O BNG PROPÓN 10 PEQUENAS IDEAS PARA 10 GRANDES CAMBIOS co obxectivo de CONVERTER FERROL NUNHA ECOCIDADE
O BNG de Ferrol compareceu en rolda de prensa para presentar dez pequenas ideas que suporán dez grandes cambios co obxectivo de converter Ferrol nunha ecocidade. “Deberiamos ter en conta que Ferrol é unha cidade que polo seu tamaño ten unha relación idónea entre compacidade e densidade, que fundamentalmente son as dúas variables prioritarias para acadar un desenvolvemento sustentable”, apuntou o voceiro, Iván Rivas.
A primeira idea é a xestión integral do ciclo da auga. É fundamental a separación das fecais e pluviais, ademais da reutilización e aproveitamento das augas de chuvia para un uso por parte da administración local.
A segunda propsta pasa asumir un crecemento urbanístico cero nos próximos anos, priorizando a recuperación do parque de vivendas que existe no momento actual. “Cómpre asumir as necesidades de mellora do aillamento e da habitabilidade das vivendas actuais, que ademais teñen unha calidade urbana e arquitectónica salientable- É absurdo que nunha cidade que perde 1000 habitantes ao ano e na que o 20% das vivendas están valeiras, se propoñan novas urbanizacións como a do Sánchez Aguilera ou as que se están desenvolvendo no barrio de Canido. O resto de organizacións políticas asumen isto como normal e unicamente nos levará a cometer de novo os erros da burbulla inmobiliaria”, apuntou Rivas.
A terceira das ideas ten que ver coa recuperación da concesión do transporte público. Trátase dunha necesidade para poder desenvolver un servizo público que non só mellore as conexións no conxunto da cidade de Ferrol, senón que colabore na redución da contaminación ante o cal tamén deberiamos asumir a necesidade de desenvolver unha ordenanza municipal de vehículos enerxicamente eficiente. “Faremos todo o posible para que a connivencia que hay entre o PP da Xunta de Galicia e o goberno de Ferrol en Común (que lle volven a entregar a unha empresa privada a xestión deste servizo) se poida reverter despois das próximas eleccións municipais”, apuntou o candidato á alcaldía.
En cuarto lugar, o subministro eléctrico debe xestionarse de maneira directa, eliminando intermediarios, xa que a calidade da enerxía non depende de quen a subministre. “Escoller a un ou outro comercializador é unha cuestión económica. O lóxico, básico e razoable é que nós compremos directamente esa enerxía, xa que o 70% do consumo eléctrico dos concellos corresponde co alumeado urbano”, explicou Iván Rivas.
A quinta idea está relacionada co servizo máis caro ten actualmente o Concello de Ferrol. A xestión do lixo debe basearse en criterios de compostaxe e reciclaxe, o que permitirá aforrar custes ao reducírense os residuos e ademais xerará emprego.
Doutra banda, a sexta proposta pasa pola peonalización integral e inmediata do barrio da Magdalena. “As peonalizacións progresivas son absurdas e unicamente provocan unha maior conxestión do tráfico. Insistir ademais en desenvolver un aparcadoiro no corazón do ámbito a peonalizar, unicamente se xustifica pola deriva permanente e constante de querer entregarlle os servizos e os espazos públicos a empresas e concesionarias privadas”, apuntou o nacionalista.
En sétimo lugar, para o BNG é fundamental recuperar o acceso a produtos alimentarios de calidade. Nesta cidade temos espazos abandonados, coma o Val de Esmelle, que poderían servir de base para desenvolver unha agricultura que fornecese aos veciños e veciñas de produtos alimentarios de calidade, así como as hortas urbanas, que xa agora mesmo se están a desenvolver pero con ningún apoio público.
Que a denominación de Ferrol Concello libre de eucaliptos sexa algo máis que un simple nome é a oitava das propostas. Cómpre asumir como necesidade e como prioridade básica desenvolvemento dun plan forestal que teña como obxectivo a recuperación dos montes de carácter municipal con especies autóctonas e axudas a particulares para a substitución do eucalipto. “Todo isto ten que ir acompañado dunha fiscalidade ambiental, na que se impoñan taxas as distribuidoras de electricidade e gas, e que iso poda repercutir nas axudas aos veciños e veciñas desta cidade para ter acceso a bonos de consumo enerxético, bonificando ademais o imposto de construcións para as obras de rehabilitación ou cobrando un imposto de vehículos de tracción mecánica en función das emisións”, sinalou Rivas en referencia á novena das ideas.
Por último, O BNG propón reutilización do solares baldeiros con pequenas intervencións urbanas que permitan recuperar o espazo público, reconvertendo eses espazos abandonados en epicentros culturais e lugares de encontro. “Creo que a alternativa aos eucaliptos non son os cocos nin as palmeiras. Os carballos e castiñeiros son especies que seguramente responden máis as necesidades que esta cidade ten para acadar un futuro sustentable, non só económico, senón medioambiental. Por iso, este domingo agasallaremos aos veciños e veciñas na festa dos maios de Canido con castiñeiros, un acto que pretende simbolizar o compromiso inescusable do BNG cun desenvolvemento sustentable da cidade de Ferrol”, sentenciou Rivas.
Ferrol, 3 de maio, 2019.
Coas Ideas Claras
http://ideasclaras.bng.gal/
Ferrol | Web | Facebook | Twitter.
#AgoraGaliza
#AgoraBNG
#Ferrol
Enviado por:
BNG Ferrol
-bngferrol@gmail.com-
3 de maio de 2019 16:42
_______________
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon