De: Convocantes en defensa dos espazos públicos -defendendo.os.espazos.publicos@gmail.com-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 14 de Abril de 2007 12:25
Asunto: Convocatoria de reunión para este Luns 16 de Abril no Ateneo Ferrolán
Convocatoria dunha reunión de todas as entidades Convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos, en contra da construción do macro-edificio na Praza da Porta Nova [Praza de España], para analizar a resolución administrativa da Xunta e emitir unha opinión consensuada ante a nova situación.
As manifestacións públicas dos responsábeis municipais, necesitan urxentemente, desde o noso ponto de vista, unha resposta do movimento cidadán enmarcado nos Convocantes das mobilizacións pola defensa dos espazos públicos, dado a nosa responsabilidade e compromisos na oposición mantida contra actuación do Goberno Municipal e o seu planeamento urbanístico na Praza da Porta Nova.
Por todo isto convocamos a unha reunión urxente nos locais do Ateneo Ferrolán, o vindeiro Luns 16 de abril, ás 19:00 hrs. Esta reunión non se realiza no lugar habitual en Esteiro, porque os locais da A.V. Fontelonga están ocupados.
Ferrol, a 14 de Abril de 2007
Asinado.-
Mel Sanxoan
Inácio M.Orero
_________
Anexo:
Así daba a noticia a Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transporte:
Política Territorial aproba a modificación do PXOM de Ferrol sobre a Praza de España
* Dita modificación ten por finalidade a recalificación dunha superficie de 18.056 m2 de solo urbano que, ata o de agora, o planeamento municipal clasificaba como sistema xeral viario.
* O mesmo PXOM ferrolán establece que as actividades permitidas nesa superficie quedan restrinxidas exclusivamente a usos públicos de servizo directo aos cidadáns.
* A Consellería mantén o requirimento para que o Concello anule os acordos plenarios que amparaban as obras da Praza de España por ser nulos de pleno dereito.
Santiago, 12 de abril de 2007.- A Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes aprobou definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Ferrol que ten por finalidade a recalificación dunha superficie de 18.056 m2 de solo urbano no ámbito da praza de España que, ata o de agora, figuraban no planeamento urbanístico municipal como sistema xeral viario.
A Orde relativa á reordenación dos sistemas xerais de equipamentos comunitarios, zonas verdes e de espazos públicos no que atinxe á praza foi asinada pola conselleira María José Caride e remitida ao Concello de Ferrol. Na mesma apróbase a modificación do PXOM nos termos propostos polo Concello de Ferrol, á excepción do epígrafe 1.3 da memoria que fai referencia a que os novos espazos libres sirvan para compensar incrementos de edificabilidade noutras actuacións públicas que requiran maiores reservas dotacionais, cuestión esta que foi rexeitada pola Dirección Xeral de Urbanismo.
A proposta aprobada implica que esta superficie se reparta da seguinte maneira: 12.0521 m2 destinados a sistema local de espazos libres públicos, 2.979 m2 cualificado como sistema xeral viario e os 3.025 m2 restantes para sistema xeral de equipamentos comunitarios públicos que, segundo a modificación puntual, poden albergar dous volumes de 4,5 metros de altura nos que se localizan as saídas do aparcadoiro soterrado e un edificio de planta baixa e seis alturas, que non poderá sobrepasar os 21 metros.
O propio artigo 118 do PXOM de Ferrol especifica de xeito pormenorizado que as actividades e instalacións permitidas nas superficies destinadas a usos públicos ou colectivos para servizo directo dos cidadáns son unicamente as de carácter docente, deportivo, sanitario e asistencial, socio-cultural, relixiosos, público-administrativo, cemiterios, mercados e abastecemento e servizos urbanos. Polo tanto, o edificio que, segundo a modificación do PXOM se pode construír na praza de España, tan só poderá ser destinado en exclusiva aos usos de carácter público anteriormente mencionados.
Non obstante, a Consellería de Política Territorial mantén o requirimento efectuado o pasado 27 de febreiro para que o Concello suspenda as obras de edificación da Praza de España e revise os acordos plenarios adoptados para o cambio de uso dos terreos nese ámbito e de aprobación definitiva do proxecto de urbanización da zona. Política Territorial reitera que ditos acordos (celebrados en sesións plenarias de 24 de novembro de 2004 e de 16 de marzo de 2005) son nulos de pleno dereito ao non estar contemplados no PXOM. Cómpre salientar que a modificación puntual do PXOM aprobada agora e que permite o cambio de uso destes terreos non ten carácter retroactivo, polo que os acordos plenarios adoptados con anterioridade carecen de legalidade e, polo tanto, deben ser revocados.
--
Convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos, en contra da construción do macro-edificio na Praza da Porta Nova [Praza de España]:
Asociación Cultural Fuco Buxán,
Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga",
Asociación Veciñal de Ferrol-Vello,
Asociación Veciñal O Cruceiro de Canido,
Asociación Veciñal "O Rosario - Inferniño",
Asociación Veciñal de Santa Mariña,
Asociación Veciñal de San Xoan-Bertón,
Asociación Sociocultural Lopez Bouza
CC.OO Ferrol,
CIG-Ferrol,
Colectivo Veciñal Sartaña,
Esquerda Unida - IU,
Federación de ANPAS de Centros Públicos de Ferrolterra,
Os Verdes - Grupo Verde de Ferrol,
NÓS - Unidade Popular,
Plataforma Ártabra21,
Terra Galega,
UGT-Ferrol,
USTG-Ferrol.
Xurdimos a favor dunha política xusta, democrática, participativa e sustentábel, responsábel cara o futuro da humanidade e do resto das especies, respectuosa e defensora do medio natural, na convicción de que un outro mundo non só é posíbel senón que é necesario.
Home
Convocatorias
Praza da Porta Nova
Convocatoria dunha reunión para este Luns 16 de Abril no Ateneo Ferrolán
sábado, abril 14, 2007
Convocatoria dunha reunión para este Luns 16 de Abril no Ateneo Ferrolán
✔
Saúde e Liberdade !
Diterbitkan sábado, abril 14, 2007
Artigos relacionados
Subscribirse a:
Publicar comentarios (Atom)
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon