Por Celso Posada Fernández e Anxo Fernández-Armesto Sánchez [*]
15.09.2018
A independencia dos medios e as radios libres
Hoxe en día, con tatas canles de televisión que existen e o acceso á informazón a través da rede, fálase moito de se esta ou aquela tele é máis independente ou máis progresista, máis conservadora, máis liberal, alternativa, moderna...que as outras. Realmente todos os grandes medios mandan unha mensaxe similar, a do sistema socioeconómico e político vixente. E dentro diso, a que os seus respectivos donos queren que manden, porque teñen donos; os grandes medios son todos propiedade de grandes conglomerados empresariais con intereses diversos.
Iso non implica que non existan en absoluto medios independentes, un exemplo son as radios libres e comunitarias como Cuac FM, Radio Calimera ou en Ferrol a Radio Filispim (a radio libre e comunitaria da Terra de Trasancos, 93.9 FM). Estas radios libres, ao non teren donos, son unha garantía de independencia e de liberdade, pode dicerse que son unha alternativa da xente para a xente que dan cobertura a causas e a temas dos que nos grandes medios non se preocupan moito ou que directamente omiten. Estas radios, con toda a súa modestia, tentan dar unha voz a que non a ten. Entre as súas características a priori máis salientábeis están o compromiso e a utilidade social. Moita da xente que participa nelas ten un nivel de conciencia social alto e algúns destes teñen ademais vontade de axudar a crear esa conciencia noutros. Estes medios ofrecen unhas opcións de ocio e entretemento diferentes e unha informazón non suxeita aos dictados de ningún grupo empresarial e por tanto realmente independente. En suma, pode dicerse que apostan por un modelo social diferente, máis libre e máis baseado na comunidade. Por exemplo na Radio Filispim, nacida en 2005, existen e existiron historicamente programas con temas como feminismo, migrazóns, ecoloxía e moitos outros, alén de ofrecer unha alternativa cultural. A xente que participa son polo xeral persoas implicadas socialmente. Dase unha mensaxe de que a xente humilde tamén quere que a escoiten.
Esta implicación é hoxe máis necesaria que nunca. Moita xente está indignada con moitas cousas, proba son as mobilizazóns que se van dando periodicamente nos últimos tempos (Prestige, Guerra do Irak, Reformas educativas, incendios, 15M, Marchas da Dignidade...). A participazón das persoas é o factor que pode marcar a diferenza. Non vai vir ningún salvador a rescatarnos, temos que salvarnos nós mesmos. Os autores deste artigo consideramos que a radio debe dar voz aos colectivos sociais e que estes deben ser conscientes de que nela teñen unha plataforma excelente para dar a coñecer as súas reivindicazóns e un pequeno altofalante para a súa mensaxe. Modestamente convidamos a que se impliquen e polo menos no noso programa “Directo de Esquerdas” sempre estamos abertos a darlle un micro a quen o precise.
Temos que ser conscientes de que os grandes medios non serven á xente senón aos seus donos. Dicía Simone de Beaovoir que o opresor non sería tan forte sen cómplices entre os oprimidos. Eses cómplices son moitas veces involuntarios, xente que cre a mensaxe que lles mandan eses grandes conglomerados empresarias e que, nas palabras de Malcolm X, lles fan amar ao opresor e odiar ao oprimido. Non debemos permitir que a apatía ou o medo nos dominen, é importante implicarse socialmente e non abonda con criticar desde as redes sociais. Animamos a todos os colectivos sociais que queiran darse a coñecer a achegarse á radio e buscar un oco para darlle máis vida e darlle megafonía á súa mensaxe.
Ferrol, 12 de setembro de 2018
@directodeesquerdas
Toda a info en Rádio Filismim que emite en Internet e no 93.9 da FM
https://opaii.blogspot.com/
[*] Celso Posada Fernández e Anxo Fernández-Armesto Sánchez, son o condutor e colaborador do programa "Directo de Esquerdas" de Radio Filispim.
Enviado por:
Anxo Fernández-Armesto Sánchez
-anxofarmesto@hotmail.com-
13 de setembro de 2018 15:17
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon