Por Amadeo Varela Rodríguez [*]
15.10.2018
O pasado xoves día 11 celebrouse en Recimil unha interesante asemblea, como iniciativa para a constitución dunha nova asociación veciñal, para substituír a anterior Asociación “El Pilar”, desaparecida en circunstancias lamentables. Foi aquela unha asociación case modélica, que chegou a ter máis de 800 socios e que desenrolaba unha importante actividade dirixida especialmente a fomentar o espírito de barrio e favorecer a cultura e o deporte dos máis pequenos. Pero a algúns partidos políticos estorbáballes e non pararon ata desfacela.
Desexo que a nova Xunta Directiva, composta na súa maioría por mulleres, saiba coidarse das trampas e falsas promesas dos inimigos do barrio e que non confíen nos que se din amigos, pois despois veñen os desenganos. Esas solidarias persoas, teñen por diante un difícil traballo, tratando de convencer a todos os veciños, de que existe para Recimil, algo mellor que o derribo. Ánimo, porque estando xuntos hai futuro! Seguro que si!
Entre os moitos e importantes problemas que terá que enfrontar a nacente asociación do barrio de Recimil, está o do recibo da auga, cuxo importe é dobremente inxusto, por ser arbitrariamente imposto o volume do consumo e pola falta de contadores, que fai imposible o control dese consumo.
E velaí que, a nova directiva ten unha boa posibilidade de comezar con bo pé as súas xestións, participando o próximo xoves día 18, no acto convocado pola Plataforma dos Servizos Públicos ás sete da tarde, en protesta polos temas da auga e do saneamento, que aumentan de xeito esaxerado as facturas dos veciños, a maioría con pensións escasas e sen ter en conta o número de persoas de cada unidade familiar.
Sería un bo adestramento para ir concienciando aos futuros socios no sentido de que, sen loita nada se consigue. E o barrio de Recimil ten unha longa historia de loita contra a estafa, a marxinación, as ameazas de derribo e os abusos de todo tipo. Abofé que si.
---
[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
Artigos de Amadeo Varela no xornal comarcal Diario de Ferrol. | Ir á Web.
Foto de Jorge Meis. | Asemblea Constituinte da Asociación Veciñal de Recimil.
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon