venres, agosto 29, 2014

Saneamento, si, mais non así - O Pleno do Concello de Ferrol aprobou unha nova Ordenanza fiscal cunha nova Taxa de Saneamento para 2014 - Intervención no pleno da Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol


Pola mañá deste xoves, 28 de Agosto de 2014, celebraba-se o pleno municipal do Concello de Ferrol, que ten lugar todos os finais de mes.

Un dos puntos da orde do día era "Aprobar provisionalmente a imposición e ordenación dunha taxa polo servizo de depuración de augas residuais". A proposta inicial de ordenanza fora aprobada no Pleno Municipal de finais de Maio deste ano 2014 e logo pasou a exposición pública para que se lle fixeran as reclamación que houbera lugar.

Concluído período de exposición pública, presentaron-se diferentes alegacións (Concello de Narón, Grupo Municipal do PSdeG-PSOE, Grupo Municipal de Esquerda Unida, o BNG acompañado de máis de 600 sinaturas, EMAFESA que as retirou, e a Iniciativa Cidadá), en relación coas mesmas o Xefe de sección de facenda e patrimonio emitiu 'Informe Análise individualizado das distintas alegacións', para este Pleno do 28 de Agosto. As reclamacións non foron tidas en conta, a proposta de Ordenanza queda como estaba, coa única modificación da tarifa no apartado 'Autoridade Portuaria e outros Concellos' que quedaría so referida como 'Autoridade Portuaria', eliminando o de "outros Concellos".

Ao final esta foi a que chegou ao Pleno: PROPOSTA DE ORDENANZA FISCAL REGULADORA DA TAXA DE DEPURACIÓN DE AUGAS RESIDUAIS PARA O ANO 2014.
Proposta que foi aprobada cos votos do Partido Popular e Independentes por Ferrol, coa oposición do restos dos grupos BNG, Esquerda Unida e PSdeG-PSOE, despois de máis dunha hora de intenso debate.

Coa nova taxa aprobada, a veciñanza de Ferrol terá que pagar antes de que finalice o ano sobre 38 euros de media por vivenda, que aumentarán a uns 76 euros de media no 2015. Este será un novo recibo a maiores do que hai, que se pasará a cobro semestralmente. E supón un importe moi superior aos cálculos que fai o Concello de Narón que tamén interpuxo reclamación contra Taxa.

A Iniciativa cidadá pola xestión pública e social do ciclo da auga e do saneamento en Ferrol, fixo, o martes 26 de agosto de 2014, por Rexistro no Concello a solicitude de intervención no citado Pleno deste xoves 28.  Intervención que foi concedida e que recaeu sobre o membro da Comisión de Traballo Alexandre Carrodeguas e que a continuacións, polo seu interese transcribimos:

Intervención pleno


Señor alcalde:

Veño en representación de máis de dous mil veciños e veciñas que se consideran estafados polo seu goberno. Dous mil veciños e veciñas que queren unha Ría saneada, maltratada durante décadas por falta de vontade política en procurar unha solución sostible medio ambientalmente. Dous mil veciños e veciñas que agora observan indignados como o sistema de saneamento que se nos trae aquí ven cuberto de opacidade, falta de participación e información, un saneamento cuestionable dende o punto de vista da eficiencia, do custo enerxético e coa súa xestión entregada a unha empresa privada que vai obter un importante lucro coa  taxa que hoxe pretenden aprobar, e que abafará tamen aínda máis aos milleiros de ferroláns e ferrolás que están a vivir unha situación de emerxencia social.

Señor alcalde: en maio de 2013 a instalación dun tanque de tormentas no parque Pablo Iglesias deu lugar a unha mobilización cidadá, que pretendía exercer algo tan simple como o dereito á información das obras públicas. Esta mobilización foi desprezada e ignorada polo seu goberno. Non hai nada máis ditatorial que un goberno que dá as costas ao pobo, que o teme, que xestiona os cartos públicos como os balances dunha empresa privada, e que sanea a súa economía coa imposición fiscal.

Esta mobilización que foi desprezada e ignorada polo seu goberno, deu pe a que xurdira unha Comisión para o saneamento integral da Ría. Esta comisión, que leva máis dun ano de traballo, con constantes reunións, recopilación de información, organización de xornadas, asesoramento de técnicos capacitados e elaboración de documentos, ten un único obxectivo: pular por un saneamento integral da Ría xestionado plenamente dende o público.  Ese é o seu principal fin.

Señor alcalde: non veño en representación de ningún partido político, asociación ou grupo de presión. Veño en representación da cidadanía indignada que demanda:
Ir cara a un sistema de saneamento urbano baseado en redes separativas

Ir a un  modelo de tanques de tormentas que sigan o sistema francés, isto é , que sirvan tanto para redes unitarias como para separativas

Participación veciñal na Comisión de Seguimento que contempla o Convenio de Xullo de 2012 asinado, entre outros, polo Concello de Ferrol,  e que sería a  encargada de revisar as tarifas que se repercutirán á cidadanía unha vez finalizada a obra.

A procura de sistemas de drenaxe alternativos e máis sustentables que acaden  un aforro enerxético que este sistema está moi lonxe de obter.

Demandamos transparencia total nun investimento millonario que non se deu até o de agora, coa toma de decisións unilaterais e que só deixa a veciciñanza coma única potestade a de pagar unha  taxa de saneamento que nin está explicada nin xustificada na súa contía.

O sistema de saneamento decidido para Ferrol e Narón non se axusta ás normativas europeas e españolas vixentes. Deixar de lado o deseño con colectores separativos (pluviais e residuais) requirido polo PXOM e cuns tanques de tormentas de reducido tamaño en lugares non idóneos, conducirán a perpetuar o estado actual da Ría de Ferrol nun futuro próximo.

Entendemos que os tanques de regulación previstos no sistema de saneamento en execución non van cumprir co seu cometido técnico. Non entendemos como é que algún destes tanques non foi situado nas proximidades dos aliviadoiros de emerxencia como é normal neste tipo de instalacións, optandose, no seu lugar, pola opción máis barata pero máis contaminante, e dicir, en espazos de recreo e lecer da cidadanía, como o Parque Pablo Iglesias, ou como antes foi no Xardín da Ranita, e que afortunadamente xa non é.

Queremos tamén denunciar publicamente a avaliación dos custos utilizada para definir a taxa de saneamento, que nos parece moi pouco fiable e seria, xa que temos constancia doutras valoracións técnicas que conclúen un custe do servizo moito máis baixo. Polo tanto, o informe oficial que se toma é demasiado amplo e pouco rigoroso para fixar o prezo da taxa. Non se fai referencia nin se demostrou a forma de definir o caudal nominal de produción da EDAR, nin tampouco se desglosa o que corresponde ao tempo seco do que corresponde ao tempo chuvioso. Os custes teñense calculado para tratar 25 millóns de metros cúbicos, mentres que EMAFESA nos 55.000 contadores contabiliza sete millóns metros cúbicos / ano.

En canto ao malgasto enerxético, non vemos un protocolo de actuación que limite o custo da electricidade, operando o sistema de bombeo nas horas de custo reducido. Por último,  parecenos inaceptable que se repercutan na cidadanía valores como a amortización das inversións, os gastos financeiros, o convenio con ACUANORTE, a provisión para o resto de custos fixos e insolvencias e, sobre todo, que sexan os veciños e veciñas os que paguen a retribución do socio privado, é dicir que contribuamos entre todos e todas ao beneficio dunha multinacional como ACS que ten como beneficiario último o señor Florentino Pérez.

Sr alcalde: nós si queremos un saneamento, pero un saneamento integral, non intensivo, e non toleramos que se fixe unha taxa de saneamento baseada en informes achegados pola propia empresa concesionaria, Emafesa, como así se reflicte na contestación as alegacións presentadas pola  cidadanía, e polo  resto das forzas da oposición, que foron todas rexitadas.

Sr. Alcalde: non só estamos ante un saneamento propagandístico que se ben vai mellorar a calidade das augas da ría, non vai ser a solución definitiva, xa que é obsoleto, custoso e ineficiente. Como moi ben dí o experto en saneamento Joaquín Suarez da UDC “El saneamiento unitario no es sostenible, genera impacto ambiental y supone un elevado coste”. Non só estamos ante unha manobra política que vai entregar a xestión á iniciativa privada durante décadas, endebedando os petos da veciñanza, escravizándonos ante unha empresa privada que obterá beneficios a costa da cidadanía de Ferrol, unha cidade onde a taxa de paro, o empobrecemento, a emigración e a crise demográfica alcanzan cotas insostibles que poñen en perigo a supervivencia da sua comarca, senon  tamen que agora se vai ver gravada cunha taxa anual por fogar revisable dun promedio de 70 euros.

Así tamén estamos ante unha construción xurídica de dubidosa legalidade, fundamentalmente por tres razóns:
O informe da intervención baséase nun estudo económico-financieiro elaborado por Audigal, a mesma empresa auditora que fiscaliza as contas -sempre postas en dúbida- de Emafesa. Todo queda na casa. Por se isto fora pouco, os servizos xurídicos do concello non entran na valoración ou verificación deste estudo, o que podería supoñer -coma vostedes deberían saber- a nulidade de pleno dereito da nova ordenanza reguladora da taxa.

Por outra banda, a encomenda de xestión do Concello a Emafesa podería non ser legal, xa que Emafesa non é un ente público. Non o decidimos nós, así o considerou o Consello de Contas de Galicia  en base a unha sentenza do Tribunal Supremo. Pero ademáis, a encomenda de xestión formalizada por medio dun Convenio entre Augas de Galicia e o concello podería ser nula de pleno dereito. A xurisprudencia do Tribunal Europeo non permite encomendas de xestión neste caso, porque a entidade encomendada (concello) non é un medio propio da entidade encomendante (Augas de Galicia).

Por último, Emafesa, a pesares de ser unha empresa mixta na que o Concello posúe o 51% do accionariado está monopolizada pola parte privada, Urbaser, que campa ás súas anchas. Esta empresa non só ten liberdade de contratación a empresas do mesmo grupo empresarial (ACS, Florentino Pérez), senón que incluso permítese cobrarlle ao concello o know how —aspecto, iste cuestionado polo propio Consello de Contas coma vostedes saben—. Por se isto fora pouco, incumpre sistemáticamente a súa obriga de enviar ao Concello de Ferrol,  o Programa anual de actuacións, investimentos e financiamento.

Vostedes verán.

Sr Alcalde: en representación dos, até o día de hoxe, 2000 veciños e veciñas de Ferrol, pedímoslle que por unha vez teña a dignidade de escoitar á cidadanía e retire do punto da orde do día a aprobación da taxa de saneamento.

Por iso estamos a impulsar unha Iniciativa cidadá para a remunicipalización integral do ciclo da auga. Non estamos sos. Seguimos a liña de localidades  europeas como París e Berlín, españolas como diversos como municipios de Sevilla e galegas como Punxín e Arteixo.

Non queremos que as taxas e impostos que tanto nos custa pagar inclúan conceptos como “beneficio do socio privado

Imos reunir as sinaturas suficientes para que vostede se vexa obrigado a dar explicacións ante a veciñanza e que eleve unha consulta popular ao pobo de Ferrol, para que sexamos nós, os homes e mulleres da nosa cidade, os que decidamos libremente  se queremos que a auga sexa tratada como un dereito ou como unha mercadoría.

Sr. Alcalde: sería necesario que se decatase de que a vella política está a morrer. Queremos coñecer e ser parte dos asuntos públicos, queremos transparencia e participación. Quizais é unha linguaxe difícil de comprender para quen está ancorado na política profesional.

Sr. Alcalde: Solicitámoslle que retire a taxa da orde do día, e que se dirixa aos veciños e veciñas a explicar polo miúdo, desglosado e baseando en datos certos porque teñen que pagar esa cantidade abusiva para un saneamento cun modelo intensivo enerxeticamente, non separativo,  totalmente obsoleto, e contrario ao que se está a facer noutras cidades.

O concello non debería de enganar a veciñanza Ferrolá sobre as virtudes dun proxecto obsoleto e desfasado que vai chegar tarde mal e arrastro. Senón que se debería aplicar en mellorar o proxecto para que contemple o necesario saneamento "integral" da ría e a súa rexeneración. Dese xeito non se gravaría excesivamente a cidadanía cos novos recibos da auga. E tempo xa doutra política non propagandista que atenda as necesidades reais da nosa cidade.

Sr alcalde: retire a taxa, escoite ao pobo de Ferrol, que é a quen esta a representar, e centre o seu traballo en menos cartaces propagandísticos  e máis saneamento real. Reivindicamos a remunicipalización porque só dende a xestión pública e integral do ciclo da auga poderemos garantir a necesaria transparencia e eficiencia no servizo.  E polo tanto acadar o mellor para a nosa xente. Saneamento, si, pero non así.

A noticia nos medios:

  • A aprobación da nova taxa de depuración centra o debate do pleno ordinario de Ferrol | Marta Corral - Ferrol 360 | Ferrol | Xoves 28 agosto 2014 | 19:35 | Ir á Web.

  • Aprobada a nova taxa pola depuración das augas de Ferrol | O PP só logrou o respaldo de IF para sacar adiante un tributo cualificado pola esquerda de «abusivo» | Rocío Pita Parada - La Voz de Galicia | 28 de agosto de 2014  17:12 | Ir á Web.
Foto tirada de Ferrol 360 | Pleno do 28 de Agosto de 2014.

Blogue da Iniciativa Cidadá:
http://www.augaesaneamentodeferrol.blogspot.com.es/
_________________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon