mércores, outubro 25, 2017

Continúa a folga das auxiliares de Navantia na xornada 21 de paro - Despois de diferentes xuntanzas entre sindicatos na tarde do luns e este martes todo o día, primeiro entre sindicatos e logo coa patronal - Non houbo acordo, polo que a asemblea decidiu continuar co paro indefinido - Hoxe ás 5 da mañá nos Piquetes

Porta de Navantia Ferrol, Asemblea do 24 de outubro de 2017

 Continúa a folga das auxiliares de Navantia na xornada 21 de paro

Despois da votación do venres 20 de outubro, convocada polos sindicatos CCOO, UGT e MAS, co apoio e complicidade dos medios de comunicación, da dirección de Navantia e da patronal da industria auxiliar, para intentar deslexitimar a folga, logo dunha importante manifestación de dúas mil persoas celebrada con total suceso o día anterior, a Asemblea en Folga e a CIG, denunciaron o fraudulento da votación e decidiron continuar coa folga e os piquetes nas portas, mais desta vez redobrando esforzos e cunha forte presencia nos mesmos. Os piquetes do luns 23 de outubro, foi un feito moi importante e significativo, logo da votación cualificada de fraudulenta do venres pasado. A decisión de manter a folga, é mostra de vontade de resistencia, e ten moito valor, sobre todo ao tratar-se dunha loita contra a precariedade laboral. E os que están en contra saben-no.

Reunións cos sindicatos e coa patronal

Os sindicatos reuniron-se na tarde do luns e o martes desde as 8 da mañá, para seguir analizando posibilidades de consensuar unha saía á situación que parta da actualización e recuperación dos acordos retributivos de 2001 e a súa incorporación a un marco legal que lle dea eficacia. Posteriormente houbo reunión coa representación da patronal das industrias auxiliares, mais rematou sen acordos, a patronal só quere que se volva ao traballo e continua ca chantaxe de que con este paro están-se perdendo contratos. Realizou-se a Asemblea que estaba convocada para as 19:30hs, de onte martes, onde se explicou a situación e o enroque da patronal que non dá respostas as demandas, polo que, ante o inmobilismo da patronal e de Navantia,  se continua co acordado pola Asemblea de seguir coa folga indefinida e os piquetes nas portas dos estaleiros. Situación que creou tensión entre os partidarios e non partidarios de continuar co paro.

Detalle da info
da axencia E.P., en Galicia Confidencial [1]

 "Os sindicatos CIG, CC.OO, M.A.S e UXT pactaron unha proposta "unitaria" que presentaron aos empresarios na xornada do martes para tentar chegar a un acordo que finalice o conflito laboral.

Tras dúas reunións, unha pola mañá e outra pola tarde, a parte empresarial "non respondeu" á iniciativa trasladada polos representantes dos traballadores e "levantouse da mesa".

A proposta sindical pedía que as empresas abonasen aos traballadores o 50 por cento dos días que estiveron en folga e o 50 por cento restante en concepto de vacacións.

Doutra banda, solicitaron que as empresas que incumpren os acordos de 2001 paguen o 50 por cento da diferenza do soldo de cada traballador con respecto ao que debería estar a cobrar segundo esas táboas salariais.

O paro convocouse, precisamente, co obxectivo de que todas as compañías comprométense a abonar as táboas salariais pactadas no ano 2001 entre Navantia, patronal de auxiliares e representantes sindicais.

Na asemblea, na que interveu a CIG, tamén se produciron algúns enfrontamentos verbais entre partidarios de manter a folga e outros traballadores que pedían votar o fin do paro, proposta que o sindicato nacionalista rexeitou porque non hai proposta nin resposta da parte empresarial
".

Presións contra a Folga

Mentres os medios seguen a resaltar a perda de traballo xa contratado, falaban en concreto do buque gaseiro "LNG Excalibur" que segundo informan fontes de Navantia, vai camiño de reparar en Brest. A folga está facendo dano, mais diso é do que se trata, esta esta-lle impedindo á dirección de Navantia cumprir cos contratos e prazos, mais esta intenta trasladarlle a responsabilidade aos compañeir@s que están en folga, cando a responsabilidade é desa dirección por permitir licitacións das obras e servizos á baixa, sabendo que ía repercutir nos salarios e nas condicións laborais das traballadoras e traballadores, precarizando aínda máis esas condicións.

Unha folga acosada

A folga das compañias auxiliares de Navantia acosada polos Medios, a Patronal, Navantia e o tándem sindical  CCOO-UGT, entra nunha nova etapa nun intento de consensuar a nivel sindical unha saída digna a quen demostrou a razón e a coraxe para loitar contra a inxustiza da súa situación.

Modelo laboral imposto

Non fai falta profundar moito no proceso do conflito laboral das empresas auxiliares de Navantia, para dar-se conta que se está loitando contra un modelo laboral imposto pola vía do sufrimento a centos de traballadoras e traballadores que realizan a maioría do traballo produtivo directo nos estaleiros da Ría.

Desde a última crise de carga de traballo e emprego, no outono de 2013, o persoal da industria auxiliar sufriu as consecuencias: masivo desemprego e unha importante mingua no seu salario e nas condicións de traballo, na volta aos estaleiros pasados uns anos.

Convenio frustrante e folga

Despois de 25 anos, este mes de setembro tivo lugar a mobilización do metal provincial polo seu convenio colectivo. Dez días de folga e numerosas manifestación, rematou nun convenio que a CIG non asinou, non satisfactorio, sobre todo para as traballadoras e traballadores das compañías auxiliares dos estaleiros da Ría que viron frustradas as súas aspiracións de que o convenio colectivo provincial, fose o marco legal que acollera as súas reivindicacións. Logo dun proceso asembleario a CIG co apoio da maioría do persoal que participaba, acordou a convocatoria dunha folga indefinida na industria auxiliar dos estaleiros, para conseguir o que se lles negou na negociación do Convenio Colectivo. E é así como chegamos a esta 21 xornada de Folga.

[1] Galicia Confidencial. | Ir á Web.

Mais info en:

Avantar+Navantia

Avantar+IndustriaAuxiliar

No buscador libre DuckDuckGo. | Auxiliares+Navanti+Ferrol.
___________



1 comentarios so far

Din que: Apreceu cc oo.As 5 da maña o presidente do comite de Navantia con unha proposta, separatita as compañias que cumplen que se puxesen on lado para entrar a traballar e as qu non cumplen autro lado ,os traballd@res non se separaron,se quedou solo con asua cara.


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon