luns, outubro 23, 2017

O teu futuro, o noso futuro, está en xogo: luns 23 tod@s ás portas - Folga das compañias auxiliares de Navantia da Ría de Ferrol - A coincidencia entre o discurso da patronal e o de UGT e CCOO debería facerlle desconfiar a máis dun sobre se está no lugar correcto neste conflito


Quen diga que está de acordo coas reivindicacións do persoal en folga, mais en desacordo coa estratexia sindical está mentindo ou está enganado. Os autores desta frase, que veñen repetindo como un mantra, en realidade están dispostos a rebaixar as táboas salariais do 2001, ou a pactar algún sistema progresivo para chegar á súa aplicación nos próximos contratos. O que significa, de feito, consolidar unhas táboas inferiores ás do 2001, temporalmente, si, mais sen prazos coñecidos, xa que non sabemos cando poderán realizarse eses próximos contratos.

Neste asunto dáse unha coincidencia entre a postura da patronal e a do presidente do Comité de Empresa de Navantia Ferrol moi preocupante, porque asume sen disimulo un punto de partida para a negociación dos salarios que nunca antes víramos nun representante dos traballadores e traballadoras: que primeiro é vender o produto, e despois pactar os salarios. Nin falar de produtividade ou de outras cuestións. Incrible pero certo: cando se trata do salario do persoal da industria auxiliar todo vale. O persoal de Navantia (ou Acciona) nunca aceptaría semellante filosofía para negociar o seu convenio, e seguramente descoñecen (porque llo ocultan) que isto é o que realmente está a pasar no conflito das auxiliares.

De se consolidar unhas táboas salariais inferiores ás do 2001 as empresas que hoxe as pagan estarán en franca inferioridade á hora de competir, cousa que xa acontecía, mais agora será froito dunha mesa de negociación e co acordo de UGT e CCOO. Canto tempo poderán manter eses salarios? Canto tempo tardarán as empresas en reproducir esa negociación á baixa no ámbito da súa empresa e co seu comité? Non son os mesmos sindicatos os que teñen a maioría nos comités? O persoal das empresas que nunca pagaron as táboas pode agardar melloras desa mesa de negociación? O persoal técnico pode agardar melloras dunha mesa que negocia á baixa? Ninguén pode pensar honestamente que está a salvo do que se poida pactar nesa negociación, e fixar o punto de partida nas táboas 2001 é absolutamente fundamental para toda a industria auxiliar.

Estes asuntos deberían ser os que se discutiran entre o persoal da industria auxiliar, e tamén entre os sindicatos. Mais a patronal está a levantar unha nube de merda, coa axuda de UGT e CCOO, que ocultan é o que verdadeiramente debería preocuparnos. Por iso promocionou esa votación-espectáculo totalmente fraudulenta o venres 20 na que simplemente se pregunta folga si ou folga non, máis ninguén aclara que é o que se vai negociar nesa mesa de negociación, ou cando menos con que criterios. É dicir, se o persoal está disposto a negociar á baixa as táboas do 2001, ou non. Non se aclara porque non queren comprometerse publicamente a defender algo ao que xa teñen renunciado en privado (agás o presidente do Comité de Navantia Ferrol, que xa o dixo na prensa).

Unha das razóns máis importantes polas que a patronal se enroca e non cede á reivindicación, é porque ten confianza en poder dividir aos traballadores e derrotar a folga. As cúpulas de UGT e CCOO teñen un papel principal neste plan. Por iso se prolonga o conflito. A coincidencia entre o discurso da patronal e o de UGT e CCOO debería facerlle desconfiar a máis dun sobre se está no lugar correcto neste conflito. A complicidade coa patronal para derrotar unha folga debería ser unha liña vermella para calquera traballador ou traballadora.

Pero a importancia do que está en xogo non se lle oculta a ninguén, e por iso o persoal da industria auxiliar vai loitar moi duro para gañar. Porque de asumir ese discurso de primeiro vender e despois fixar salarios, podemos acabar traballando, literalmente, polo caldo.

Sabemos que a loita será dura, máis perdela é un luxo que non podemos permitirnos. Porque vivimos dese salario e por dignidade estaremos nas portas dos estaleiros o luns 23, e os días que fagan falta. A unidade non a fan as cúpulas, a unidade facémola entre todos e todas, e se estamos todos e todas gañaremos.

Sabemos onde está o noso lugar. Non te deixes enganar e acode ás portas con nós.

Unidade Obreira e Dignidade !!
Acordos Xa !!

Ferrrol, 20 de outubro de 2017
_____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon