mércores, xullo 15, 2009

Será Souto un mago das finanzas?

Por Perfecto Conde
08.07.2009


Miguel Ánxel Souto xa é oficialmente conselleiro-delegado e xerente da empresa editora de Xornal de Galicia. Relevou a Xavier Martínez Cobas, que regresa á Universidade de Vigo. Xosé Luís Gómez continúa no seu posto de director do periódico, pero nunha posición menos favorábel ca que veu mantendo ata agora. O xerente substituído era amigo seu e mantiña con el relacións moi estreitas. Pola contra, todo indica que Souto é un home que foi catapultado por determinados altos directivos do Grupo San José para reordenar a difícil situación económica pola que atravesa o xornal co que o empresario da construcción Jacinto Rey cortexou co grupo nacionalista de Anxo Quintana mentres que o BNG estivo na Xunta.

Concretamente, a Miguel Anxo Souto levouno ao cargo que agora ocupa o seu cuñado Santiago Martínez Carballal, un dos responsábeis máximos das contas do Grupo San José que preside algunhas das empresas que foi creando ou comprando Jacinto Rey, entre elas, Constructora San José Argentina, S.A. Segundo determinadas fontes, a Souto puxéronlle enriba da mesa un borrador de contrato co espazo da cifra salarial en branco para que a marcase el, xenerosidade que tampouco se entende moi ben tendo en conta que o contratado non figuraba nas listas de supostos grandes expertos na dirección fnanceiro-empresarial. A experiencia de Souto, ata agora, limitouse a responsabilizarse da delegación de La Voz de Galicia en Ferrol, e a súa formación académica non é precisamente a económica, aínda que levou a cabo un master Executive MBA na Escola de Negocios de Caixanova.

Para asistir a este master, durante case dous anos, La Voz de Galicia deulle permiso para faltar ao traballo dous días á semana e na delegación de Ferrol era moi coñecida a liberdade horaria e diaria coa que Miguel Ánxel Souto desenvolvía o seu traballo. Na cidade departamental, na que traballaba dende o ano 2002, tamén era sabido o seu aparente apego incondicional á empresa que representaba e igualmente por algunha das súas manías persoais. Un escritor galeguista moi coñecido foi vítima deste comportamento e a penas logrou que aparecese agunha vez o seu nome no xornal de Santiago Rey. Souto encargábase sempre de atopar algunha maneira de ocultar calquera actividade súa.

A súa intempestiva marcha de La Voz de Galicia [case da noite para a mañá] acendeu algunhas alertas no xornal coruñés, no que foron moitos os que empezaron a abrir interrogantes ¿Quen levou a Souto a Xornal de Galicia? ¿Por qué o levaron? ¿Tiñamos entre nós un mago das finanzas en non nos decatáramos? ¿Fichárano para saber cousas de La Voz de Galicia? ¿Ata onde sabe algo que pode beneficiar a competencia? ¿Xa era antes un espía, dadas as relacións familiares que mantén co núcleo directivo de San José?

Todo isto hai que enmarcalo nas pésimas relacións que manteñen Santiago Rey, editor de La Voz de Galicia, e Jacinto Rey, editor de Xornal. O patrón de San José é case seguro que daría un ollo da cara por meterlle algún gol a Santiago Rey, e este último tampouco se quedaría corto lanzando a pelota contra o tellado do editor de Xornal. Non é decartábel, polo tanto, que algunha freudiana razón participase no asunto.

Por outra parte, a chegada de Souto a Xornal tamén se pode interpretar como un movemento empresarial cara a un posíbel aggiornamento cos novos poderes estabrecidos na Xunta coa chegada do PP de Alberto Núñez Feijóo.

Miguel Ánxel Souto [na foto del que hoxe publica Xornal], que sempre tivo un mal entendemento co nacionalismo galego e que mantivo boas relacións co Opus Dei, por exemplo, podería ser agora o xestor que tentase abrir pontes coa dereita galega. O que falta por saber é cal sería, a partir deste momento, o papel de Xosé Luís Gómez, que aínda sendo o director do periódico, non soubo da chegada de Souto ata que xa era inminente e estaba todo cociñado.

Fonte: "Croques" o blog de Perfecto Conde


Enviado por:
Asociacion Veciñal Fontelonga
-avvfontelonga@mundo-r.com-
14 de julho de 2009 18:09

_______________________________

Enlace coa noticia en Xornal de Galicia:
xornal.com
________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon