Navantia leva a xuízo a CIG nun intento de criminalizar a folga do persoal da industria auxiliar. | A central chama a defender o dereito á folga como ferramenta fundamental da clase obreira. | Concentración no xulgado: o mércores 4 de abril, coincidindo coa celebración do xuízo, a CIG ten convocada concentración, ás 11:15 horas, nas portas do xulgado de Ferrol.
O vindeiro mércores 4 de abril vai ter lugar en Ferrol o xuízo contra a CIG e o comité de folga polo conflito que a industria auxiliar de Navantia desenvolveu o pasado ano en defensa dos seus dereitos salariais e sociais. A CIG entende que estamos diante dun intento de criminalizar a loita obreira deste persoal e chama a participar na concentración convocada para ese día, ás 11:15 horas, en defensa do dereito á folga como ferramenta fundamental e imprescindíbel da clase traballadora na defensa dos seus intereses.
Cómpre lembrar que durante 22 días o persoal da industria auxiliar estivo secundando masivamente unha folga para reivindicar a recuperación do nivel retributivo do ano 2001, que se concreta nunhas táboas salariais pactadas precisamente despois doutro conflito, e "que tiveron vixencia durante moitos anos de xeito pacífico". Porén, as empresas deixaron de aplicar unilateralmente e sen negociación esas táboas, despois da entrega dos últimos barcos para a armada australiana, e coa complicidade dos sindicatos españois e dos comités de empresa de Navantia.
Agora Navantia esixe indemnizacións millonarias á CIG e ao comité de folga nun intento de criminalizar a folga do persoal da súa industria auxiliar. A este respecto, a CIG subliña a importancia de defender, non xa os salarios, senón o propio dereito á folga como ferramenta fundamental e imprescindíbel da clase traballadora na defensa dos seus intereses.
Unha empresa "moi activa na precarización laboral"
De igual xeito, a CIG de Ferrol quere denunciar a postura de Navantia "moi activa na precarización das condicións de traballo do persoal da súa industria auxiliar", malia ser unha empresa pública "que debera exercer un papel radicalmente diferente, para ben dos traballadores e traballadoras directamente afectadas máis tamén de toda a economía comarcal".
Como tal, a central sindical reclama que o anunciado plan industrial que se vai negociar en Madrid se concrete nun outro modelo de empresa tanto no industrial como no laboral.
A CIG chama a acudir á concentración convocada para o mércores 4 de abril, ás 11:15 horas, nas portas do xulgado, para reivindicar a retirada das accións xudiciais, en defensa do dereito de folga, e dunhas condicións de traballo dignas para todo o persoal do sector naval da Ría de Ferrol.
Fonte: Avantar.
En Ártabra 21: Auxiliares Navantia.
______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon