sábado, marzo 28, 2020

Comunicado da Sección Sindical Intercentros de CCOO en Navantia sobre a proposta da empresa en canto as medidas para paliar esta situación derivada do COVID-19


COMUNICADO SECCIÓN SINDICAL INTERCENTROS CCOO EN NAVANTIA


O pasado mércores 25 de marzo tivo lugar unha reunión do Comité Intercentros onde a Dirección da nosa empresa e o representante máximo do accionista, presidente de SEPI, non foron capaces de transmitir ningún plan para que, na medida que a situación o permita, ir recuperando a actividade industrial e, xa que logo, actuar como motor de recuperación da economía como desexa toda a nación.

As medidas presentadas non son o que se espera dos profesionais que nos dirixen nin do representante máximo do accionista, os cales deberían defender os intereses xerais máis aló dunha conta de resultado referida a unha única compañía estatal, neste caso Navantia.

A proposta que suscitou a dirección estaba baseada en recortes aos traballadores sen ningunha medida de xestión que a acompañase. O recorte baseado exclusivamente na anulación de días de vacacións, na distribución irregular da xornada e de axuste de calendario carece de calquera tipo de empatía cara aos traballadores e traballadoras, mostrando que non se ten capacidade para xerar alternativa algunha para que o peso desta crise non sexa soportado exclusivamente polo persoal de Navantia e a súa Industria Auxiliar, e o que é máis duro, reflicte a súa clara intención de que a saída desta situación non sexa outra que por medio dos recortes laborais.

O rexeitamento ás medidas propostas pola empresa foi unánime por parte de todas as forzas sindicais presentes no Comité Intercentros. Para CCOO é momento de unidade, momento de buscar consensos e momento de resaltar o que nos une, porque pola contra, afondando nas diferenzas, tardaremos máis en superar esta crise e sairemos dunha forma máis inxusta. Estamos dispostos a buscar solucións que reduzan o impacto negativo deste parón industrial, os traballadores e traballadoras somos os máis interesados en que esta situación termine canto antes e da forma menos dramática para Navantia e, pola súa influencia, para as nosas comarcas, pero o que non imos asumir é que sexa a costa dos dereitos laborais.

Por todo o anterior, esperamos que a dirección reconduza a súa proposta cara a outra ben distinta, que presente alternativa onde protexa á nosa empresa desta crise respectando os dereitos dos traballadores e traballadoras, confeccione un plan detallado para retomar a actividade, garanta indubidabelmente a seguridade e saúde dos persoais e consiga recuperar o tempo perdido así como cumprir cos nosos clientes en todos os seus compromisos.

Estamos convencidos de que si todas as partes temos este fin, partindo do respecto mutuo, atoparemos o Norte pronto e sen necesidade de recortes laborais. Este é o exemplo que debemos dar como empresa pública, e estamos convencidos que é o que a sociedade espera de nós. Considerando á IIAA nas medidas que se adopten para paliar a crise, contribuiremos todos a un tempo mellor recuperación da nosa capacidade industrial naquelas comarcas onde Navantia está establecida de xeito particular e á capacidade industrial nacional de xeito xeral.

27 de Marzo, de 2020

Comunicado da Sección Sindical Intercentros de CCOO en Navantia


Foto da constitución da Sección Sindical Intercentros en decembro de 2019.

Enviado por:
CCOO (FE)
-ccoo.fe@navantia.es-
28 de março de 2020 13:07
_______


Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.

Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.

Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon