Os traballadores e as traballadoras do naval da ría de Ferrol protagonizaron onte, xoves, unha nova mobilización para demandar solucións políticas que permitan conseguir carga de traballo, pular pola construción do novo dique flotante, frear a sangría na destrución de emprego, recuperar os niveis de ocupación dos estaleiros públicos e, en definitiva, garantir o futuro e a viabilidade dun sector estratéxico para a economía da comarca e do conxunto do país.
Nesta ocasión, o persoal percorreu as rúas de Ferrol dende a Avenida do Esteiro cara o edificio administrativo da Xunta, que durante o tempo que durou a protesta mantivo os accesos pechados. Alí, os máis de 2.000 traballadores/as realizaron unha concentración-sentada e unha pegada de carteis pedindo carga de traballo, o flotel e futuro para a comarca. Dende a Sección Sindical da CIG en Navantia apuntouse, unha vez máis, á responsabilidade política da Xunta e o Goberno de Madrid na gravísima crise que vive o naval da ría.
Neste senso, Marcelino Amado, Secretario da Sección Sindical da CIG, sinalou que dende a representación do persoal estase a traballar para a próxima mobilización que terá lugar o 24 de outubro, e que dende a CIG se defende que debería confluír coa mobilización estudantil que ese día terá lugar, no marco da xornada de folga no ensino contra a LOMCE.
Así mesmo, xa se estuda un novo calendario de protestas máis intensas e contundentes para novembro. Un mes fundamental para o sector “porque se nos remata a carga de traballo”, denunciou Amado. A este respecto, lembrou que a día de hoxe non sabe nada do construción do dique, non existe nova carga de traballo e nin sequera é seguro que Navantia vaia recibir o contrato dos famosísimos buques hoteis de Pemex, anunciado xa hai un ano polo Presidente da Xunta nunha pomposa comparecencia para os medios.
“Que se fagan os floteis cada vez perde máis credibilidade, porque o contrato non era tan firme como se vendeu dende a Xunta, nin polo tempo transcorrido dende o anuncio e porque só se conseguirán se a filial de Pemex, PMI, gaña un concurso ao concorren outras 11 compañías”, apuntou.
Adiada a sinatura do convenio colectivo
En canto ás negociacións para o novo convenio colectivo, adiouse unha semana máis a sinatura do mesmo, ao non aceptar UGT nin CCOO o texto do preacordo presentado pola dirección por resultar máis regresivo que a plataforma modificada sobre a que estaban a negociar, e que dende a CIG xa fora rexeitada. Neste senso, a Sección Sindical continúa a defender a plataforma de eixos básicos aprobada en asemblea de traballadores/as e amósase totalmente contraria a que se elimine do articulado do convenio, por primeira vez, a ultraactividade.
Até o vindeiro mércores (cando expira o novo prazo de prórroga), a Sección Sindical da CIG en Navantia vai facer un esforzo por explicar o máis extensamente posíbel ao conxunto do cadro de persoal a situación da negociación e a postura defendida pola central nacionalista. No caso de que na próxima comisión negociadora en Madrid se asine un preacordo, dende a CIG esixirase que se abra o proceso pertinente para que sexan as propias asembleas de traballadores/as as que ratifiquen ou non dito acordo. Se non se asina ningún texto, a CIG entende que se debería debater conxuntamente os pasos a seguir e aí cabería convocar unha asemblea xeral para tratar con todos/as os/as traballadores/as que facer.
O Comité reúnese co BNG
Na mañá deste venres, unha representación do Comité de Navantia mantivo un encontro cos voceiros do BNG, que explicaron as actuacións e xestións realizadas pola formación nacionalista no Congreso e o Parlamento sobre a situación dos estaleiros da ría de Ferrol, así como trasladar a súa visión do papel de Navantia na comarca. Neste encontro, Manel Grandal, co-voceiro da CIG de Ferrol e membro do Comité de Navantia, insistiu en que Ferrolterra se xoga o seu futuro co sector naval e criticou a política de recentralización que está a implantar a dirección da empresa.
Fonte Avantar.
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon