mércores, xuño 28, 2017

Convocatoria dun encontro da esquerda para valorar a situación municipal e os dous anos de goberno municipal en Ferrol - Este xoves, 29 de xuño, ás 19.30hs no Ateneo Ferrolán - Esta convocatoria pretende interpelar a todas esas persoas que consideren que é preciso reflexionar serenamente sobre a situación e tentar construír unha interpretación contrastada e compartida


Estamos no ecuador do mandato municipal. O pasado 24 de maio cumpríanse dous anos das últimas eleccións locais e o pasado 13 de xuño outros dous da elección de alcalde. Naquel momento o PP pasaba á oposición e formábase un goberno de esquerdas por medio dun acordo entre Ferrol en Común e o PSOE co apoio do BNG na investidura.

O programa e propostas electorais de Ferrol en Común e o Acordo co PSOE, abrían unha etapa de esperanza e ilusión. Para moitos/as coa lexítima ilusión de quen formaba parte do proxecto, outros/as máis críticos con Ferrol en Común, divididos entre quen pensaron que había que cooperar e que Ferrol en Común sería o primeiro interesado en procurar esa colaboración, e quen pensaban que era mellor non interferir porque calquera cuestionamento ao goberno só podía beneficiar ao PP.

En calquera caso, para todos/as abríase unha etapa chea de incógnitas no político, ás que se sumaban outras no ámbito máis inmediato e orgánico, como o funcionamento da coalición (EU-Anova-”Inscritos en Podemos”), ou o do Grupo Municipal de Ferrol en Común ou do acordo de goberno de Ferrol en Común co PSOE, así como a capacidade de diálogo co BNG como socio imprescindible de futuro para moitos acordos necesarios, ou a capacidade e compromiso das persoas que lideraban o proxecto, ou a vontade de ampliación da influencia social de Ferrol en Común, ou a súa consolidación como alternativa política, e mesmo a súa contribución á maduración dunha alternativa política galega máis aló de simples plataforma electoral…

Pero moito máis importante que todo isto era que se abría unha nova etapa presidida polas anunciadas políticas “claramente de esquerdas” e centradas na remunicipalización de servizos, na transparencia, na participación cidadá…

Neste momento boa parte daquelas incógnitas deixaron de selo. Ten pasado tempo suficiente como para saber cales son as prioridades, compromisos, capacidades e actitudes do goberno municipal, e podemos prever o que poden depararnos os dous anos escasos que restan de mandato.

Durante estes dous últimos anos todos/as nós temos falado en múltiples ocasións sobre estas cuestións. Seguramente de maneira informal, fragmentaria, con máis ou menos información contrastada… Seguramente teñamos comentado na nosa contorna persoal a preocupación pola inercia e a ausencia de proxecto do goberno local de Ferrol en Común “+2” e teñamos manifestado a preocupación polo futuro.

Esta convocatoria pretende interpelar a todas esas persoas que consideren que é preciso reflexionar serenamente sobre a situación e tentar construír unha interpretación contrastada e compartida. Non se trata de romper o goberno, senón que reaccione a favor do cumprimento do programa electoral e que a actitude da practica política municipal volva a ilusionar a súas bases sociais e ao conxunto da cidadanía.

Moitas persoas pertenceremos ao espazo político-electoral de AGE ou de En Marea, algunhas terán formado parte de Ferrol en Común, outras da Marea Ártabra, outras quizá de ningunha, pero en calquera caso todos/as compartiremos a preocupación polo futuro do concello de Ferrol.

Vémonos pois o vindeiro xoves, día 29 de xuño ás 19:30 hh. no Ateneo Ferrolán.

Enviado por:
Lucia Vizoso
-luciaxocaloma@gmail.com-
26 de junho de 2017 12:54

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon