martes, maio 28, 2019

LiGanDo e a valoración dos resultados electorais deste 26M


VALORACIÓN DOS RESULTADOS ELECTORAIS

LiGanDo - LGD fai unha valoración negativa dos resultados obtidos na cidade de Ferrol así como os da coalición electoral Xuntos por Miño. Entendemos que na cidade de Ferrol non fomos capaces de converter a simpatía pola nosa organización en votos e sendo certo que parte da prensa ocultou a nosa existencia, tamén o é que esa ocultación foi amplamente contrarrestada nos debates, charlas, mitins e no porta a porta. a pesar dos resultados non pensamos que a nosa participación teña sido un erro, mais ben todo o contrario xa que foron centos, cicais varios miles de persoas os que por primeira vez souberon da existencia da nosa organización así como dos principios ideolóxicos polos que nos movemos no nos traballo diario: Decrecemento e Arredismo.

En Miño pagamos con creces o desexo manifesto da maioría de electores de mandar á oposición ao PP. O acordo de goberno con este partido non foi entendido aínda que durante estes 4 anos se fixo unha moi boa xestión. Este desexo de mandar á oposición ao PP non é exclusivo de Miño senón que é un fenómeno de ámbito galego do que se está beneficiando de xeito moi importante o PSOE. A negativa do PSOE a falar de acordos en pé de igualdade con outras candidaturas deulle en Miño os seus mellores resultados da democracia. Este fenómeno que empezou nas últimas eleccións xerais indica un cambio de goberno na Xunta, mais non debemos esquecer os fortes cambios electorais que se producen en poucos meses.

Outro elemento que xogou a nosa contra en Ferrol foi basear a centralidade do noso discurso en aspectos (medio-ambiente -cambio climático e contaminación-, política dos coidados, crise enerxética mundial, feminismo, R do Decrecemento ...) que non forman parte do discurso dos grandes partidos porque as liñas do seu pensamento e discurso (o crecemento e a solución) seguen a ser as mesmas que as do século XX. Este feito de ter axendas de debate diferente as dos grandes partidos ocultou as nosas propostas nos debates que participamos e nas entrevistas que nos realizaron.

Estamos seguros que todas as persoas que repararon en nós e que non chegaron a comprender os fundamentos da nosa mensaxe se van atopar nos próximos meses, como moito anos cunha realidade climática (mudanza climática) e enerxética (prezo da electricidade e o petróleo) mundial que os vai facer despertar da falsa realidade na que vivimos que non é outra que a falacia do crecemento continuo nun planeta de recursos limitados como o xeito de solucionar os problemas.

Con respecto ao futuro dicir que a campaña nos permitiu fortalecer a nosa organización, o cal valoramos moi positivamente. Imos seguir traballando en Ferrolterra con mais forza que o viñemos facendo ate o de agora con propostas, comunicados, conferencias, ... O noso obxectivo non son, estritamente as eleccións, mais entendemos que son un bon campo de xogo para facer chegar a nosa mensaxe a un número moi importante de persoas. É por isto que para dentro de catro anos a nosa pretensión, actual, non é só repetir nos concellos que participamos neste proceso electorais, senón incrementar o número de candidaturas xa que entendemos que a situación política, enerxética e medio ambiental global que se vai producir durante os 4 anos desta lexislatura vai facilitar a comprensión do noso discurso.

Miguel Anxo Abraira

Voceiro Nacional de LiGanDo.

Enviado por:
LiGanDo Lgd
-ligando.lgd@gmail.com-
27 de maio de 2019 19:15

____________


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon