martes, decembro 11, 2018

CIG-Navantia advirte que nin o convenio nin o Plan Estratéxico cumpren as decisións da asemblea xeral - Demandan a votación por separado de ambos textos - Non existe unha aposta clara pola construción naval civil na Ría de Ferrol


CIG-Navantia advirte que nin o convenio nin o Plan Estratéxico cumpren as decisións da asemblea xeral. | Demandan a votación por separado de ambos textos.

A sección sindical da CIG en Navantia Ferrol advirte que tanto o convenio colectivo que vén de ser acordado como o Plan Estratéxico da empresa incumpren as decisións adoptadas pola asemblea xeral da traballadores/as. A representación da CIG demanda que a votación de ambos textos se realice por separado e non en conxunto, como pretende a empresa e están a promover CCOO e UGT.

Dende a sección sindical explican que pasado 4 de decembro déronse por rematadas as negociacións do I Convenio Colectivo Intercentros e do Plan Estratéxico de Navantia. A mesa do convenio pechouse tras 17 "maratonianas xornadas e tras un inesperado cambio de rumbo de CCOO, UGT e CSIF, que decidiron abrazar os parámetros iniciais da empresa para derrogar partes importantes do actual convenio colectivo".

Entre os dereitos en perigo co novo convenio, destacan o das asimilacións (concepto que garantía que ningún traballador/a permanecera máis de 8 anos no mesmo nivel salarial); o complemento vitalicio, que desaparece para as novas incorporacións; ou a definición dunha nova clasificación profesional que deixa no limbo a unha parte das compañeiras/os tituladas/os que poderían, na práctica, saír do convenio.

No texto tampouco se recollen os anexos das táboas salariais, que se acordarán unha vez estea asinado o convenio; e instálase unha dobre escala salarial, xa que, entre outros, elimínanse conceptos salariais para as novas incorporacións, como o de Polivalencia Básica e Dispoñibilidade Especial (que poden supor uns 2.400€ menos).

O Plan Estratéxico non recolle a taxa de reposición do 100%

No relativo á negociación do Plan Estratéxico aseguran que "simplemente non existiu". A sección sindical indica que se produciron cinco reunións, das cales, tres serviron para a exposición por parte da SEPI dos seus eixos básicos, unha cuarta para presentar as novas persoas responsábeis da SEPI e Navantia e a derradeira, convocada como trámite, para asinar a acta de finalización das negociacións.

Para a representación da CIG en Navantia Ferrol esta precipitación levou por diante algunhas das liñas vermellas da plataforma de negociación, como o feito de que non se recolla a taxa de reposición do 100%, que é unha "cuestión central da plataforma sindical para o Plan Estratéxico". Ademais, os novos ingresos non están cuantificados por factorías e dentro do 75% ao que fai referencia a acta de acordo inclúese persoal fixo e eventual.

Limítase tamén o incremento salarial e outras cuestións do novo convenio ao tomarse como referencia o acordo de 22 de marzo de 2018 para a “mellora do emprego público e as condicións de traballo”. O documento deixa lagoas na redacción das condicións coas que os traballadores/as abandonarán a empresa, non contemplando, por exemplo, que pasará coas asimilacións correspondentes. Neste liña, denuncian que se marcan dous procesos diferenciados entre quen abandone a empresa nos anos 2019/2020 e quen o faga no 2021/2022.

As inversións que precisan os estaleiros da Ría, en cuestión


Outra das eivas a destacar é que o texto acordado deixa fóra a área de negocio de Turbinas, a modernización das instalacións de Reparacións e limita a presenza de Navantia no sector das Enerxías Renovábeis. Ao tempo, non existe unha aposta clara pola construción naval civil na Ría de Ferrol.

No tocante á inversión prevista para a modernización dos centros de traballo, non se recolle cal sería o montante económico para os centros da Ría de Ferrol, con especial atención ao orzamento destinado ao novo Estaleiro 4.0. Tampouco se define un plano de capitalización da empresa "polo tanto segue en quebra técnica", alertan dende a sección sindical.

Por todo isto reiteran que "tanto o convenio como o plan incumpren as decisións da asemblea xeral", e reclaman que se voten por separado ambos documentos. Nesta liña critican que "CCOO e UGT están situando ao conxunto dos traballadores e traballadoras a mercé da chantaxe da empresa, promovendo a votación conxunta dos dous textos".

Ferrol, 10 Decembro 2018

Fonte: Avantar.

Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
121de dezembro de 2018 21:57

_______________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon