Xavier Vence culpa ao Goberno central de facer unha “consulta informal” a U.E trufada de debilidades, sen rigor e de mala gana. | O BNG pide que Feijóo compareza na Cámara galega para dar explicacións.
O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, acompañado da portavoz nacionalista en Europa, Ana Miranda compareceron hoxe ante os medios de comunicación co fin e valorar a resposta da Dirección xeral da Competencia da Comisión Europea sobre a consulta realizada polo Goberno central acerca da construción do dique flotante na ría de Ferrol.
Vence afirmou que a resposta da U.E sobre esta cuestión “non é definitiva” e culpou ao Goberno central de ter formulado unha proposta, por presión social e política, pero “de mala gana” e a Unión Europea, pola súa parte, xa puxo de manifestou “as debilidades” da consulta.
Por outra parte, o Grupo parlamentario do BNG pide a comparecencia de Feijóo na Cámara galega e unha reunión urxente da Deputación permanente.
Dique flotante, nicho de mercado fundamental para Navantia-FerrolO nacionalista recalcou que o dique flotante é unha saída e requisito necesario para xerar carga de traballo nun estaleiro que permanece pechado e explicou que a construción e reparación de grandes buques converteríase “nun nicho de mercado” que Navantia Ferrol necesita para o futuro, sobre todo atendendo a posta en funcionamento do novo canal de Panamá.
Galiza precisa Soberanía para decidir e negociar en Bruxelas estratexias diferentes ás de MadridAsemade, para Vence, o dique é unha realidade que se pode cumprir si existe “ unha vontade política firme” por parte do Goberno central. “Queremos que Feijóo se comprometa diante da cidadanía de Ferrol e de Galiza a traballar para conseguir a construción do dique”.
Para o portavoz nacionalista, resulta fundamental que Galiza conte con capacidade para construír e promover un sector estratéxico e clave da súa economía, para isto, dixo, é necesario que contemos con soberanía: “Galiza ganaría se negociara outras estratexias en Bruxelas porque o que está claro é que Madrid non negocia atendendo aos nosos intereses”, denunciou.
O BNG desminte limitacións de cartos públicos para o dique
“Non existen razóns que limiten as subvencións públicas ao dique”, aseverou Vence. As axudas do Estado, en contías superiores ao 15%, son viábeis sempre que o territorio ás que son destinadas cumpran determinados requisitos e “Ferrol- Terra cúmpreos de xeito clamoroso”. Entre as condición destacou: un déficit de desenvolvemento do territorio e unha situación de paro estrutural elevado. Na comarca de Ferrol existe un 32% de desemprego e un declive económico permanente polo tanto, cumpre perfectamente os criterios de Competencia a nivel europeo e no caso de Ferrol, “non hai razóns que limiten subvencionar con cartos públicos o dique flotante”.
O dique flotante non fica “varado” por unha decisión formal, a decisión é políticaPola súa parte, a portavoz do BNG na Unión Europea, Ana Miranda reiterou que a decisión da U.E “non é definitiva” e criticou ao Goberno central por “facer mal o seu traballo”.
A nacionalista afirmou que o dique “non fica varado por unha decisión formal, fica varado por falta de vontade política” e criticou que ante o anuncio da U.E, o Goberno central e a Xunta non se pronunciaran publicamente contra unha decisión trascendental para a comarca de Ferrol-Terrra.
O BNG empraza ao Goberno do Estado e a Xunta a actuar con responsabilidade e explicar o acontecido
A portavoz do BNG en Europa recalcou que a resposta de Competencia responde a unha “solicitude informal” do Goberno central, como xa afirmou o Comisario Almunia o pasado mes de abril deste ano e cuestionou os termos da consulta dos que dixo, “non queremos sospeitar” pero resulta chamativo que se formulara con “pouco rigor e seriedade”.
O BNG empraza ao Goberno estatal e a Xunta a actuar con axilidade e de maneira responsábel neste asunto e abandone “as falsas promesas” como as formuladas por Feijóo nas pasadas eleccións europeas sobre a construción do dique e o impulso ao sector naval.
Neste sentido, abondou en que o sector está indefenso ante as múltiples promesas do Partido popular incumpridas. A parálise para o levantamento do veto, o plan de Industrialización ou o plan Ferrol fan que perde competitividade e sumando agora un “dossier tímido, pouco rigoroso e falto de seriedade” para solicitar a construción do dique flotante.
Non hai agosto, verán ou vacacións para deixar tirado o sector naval e o BNG vai estar aí para defendeloO Grupo parlamentario do BNG pide unha reunión urxente da Deputación permanente e a comparecencia de Feijóo na Cámara galega para explicar o acontecido.
Ademais, a nacionalista avanzou que o BNG presentou diversas iniciativas no Parlamento galego interpelando á Xunta sobre as actuacións do Goberno galego tras o ditame da Comisión europea, iniciativas que estenderá ao Congreso e Parlamento europeo coa petición de investimentos financeiros e crediticios necesario para presentar ante Bruxelas outra consulta de axudas públicas compatíbeis. Non imos permitir que outra vez máis “a comarca de Ferrol quede varada”.
Fonte: http://bng.gal/
_____________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon