luns, xuño 01, 2009

Convidamos a que tomedes un pouco de tempo para escoitar estas crónicas, paga a pena

Hai uns días, en diferentes post, publicamos as crónicas -até a sexta- de Ivan Prado desde Palestina, na segunda xira -do 21 Abril ao 5 de Maio- de Pallasos en Rebeldía [*] polo País Ocupado, a primeira tivera lugar en 2002.

Pallasos en Rebeldía levou
"o espírito da risa e do clown a Palestina, nunha viaxe de fraternidade humana a través do riso tamén cun outro obxectivo e igualmente importante como é o de dar apoio ao pobo palestino e denunciar, mais unha vez, a continua e reiterada opresión que sofre por parte de Israel".

Escoitando o estupendo programa "Divertimento para pequenos monstros" en Rádio Filispím, do compañeiro André C. Pastor, fixo máis interesantes e necesarias estas crónicas que seguro que non só foron un gozo de escribir para Iván, senón un grande esforzo que paga a pena transcribir e como non escoitar na voz de André acompañada dunha selecionada música e cancións que ben merecen a súa difusión. Convidamos a que tomedes un pouco de tempo para escoitar estas crónicas, paga a pena.

Crónicas da 6ª á 9ª
Descargar o arquivo


Crónicas da 1ª á 5ª
Descargar o arquivo


O clown galego solidario volve a terras palestinas 7 anos despois
[+Info]

Cronicas 7, 8 e 9 de Pallasos en Rebeldía desde Palestina - Palestina 2009



CRÓNICA 7 DE PALLASOS EN REBELDÍA DESDE PALESTINA

Por Iván Prado

Onte foi o dia máis estraño de toda a miña vida. Empezarei polo final a modo de conta atrás. Tres da mañá. Salón da casa dos pais do responsable da organización que nos trouxo a Nablús. Retirámonos á cama despois dun debate de toda a caravana sobre a resistencia armada, o motivo: temos adrenalina para cazar unha manda de elefantes e logo botar unha pachanga.

Dúas horas antes cruzamos o casco vello desta cidade ocupada co corazón nun puño e como di Leo Bassi co ano estretto, e todo porque estivemos ata as doce e media no local de Human Suporters debatendo se ao día seguinte iamos facer unha acción pallasil a un chek point (o debate estaba en táboas e eu den o brazo a torcer. Non iríamos facer a acción para non fraccionar o grupo nin forzar a xente que dubidaba).

Saímos ás 12.30 do local e o noso guía empezou a facer cousas estrañas como correr de esquina a esquina, mandarnos esperar en silencio ata que el comprobase primeiro se o camiño estaba libre … , total, que de novo nola estabamos xogando. Era a hora das bruxas, a hora na que baixa o exército, e en calquera momneto nos podíamos atopar cunha columna israelita.

Cruzamos como pantasmas a cidade ata o momento no que escoitamos o ruido dun enorme camión que na distancia parecía igual aos que transportan tropas israelitas. Nese intre de pánico colectivo a nosa expedición correu como se o demo nos levase (no meu interior sinto que esa rúa e esa noite estrelada son unha metáfora perfecta da miña vida. A modo de foto fixa síntome parte dun xogo secular ao que pertenzo). Finalmente chegamos á casa. As palpitacións escóitanse a dez quilómetros á redonda. O camión era de borralla e esa noite o exército non baixaría, pero para a nosa experiencia supuxo tres voltas seguidas a este dragón kanh sionista que se chama Cisxordania ocupada.

Antes de sair por patas, celebramos o cumpreanos -pastel incluido- de Laila, a nosa incrible tradutora-guia-loxista e inmellorable embaixadora galaico-palestina. Sempre é algo extraño para min celebrar un cumpreanos en medio dunha vaixe deste tipo, pero o que fixo desta celebración algo único foi estar metidos nun bar ateigado de homes e pipas árabes vendo o histórico 6 a 2 do clásico da liga española (penso que é a primeira vez que vexo un partido de futbol enteiro pola tele na miña vida).

A proporción de fans dun e outro equipo foi a mesma que o resultado pero á inversa. En Palestina calquera escusa é boa para sair da rutina xenocida, así que a controversia barsa "rial" madrid é o primeiro tema de conversación que se nos presenta pola rúa. O caso é que aos 5 minutos de partido xa me estou abrazando e pegando botes cos seguidores do Barça que temos ao noso carón. E eu que penso que o futbol televisado é o opio do pobo! O que non me pase en Palestina non me pasa en ningún sitio.

Antes do partido viñamos de dar o obradoiro máis difícil da miña vida. O grupo era grande pero moi interesante e aínda eu tiña que loitar contra a dificultade de traballar con homes e mulleres no mesmo espazo. O que facia deste obradoiro o máis duro que nunca dei foi o xeito de empezar a mañá, algo que non esquecerei nunca.

Son as 10 da mañá e saímos da casa camiño a unha xuntanza co pequeno circo, unha entidade de circo, pero antes agárdanos un percorrido turistico absolutamente dantesco. O noso guía lévanos polo roteiro do terror en Nablús, un combinado que mistura historia de resistencia heroica coa depravación humana máis sangrante.

Nablús é unha cidade con máis de 2000 anos de historia, un lugar histórico merecedor de todos os apoios internacionais posibles pero está en ruinas, as ruínas que provoca esta guerra de ocupación. Os sionistas deixaron e deixan (nestes intres estannos sobrevoando os F16 -que se fabrican en Europa ou Estados Unidos-) un rastro de sangue case imborrable.

En cada esquina da ciadade hai fotos dos mártires da causa Palestina, en cada ruela hai bandeirolas contando o sufrimento desta población, casas derrubadas polos bulldozers, edificios enteiros bombardeados para que as tropas poidan entrar no corazón do casco antigo, casas e pedras que sepultaron familias enteiras mentres os veciños tiñan que esperar semanas para retirar os corpos ou salvar os supervivintes, historias de nenos asainados mentras xogaban nas terrazas, corpos en descomposición porque nesta cidade os mortos non teñen dereito nin sequera a seren recollidos polos seus seres queridos…

Despois de estar en Nablús a membrana do corazón que me une á humanidade está tan fráxil que teño medo de esbirrar. Dar un obradoiro de risoterapia depois deste percorrido polas venas abertas de Palestina, despois de escoitar máis dunha hora de testemuñas das aberracións cometidas polos soldados xudeos foi, sen lugar a dúbidas, o maior reto da miña vida como militante da fraternidade entre os pobos.

Aínda así, o obradoiro saiu moi ben e agora temos unha familia en Nablús, unha familia de varios miles de persoas que viven rodeadas por 6 cuarteis militares, 5 chek points e once cabezas nucleares que están nas súas montañas.

Non sei que vai pasar pola noite, se virán os soldados á casa ou non, ou se nos pararán no chek point. O que si sei é que nesta cidade, neste país, estase xogando o meu futuro e o da miña familia. O que está sobre a mesa é se a humanidade está disposta a seguir permitindo este novo holocausto ou non.


CRÓNICA 8 DE PALLASOS EN REBELDÍA DESDE PALESTINA
Por Iván Prado

Esta foi a viaxe máis dura da miña vida e non porque case morremos nun accidente de tráfico ou me apalean no aeroporto na viaxe de volta, non. O que fixo desta expedición unha experiencia máis dramática incluso que a anterior, na que nos bombardearon, vimos sair corpos destrozados das ambulancias por mor dos tomahauks israelitas, golpearon xente diante dos nosos ollos, e fomos testemuñas de agresivos combates nocturnos, foron as testemuñas que en cada sitio nos ían dando: unha terrorífica historia colectiva tallada a sange sobre a resistencia do pobo palestino.

Case toda a xente coa que falamos pasou pola cadea, case toda, e senón ten o seu parente mais querido está alí metido, e ás veces as dúas cousas á vez. En cada casa hai relatos de humillación, impotencia e xenocidio.

Estudantes universitarios, traballadores da sanidade, amas de casa, militantes sociais, nenos e nenas, anciáns ao final da súa vida… dá igual. Se son palestinos nas zonas ocupadas, só poden falar de paus, disparos, vexacións e torturas, un ronsel de atrocidades tan grande que para seguir escoitándoos co corazón teño que facer acopio de toda a miña reserva emocional de alegría e esperanza.

O que resulta increiblemente extraño é que falan sen odio na mirada, que despois de dicirche como foron torturados seguen amosándoche a súa humanidade, que despois de ensinar as balas na parede seguen servíndoche te con todo o cariño do mundo. Como pode ser que un pobo tan machacado non perda o sorriso, non perda a ocasión de ser amable e siga mantendo a bandeira da esperanza en alto, como pode ser que os seus rostros non sexan de granito, os seus cantos de odio e o seu camiñar de destrucción, despois de levar máis de 60 anos baixo un sistema que oprime, desprecia e os acaba?

Só teño unha resposta, a luz, pola luz interior que portan. E cando hai tanta luz, a sombra non deixa de perseguila.

Marchamos para Barcelona, pero no aeroporto de Tel Aviv espéranos o último capítulo desta demencia colectiva que chaman Israel. Revísannos todo o material, lévannos a unhas cabinas illadas e a min fan me desnudar (como non levo calzoncillos tráenme a miña mochila para que os poña). No meu inglés tarzánico dígolles que por favor non toquen o meu colgante. Despois de 5 veces bérrolle ao mamón do segurata xudío e pego un golpe contra a mesa. El acójonase e chama dúas veces ao timbre de seguridade. En 15 segundos aparecen 5 armarios empotrados israelitas dispostos a hostiarme. A situación cálmase e eu miro para eles con odio e desprezo.

Desta volta non hai golpes, libreime. Iso si, insisto vestido só co meu orgullo e uns gallumbos que non me toquen o colgante. 5 minutos despois bérrolle a unha da seguridade que si me entende en castelán que en Isarel non se respeta ás persoas, e a escena ameaza con repetirse, pero desta volta o calvo e o colega métennos na fila de embarque business diante de todo o mundo e pásannos por outro corredor á zona internacional. Vese que a mala hostia de Lugo ás veces axuda a non facer fileiras.

Na glamurosa parte internacional do aeroporto Ben Gurion vemos a metáfora perfecta desta ocupación sionista. Unha enorme fonte central baixo unha inmensa cúpula de cristal deixa caer do ceo, sen tubos nin estruturas, ríos de auga, a mesma auga que os palestinos non poden empregar para os seus campos porque os xudeos a teñen roubada, auga que cae do ceo, terras que caen do ceo, armas que lles caen do ceo a este pobo que tanto sufriu no pasado, todo lle vén dado hoxe por mandato divino, acaso non lle podería caer a humanidade enteira tamén desde o ceo?


CRÓNICA 9 DE PALLASOS EN REBELDÍA DESDE PALESTINA
Por Iván Prado

Isto non é unha crónica. Isto é unha ferida de bala. Por favor, absterse políticamente correctos e demais familia. Israel non é un estado, é o nome dun exército de ocupación en Oriente Medio e, ata onde eu alcanzo a saber, os estados democráticos non manteñen relacións diplomáticas con exércitos, senón cos seus gobernos, así que non entendo como os israelitas teñen embaixadas en territorio europeo.

Normalmente, os estados que se din democráticos teñen exércitos para que defendan (teóricamente) a súa poboación civil. No caso sionista é ao revés. O exército ten unha poboación civil para que os defendan das resolucións da ONU, para que os xustifiquen ante a opinión internacional e para que poñan fillos e corpos no proceso de avance sobre territorio árabe.

Isarel non é un país, é unha maquinaria -perfectamente engraxada- de expoliar, destruir, mentir e exterminar a unha poboación civil que ante tanques ten pedras, ante helicópteros, ten cometas e ante cabezas nucleares só conta coa súa dignidade e séculos de historia.

Pero volvendo a nós, a santa cuna da democracia e as liberdades, que fai Europa? que facemos ante o muro da vergoña, un muro que pesa sobre todos os seres humanos como unha lousa de morte e miseria? que fai o goberno Zapatero, ademais de venderlles armas aos sionistas e despois decir non foron usadas nas masacres de nadal en Gaza? que máis fai a Unión Europea ademais de regañar feblemente a comandancia xeral dese exército de ocupación que eles chaman goberno israelita mentres os tanques destrúen os hospitais palestinos financiados cos impostos de todos nós?

Sacamos as tropas españolas de Irak e non imos tirar un valado de 8 metros de alto que estrangula lentamente á poboación civil indefensa e inocente? saímos ás rúas e botamos un goberno mentiroso e cobarde pola guerra en Irak e non imos tomar os estrados e os medios de comunicación para acabar con este holocausto? que lles imos dicir ás vidnerias xeracions, que estabamos ocupados vendo o 2 a 6 da Liga mentres en Palestina esnaquizaban un pobo e á Declaración Universal dos Dereitos Humanos, torturando a ambos os dous en celas de 1 metro por 2?

O exército de ocupación israelita non só okupa inxustamente e de xeito criminal uns territorios en Oriente Medio, está okupando a nosa conciencia como seres humanos, non so humillan a palestinos e palestinas, humillan a toda aquelas persoas que sintan que forman parte dun ben común chamado humanidade.

Enlace de interese:
http://www.pallasosenrebeldia.org/


[*] Pallasos en Rebeldía - Globalizando a esperanza.
Pallasos en Rebeldía é un espazo do teatro galego, vencellado ao Festiclown, que traballa na cooperación internacional a través do riso. Esta entidade, que se creou en Chiapas no ano 2004 durante unha visita ás fervenzas do río Bascán no contexto da II Caravana de Pallasos aos Municipios Autónomos de Chiapas, permite ás artes e ao teatro galegos expresar a súa rebeldía en unión directa con proxectos de fraternidade humanitaria.
Neste novo século que vimos de inaugurar recentemente o pallaso ou clown segue a desempeñar un papel protector dos valores sociais máis humanos dentro das estructuras artísticas: a crítica social, o dereito ao riso dos máis desfavorecidos, a superación dos nosos complexos mediante a cura da garagllada son algunhas das aportacións imprescidibles que esta expresión teatral verte a diario en calquera recuncho do noso planeta.

___________________________

1 comentarios so far

Grazas Iván e a ti tamén André por estas palabras alegres, tristes, de esperanza, de denuncia, de paisón, ... solidarias, ... Grazas por estes momentos que non nos deixan indiferentes.

Xosé


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon