martes, decembro 11, 2012

Augas hiperácidas con altos contidos de metais pesados enchen o "lago" d'As Pontes - Informe de ADEGA


Vimos de coñecer os resultados das análises encarregadas por ADEGA ás augas do mal chamado "lago" das Pontes, resultado do proxecto de Endesa de encher de auga o oco da antiga mina de lignito. Como supoñiamos, a auga da balsa na zona de baño amosa parámetros "normais" de acidez e de metais pesados. Iso sí, carece practicamente de nutrientes e de osíxeno disolto, imprescindíbeis para o mantemento da vida animal e vexetal. Porén, o principal problema vén das augas que drenan as escombreiras "rexeneradas" e que flúen até a balsa nun perímetro de 18 kilómetros. Estas augas, canalisadas por tubaxes e canles artificiais ou escoando dos noiros, teñen unha extrema acidez (pH entre 2 e 3) e cantidades de metais pesados que chegan a multiplicar por 10.000 os presentes na balsa. O panorama dista moito do idílico "lago" que venderon Endesa e a Xunta: É unha balsa mineira morta que paseniñamente énchese de metais pesados e vírase máis ácida.


Cando o pasado verán inaugurouse o mal chamado "lago" das Pontes e a primeira praia artificial nunha balsa mineira, ADEGA, Verdegaia e a SGHN xa advertiamos da cuestionábel calidade das súas augas. Daquela, unha primeira análise da acidez e doutros parámetros químico-biolóxicos confirmaba que malia a que as augas da balsa daban valores normais de pH, o nível de nutrientes e o osíxeno disolto eran tan baixos que facían do lago un entorno incompatíbel coa vida. Porén, o máis grave era a pésima calidade dos efluentes que, dende as escorrentías e canalisacións perimetrais, achegaban á balsa valores de acidez similares aos dun desincrustante industrial. Daquela decidimos analisar tamén os metais pesados destas augas, xa que sospeitabamos que os estériles das escombreiras, ao igual que aconteceu no pasado, poderían estar achegando por lixiviación importantes cantidades de contaminantes.

Os resultados destas analíticas encarregadas á UDC vímolos de coñecer agora. Por unha banda, confírmase a extrema acidez das augas que flúen á balsa dende os 18 km de perímetro: Os valores de pH son até 10.000 veces máis altos (mostras EQ1 e EQ2) que os da auga do lago (mostra EQ3), sometida dende o inicio do enchido a unha continua engádega de álcalis (hidróxido de Ca), que deberá manterse de por vida. No entanto, é máis preocupante a alta cantidade de metais pesados que conteñen estes efluentes, particularmente Fe, Al, Ni, Cu, Co, Zn, Sr, U e Mn. Para o níquel, cobre, zinc, uranio e especialmente o manganeso, mesmo supéranse os valores límite que a lexislación (RD 995/2000) fixa para estes contaminantes así como as recomendacións da OMS.


Cal vai ser pois a evolución desta masa de auga no futuro, sometida a continuos aportes de aguas hiperácidas e carregadas de metais pesados? Dende que o pasado 18 de abril ás 14h finalizara o proceso de enchido e a balsa comenzou a verter ao Eume, a calidade das súas augas vai a pior. Xa non recibe augas "limpas" do Eume: Só chegan efluentes por escorrentía e infiltración canalisados por ducias de emisarios dende os 18 km do perímetro, atravesando toda a coberteira de estériles e cargándose de contaminantes. Co tempo, estas achegas deteriorarán a enorme masa de auga e non poderán ser "enmascaradas" coa cal nin coa dilución. O mal chamado "lago" acabará convertido no que sempre foi: Unha balsa mineira hiperácida ateigada de metais pesados, incompatíbel coa vida animal e vexetal e moito menos apta para o uso público.

O "experimento" de Endesa é pois "bluff", unha aventura fallida. A empresa, coa connivencia da Xunta, optou polo sistema máis rápido e barato para cumprir coa súa obriga de rexenerar o oco mineiro. Nada importou que tiveran que roubarlle auga ao Eume reducindo o seu caudal e perxudicando ás Fragas durante 4 anos. Non importaron tampouco os riscos sísmicos deste faraónico proxecto nin as incertidumes ambientais aínda sen resolver, e cuxas consecuencias pagaremos tod@s.

Só importaron os cartos e liquidar dun xeito rápido e barato a inmensa débeda ambiental contraída por Endesa co país, logo de apropiarse dos nosos recursos enerxéticos e contaminar a cano libre durante 40 anos.

Fonte: ADEGA - 10 de decembro de 2012.

________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon