martes, xaneiro 04, 2011

Seguen os reocortes laborais e sociais

Suso Díaz [*]
04.01.2011


Se Zapatero nunca tivo moitas luces –politicamente falando– ultimamente máis lle valera ao PSOE que estivera calado. “Enganchado” ao neoliberalismo, é un risco para os cidadáns e, sobre todo, para o seu electorado. Non me estraña que o PP estea tan interesado en que se presente ás eleccións agora que está a facer o traballo sucio propio da dereita porque iso lles facilita a chegada ao Goberno e porque cun xefe da oposición devaluado como Zapatero terían a porta aberta de par en par para seguir agredindo aos cidadáns. Esta introdución vén a conto da súa nova ameaza: pide 5 anos! de reformas-recortes para que España saia da crise. O mal da Moncloa fai verdadeiros estragos. Perdón, non é a Moncloa, é a frivolidade da asunción acrítica do neoliberalismo para saír do atolladeiro no que nos meteron, precisamente, as políticas neoliberais.

En primeiro lugar, pretende garantir a estabilidade fiscal a longo prazo, o que vai significar atrasar a saída da crise e, por tanto, a solución ao principal problema do país, que é o paro. As perspectivas para os traballadores que buscan emprego, sobre todo os mozos, pintan negras.

En segundo lugar, pretende “modernizar" –que medo!– as institucións laborais que “demostraron una rigidez crónica” e unha “patología evidente”. Refírese a aspectos da reforma laboral que quere que queden claros nos regulamentos de desenvolvemento da lei para que non dean lugar a interpretacións xudiciais. É dicir, para que a lei quede, se cabe, máis favorable aos empresarios.

En terceiro lugar, quere reformar a negociación colectiva –dereito constitucional– no sentido que lle esixe a OCDE: “Abolir a obrigatoriedade dos convenios colectivos”. De feito, a reforma laboral aprobada en setembro xa permite o descolgue do convenio-salario, distribución da xornada, etc., se os representantes ou os traballadores o asinan. E eu pregúntome: Coa precariedade existente, que van facer os traballadores das pequenas empresas se os empresarios lles piden o descolgue? Lembren como dato relevante que en Galicia hai 203.000 empresas, das que só 650 superan os 50 traballadores. Do mesmo xeito, a reforma aprobada permite que os pactos de empresa podan ser modificados unilateralmente polo empresario en todas as materias se non teñen carácter de convenio colectivo. Tamén o Goberno pretende eliminar o que se chama a ultraactividade dos convenios. Isto quere dicir que unha vez finalizada a vixencia dun convenio, se non se ten negociado outro, deixa de existir e, polo tanto, hai que negociar o novo partindo de cero. É dicir, hai que negociar de novo o salario, a xornada e os dereitos laborais e sociais. En fin, a ninguén se lle escapa que todas estas agresións van na dirección de ampliar o poder empresaria e individualizar as relacións laborais, o que vai representar un recorte dos salarios e das conquistas laborais e sociais notable.

En cuarto lugar, en materia de pensións pretende, entre outras medidas negativas, elevar a idade de xubilación aos 67 anos malia a negativa de todos os partidos, agás o PSOE, na comisión do Pacto de Toledo, o que significa incumprir por segunda vez en poucos meses un pacto que fora respectado por todos os gobernos. A extensión da idade de xubilación representa un ataque sen precedentes aos traballadores activos e unha aberración por canto a expectativa de vida non é igual para un traballador que ten un traballo penoso que para outro que non o ten. Tampouco é igual para un traballador que gaña mil euros que para o que gaña seis mil ao mes. En fin, a ampliación da idade de xubilación implica que os sectores de menor nivel salarial e peores condicións de traballo –que viven menos– coticen dous anos máis para que sectores de maior nivel salarial e mellores condicións de traballo –que viven máis– disfruten máis anos de pensión: A solidaridade ao revés! Ao mesmo tempo péchanse aos mozos as posibilidades de se incorporar ao mercado de traballo. Con respecto á viabilidade do sistema de pensións, no futuro non terá problemas, como xa temos comentado noutros artigos. Tan só me pregunto que valor poden ter os prognósticos a 20 ou 40 anos de organismos (OCDE, FMI, bancos centrais e gobernos) incapaces de atinar o que pasa nun ano? Para comprobalo, aí teñen as súas predicións sobre o crecemento do PIB, inflación, etc., que modifican como pouco cada 3-4 meses e aínda así non acertan. Así pois, a novas agresións, novas mobilizacións, logo está máis que xustificada unha nova convocatoria de folga xeral que, dende o meu punto de vista, debería ter lugar antes do 28 de xaneiro e debería ser unitaria. E non me refiro só á unidade de acción de CCOO e UGT, que é fundamental, senón á incorporación a esa unidade doutros sindicatos, caso da CIG. Noutras folgas xerais foi posible a convocatoria unitaria e hoxe tamén debería selo. É obvio que só unha mobilización a nivel de Estado pode ser eficaz para modificar as políticas do goberno central. Por iso creo que CCOO e UGT deberían tomar a iniciativa e sumar a esa unidade a todos os sindicatos.

Publicado no xornal comarcal Diario de Ferrol o Luns, 03 de Xaneiro de 2011

[*] Suso Díaz, foi Secretario Xeral do Sindicato Nacional de CC.OO. de Galicia
___________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon