramos que é o chamado “feismo urbanístico”especialmente respecto daquelas parcelas ou solares sen edificar que convértense en vertedoiros de lixo ou autenticas “selvas urbanas” niño de toda bichería posible.
A continuación acompañamos unha serie de imaxes que ilustran o exposto :
Vista aérea das parcelas sen urbanizar no barrio (Palco das Ánimas e Río do Tronco)Vista aérea do chamado Palco das Ánimas (PXOM PU 14 e PU19) e a proposta elaborada por esta Asociación para este espazoVista aérea do chamado Río do Tronco (no PXOM AEI 26 Avenida da Paz)2.ESPAZOS VERDES E DE LECERComo xa quedou exposto, a falta de planificación nos tempos do desenvolvemento do barrio provocou a especulación cos espazos, deixándonos sen zonas verdes para o lecer, resultando que hoxe case que exclusivamente dispomos da Praza do Inferniño como lugar para divertimento e repouso dos nenos e nenas, xoves e maiores deste barrio e de barrios limítrofes que padecen unha situación semellante.
Como se pode entender a afluencia de usuarios cara esta xa emblemática Praza do barrio é enorme e, a pesar dos case 10.000 m de solo que dispón (entre zona verde e deportiva) prodúcese unha constante masificación de xente de todas as idades que impide un goce pleno da mesma. Dende esta Asociación pensamos que aínda que este feito poda responder a diversas causas, a mais importante, sen dúbida, é o deseño totalmente erróneo coa que foi construída (escasa zona de xogos para nenos e nenas, escasos bancos para repouso, un palco sen uso no medio da praza, as zonas verdes elevadas sobre o chan e rodeadas de pedra granítica cortante e perigosa, etc...), polo que creemos que a solución pasa por unha remodelación integral da mesma, remodelación na que a veciñanza deberá participar aportando ideas ou solucións ás propostas dos técnicos para que non volva a acontecer a situación actual.
Pero, conscientes de que un proxecto desta magnitude leva o seu tempo, propoñemos unha serie de medidas que podería mellorar a situación.
Consideramos urxente que o servizo de limpeza aumente a súa presencia na Praza, especialmente os fins de semana, resulta evidente que tan elevado número de usuarios esixe maior limpeza e os domingos carecemos deste servizo.
Resultaría moi positivo recubrir as pedras que rodean as zonas verdes con algún material brando (como a madeira), o cal resolvería dous problemas, reduciría o perigo de lesións e aumentaría considerablemente o número de lugares onde sentarse.
Tamén consideramos urxente a eliminación dun espazo no interior da praza que é popularmente coñecido como “a flor”, xa que o mesmo serve exclusivamente como vertedoiro de lixo, urinario de adultos e pequenos, e agocho para que dalgún drogodependente se administre a súa dose e deixe a xiringa estrada no chan.
Propomos o aumento das zonas de xogo, tanto os dos mais pequenos como os de pre-adolescente, os existentes resultan escasos.
Ademais de todo isto dende esta Asociación propomos a realización, canto antes, dun proxecto integral dun gran Parque Urbano na zona do Palco das Ánimas que vincule os dous parques recollidos no PXOM (PU 14 e PU 19) mediante a recuperación dun humidal que existiu na zona e do que aínda quedan restos. Este parque deberá dotarse con elementos que, xunto coa zona libre proxectada na rúa do inferniño, complemente a saturada Praza do Inferniño. A consecución deste proxecto lograría para o barrio case tres hectáreas mais de espazo de lecer e repouso para goce da veciñanza, saldando así unha débeda histórica coas infraestructuras do Ensanche.
A chamada “flor”, unha zona da que propomos a súa supresión por seguridade e hixiene3.MANTEMENTO E CONTROLSe a situación do barrio non e doada polos motivos xa expostos, empeora cando observamos as consecuencias dos incumprimentos constantes en materia de disciplina urbanística ao respecto da ocupación das beirarrúas por estadas e balados de obras xa que non se respectan as normas establecidas no PXOM.
Tampouco mellora a situación cando observamos o mantemento das roturas producidas nas rúas, beirarrúas e mobiliario urbano. Cando se produce algunha rotura, sexa fortuíta ou polo desgaste propio do paso dos anos, pasan meses e incluso anos antes de que se produza a reparación ou reposición do material, este feito traslada unha imaxe de barrio abandonado tanto á veciñanza como aos visitantes.
A todo isto debemos sumarlle a case inexistencia de pasos de peóns nas rúas do barrio, o permanente estado de ocupación de moitas das beirarrúas por carros estacionados encima delas e, como non, o xeneralizado aspecto de sucidade das rúas, moitas veces provocada polos excrementos dos cans de cidadáns pouco cívicos e insolidarios.
Dende esta Asociación opinamos que moitos deste problemas solucionaríanse con maior control deste feitos por equipos de funcionarios especializados e cunha asignación orzamentaria para o mantemento axeitada ás necesidades dun barrio que medrou á sombra do urbanismo mais especulativo.
imaxes que poden exemplificar o exposto respecto da ocupación de beirarrúas por estadas e balados de obras que incumpren o PXOM.
imaxes precedentes exemplifican o estado de moitas rúas e beirarrúas4.ESPAZOS CULTURAIS DEPORTIVOS E DE OCIOXa quedou exposto que nos seus inicios a única infraestructura pública do barrio era un Estadio Municipal de Fútbol. Hoxe no espazo que no seu día ocupou o Estadio municipal Manuel Rivera dispomos do Centro Comercial Porta Nova, o Centro Cultural Carvalho Calero, a Praza do Inferniño e unha pista polideportiva descuberta.
Ademais á beira da rúa Río Xubia, no Palco das Ánimas, fai case dez anos e en plena campaña electoral autonómica, constrúese o Pavillón Municipal do Ensanche.
A enumeración dos servicios deportivos e de ocio do barrio, Centro Comercial Porta Nova, Centro Cultural Carvalho Calero, pista polideportiva descuberta, Pavillón Polideportivo do Ensanche, aparentan unha gran dotación pública, mais a realidade é completamente distinta :
-CENTRO COMERCIAL. Respecto deste Centro de titularidade pública en réxime de concesión administrativa, vimos denunciando dende fai mais de dous anos, xunto co Colectivo de Comerciantes Críticos, o sistemático incumprimento do prego de condicións que rexe a relación da concesionaria do Centro Comercial co Concello, incumprimento que provoca o afogamento da actividade comercial e da como resultado un espazo público infrautilizado, coa maioría dos locais baleiros, ben sexa porque nunca foron ocupados ou polo seu peche posterior.
Como xa manifestamos en multitude de ocasións pensamos que o principio da solución ao Centro Comercial pasa polo rescate da concesión por parte do Concello para elaborar unha estratexia que permita recuperar a plena actividade do mesmo.
-CENTRO CULTURAL. Consideramos nesta Asociación que para que un local público sexa merecedor de chamarse centro cultural, deben desenvolverse nel, actividades culturais como a musica, o teatro, conferencias ou exposicións, cando menos con certa regularidade, o cal non sucede no noso centro cultural, que como xa temos denunciado repetidas veces mais parece o local social dunha Asociación de veciños que un centro cultural.
Pensamos que é imprescindible que o Concello asuma a xestión do mencionado Centro Cultural, faga nel as modificacións estructurais que precise e que o inclúa na programación cultural da cidade, aportando así á veciñanza o servicio para o que foi deseñado.
-PISTA POLIDEPORTIVA. A pista sitúase entre a rúa Inferniño e a Praza do mesmo nome, e foi deseñada como un lugar onde nenas e nenos do barrio podan exercitarse libremente practicando deporte cos amigos e amigas. Mais acontece que dita pista ten certas carencias que a converten, incluso en perigosa.
A zona de xogo atopase moi preto das gradas, que están feitas de formigón, o que supón un risco para os usuarios, ademais non existe ningún tipo de protección para que non escapen as pelotas ás rúas próximas, polo que nenos e nenas invaden con certa regularidade as rúas detrás dos balóns, o que todos sabemos que é moi perigoso e xa por último, a pista atópase absolutamente degradada convertindoa en verdadeiro papel de lixa para os corpos de nenas e nenos, e con grandes fochancas que obrigan aos usuarios a facer carreiras de obstáculos para non caer e torcer os nocellos.
imaxes que mostran o lamentable estado da pista polideportiva
imaxe da terraza do centro Comercial Porta Nova que por si soas reflicten o denunciado abandono do mesmo por parte dos responsablesAte aquí este pequeno informe que trasladamos á nova Corporación Municipal.
Dende esta Asociación desexamos que o novo Goberno Municipal amose maior vontade que o anterior na atención ás demandas dos cidadáns e esperamos que aposten por unha maior participación cidadá nos asuntos que a todas e todos nos incumben directamente, sendo este informe cas súas formulacións e demandas un exemplo desa vontade.
Ferrol, a 11 de decembro de 2007.
O PRESIDENTE.-
Asdo.. Xosé Manuel SANXOAN CAAMAÑO
SR. ALCALDE-PRESIDENTE DO CONCELLO DE FERROL
____________
ASOCIACION VECIÑAL O ROSARIO- INFERNIÑO
CIF-G70006473
correo-e: avvorosario@gmail.com
blog da asociación: ferrolnovo.blogspot.com
_________________