A Xunta de Galicia quere botar aos mariscadores e mariscadoras da Ría de Ferrol
O Sector marisqueiro en perigo.
Máis de 500 postos de traballo, son os que se perderían.
A administración disposta a sacrificar a Ría de Ferrol.
A Xunta debe a mariscadoras e mariscadores sobre uns 600 euros.
A Xunta limitará os día de marisqueo a tres á semana, en lugar dos cinco.
A xente do mar, das Confrarías de Ferrol e Barallobre bloquean a Ría de Ferrol, entre castelos, logo de manifestar-se no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en defensa dos seus postos de traballo e en demanda dos salarios que debe a Xunta de Galicia desde Novembro do pasado. A Xunta de Galicia, debe, segundo as Confrarías, sobre uns 600 € (euros) que corresponden a case catro meses de traballos dentro do plano de dinamización da Ría que a Xunta xa anunciou unilateralmente a súa supresión a partir do vindeiro mes de Marzo.
Pasado o medio día as embarcacións cruzaban a Ría, nun ir e vir, na ponte d'As Pias colgaban-se varios mariscadores, nunha nova acción de protesta, acordando ao final bloquear a Ría até que reciban unha resposta en firme, por parte da Consellería do Medio Rural e do Mar. A hora de publicar esta nova continuaba o bloqueo das lanchas.
O inicio das accións da xente do mar comezaba esta mañá cunha concentración na Praza Amada Garcia, unha representación dos varios centos de mariscadores e mariscadoras que se concentraban diante do Edificio Administrativo das Xunta, pechaba-se nas dependencias que a Consellería do Medio Rural e do Mar, ten nun dos andares do citado edificio. As persoas que participaron no peche fixeron a entrega simbólica das chaves das Confrarías, pois de aplicar-se os planos da Xunta para o sector na Ría de Ferrol, estas non terían máis remedio que "pechar".
A Xunta debe centos de miles de euros ás Confrarías
As cantidades que debe a Consellería, corresponden a unha partida polos traballos realizados nestes últimos meses, e que xa provocaran unhas accións de protesta da xente do mar, con unha prolongada acampada na Praza Amada Garcia. Os citados traballos corresponden ás actividades incluídas no Plano de dinamización da Ría de Ferrol, datado en 2007, a raíz da falta de depuración da Ría que obrigou a catalogar a maior parte dos bancos marisqueiros como zonas C, altamente contaminados por verteduras de augas residuais urbanas e industriais que perante anos vimos vertendo na Ría. Esta é un auténtico sumidoiro, agravada a situación desde os recheos de Megasa, a construción do porto carboeiro interior, a construción do Porto Exterior co espigón de máis de 1.000 metros e a instalación da planta e gas de Reganosa.
En Marzo finalizaría o Plano Dinamizador da Ría
A supresión do Plano de Dinamización, en Marzo deste ano, vai acompañada dun plano de marisqueo que mudaría o anterior sistema de marisqueo, no que a ameixa se recollía de augas contaminadas e se depositaba en zonas limpas durante tres meses. En pasou-se a súa substitución, colocando unha batea no exterior da Ría, en "período de probas", para depuración intensiva. Sistema que non depuraba o suficiente, no tempo que se prevía. Posteriormente cambiaron de lugar esta batea e probablemente poñerán outra destas infraestruturas.
Insuficientes ingresos por día, para poder manter a actividade
No mes de Xaneiro, practicamente, non houbo vendas de ameixa, a depuradora non funcionaba coas previsións feitas. En Febreiro, unha vez producidos os cambios, os ingresos procedentes da ameixa depurada en batea, foron so uns 20 euros ao día. O Patrón Maior da Confrarías de Ferrol, Rubén Ferrer, manifestou que a depuradora non ten suficiente capacidade para traballar os cinco días da semana, só catro quilos de ameixa por persoa e esta venden-se só a 5 € (euros) por Kg. Con pouco máis de 400 euros ao mes que significa o Plano proposto pola Consellería "non se poden pagar os seguros nin manter as embarcacións".
Só poderían mariscar tres días á semana por incapacidade de depuración das bateas.
As accións de protesta da xente do mar acordaron-se con posterioridade a coñecer-se as intencións da Consellería, comunicadas ás Confrarías que só poderían traballar na ría de luns a mércores, e que o xoves e o venres non poderían faenar, porque a batea non ten capacidade suficiente. Mariscadores como Jaime Gabarri reclamaron que se explique porqué optouse por este sistema, "a que amigos beneficia" e "canto está custando".
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon