luns, outubro 08, 2018

Trama en Precimil, ... Por Amadeo Varela - Historia dun acoso - Conto por entregas: 6, 7 e 8 de 10 e un máis - Na propaganda sobre o derribo de Precimil, destacaba o apoio dun xornal de fora da cidade, informando do tema case a cotío... Parecía como se tivera algún interese especial na desaparición dese barrio


Por Amadeo Varela [*]
08.10.2018


TRAMA EN PRECIMIL

Historia dun acoso


VI

Na propaganda sobre o derribo de Precimil, destacaba o apoio dun xornal de fora da cidade, informando do tema case a cotío. Parecía como se tivera algún interese especial na desaparición dese barrio. En diferentes datas publicaba extensas reportaxes cos metros cadrados do barrio, número de vivendas, locais comerciais e habitantes e incluía a foto do edificio máis deteriorado, como exemplo do estado xeral das casas. O interese deste xornal era tan grande que, segundo a súa propia información, decidiu facer unha enquisa sobre a demolición total dos edificios e afirmaba que o 70 % dos consultados apoiaba o derribo, sen que nunca se soubera se tales afirmacións eran verdade. Certas novas repetíronse ata cinco veces ao longo de catro anos, copiando datos e frases enteiras, sempre coa foto desde distintos ángulos do mesmo edificio deteriorado e, por suposto, sen descoidar entrevistas ou declaracións favorables á demolición do malfadado barrio, louvando aos detractores e ignorando aos defensores dos valores urbanísticos, históricos e sociais do conxunto, que “eles” consideraban como “zona en franco deterioro”, ou “entorno en decadencia” e outras lindezas.

VII

A insistencia dos medios de comunicación, con continuas denuncias sobre o mal estado dos edificios do barrio de Precimil, fixo espertar a aqueles incrédulos, que non consideraban posible semellante disparate. Nunha conversa cun dos máis furibundos “demoledores”, comentáronlle que a lei non permitía edificar as 2.300 vivendas que se pretendía construír. A resposta foi contundente: ”As leis cámbianse”, dixeron. Entón, os veciños comezaron a ver o derribo como unha ameaza real e, xa que logo, decidiron denunciar unha serie de feitos e circunstancias estrañas relacionadas coas súas vivendas, que parecían indicar a posibilidade da existencia dunha TRAMA contra os seus fogares. Como primeiro paso, consultaron cuns avogados que lles informaron que o derribo non podía facerse, por estar o barrio incluído no Patrimonio Histórico. Isto tranquilizou a algúns, pero outros pensaron que ese podía ser o primeiro paso dos “depredadores urbanísticos” e propuxeron manterse alerta e presentar unha petición ao Concello, para que lles entregase en propiedade as vivendas, co fin de comezar unha demanda xudicial se, como se esperaba, o concello se negaba á súa petición.

VIII

Como o asunto se poñía moi feo, os veciños da asociación opositora, ademais de insistir na súa protesta polo abandono do barrio e polos problemas que estaban a sufrir todos, redactaron unha memoria, recollendo abundantes datos e documentación, que podería aclarar o por que, da constante ameaza de derribo das casas, por parte de certos partidos políticos, algúns medios de comunicación e unha empresa de promocións inmobiliarias. E resolveron pedir axuda ao Valedor do Pobo e tamén enviaron un informe ao Fiscal Xeral poñendo no seu coñecemento todos aqueles datos que consideraban moi significativos e que poderían indicar a posibilidade da existencia dunha “trama”. Mais todo foi en vano. Ademais, aquel xornal, non só seguía apoiando aos demoledores, senón que ata parecía marcarlles o rumbo a seguir. Así, nunha das súas “ofensivas”, anunciaba tamén a preparación dun expediente ou memoria, como un primeiro paso para argumentar ante Patrimonio, a necesidade do derribo. Enseguida, o grupo de goberno formado polos dous partidos “demoledores”, encargou un expediente destinado a solicitar de Patrimonio a desclasificación do barrio, para iniciar a demolición.

Enlaces ás entregas:

Conto 1.

Conto 2 e 3.

Conto 4 e 5.

---
[*] Amadeo Varela Rodríguez -Ferrol 1936, foi traballador de BAZAN, é o autor de "Recordos do vello Racing" publicado no 2000, "Bazan e Ferrol - Unha simbioses perfecta?" (a historia dunha época, "... detrás de cada barco que nace, hai moitas horas de esforzo. Nesa tarefa, miles de traballadores foron gastando a súa saúde e a súa vida") publicado no 2003 e coautor de "Retallos da Memoria II" ("Memorias de neno" sobre a súa vida de pequeno nunha familia republicana perseguida), publicado no 2009. Autor de numerosas cartas e artigos na prensa local. Autor de sitios na rede sobre Ferrol. Cofundador da Asociación San Fernando para defender o Patrimonio Histórico do barrio ferrolán de Recimil contra a súa pretendida demolición, membro do Colectivo Recimil co que promoveu a Plataforma Ártabra 21 e a Plataforma en Defensa dos Espazos Públicos. Na actualidade forma parte do Colectivo Ártabra 21.
_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon