Amosando publicacións coa etiqueta Brexit. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Brexit. Amosar todas as publicacións

venres, xuño 24, 2016

Traballo sucio. 5 notas sobre o Brexit, ... Por David Rodríguez


Por David Rodríguez [*]
24.06.2016


1. A orella cortada aparecida no xardín bucólico de clase media americana dos 50 na peli de David Lynch Blue Velvet fálanos do inferno que, inevitablemente, habita dentro de cada paraíso. Ese é o mérito de Lynch. Dicir á clase media occidental: o voso benestar está construído sobre a barbarie. Ou dito doutro xeito: para que alguén goce de benestar, algún outro ten que facer o traballo sucio.

2. Sinala Beiras con gran lucidez que a fin da hexemonía do III Reich iniciouse cando Inglaterra lle declarou a guerra a Alemaña e que hoxe, co Brexit do IV Reich, estamos nunha situación análoga. Churchill non era precisamente un santo varón multiculturalista, queer, ecoloxista e antitaurino, pero iso non impide que o seu paso á historia estivese, en terminoloxía rajoyana, do lado dos bos e non dos malos. Obvio é dicir que para que adviñese o paraíso dos trinta gloriosos posteriores á Segunda Guerra Mundial -por máis que a socialdemocracia europea se contase unha película diferente a si mesma- foi necesario que alguén fixese o traballo sucio: o exército vermello, morrendo e matando nazis, e a URSS, obrigando a que os EEUU tivesen que implicarse na reconstrución de Europa Occidental e apostar pola unificación de parte do continente.

3. A esquerda actual, na súa maior parte meliflua e clasemedieira, esqueceu esta cuestión básica que calquera peón de obra coñece á perfección: sempre, alguén, ten que facer o traballo sucio. Por iso, ante a expresión do malestar co neoliberalismo a través do referendum inglés, a esquerda meliflua comeza a falar de xenofobia en lugar de dumping salarial e de loas abstractas ás bondades da mesma UE que bendice a Turquía para liquidar inmigrantes sirios (tras colaborar no bombardeo do seu país), que condena ao pobo grego á miseria e que propicia que a propia esquerda sexa percibida como completamente impotente polas clases traballadoras.

4. A Podemos saíulle un Tsipras á inversa. Se Tsipras convocou un referendum para perdelo, aínda que isto fose en contra do motivo (derrotar á troika) polo que chegou á presidencia de Grecia, Podemos, que ten por filosofía só apostar a cabalos gañadores, fixo campaña a favor do Bremain pensando que gañaría; aínda que, no fondo, iso significase a derrota en Inglaterra do mesmo sentimento antistablishment froito do descontento que provocou a crise económica que está na base do auxe de Podemos. Pero desta volta o Bremain non foi o "marco gañador" e esta é a disxuntiva agora de Podemos: sustentala e non emendala, retirándose, no debate europeo (que cada vez será máis importante), a posicións pro-stablishment ou comezar a articular un discurso sobre a UE diferente do da "casta" contra a que naceu.

5. Movimentos como o DIEM de Varoufakis tamén forman parte desa esquerda que esqueceu (ou fai que esqueceu) que alguén ten que facer o traballo sucio. E é que é moito máis probable que algo se mova dentro da UE despois do Brexit que con todos os artigos e chamamentos a reformar a UE desde dentro a través dun "movemento humanista" de escala continental. Como se o mesmo feito de que a Eurozona sexa disfuncional pola diverxencia de intereses dos distintos Estados non tivese tamén implicacións á hora de articular un movemento común a eses Estados diferentes. E como se non tería sido máis probable -despois do referendum no que o pobo grego, heroicamente, se mantivo no OXI- forzar a cambios na UE se o Estado grego non se dobregase -como disque propuña Varoufakis- que dobregándose, como quixo Tsipras.

6. En todo caso, como desvelou o intelectual de esquerdas anglo-pakistaní favorable ao Brexit, Tariq Alí, que lle confesou Varoufakis: "non dubides de que se hai Brexit non derramarei bágoa ningunha". E eu tampouco.

Publicado o 24 de Xuño de 2016 no blogue ofunambulistacoxo.blogspot.com.

[*] David Rodríguez Rodríguez (Vigo, 1975) mantén o blogue http://ofunambulistacoxo.blogspot.com desde o ano 2005. É autor das obras de teatro radiofónico O Bambán e Nunca me esquecerei de ti (gañadora e finalista respectivamente do I e IV Premio de Teatro Radiofónico do Diario Cultural). Escribiu o poemario Lapidarias. Os versos escuros e participou no libro colectivo Non conciliados. Argumentos para a resistencia cultural.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
24 de junho de 2016 21:24

_______________

A eurodeputada galega Lídia Senra, valorou este venres os resultados do referendo celebrado no Reino Unido, no que un 51,9% da poboación votou a favor de abandonar a Unión Europea (UE) - A representante de AGEe considera “preocupante” a falta de debate que houbo na campaña electoral cara ao 26 de xuño que hoxe remata


Lídia Senra: “A decisión do Reino Unido amosa a pouca credibilidade dunha UE construída contra os pobos”. | A eurodeputada destaca a valentía británica de convocar un referendo, fronte á actitude de medo constante do Goberno do Estado Español. | A representante de AGEe considera “preocupante” a falta de debate que houbo na campaña electoral cara ao 26 de xuño que hoxe remata.


Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL), valorou este venres os resultados do referendo celebrado no Reino Unido, no que un 51,9% da poboación votou a favor de abandonar a Unión Europea (UE), apostando polo Brexit (Britain Exit), e un 48,1% decantouse pola permanencia do Reino Unido como Estado membro na UE. Senra considera que “o feito de que no referendo gañara a posición de saír da UE, fronte á posición oficial do Primeiro Ministro e tamén das grandes empresas e da city, incluso a pesares das prevendas da UE acadadas polo goberno para defender a posición da permanencia, amosan a pouca credibilidade dunha UE que se construíu en contra dos pobos, a favor das multinacionais, e cuxas decisións responden única e exclusivamente á ditadura dos mercados e duns líderes á fronte da Comisión Europea (CE) e do Consello que non son capaces de resolver ningunha das graves crises (migratoria, social, ambiental, climática) que asolan hoxe a realidade deste espazo de (Des)Integración Europea".

Aínda que é certo que nesta situación, ante a falta de valentía e decisión da esquerda europeísta de romper coa ditadura dos mercados e os intereses especulativos do capitalismo financeiro, en moitos Estados, tamén no Reino Unido neste malestar está pescando e a dereita populista e xenófoba, non é menos certo que nesta votación tamén se reflicte o malestar das clases populares e dunha parte importante da esquerda que loita contra a crise e as políticas de austeridade impostas polo poder económico que está por detrás das decisións da Unión Europea que conlevan a perda de dereitos sociais, económicos e de libertades e mesmo de democracia e soberanía dos pobos. As imposicións da Troika a Grecia ou a ditadura do Euro, son un bo exemplo do secuestro da Soberanía Popular”, afirma a eurodeputada galega.

Neste sentido, Lídia Senra advertiu que tamén “é preocupante” a “falta de debate sobre todas estas cuestións na campaña electoral dos comicios do Estado español que hoxe chega ao seu fin”.

Por outro lado, a representante de AGEe no Parlamento Europeo afimrou que “chama a atención neste referendo a posición de Escocia ou de Irlanda no Norte a favor da permanencia, que con toda certeza tamén pode ser interpretado como unha forma de expresión e loita pola súa soberanía nacional fronte ao estado-nación hexemonizado por Inglaterra”. “O feito de que as nacións sen Estado teñan que afirmar a súa soberanía entregándose a unha supraestrutura antidemocrática forma parte das contradicións do momento pero tamén esta circunstancia está a falarnos dunha vontade por parte dos pobos de seren suxeitos soberanos”, di.

Sen dúbida, o escenario que se abre co resultado deste referendo dará pé a unha reconfiguración do espazo que hoxe constitúe a Unión Europea. Dende a esquerda debemos dar a batalla para avanzar nesa Europa dos pobos, democrática, social, solidaria, pacifista, antiimperialista, construída en pe de igualdade. Para iso, cómpre non eludir máis os debates arredor da cuestión da Unión Europea e o euro e a súa compatibilidade coa democracia e a soberanía popular. Propiciar este debate público deber ser a nosa tarefa no futuro inmediato”, defendeu.

Lídia Senra destactou tamén a valentía por parte do Reino Unido de convocar un referendo para que o pobo poidera expresarse sobre un asunto de tanta importancia, “en contraste co medo do Goberno do Estado español, que se manifesta, por exemplo, na negativa ao referendo en Cataluña”.

O presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, ofreceu esta mañá unha rolda de prensa para anunciar a convocatoria dun pleno extraordinario do Parlamento Europeo, para o próximo martes, 28 de xuño, para abordar en conxunto o escenario que se abre tras os resultados do referendo británico. Durante a sesión extraordinaria da próxima semana, que coincidirá co cumio de xefes de Estado e de Goberno da UE en Bruxelas, o Parlamento Europeo adoptará unha resolución analizando o resultado das votacións no Reino Unido e describindo os pasos que darán a partir de agora as institucións europeas.

Bruxelas, a 24 Xuño, de 2016.

-->>>

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), integrada no Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL).

lidia.senra@europarl.europa.eu

Equipa de Comunicación AGEe:
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Bruxelas:
vera.montotovazquez@europarl.europa.eu
Alternativa Galega de Esquerdas en Europa - Oficina en Galiza:
age.europa.galiza@gmail.com
Xornal dixital de AGEe:
http://ageuropa.gal/

   


Enviado por:
AGE Europa - Galiza
-age.europa.galiza@gmail.com-
24 de junho de 2016 12:46
__________