sexta-feira, junho 24, 2016

Traballo sucio. 5 notas sobre o Brexit, ... Por David Rodríguez


Por David Rodríguez [*]
24.06.2016


1. A orella cortada aparecida no xardín bucólico de clase media americana dos 50 na peli de David Lynch Blue Velvet fálanos do inferno que, inevitablemente, habita dentro de cada paraíso. Ese é o mérito de Lynch. Dicir á clase media occidental: o voso benestar está construído sobre a barbarie. Ou dito doutro xeito: para que alguén goce de benestar, algún outro ten que facer o traballo sucio.

2. Sinala Beiras con gran lucidez que a fin da hexemonía do III Reich iniciouse cando Inglaterra lle declarou a guerra a Alemaña e que hoxe, co Brexit do IV Reich, estamos nunha situación análoga. Churchill non era precisamente un santo varón multiculturalista, queer, ecoloxista e antitaurino, pero iso non impide que o seu paso á historia estivese, en terminoloxía rajoyana, do lado dos bos e non dos malos. Obvio é dicir que para que adviñese o paraíso dos trinta gloriosos posteriores á Segunda Guerra Mundial -por máis que a socialdemocracia europea se contase unha película diferente a si mesma- foi necesario que alguén fixese o traballo sucio: o exército vermello, morrendo e matando nazis, e a URSS, obrigando a que os EEUU tivesen que implicarse na reconstrución de Europa Occidental e apostar pola unificación de parte do continente.

3. A esquerda actual, na súa maior parte meliflua e clasemedieira, esqueceu esta cuestión básica que calquera peón de obra coñece á perfección: sempre, alguén, ten que facer o traballo sucio. Por iso, ante a expresión do malestar co neoliberalismo a través do referendum inglés, a esquerda meliflua comeza a falar de xenofobia en lugar de dumping salarial e de loas abstractas ás bondades da mesma UE que bendice a Turquía para liquidar inmigrantes sirios (tras colaborar no bombardeo do seu país), que condena ao pobo grego á miseria e que propicia que a propia esquerda sexa percibida como completamente impotente polas clases traballadoras.

4. A Podemos saíulle un Tsipras á inversa. Se Tsipras convocou un referendum para perdelo, aínda que isto fose en contra do motivo (derrotar á troika) polo que chegou á presidencia de Grecia, Podemos, que ten por filosofía só apostar a cabalos gañadores, fixo campaña a favor do Bremain pensando que gañaría; aínda que, no fondo, iso significase a derrota en Inglaterra do mesmo sentimento antistablishment froito do descontento que provocou a crise económica que está na base do auxe de Podemos. Pero desta volta o Bremain non foi o "marco gañador" e esta é a disxuntiva agora de Podemos: sustentala e non emendala, retirándose, no debate europeo (que cada vez será máis importante), a posicións pro-stablishment ou comezar a articular un discurso sobre a UE diferente do da "casta" contra a que naceu.

5. Movimentos como o DIEM de Varoufakis tamén forman parte desa esquerda que esqueceu (ou fai que esqueceu) que alguén ten que facer o traballo sucio. E é que é moito máis probable que algo se mova dentro da UE despois do Brexit que con todos os artigos e chamamentos a reformar a UE desde dentro a través dun "movemento humanista" de escala continental. Como se o mesmo feito de que a Eurozona sexa disfuncional pola diverxencia de intereses dos distintos Estados non tivese tamén implicacións á hora de articular un movemento común a eses Estados diferentes. E como se non tería sido máis probable -despois do referendum no que o pobo grego, heroicamente, se mantivo no OXI- forzar a cambios na UE se o Estado grego non se dobregase -como disque propuña Varoufakis- que dobregándose, como quixo Tsipras.

6. En todo caso, como desvelou o intelectual de esquerdas anglo-pakistaní favorable ao Brexit, Tariq Alí, que lle confesou Varoufakis: "non dubides de que se hai Brexit non derramarei bágoa ningunha". E eu tampouco.

Publicado o 24 de Xuño de 2016 no blogue ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
24 de junho de 2016 21:24

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon