mércores, febreiro 17, 2010

Concello e A.Veciñal O Rosario do Inferniño, rendirán unha homenaxe ás mulleres científicas nadas no século XIX cunha exposición e unha conferencia no Carvalho Calero


  • A concelleira Mercedes Carbajales e a presidenta da A Veciñal, Ana J. López, presentaron esta mañá as iniciativas, pensadas en particular para estudantes de ESO ou Bacharelato
  • A mostra de pintura “Ciencia EX Aequo” inaugurarase o 2 de marzo e nela invítase á reflexión sobre o recoñecemento da igualdade entre homes e mulleres ao longo da historia
Ferrol, 12 de febreiro de 2010.- A concelleira de Educación, Mercedes Carbajales, presentou esta mañá xunto coa presidenta da Asociación Veciñal O Rosario-Inferniño, Ana Jesús López, unha iniciativa que se levará a cabo de xeito conxunto no Centro Cultural Municipal Carvalho Calero. Trátase, tal e como explicou a responsable das políticas municipais de Educación, dunha exposición de pintura e dunha conferencia que terán como protagonistas a aquelas mulleres que ao longo da historia tiveron un destacado papel no mundo da ciencia sendo, en ocasións, esquecidas.

Tal e como subliñou a edil Mercedes Carbajales, esta iniciativa enmárcase dentro da política levada a cabo polo departamento que dirixe coa finalidade de transmitir á sociedade en xeral e aos estudantes, en particular, a importancia de educar en igualdade, fundamental para construír unha sociedade igualitaria entre homes e mulleres.

Este será un dos aspectos relacionados coa actividade que hoxe se deu a coñecer. E neste senso, a presidenta da AVeciñal O Rosario avanzou que a sala de exposicións do Carvalho Calero acollerá desde o 1 de marzo ao 15 a mostra de pintura “Ciencia Ex Aequo” (“Ciencia por igual”) da que é autora Margarita Cimadevila, licenciada en Ciencias Químicas pola Universidade de Santiago de Compostela e directora, na actualidade, do IES Urbano Lugrís de A Coruña. Nela réndese unha homenaxe ás mulleres científicas que, a pesar de ter realizado un importante labor e mereceron un recoñecemento polo seu traballo, foron ignoradas en moitas ocasións ou relegadas a un segundo plano a favor dos seus superiores, colegas ou competidores masculinos que, en moitos casos, non tiveron reparos en atribuírse os seus traballos.

A exposición, tal e como destacou Ana López, coincidirá coa conmemoración, o vindeiro 8 de marzo, do Día da Muller, unha data moi apropiada para dar a coñecer o labor desempeñado por unha ducia de mulleres que, nadas no século XIX e principios do XX, xogaron un importante papel na Ciencia, en campos como o da física, química, bioloxía, matemáticas ou astronomía. Para iso, cada un dos cadros que integran esta exposición estarán acompañados dunha breve explicación científica e dunha nota biográfica.

Así mesmo, xunto con esta exposición, a edil Mercedes Carbajales anunciou que se celebrará unha conferencia o vindeiro 2 de marzo, ás 17.00 horas, no salón de actos do Centro Cultural Carvalho Calero, na que a propia autora da mostra, Margarita Cimadevila, presentará a súa obra, os criterios tidos en conta á hora de seleccionar as científicas ás que rende homenaxe e o feito científico que tratou de plasmar en cada lenzo.

A responsable de Educación do Concello subliñou que esta charla está especialmente orientada aos estudantes de Secundaria e Bacharelato, se ben está aberta a toda a cidadanía, polo que se cursou unha invitación a todos os institutos da cidade para que asistan a esta convocatoria. Para iso, os centros interesados deberán contactar co Departamento de Educación do Concello de Ferrol, a través da súa páxina web (www.ferrol.es/educacion), onde ademais poderán descargar as solicitudes.

A este respecto, a edil destacou o interese destas dúas actividades que pemitirán traballar en aspectos como o recoñecemento da igualdade entre os dous sexos, a cultura do esforzo e superación que estas mulleres amosaron traballando en condicións adversas, o coñecemento científico como un traballo continuado e concatenado de moita xente ao longo de moitos anos, que sentou as bases do coñecemento en temas de máxima actualidade como o ADN, a fisión nuclear ou os fenómenos sísmicos, entre outros. Tamén pretende promover unha visión integradora do mundo a través da conexión entre realidades tan aparentemente distintas como son a ciencia e a arte.

Concello de Ferrol - A. Veciñal O Rosario- Inferniño.

ASOCIACION VECIÑAL O ROSARIO- INFERNIÑO
CIF-G70006473
correo-e: avvorosario@gmail.com
www : orosario-inferninho.blogspot.com


Enviado por:
asociacion Veciñal O Rosario-Inferniño
-avvorosario@gmail.com-
16 de fevereiro de 2010 23:51
__________________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon