Este día 26 o Parlamento Europeo aprobou o Informe Auken. sobre a desfeita urbanística en España. Entre outras medidas, o informe pide conxelar os fondos comunitarios a España si non se remata cos abusos urbanísticos. A resolución, elaborada pola deputada verde danesa Margrete Auken, pide suspender e revisar todos os novos planos urbanísticos que non respecten o medio ambiente así como anular os PXOMs e outras figuras de planexamento que non se axusten á lexislación comunitaria. O informe tamén denuncia que “todas as administracións –central, autonómicas e locais– son responsábeis dun modelo de desenvolvemento insustentábel, que tivo gravísimas consecuencias, ambientais, sociais e económicas”. Qué vai pasar coa moratoria dos 500m, que caduca en mes e medio e co Plano do Litoral en trámite? Que vai facer Feijoo co Plano Acuícola, o de Portos Deportivos, o "axente urbanizador"... diante deste demoledor informe europeo?
Por unha ampla maioría de 349 votos a favor, 110 en contra e 114 abstencións o P. E. aprobou un informe que contaba coa oposición de socialistas e populares españois, que non lograron convencer aos seus compañeir@s dotras nacionalidades para que votaran en contra. É a terceira vez que o Parlamento Europeo denuncia os abusos urbanísticos en España nesta lexislatura (decembro de 2005 e xuño de 2007).
Socialistas e populares españois presentaran resolucións alternativas para suavizar o informe, pero foron rexeitadas: a do PP por 393 votos en contra e 126 a favor, e a do PSOE por 436 votos en contra e 72 a favor.
O Parlamento Europeo censura que algunhas urbanizacións construíronse en zonas protexidas pola Rede Natura 2000 e denuncian a falla dunha aplicación axeitada e coerente da lexislación ambiental, causa de moitos abusos urbanísticos. [Foto: Protesta en Valdoviño contra unha urbanización] Todo isto, xunto coa “laxitude” nos procedementos xudiciais, “xerou unha corrupción endémica”. O informe critica ademáis que as autoridades xudiciais españolas “non están debidamente preparadas” para tratar casos de abusos urbanísticos, tramítanos con demasiada lentitude e que “as sentenzas ditadas en moitos casos non poden executarse de forma que compensen ás vítimas dos abusos”. “Isto reforza a impresión, sobre a falla de actuación e parcialidade da xustiza española”, di o texto.
[O monstro de Toralla na ría de Vigo] Para solucionar estes problemas, o P. E. “pide ás autoridades españolas que deroguen todas as figuras legais que favorecen a especulación, como o axente urbanizador”. Tamén insta a revisar “urxentemente” e modificar a Lei de Costas “a fin de protexer os dereitos dos propietarios de vivendas e pequenas parcelas que non teñen impacto negativo sobre o medio costeiro”.
PROPOSTAS DE ADEGA EN URBANISMO E LITORAL
URBANISMO
- Dotar de contido e medidas ás DOT (Directrices de Ordenamento do Territorio) para que sexan a referenza vinculante de todos os Planos Sectoriais (Eólico, Hidroeléctrico, de Transportes, do Litoral, de Vivenda, etc.)
- Paralizar e revisar os Planos Sectoriais en vigor ou en tramitación para adatalos ás DOT.
- Modificar a Lei de Ordenación do Territorio e a Lei de Ordenación Urbanística de Galiza, para entre outras medidas, limitar as novas urbanizacións, consolidar a franxa de protección do litoral e das chairas de inundación dos ríos, restrinxir a figura do “axente urbanizador” e limitar usos autorizábeis en solos de especial protección.
- Penalizar fiscamente ás vivendas baleiras e segundas residencias e incentivar a rehabilitación fronte á obra nova, con especial atención aos núcleos históricos e á recuperación das fachadas marítimas.
- Potenciar as Normas do Hábitat e a construción ecoeficiente.
LITORAL
- Lei do Litoral de Galiza que garanta a protección e conservación da costa fronte aos efectos do cambio climático (suba do nível do mar, perda de biodiversidade, menor produtividade biolóxica...).
- Ampliación da moratoria urbanística dos 500m mentres non se aprobe o Plano do Litoral.
- Plano de Ordenación do Litoral elaborado con criterios de sustentabilidade que permita unha xestión integrada deste espazo e delimite os usos compatíbeis coa conservación da costa.
- Derogación do Plano Acuícola e aposta pola a recuperación da pesca artesanal, o marisqueo e a acuicultura a flote, así como pola multifuncionalidade da pesca (turismo, patrimonio, cultura, etc.)
- Revisión da Lei de Defensa das Rías para incorporar novos espazos, prohibir actividades potencialmente contaminantes, ampliar os parámetros de calidade das augas e garantir o saneamento integral das rías.
- Ampliar a rede de Áreas Mariñas Protexidas e promover a declaración de Reservas da Biosfera para as rías galegas.
- Desmantelamento de ENCE-ELNOSA e dos depósitos do Ferrazo antes do remate da lexislatura.
- Máis dotación de medios para a loita contra a contaminación mariña, con bases loxísticas e dotacións nas zonas máis sensíbeis e de maior risco.
ADEGA - Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galiza | ||||||||||||||
|
Delegación de ADEGA - Trasancos
Centro Cívico de Caranza [na nosa delegacion], Avda Castelao s/n. Ferrol
Noso Apdo Correos 481 . 15480 Ferrol
Telefones:
Nés - 649779774
Suso L Piñeiro - 639288263
Antonio 625878352
Antón Muñiz 663304110
Na web de ADEGA, mais información da nosa Delegación:
Web de Adega - Trasancos
__________
Enlaces relacionados de interese:
- "Informe Auken" : INFORME sobre o impacto da urbanización extensiva no Estado Español, nos dereitos individuais dos cidadáns europeos, o medio ambiente e a aplicación do Dereito comunitario, con fundamento en determinadas peticións recibidas - (2008/2248(INI)) Comisión de Peticións - Ponente: Margrete Auken
- Pode-se baixar o texto do "Informe Auken" -revisado 20.02.2009- nos arquivos do Colectivo Ártabra 21 en formato -pdf- [Baixar]
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon