mércores, agosto 06, 2014

Ante resposta da Dirección Xeral da Competencia da Comisión Europea sobre o Dique Flotante, a CIG-Navantia di que “non hai futuro se non hai dique para reparacións na ría de Ferrol” - Entenden que a actitude do Goberno do PP lastra o porvir dos estaleiros e revela que o seu Plan para o naval “é unha falacia”


Para a Sección Sindical da CIG en Navantia Ferrol, a resposta da Dirección Xeral da Competencia da Unión Europea ante a pregunta presentada pola SEPI arredor da construción do novo dique flotante “pon en dúbida as xestión realizadas polo Goberno para conseguir o parabén de Bruxelas ao financiamento” da construción desta infraestrutura, fundamental para garantir o futuro do sector naval na ría.
RecursoNavantia4

Sen afondar nos tecnicismos legais, a Sección Sindical da CIG lembra que no invocado artigo 107 do Tratado de Funcionamento da Unión Europea tamén se dispón que poderán considerarse compatíbeis co mercado interior as axudas destinadas a favorecer o desenvolvemento económico de rexións nas que o nivel de vida sexa anormalmente baixo ou nas que exista unha grave situación de subemprego.

Sempre fomos conscientes de que dende a Unión europea nunca chegou ningunha medida que favorecera algún dos nosos sectores produtivos, e esta non ía ser a excepción. Mais dende a CIG negamos a maior”, sinalan.

Así, apuntan, Navantia é unha sociedade mercantil dedicada á construción naval, e como tal, pode tomar o acordo de construír un dique para a realización da súa actividade, decisión non tomada a día de hoxe. “A realidade é que a SEPI nunca quixo realizar este investimento e, ante a presión social, decidiu crear unha comisión a fin de poñer todos os atrancos posíbeis”, denuncia a Sección Sindical.

Primeiro, enfrontándose ao estudio técnico e de viabilidade presentado polo Colexio de Enxeñeiros. Logo, póndolle trabas ao estudio da viabilidade, e finalmente argumentou a necesidade dunha avaliación xurídica diante da UE. Hai manifestacións abondo, tanto dende a SEPI, como dalgún sindicato, en contra da construción do dique en Ferrol xustificándose en que Navantia xa dispón dun dique na baía de Cádiz.

Entrementres, en marzo de 2011, Alberto Núñez Feijoo anunciaba, logo da celebración do Consello da Xunta, o seu compromiso de presentar un plan para o naval antes do verán. Porén, despois de transcorrer máis de tres anos “o único Plan presentado foi o de usar os estaleiros como itinerario turístico”.

Para a CIG-Navantia estamos ante unha manobra máis do Partido Popular para non afrontar as súa promesas electorais. “Un Partido popular que goberna na cidade, na Xunta, no Estado e tamén na Unión Europea e que lle vai botar a culpa a un Comisario da Competencia do PSOE que está en funcións á espera de ser relevado”. Matizando, non obstante, que este feito impida denunciar “que o PSOE tampouco fixo nada para facer efectivo a construción do dique na súa etapa de goberno”.

Ferramenta fundamental

Por iso, atopan necesario reiterar que o dique non é un capricho. Senón que é “unha ferramenta fundamental” para poder seguir no mercado tanto de reparacións como para poder afrontar a construción dun barcos de maiores dimensións que están a ser demandados e cuxos contratos son adxudicados a estaleiros europeos, competidores directos nosos.

Para a CIG a contestación da UE pon en evidencia tanto ao Goberno do Estado como ao da Xunta. “Nunca tiveron unha defensa real do sector naval galego, e moito menos na ría de Ferrol. Sempre foron a remolque da presión social, vendendo fume en cada campaña electoral e agora queren buscar un chibo expiatorio en Bruxelas que lles sirva de coartada para non cumprir coas súas promesas electorais”.

Dende a central nacionalista, diante desta catastrófica noticia que empeora a xa dramática situación económica e laboral da comarca, seguirase a facer un chamado á mobilización na defensa do futuro de Navantia, que pasa irremediabelmente, pola demanda da construción dun dique, cunhas dimensións acorde ás esixencias actuais do mercado.

Públicado en Avantar.
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon