venres, setembro 26, 2014

Este luns 29 de setembro, ás 6 da tarde autoconvocatoria do tecido social, veciñal, cultural, sindical e político de Ferrol Terra, para preparar a Mobilización Europea contra o Acordo Transatlántico (Tratado de Libre Comercio entre a Unión Europea e Estados Unidos TTIP), a xuntanza será no Ateneo Ferrolán


En Ártabra 21 recebimos esta mensaxe que consideramos de moito interese, co prego de espallar e difundir, polos medios que podamos. Convidamos a que "rule" esta autoconvocatoria e o vindeiro luns 29 de setembro, ás 6 da tarde sexamos unha numerosa, animada e combativa Asemblea.


CONVOCATORIA DUNHA XUNTANZA ABERTA E UNITARIA PARA O LUNS 29 DE SETEMBRO, ÁS 6 DA TARDE NO ATENEO FERROLÁN, CO OBXECTIVO DE ORGANIZAR A PARTICIPACIÓN DE FERROLTERRA, O SÁBADO 11 DE OUTUBRO, NA GRANDE MOBILIZACIÓN EUROPEA CONTRA O 'ACORDO TRANSATLÁNTICO' TRATADO DE LIBRE COMERCIO ENTRE A UNIÓN EUROPEA E ESTADOS UNIDOS (TTIP) E OUTROS TRATADOS (CETA E TISA)* QUE SÓ BENEFICIAN AO 'DEUS MERCADO'.


Desde hai anos os Estados Unidos e a Unión Europea, veñen negociando en segredo un pacto económico e de modelo de relacións comerciais. Desde hai pouco máis dun ano, estas negociacións xa son públicas, continuando na actualidade. Pretende-se acordar un Tratado de Libre Comercio entre a Unión Europea e Estados Unidos (TTIP, polas súas siglas en inglés).

Formalmente o TTIP ten como obxectivo "eliminar as barreiras comerciais entre os Estados Unidos e a Unión Europea (suprimir aranceis, normativa innecesaria, restricións ao investimento, etc.)" e segundo as súas propias palabras "simplificar a compravenda de bens e servizos entre estes dous espazos. Eliminar esas barreiras suporá crecemento económico, creación de empregos e unha diminución dos prezos. O Centre for Economic Policy Research (CEPR), calcula que a economía europea podería beneficiarse con 119.000 millóns de euros ao ano e a estadounidense cuns 95.000 millóns de dólares". O que traducido a feitos reais quere dicir que os donos e controladores dos grandes fondos de inversións e corporacións multinacionais, van ser os grandes beneficiados deste Tratado. Os miles de millóns en dólares e euros, son para eles, non para o pobo. Van ter o camiño doado para facer-se, a prezos de ganga, cando non de balde, coas propiedades do pobo, servizos públicos (sanidade, educación, dependencia, ...), empresas públicas, infraestruturas, fondos de pensións públicos, Seguridade Social, a xestión e propiedade da auga,  xestión dos fondos de desemprego, Fogasa, ..., cárceres, universidades, servizos municipais, ..., en definitiva todo é un negocio, todo se privatiza ou se dá en propiedade, na agricultura será a introdución de produtos tranxénicos, compra de sementes, ... compra de terras, ... empeoramento do medio ambiente e a aceleración do cambio climático, ... control de internet e das aplicacións informáticas libres, ...

A clase  traballadora, as demais clases populares e os pobos sen soberanía como o Galego, imos ser os grandes perdedores deste tratado dos ricos (TTIP) contra @s pobres. Máis miseria, máis desemprego, salarios máis baixos, menos prestacións, peor seguridade social, peores servizos públicos, peor alimentación, menos saúde, ..., menos democracia, ..., máis autoritarismo, máis control policial sobre a poboación, ..., máis corrupción, ...

Contra esta venda dos bens do pobo, esta-se organizando unha grande mobilización europea, para o sábado 11 de Outubro. Nas comarcas de Ferrol, o pobo traballador non deberíamos quedar ao marxe desta Mobilización Europea. Amosar a nosa non conformidade con estas negociacións, denunciar o Tratado (TTIP) e rebelar-nos contra quen pretende vender as nosas vidas, seguridade, terras, .. contra quen pretende impoñer-nos un pensamento único, ... un modelo social e económico en beneficio duns poucos, contra a maioría da poboación.

Por todo isto,

consideramos que as persoas, sindicatos, partidos, colectivos, asociacións que estamos contra este Tratado (TTIP), poderíamos facer unha mobilización unitaria o vindeiro 11 de Outubro en Ferrol.

Polo que,

pedimos-vos que participedes, para organiza-la, nunha xuntanza unitaria e aberta o vindeiro luns 29 de Setembro, ás 6 da tarde, nos locais do Ateneo Ferrolán.

Todas as mans e as ideas son necesarias participa aínda que sexa a titulo persoal.

Obrigad@s !

Ferrol, a 25 de Setembro de 2014

MÁIS INFORMACIÓN:
http://www.stop-ttip-ceta-tisa.eu/

[*]  Notas.-

TTIP - O Acordo Transatlántico de Comercio e Investimento (tamén chamado TAFTA, Tratado de Libre Comercio Transatlántico) estase negociando entre EEUU e a Unión Europea desde Xullo de 2013 | Ir á Web.

CETA - O Acordo Económico e Comercial Global xa foi negociado entre a UE e Canadá e estase finalizando agora | Ir a Web.

TISA - E o Acordo sobre o Comercio de Servizos está agora en proceso de negociación entre 50 países, incluíndo a UE | Ir a Web.

_________________

En Ártabra 21 publicamos un interesante artigo de Ignacio Ramonet o pasado 11 de Abril de 2014, con importantes enlaces e referencias:
¡Perigo! Acordo Transatlántico, ... Por Ignacio Ramonet.
____________________________________

Coincide que o mesmo día, 11 de Outubro, co día de loita mundial contra o Frackdown (A fractura hidráulica para a obtención de petróleo e gas).

¡Global Frackdown!
Día internacional para poñer freo ao fracking
11 de outubro de 2014


¡Únete ou sofre a fractura!

Misión: A fractura hidráulica para a obtención de petróleo e gas é de por si moi insegura, e a lexislación que a regule non pode mitigar completamente os danos que provoca esta industria. Rexeitamos a campaña de imaxe multimillonaria que levan a cabo as grandes empresas petroleiras e do gas e instamos aos nosos representantes políticos locais, rexionais e nacionais a rexeitar a fractura hidráulica. Somos un movemento global unido e apelamos aos cargos electos de todos os niveis para que impulsen un futuro con enerxías renovábeis e para que non permitan a fractura hidráulica nin ningunha das infraestruturas asociadas, xa sexa nas nosas comunidades ou en calquera outra comunidade. Somos comunidades que loitan contra a fractura hidráulica, a minería de area para inxección, gasodutos e oleodutos, estacións de compresión, terminais de gas natural licuado, exportacións de gas natural, gas de vapor de carbón, gas metano de carbón e similares. A fractura hidráulica non forma parte da nosa visión para un futuro con enerxía limpa, e debe ser prohibida. | Ir a Web.
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon