Os acordos entre os grupos municipais da bancada da esquerda, sobre os investimentos demandados pola veciñanza, sobre Emafesa e a taxa, facilitaron que Ferrol tivera os seus orzamentos, para posibilitar o funcionamento regular do Concello, os investimentos pendentes e consolidar un cadro de persoal que aínda que quedou escaso había que amarrar.
Agora queda un período de exposición pública e alegacións, onde aínda pode haber sorpresas, pois o goberno de Jorge Suárez é cativo e ten por costume non atar todos os cabos e o tempo é de tempestade.
Por outra banda as incorporacións, con tan pouco tempo, das contribucións dos grupos do BNG e do PSOE que implicou un endebedamento a maiores de case 2 millóns de euros máis, poden traer-lle complicacións ao grupo de goberno. E xa non digamos o de retirar a capacidade de aprobar subvencións directas para Emafesa, sen pasar polo Pleno, para equilibra contas.
Logo está o de pactar unha taxa "xusta", cando estamos tan só a uns días da celebración do último Consello de Administración da empresa mixta de augas, cuxo contido do tratado e aprobado, está oculto. Unha empresa mixta que ten sen aprobar as súas contas desde 2014. Unha empresa mixta que nos enganou por varias veces (Trialometanos, depuración,...), que emite miles de facturas estimativas avultadas todos os meses, vixiada de perto pola Plataforma na Defensa dos Servizos Públicos, pola Remunicipalización que reclama a saída da parte privada Socamex, para facer de Emafesa unha empresa 100% pública.
Moito nos tememos que a Socamex que lle trae sen coidado ou crecente endebedamento de Emafesa e o seu millonario pasivo acumulado de máis de 8 millóns de euros, non se vai quedar de brazos cruzados e presentará alegacións a estes orzamentos, para aumentar no seu haber nunha suposta demanda que ao mellor está preparando contra os membros do Consello de Administración (anteriores e os de agora) que o son en representación da parte pública e subsidiariamente ao Concello de Ferrol. Socamex que é do mesmo grupo que a empresa de recollida de lixo e limpeza viaria (Urbaser - Firion Investments SL -
Ying Zhan Investment Hk Limited) que leva desde finais de 2014, "facendo o servizo" sen contrato, o que ven a indicar que o futuro das dúas está moi ligado. Unha grande transnacional que só lle importa a conta de resultados e a súa marca e que para eles Ferrol só é un punto nun mapa, un punto a eliminar.
Os pasos despois desta aprobación inicial son os que dispón o Artigo 169. "Publicidade, aprobación definitiva e entrada en vigor", da Lei Reguladora das Facendas Locais (Real Decreto Legislativo 2/2004, de 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da mesma) que di "Aprobado inicialmente o orzamento xeral, expoñerase ao público, previo anuncio no boletín oficial da provincia ..., por 15 días, durante os cales os interesados poderán examinalos e presentar reclamacións ante o Pleno. O orzamento considerarase definitivamente aprobado si durante o citado prazo non se presentaron reclamacións; en caso contrario, o Pleno dispoñerá dun prazo dun mes para resolvelas". Logo publicara-se o orzamento xeral, definitivamente aprobado, que será inserido no boletín oficial da provincia, resumido por capítulos de cada un dos orzamentos que o integran e entrará en vigor. Os orzamentos terán que ser de acceso público, polo que terán que estar a disposición de quen quixer na web do Concello.
_____________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon