mércores, agosto 06, 2014

Comunicado de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, en relación ás novas sobre a postura de Bruselas a respecto da construción do dique flotante en Navantia Ferrol


Non podemos sentir máis que un profundo malestar polo comunicado da Comisión Europea (Dirección Xeral de Competencia), que indica que a construción do dique flotante, valorada en 142 millóns de euros, incumpriría a legalidade europea. Consideramos este comunicado como inaceptábel.

En todo caso, o propio Tratado de Funcionamento da UE  establece que serán compatíbeis as axudas públicas destinadas a favorecer o desenvolvemento económico de zonas territoriais nas que existe unha grave situación de desemprego  (artigo 107, punto 3 , do referido Tratado), situación ben coñecida e mesmo “endémica” en Ferrol, dende a aplicación da mal  chamada “reconversión naval”.

Acusamos ao Partido Popular, a través da SEPI, de tomar unha e outra vez iniciativas que se encargan de poñer paus nas rodas do sector naval galego, facendo ouvidos xordos das alternativas que a plantilla de Navantia aprobou en asemblea, como parte da solución á crise dos estaleiros.

Nun momento internacional onde o mercado da construción naval está en alza, non se entende esta nova lesión para uns estaleiros que son un dos pulmóns que tiña que manter a vida da comarca de Ferrolterra. O outro pulmón, a Ría de Ferrol, tamén lle está a custar caro manter a respiración.

O dique flotante é unha ferramenta, enténdese polo tanto que non se lle pode aplicar á mesma política de financiamento que a construción de buques, e así se debería explicar aos organismos europeos caso de que pediran unha explicación despois de construído. Primeiro construír e logo dar explicacións. Eis a política de calquera goberno que defenda os intereses do pobo para o que gobernan. Eis a política de soberanía que cumpre para Galiza para poder defender os nosos sectores produtivos estratéxicos.

Cumpre pois entender que esta consulta de resposta agardada, só traballa nunha dirección: afondar na desaparición da actividade dos estaleiros públicos de Navantia, camiñar cara a súa privatización e desbotar definitivamente a construción civil nos mesmos.

O pasado mes de xullo, deixabamos unha pregunta feita no parlamento europeo a respecto desta cuestión:
Que vai pasar o 1 de xaneiro de 2015? Poderá o estaleiro público galego sentirse libre do veto que o castigou a abandonar a construción naval civil da que era una referencia mundial?
Con esta nova, que pretende impedir que Navantia poda ter aceso ao mercado de reparación de buques de maior tonelaxe, seguimos constatando a complicidade que se está a dar entre a Xunta de Galicia, que se tiña comprometido publicamente co financiamento deste dique, o Goberno español,  a SEPI, e a Comisión Europea.

Galiza, 6 de agosto de 2014

Lidia Senra, eurodiputada, da Alternativa Galega de Esquerda en Europa, no Grupo Confederal da Esquerda Unitária Europeia/Esquerda Nórdica Verde.

Lidia Senra Rodríguez, nada na Pobra do Brollón o 14 de xuño de 1958, é unha destacada sindicalista do agro galego. E cotitular, xunto ao seu compañeiro, dunha explotación agraria no concello de Vedra (A Coruña), que fai venda directa e na que se utiliza  o método labrego tradicional de produción. Estudou o bacharelato en Monforte, e despois comezou a colaborar cos Comités de Axuda á Loita Labrega a mediados dos anos setenta. En 1984, durante o segundo congreso de Comisións Labregas, foi elixida responsable de organización e finanzas. Cinco anos máis tarde, en 1989, accede á secretaría xeral do Sindicato Labrego Galego durante o transcurso do terceiro congreso. Lidia Senra participou en diversos encontros internacionais representando a Vía Campesiña, movemento labrego mundial que agrupa organizacións de América, Asia, África e Europa. Foi membro da Executiva da Coordinadora Labrega Europea (CPE) durante catro anos. En outubro do ano 2000 participou en Roma representando á Vía Campesiña 2 nun coloquio sobre “Seguridade alimentaria e explotación agraria familiar” organizado pola Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) con ocasión do Día Mundial da Alimentación. Ademais, interveu activamente nos tres foros sociais europeos celebrados en Florencia, París e Londres. O padroado da Fundación Pedrón de Ouro escolleu a Lidia Senra como Pedrón de Ouro 2011, na súa 48ª edición. No 2014 presentouse coma candidata a deputada ás eleccións europeas do 25 de maio por Alternativa Galega de Esquerda en Europa: A esquerda plural e foi elixida deputada (Fonte: Galipedia).
__________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon