Apoio á manifestación do día 27 en Compostela contra a Lei de Acuicultura. | Os deputados Lídia Senra e Juan Manuel Fajardo, acompañados por Javier Costa patrón maior de Cangas, alertan en Ferrol da perigosidade da norma. | Medio cento de persoas ligadas ao sector marisqueiro da comarca ferrolá asistiron á charla organizada pola AC Fuco Buxán.
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), acompañada polo voceiro de AGE en materia pesqueira no Parlamento galego, Juan Manuel Fajardo, e o patrón maior de Cangas, Javier Costa, apoiaron esta mañá en Ferrol a convocatoria nacional de manifestación feita polo sector pesqueiro galego para o domingo 27 de febreiro en Santiago de Compostela contra a Lei de Acuicultura.
Senra, Fajardo e Costa ofreceron unha charla no Centro Sociocultural Carballo Calero de Ferrol, organizada pola Asociación Cultural Fuco Buxán, á que asistiron ao redor de medio cento de persoas ligadas ao sector marisqueiro da comarca ferrolá.
Durante a súa intervención, Lídia Senra relacionou as decisións que se toman no Parlamento Europeo coas que se toman no Goberno da Xunta e do Estado español. Neste sentido, explicou que os intereses que hai detrás da Lei de Acuicultura son tamén derivados da última reforma da Política Pesqueira Común e pretenden posibilitar que as grandes empresas multionacionais xestionen e exploten os recursos do mar.
Lídia Senra fixo mención á pregunta realizada na Comisión de Pesca do Parlamento Europeo á ministra noruega, Elisabeth Aspaker, interrogándoa sobre cales eran os intereses do seu país en relación á acuicultura en Galiza. “Contestoume que as empresas de Noruega teñen capacidade para a produción acuícola e son das mellores do mundo. Con estas palabras estanos dicindo que efectivamente teñen interés en proxectos acuícolas na costa galega”, explicou.
Na mesma liña, Fajardo insistiu en que o obxectivo da Lei de Acuicultura é permitir ás multinacionais que acaparen os mares. “De saír adiante, esta normativa permitirá que as multinacionais teñan todo o espazo da costa para elixir onde se queiran instalar e poder explotar peixes transxénicos nas rías galegas. Isto pode ser unha bomba de reloxería que estoupe e acabe coa biodiversidade”, alertou. O deputado de AGE asegurou que ante esta situación, é “fundamental” que se artelle unha resposta a esta Lei e que a manifestación convocada polo sector para o día 27 de febreiro en Santiago de Compostela ás 11:30 horas, que sairá da Alameda e rematará na Praza do Obradoiro, sexa multitudinaria.
Igualmente, o patrón maior de Cangas, Javier Costa, definiu como “torpedo á pesca artesanal” a Lei de Acuicultura planificada. “Se a aproban non teremos por onde saír”, dixo. “A prioridade será a acuicultura por riba da pesca artesanal e do marisqueo, quitarannos os espazos de mar e daránllelos ás multinacionais”, asegurou. “Non podemos permitir que as multinacionais exploten os nosos mares e que os fondos mariños queden totalmente arrasados, porque despois, nesas zonas non criará nada, arrasarán todo, por iso temos que saír todos á rúa e estar o día 27 en Santiago”, zanxou.
Ferrol, 20 Febreiro 2016.
Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) | lidia.senra@europarl.europa.eu | http://ageuropa.gal/ | https://www.facebook.com/LidiaSenraRodriguez.
Enviado por:
SENRA RODRÍGUEZ Lidia OFFICE
-lidia.senra-office@europarl.europa.eu-
20 de fevereiro de 2016 14:42
______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon