Discurso do referendum
Alexis Tsipras
Compañeir@s greg@s,
Durante seis meses o goberno grego librou unha batalla en condicións de asfixia económica sen precedentes para levar a cabo o mandato que nos detes o 25 de xaneiro. Mandato que estivemos negociando cos nosos socios para poñer fin á austeridade e para permitir que a prosperidade e a xustiza social regresen de novo ao noso país.
Foi un mandato para un acordo sostible que respectase a democracia e as regras comúns europeas e para dar lugar á saída definitiva da crise.
Ao longo dese período de negociacións, pedíusenos que implementásemos os memorándums acordados por gobernos anteriores, aínda que o pobo grego os condease categoricaemte nas eleccións.
Porén, en ningún momento pensamos en rendernos, é dicir, en traizoar a vosa confianza.
Despois de cinco meses de duras negociacións, os nosos socios, por desgraza, levaron ao Eurogrupo, antes de onte, un ultimátum á democracia grega e ao pobo grego.
Un ultimátum é o contrario aos principios e valores fundadores de Europa, os valores do noso proxecto común europeo.
Pediron ao goberno grego que aceptase unha proposta que inclúe unha nova carga insostible para o pobo grego e que socava a recuperación da economía e da sociedade grega, unha proposta que non só perpetúa o estado de incerteza, senón que acentúa aínda máis as desigualdades sociais.
A proposta das institucións inclúe medidas que conducen á desregulación do mercado de traballo, recortes nas pensións, máis reducións nos salarios do sector público e un incremento do IVE dos alimentos, restaurantes e turismo; ao tempo que elimina as exencións fiscais para as illas gregas.
Estas propostas violan directamente os dereitos sociais fundamentais europeos. Mostran, no que toca ao traballo, igualdade e dignidade, que o obxectivo dalgúns dos nosos socios e institucións non é un acordó viable e beneficioso para todas as partes, senón a humillación do pobo grego todo.
Nestas propostas destaca principalmente a insistencia do FMI na austeridade severa e punitiva e fai máis necesaria ca nunca a necesidade de que as potencias europeas aproveiten a oportunidade e tomen a iniciativa para chegar a un fin definitivo da crise de débeda soberana grega, unha crise que afecta a outros países europeos e que ameaza o mesmo futuro da integración europea.
Compañeir@s greg@s,
Neste momento descansa sobre os nosos ombros a responsabilidade histórica, conducida polo pobo grego a través da loita e dos sacrificios, pola consolidación da democracia e da soberanía nacional. A nosa responsabilidade polo futuro do país.
Hai un intre, na reunión do Consello de Ministros, propuxen a organización dun referéndum para que o pobo grego poida decidir de xeito soberano.
A proposta foi aceptada por unanimidade.
Mañá, a Cámara de representantes será convocada con urxencia para ratificar a proposta do Consello de Ministros de que se celebre un referéndum o próximo domingo 5 de xullo sobre a cuestión da aceptación ou o rexeitamento da proposta das institucións.
Xa informei sobre a miña decisión ao presidente de Francia, á chanceler de Alemaña e ao presidente do BCE, e mañá pedirei formalmente por carta aos líderes e institucións da UE que extendan por uns días o actual programa para que o pobo grego poida decidir libre de calquera presión ou chantaxe, como o esixe a Constitución do noso país e a tradición democrática de Europa.
Compañeir@s greg@s,
Ante a chantaxe do ultimátum que nos pide que aceptemos unha austeridade severa e degradante sen fin e sen perspectivas de recuperación económica e social, pídovos que respondades de maneira soberana e orgullosa, como nos manda a historia do pobo grego.
Ante o autoritarismo e a dureza da austeridade, responderemos con democracia, con calma e con decisión.
Grecia é o berce da democracia e vai enviar unha resposta contundente e democrática a Europa e ao mundo.
Persoalmente, comprometinme a respectar o resultado da escolla democrática, sexa cal sexa.
E estou absolutamente seguro de que a vosa escolla honrará a historia do noso país e enviará unha mensaxe de dignidade ao mundo.
Nestes momentos críticos, temos que lembrar todos que Europa é o fogar común dos pobos. Que en Europa non hai propietarios e hóspedes.
Grecia é, e seguirá a ser, unha parte integrante de Europa e Europa unha parte integrante de Grecia. Pero sen democracia, Europa será unha Europa sen identidade e sen rumbo.
Convídovos a todos a mostrar a unidade nacional e a tranquilidade, co fin de tomar as decisión correctas.
Para nós, para as xeracións futuras, para a historia dos gregos.
Pola dignidade e a soberanía do noso pobo.
Atenas, 27 de xuño, 1 da mañá.
Fonte: Somos Ninguén
__________________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon