domingo, maio 17, 2009

Histórica Mobilización Nacional en defensa da lingua: Compostela, 17 de Maio de 2009

Tags

Unha impactante manifestación invadiu as rúas e prazas de Compostela. Unha manifestación que uniu a xentes de moi diversa condición para decir-lle ao novo goberno do PP na Xunta de Galicia que preside Alberto Nuñez Feijóo que unha parte moi importante da sociedade galega está disposta a mobilizar-se para non dar nen un paso atrás. Nen un paso atrás na normalización do galego, nen un paso atrás nos direitos alcanzados polas persoas que falan galego no país do galego, nen un paso atrás no estatus do galego como lingua oficial de Galiza. Frente as ameazas e as brabuconerías, frente as mentiras que falan de imposición e perigo para o español no noso país, a verdade tomou as rúas compostelans para defender, baixo unha forte chuvia a lingua común, a lingua que nos identifica. Que tomen nota.

Galería Fotográfica


Fotos: CA21 - damch
_______________

Enlaces relacionados:

[Clicar acima da imaxe para entrar na Galería de Diapositivos de alta resolución]
[Fotos: suso 's Public Gallery ]

[Clicar acima da imaxe para entrar na Galería de Diapositivos de alta resolución]
[Fonte: Fuco Buxán 's Public Gallery]


Milleiros de persoas desafiaron hoxe a choiva durante unha manifestación convocada para que non haxa "nin un paso atrás" na normalización do idioma galego e no seu emprego no ensino e na vida cotiá.

A protesta, primeira de gran envergadura desde que o PP accedeu á Xunta, foi a "maior da historia" en defensa do galego, proclamou ante os miles de congregados na Praza da Quintana Carlos Callón, presidente d'A Mesa Pola Normalización Lingüística, organizadora da manifestación, que contou co apoio de numerosos colectivos sociais e forzas nacionalistas como o BNG.

Ao mediodía, os manifestantes saíron desde a Alameda compostelá nun acto festivo que contou con gaiteiros, zancudos e cánticos en favor do idioma galego e a súa protección.

Os manifestantes portaron pancartas e corearon consignas como "chova ou faga vento, galego sempre"; "En Galiza, en galego" ou "Temos lingua, temos dereitos" ou "Onde están, que non ven, os bilingües do PP".

Ao chegar á praza da Quintana, aínda quedaba unha multitude saíndo da Alameda, cando xa se lía o manifesto en apoio da lingua, que solicitou máis de vinte mil firmas de cidadáns e foi subscrito por máis de 300 colectivos sociais, pedagóxicos, políticos ou sindicais.

A proclama da MNL en favor do idioma foi lida por Callón e por representantes da vida política e cultural, como as escritoras Yolanda Castiñeiro ou Teresa Moure, o xurista Nemesio Barxa ou o histórico galeguista Avelino Pousa Antelo, de 95 anos.

O histórico dirixente galeguista, que desde os anos 30 está "en todas as batallas" en favor do idioma, apuntou Callón, sinalou ante a multitude: "Por todos os que estades aquí, Galiza non morrerá, o galego non morrerá".

Pola súa banda, Carlos Callón reclamou ao PP que "tome nota" do numerosa que foi a manifestación e insistiu en que se volverán a convocar protestas cando se ataque o idioma galego.

O presidente da MNL apuntou ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, que gañar as eleccións non supón que "as mentiras se fagan realidade", e insistiu en que o galego se atopa en inferioridade de condicións respecto ao castelán.

Acusou ao xefe do Executivo de pór a man no corazón para simbolizar o seu defensa do galego cando, dixo, foi el quen "levantou a bandeira do odio contra o galego".

Antes de que comezase o acto, Callón xa advertiu de que, coa protesta, tamén de que o acto pretende "darlle unha mensaxe evidente" ao novo Goberno de Alberto Núñez Feijóo, de que o consenso sobre a lingua reclamado polo presidente "xa existe, e a inmensa maioría da sociedade galega non vai pasar por ningún paso atrás en defensa da nosa lingua".

Carlos Callón referiuse á polémica en torno ao decreto do galego no ensino, que obriga a que se impartan a metade de materias como mínimo neste idioma, e que Núñez Feijóo prometeu derrogar en campaña electoral.

Este decreto, dixo, está apoiado pola maior parte do sector educativo e movementos de renovación pedagóxica, polo que insistiu en que existe consenso e é necesario que o PP regrese a el.

Tamén respondeu ás palabras do presidente galego, que apuntou que hai quen se quere apropiar do idioma, o que considerou "cinismo". A este respecto, demandou do xefe do Executivo "que se apropie do galego, que é a lingua propia de Galiza, porque así o di o Estatuto de Galiza".

Pola súa banda, o portavoz nacional do BNG, Guillerme Vázquez, que tamén acudiu ao acto xunto a outros dirixentes nacionalistas, apuntou que os miles de galegos que hoxe acoden á manifestación "dicímoslle ao PP que ten que dar marcha atrás á política que pretende levar adiante de acabar definitivamente co galego como idioma natural do noso país".

Finalmente, pediu ao presidente "que tome nota" do acto de hoxe para que comece facer unha política acorde coa realidade de Galiza, e pediulle que "modere esas posicións radicais" contra a lingua.

Fonte: Público - Axencias
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon