INFORMACIÓNS DO GRUPO MUNICIPAL DE ESQUERDA UNIDA
Ferrol, luns 20 de febreiro de 2012
A CIDADE HISTÓRICA NON ATURA MÁIS ABANDONO POR PARTE DO GOBERNO MUNICIPAL DAS SÚAS OBRIGAS PARA FACER CUMPRIR AS ORDENANZAS DE INSPECCIÓN TÉCNICA E DE SOARES
ESQUERDA UNIDA RECLAMA DO GOBERNO QUE IMPULSE A MODIFICACIÓN DO GRAVAME EXTRAODINARIO DO IBI PARA INMOBLES BALEIROS
O Grupo Municipal de Esquerda Unida reclama do Goberno Municipal que faga efectivo o compromiso debido cunha política urbanística de respecto e protección ao patrimonio inmoble da cidade: “a cidade se defende pensando no interese xeral, non nos intereses de propietarios que deixan causar ruína aos inmobles para especular con eles” sinala Yolanda Díaz.
Esquerda Unida propón actuar en dúas frontes: mediante o desenvolvemento e posta en efectivo funcionamento das ordenanzas aprobadas a instancias do noso Grupo Municipal: Inspección Técnica de Edificios e de Soares, e doutra banda mediante o desenvolvemento do procedemento previsto na Lei de Facendas Locais, que contempla gravar eses inmobles que se atopan baleiros e que somentes serven os intereses espúreos da especulación.
Pedímoslle ao Goberno que se deixe de lerias e de boas palabras e execute as ordenanzas en vigor, a da Inspección Técnica e a de Soares. A nosa cidade histórica require dunha acción inspectora que preveña sinistros e desgracias persoais e poña couto á degradación dos inmobles. Con convenio co COAG ou sen él, o Goberno Municipal ten que reaccionar, porque a frecuencia dos incidentes non vai deixar de medrar a medida que se acentúe o paso do tempo.
Esquerda Unida urxe tamén a elaborar o censo de soares para desta maneira poder pór en funcionamento esta norma destinada a combater a especulación urbanística e a degradación dos inmobles.
Doutra banda, EU requírelle ao Goberno que acometa o desenvolvemento do precepto contido na Lei de Facendas Locais para gravar ao puñado de propietarios que especulan con centos de inmobles baleiros no casco histórico. Po riba do afán de lucro privado se atopan os intereses xerais e o Goberno ten que estar de parte destes”, salientou Yolanda Díaz.
ESQUERDA UNIDA RECLAMA MAÑÁN NO CONGRESO O COMPROMISO DO GOBERNO CENTRAL CO DIQUE FLOTANTE E O PLAN DE TRABALLO PARA NAVANTIA
O NOSO GRUPO PARLAMENTAR VAI REQUERIR O LEVANTAMENTO DO VETO A UN ASTANO PÚBLICO PARA A CONSTRUCIÓN CIVIL
Ao abeiro do debate mañán no Congreso dos Deputados dunha Proposición non de Lei do BNG, Esquerda Unida sumará as súas forzas para reclamar un firme compromiso do Goberno do Estado cos estaleiros públicos de Ferrolterra. En concreto o noso Grupo sosterá a necesidade de dotar neste orzamento de 2012 ( o que Rajoy tenta manter oculto ate que pasen as eleccións andaluzas e asturianas ) dunha partida para construír xa o dique flotante.
EU sosterá o carácter inaprazable da elaboración dun plan de traballo estratéxico que permita dotar de continuidade e estabilidade á carga de traballo dos estaleiros públicos, que xogan hoxendía un papel central no artellamento económico e social da comarca. O seu impacto en volume de emprego esixe un tratamento particularizado e prioritario por parte do Goberno do Estado e da propia Xunta de Galicia. Ámbas institucións públicas as goberna o PP e, xa que logo, non restan excusas para facer realidade unha arela compartida pola cidadanía de Ferrolterra.
Outros dos aspectos que defenderá o noso Grupo Parlamentar versará sobre a conveniencia de acelerar os estudos sobre a nova fragata na que traballa Navantia, que pode representar no futuro un elemento moi importante na carga de traballo.
O noso Grupo empraza ao alcalde de Ferrol a facer valer a súa tal condición para que pese no sentido do Goberno do Estado os intereses dos estaleiros públicos de Ferrolterra.
Onte nas rúas de Ferrolterra houbo un referéndum multitudinario a prol doutra política laboral e da carga de traballo para Navantia. Hoxe os intereses xerais de Ferrol son coincidentes coas demandas das traballadoras e traballadores de Navantia.
EU agarda que en breve se poida celebrar a comparecencia do presidente da SEPI para coñecer de primeira man cal vai ser a postura do PP no futuro dos estaleiros públicos da comarca.
Na intervención parlamentar se defenderá aos traballadores e traballadoras do naval vigués, que loitan por manter os seus postos de traballo entre os atrancos dunha Comisión ferozmente neoliberal. En todo caso a situación de creba dos estaleiros vigueses privatizados deixa en evidencia a que conducen os atallos que malvenden patrimonio industrial público. Lembrámolo porque non hai moito xurdían ofertas para malvender Astano a un dos propietarios hoxendía en creba.
Esquerda Unida - Ferrol
Rúa do Sol 124 entrechán esquerda, Ferrol
eu-ferrolterra@esquerdaunida.org
eu-ferrolcomarca@esquerdaunida.org
http://www.esquerdaunida.org/ferrol.html
http://www.esquerdaunida.org/
Enviado por:
Ferrol Esquerda Unida
-eu-ferrolterra@esquerdaunida.org-
20 de fevereiro de 2012 15:25
Prezadas/os amigas/os: remitimos dúas INFORMACIÓNS do Grupo Municipal de EU Ferrol nas que formulamos unha serie de propostas en orde a combater o abandono especulativo que sufre o centro histórico da cidade, e en relación cunha iniciativa parlamentar sobre Navantia. Saúdos, Ramiro Marier._______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon