domingo, outubro 22, 2017

A CIG non recoñece os resultados da votación convocada por UGT e CCOO a instancias das empresas - A folga na industria auxiliar de Navantia continúa adiante - Comunicados do Comite de Electrorayma e da CIG Industria - Vídeo


Censos inflados con persoal que nunca traballou nos estaleiros, xente que leva máis de un ano no desemprego, xerentes das compañías, etc. Esta foi, denuncia a CIG-Industria de Ferrol, a norma para a elaboración dos censos utilizados durante este venres na "representación protagonizada por UGT e CCOO baixo guión das empresas do naval".

A Federación de Industria da comarca entende que o obxectivo desta votación é "derrotar" a folga das auxiliares, "e para iso non hai nada como dotarse dunha lexitimidade democrática, aínda que haxa que retorcela para que se acomode ás necesidades das cúpulas empresariais e sindicais que vén perigar o seu estatus, e a viabilidade dos acordos para o futuro que comezaron a argallar durante os últimos meses", denuncian.

Consideran que con este tipo de actuacións, as reivindicación do persoal de auxiliares respecto da recuperación dos seus dereitos, é dicir, das táboas salariais do 2001, son "lanzadas aos pés dos cabalos da patronal por quen debía ser garante deses dereitos".

Critican que nos 16 días que leva activa a folga, a única preocupación destas centrais sindicais e da patronal foi sementar a división entre o persoal da industria auxiliar, e sobre todo, entre aqueles traballadores/as que cobran polos acordos e quen non as percibe.

"16 días a procura de rachar a tan necesaria unidade de acción do persoal de auxiliares, veu dar nun resultado que, a parte de valoracións sobre os detalles da elaboración dos censos, as chamadas telefónicas individualmente a cada un dos traballadores/as, o feito de que nin coa carretaxe chegaron ao 50% do censo que os eles mesmo elaboraron, só deixa unha lectura incontestábel: UGT e CCOO veñen de escribir unha das paxinas máis vergoñentas da súa xa historia", asevera a CIG-Industria.

A folga segue

Neste senso, lembran que as asembleas do persoal celebradas o día anterior na porta dos estaleiros acordaron recomendar non participar "nese teatro" para non lexitimalo. Independentemente do resultado, dende a CIG xa se advertiu que a votación  non tería alcance legal, "nin capacidade de determinar as nosas decisións, que seguiremos tomando nas asembleas celebradas ás portas dos estaleiros como fixemos desde o comezo do conflito".

Polo tanto, reiteran que non se lle recoñece validez ningunha e que a CIG non desconvoca a folga. "A recuperación das táboas salariais do 2001 debe ser a día de hoxe a principal preocupación do persoal das auxiliares, o contrario será consentir que aqueles traballadores e traballadoras que actualmente as cobren se convertan nunha segunda escala salarial dentro do recinto de Navantia e que se pacte unha terceira para o resto do persoal", alertan.

Clicar acima do comunicado para ampliar
Clicar acima do comunicado para ampliar


https://youtu.be/CZbA7pIk_Wo

_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon