segunda-feira, fevereiro 16, 2009

No Pleno Municipal de hoxe, en Ferrol, vai-se hipotecar parte do futuro da cidade ...

No Pleno Municipal de hoxe, en Ferrol, vai-se hipotecar parte do futuro da cidade. Seguir construíndo estacionamentos no centro da cidade, non é camiñar a eliminar o tránsito de vehículos pola mesma, senón todo o contrario, é fomentar o uso do automóbil motorizado particular e privado. Todo o contrario do que establece o compromiso de ter asinado a Carta de Aalborg [*] e elaborado a Axenda 21 Local [que por certo xa non está colgada na web oficial do Concello]. O fomento de estacionamentos para automóbiles particulares privados, vai en contra dunha "mobilidade urbana sostíbel", no punto I.9 da citada Carta di-se:

"Nós, cidades, debemos esforzarnos por mellorar a accesibilidade e por manter o benestar e os modos de vida urbanos á vez que reducimos o transporte. Sabemos que é indispensábel para unha cidade viábel reducir a mobilidade forzada e deixar de fomentar o uso innecesario dos vehículos motorizados. Daremos prioridade aos medios de transporte respectuosos do medio ambiente (en particular, os desprazamentos a pé, en bicicleta ou mediante os transportes públicos) e situaremos no centro dos nosos esforzos de planificación unha combinación destes medios. Os diversos medios de transporte urbanos motorizados deben ter a función subsidiaria de facilitar o acceso aos servizos locais e de manter a actividade económica das cidades".

O goberno leva hoxe a pleno o rescate do estacionamento da Praza do Concello tras o acordo entre concesionario e comerciantes, sen ter en conta a necesaria recuperación funcional dunha praza, para uso e gozo da cidadanía como principal e non como secundario, para eles primeiro é o negocio privado, cunha futura concesión de décadas, máis antes facendo un rescate millonario [case 2,5 millóns de euros] que vai beneficiar ao actual concesionario, Isidro Silveira. E que se supón que vai ser, con toda seguridade, o futuro concesionario que vai ampliar o seu negocio [en case un 345%], pois pasa de poder ofertar 116 prazas na actualidade, a unhas 400 nun futuro.

A desculpa do edil de Facenda, Ramón Veloso, no sentido de afirmar que esta medida "permitirá construír un novo aparcadoiro para gañar prazas. Ferrol podería así afrontar con garantías o proceso de peatonalización do barrio histórico da Magdalena", non é máis que pura retórica, se se ofertan máis prazas, entrarán máis vehículos motorizados no casco histórico da Madaglena. A tendencia debería contemplar o só permitir o acceso a residentes, emerxencias, transporte colectivo [non contaminante] e distribución de mercadorías.

A outra desculpa de que "se evitarán os continuos desembolsos que, ano tras ano, tiña que asumir o Concello para afrontar reparacións no recinto", non é tal se non vai acompañada dunha relación de obras e reparacións feitas nos últimos anos e a súa contía, pois precisamente do que se queixaban os comerciantes da Praza era de que non se acometían ditas obras.

En definitiva, rehabilitar a Praza si, mais para uso e goce da cidadanía, non para facilitar o uso de transporte motorizado particular e privado dentro da cidade.

Colectivo Ártabra 21
16.02.2009
______________________

[*] Conferencias Europea de Cidades e Pobos Sustentábeis
[Aalborg en 1994, Lisboa en 1996, Hannover en 2000, Aalborg en 2004 e Sevilla 2007]

Ponto 6 do Documento "Aalborg+10 – Inspiración para o Futuro", da conferencia celebrada en Hannover no ano 2000.

"Mellor Mobilidade e Redución do Tránsito

Recoñecemos a interdependencia do transporte, a saúde e o medio ambiente e estamos comprometidos a promover firmemente os modelos de mobilidade sostíbeis.

Polo tanto imos traballar para:

1.reducir a dependencia do transporte privado motorizado e promover alternativas atractivas que sexan accesibles para todos.
2.aumentar a porcentaxe de desprazamentos en transporte público, peonil e en bicicleta.
3.promover o cambio a vehículos con baixas emisións.
4.desenvolver plans integrados de mobilidade urbana sostible.
5.reducir o impacto do transporte no medio ambiente e na saúde público"

Entrar a continuación:
Colectivo Ártabra 21: Por que furar Ferrol ?

_________

Enlaces Relacionados:

__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon