A Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (Agamme), diante da situación que se está vivindo en Ucraína en referencia ao cumprimento dos dereitos humanos e da infancia, elaborou unha "Declaración sobre o cumprimento de Dereitos de Infancia no conflito de Ucraína" que fixo chegar a diferentes organismos entre os que están a Comisión Europea, Comisión de Peticións do Parlamento Europeo, Presidente do Goberno, Ministerio de Asuntos Exteriores, Ministerio de Defensa, Ministerio de Dereitos sociais e Axenda 2030, Ministerio de Igualdade e Ministerio de Cultura e Deportes.
DECLARACIÓN SOBRE O ESTADO DE CUMPRIMENTO DE DDHH NO CONFLITO ARMADO EN UCRAÍNA
Dende AGAMME, Asociación Galega contra o Maltrato a Menores, queremos amosar a nosa preocupación polo estado de cumprimento de Dereitos Humanos por mor do conflito bélico que se está a producir en territorio ucraíno, moi especialmente en todo o que atangue a nenos, nenas e adolescentes. Ao respecto, consideramos que algunhas das decisións que se están tomando por parte dos Estados membro e das institucións da propia UE non só non están a contribuír a resolver o conflito senón que poderían conducir á súa prolongación, aumentando o sufrimento do pobo ucraíno e a destrución do territorio así como o risco dun ascenso na escalada bélica, co perigo subxacente da súa ampliación a outros estados. Algunhas destas actuacións dos organismos estatais e/ou europeos coliden frontalmente cos estándares internacionais de dereitos humanos e de infancia, dando lugar a situacións de discriminación e dunha enorme vulnerabilidade.
Para a elaboración desta declaración baseámonos nos seguintes fundamentos:
✔ Rexeitamos a guerra, calquera guerra, estamos en contra de dirimir os conflitos por medio das armas, que causan mortes, sufrimento, destrución, pobreza, …
✔ Rexeitamos a militarización e a política de bloques. Apostamos pola Paz e pola resolución dos conflitos por vías pacíficas no seo das Nacións Unidas.
✔ A necesidade urxente dunha resolución do conflito por medios pacíficos de negociación.
✔ O perigo que representa para a humanidade a escalada bélica.
✔ A atención a preservar os parámetros de benestar da poboación –especialmente a infancia e a adolescencia, en base á CDN- incompatible coa situación de guerra.
✔ A necesidade de primar este interese sobre outros de tipo estratéxicos e xeopolíticos.
✔ Promover a concordia entre os pobos evitando a herdanza de conflitos de odio para xeracións futuras.
✔ A toma en consideración da vontade popular de evitar un conflito bélico, tanto entre a poboación de Rusia e Ucraína como no resto de Europa.
En base a estes principios de carácter xeral, denunciamos unha serie de actuacións que están a levar a cabo por acción ou omisión os organismos públicos estatais e europeos, afectando de maneira global á poboación e en particular á infancia e á adolescencia, vulnerándose normativas europeas e internacionais:
1º A actitude das institucións comunitarias e dos países membros, caracterizada pola pusilanimidade na busca da restitución da paz. Moi pola contra, o envío de armamento a Ucraína podería alimentar o conflito, prolongándoo e provocando consecuencias indesexables.
2º A vulnerabilidade que se está xerando a nenos, nenas e adolescentes, así como a mulleres desprazadas ao non regularse o mecanismo de acollida de persoas refuxiadas e ao permitirse que este labor sexa levado a cabo por parte de iniciativas particulares. Deste xeito, como xa se comeza a ver en prensa, menores de idade e mulleres convértense en branco fácil para as redes de trata.
3º A discriminación por motivo de orixe como principio de regulación dos procedementos de entrada na EU de persoas refuxiadas, colidindo coa normativa de DDHH e específica relativa ás persoas refuxiadas. Denunciamos que esta discriminación se produce, tal e como se informa a través dos medios de comunicación, entre persoas residentes en Ucraína, en función da súa nacionalidade ou orixe. Denunciamos tamén a discriminación que están a sufrir as persoas solicitantes de asilo na UE que foxen de conflitos armados noutros puntos do planeta.
4º A utilización mediática da infancia coa fin de provocar reaccións emotivas no público, afastando ao xornalismo do seu deber de información obxectiva e incumprindo a necesaria protección da imaxe e a intimidade dos nenos, nenas e adolescentes.
5º A falta de información veraz e suficiente para que a poboación poida formarse unha opinión propia sobre os distintos aspectos do conflito. O acceso a información é imprescindible para asegurar o correcto funcionamento das estruturas democráticas.
6º O emprego do boicot contra Rusia como arma de guerra, incluídas as actividades artísticas e deportivas. Como dixemos máis arriba, o pobo ruso non desexa a guerra e, non obstante, podería verse empobrecido de forma dramática en caso de prolongarse o boicot, co cal estariamos a provocar un escenario de emerxencia humanitaria na que de novo a infancia e a adolescencia se verían gravemente prexudicadas.
Por outra banda, o boicot a artistas e producións artísticas rusas, a deportistas e ao mundo da cultura en xeral debe ser desbotada como estratexia. As artes e a cultura deben ser entendidas como un valor humanístico que transcende fronteiras e deben ser preservadas. Foron historicamente oportunidades para restablecer o entendemento e a concordia e como tales deben ser protexidas pola comunidade internacional. Debemos evitar, por outra banda, para garantir ás xeracións vindeiras un futuro de convivencia positiva entre os pobos, que se caia no odio ao ruso que marcou o período da guerra fría no século pasado.
Por todo isto, solicitamos:
✔ Que a UE e os estados membros se senten a deseñar unha estratexia para a recondución do conflito cara á negociación e urxente detención da acción bélica.
✔ O estrito cumprimento do dereito internacional no tocante ás persoas refuxiadas, con especial atención ás persoas máis vulnerables nestes contextos.
✔ Que se estableza un mecanismo oficial, non discriminatorio e seguro de acollida das persoas refuxiadas, poñendo especial cautela na protección de menores de idade e mulleres como potenciais vítimas das redes de trata.
✔ Que se establezan pautas de conduta e compromisos por parte dos medios de comunicación que garantan unha información suficiente e veraz, con datos obxectivables e evitando a confusión e o falseamento de imaxes e informacións.
✔ Que se cumpran as obrigas establecidas normativamente para protexer a imaxe e a intimidade dos nenos e nenas no eido dos medios de comunicación.
✔ Que se deteña a campaña de boicot en todos aqueles aspectos que poidan afectar directamente á poboación civil rusa. Que se abandone a persecución das artes, a cultura e o deporte rusos.
✔ Que se promova por parte das institucións comunitarias e os estados membros a volta ao respecto entre os pobos, evitando así o asentamento de prexuízos rusófobos impropios dos tempos actuais.
Ferrol, 6 de marzo, de 2022
Asociación Galega contra o Maltrato a Menores (AGAMME): Asociación sen ánimo de lucro, fundada en 2010. Os seus obxectivos principais son a visibilización da problemática do maltrato infantil, e de forma sinalada o abuso sexual incestuoso, ofrecer apoio e información a vítimas e as súas familias ou profesionais que traballan habitualmente con nenos, nenas e adolescencia. Para rematar a participación en procesos lexislativos e a presentación de demandas á administración para o cumprimento da lexislación vixente [+Info].
Enviado por:
Agamme Ferrol
-agammeferrol@gmail.com-
6 de março de 2022 21:39
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon