martes, febreiro 17, 2009

A Cobertura Electoral

Polo seu interese - unha crítica á cobertura electoral que fan os medios "informativos" convencionais -, reproducimos un artigo que publica hoxe, en varios xornais do grupo "LA CAPITAL" [El Ideal Gallego, Diario de Ferrol e Diario de Arousa], Luís Álvarez Pousa [*], profesor de xornalismo na USC, director da prestixiosa revista "Tempos Novos" e director do "Observatorio Galego dos Medios" .


Por LUÍS ÁLVAREZ POUSA
Martes, 17 de Febrero de 2009


Os medios de comunicación asumiron en campaña un papel de acompañantes compasivos, sen atreverse a ensaiar fórmulas profesionais capaces de sortear as servidumes partidistas, que son a negación da súa función mediadora, para alzar o voo, sobrepoñéndose a todo canto estorbe a súa capacidade de influencia en tanto que actores parapolíticos. Quérese dicir, non someténdose a nada que non sexan os principios ideolóxicos que marcaron dende sempre a súa condición de servizo público, por unha banda, e a tarefa de mediación e control a prol dunha equilibrada e xusta distribución do poder e a favor do pluralismo, pola outra.

Sempre e en todo lugar. Pero sobre todo cando a cidadanía é convocada ás urnas, e se nos dá a todos a oportunidade de recuperar a dimensión simbólica da política, quérese dicir, o seu poder para articular espazos deliberativos -ou de conformación dunha cualificada opinión pública- e procesos de participación cívica, que nunca poderían existir sen unha información dilixente, rigurosa e de calidade no profesional, veraz, plural e diversa no normativo. O descrédito que hoxe ten a información política -un 62 por cento, segundo algúns estudos- vénlle en boa medida de haberen claudicado os medios diante dun montón de compulsivos produtores de contidos, que en épocas electorais desafían tódalas normas da contención, impoñendo axenda, ruídos e porcentaxes blindadas de protagonismo. Entre a xunta electoral, que se atribúe decisións que competen estrictamente ao ámbito profesional do xornalismo, e os directores das diferentes candidaturas partidarias, que se atribúen dereitos que pertencen á cidadanía no seu conxunto, impoñen un modelo de cobertura política sen garantías.

É preciso romper con esa anomalía. Porque o que está en xogo en cada convocatoria electoral é a calidade da democracia, e a do noso autogoberno. Máis alá do que cadanseu medio editorialice en liña coas súas tendencias ideolóxicas, as garantías que demandan os cidadáns só as pode asegurar o xornalista, no que aqueles delegan o seu dereito de información. Para iso faise imprescindible que os medios liberen aos seus xornalistas do voto de castidade política que os atenaza. Recoñézanlles a súa autonomía profesional marcando a axenda, descontaminando de ruídos e ficcións as promesas electorais, decidindo os tempos, os protagonismos e os espazos da información, guiándose só polo interese xeral e o sentido de equidade. Na información diaria da campaña e tamén nos debates televisivos.

[*] Luís Álvarez Pousa
lapousa@xornalistas.com

__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon