Hoxe domingo 10 de abril, ás 7 da tarde, no Teatro Jofre: "A farsa das Zocas", de Ricardo Carvalho Calero, posta en escena polo grupo de teatro da S.C. Medulio.
Na edición de 1971 dise:
Se A farsa das zocas, polo seu ambiente, se inserta na liña da temática de inspiración popular, as liberdades de expresión escénica nela patentes, a estilización dos persoaxes e a técnica de presentación directa dos mesmos, están moi lonxe dos usos do sainete rural de tipo realista.
E o autor engade no prólogo:
Na Farsa, inspirada na épica popular, importan pouco as tres unidades, ao menos as de tempo e lugar, e se hai que presentar unha persoa do drama, abonda con que ésta se adiante cara o púbrico e se identifique por sí mesma, procedimento tran primitivo que resulta tan moderno, e plausible sempre para o espectador verdadeiramente inxenuo ou verdadeiramente culto.
Carmen Suárez Rey sinala:
... temos que concluír recoñecendo que a Farsa das zocas é unha obra baseada na realidade da vida galega, sobre todo da vida galega rural daquela época, a inmediatamente anterior ao momento en que se escribiu. Así pois, insírese na liña temática de inspiración popular, pero cun senso novo moi lonxe do trasnoitado sainete rural de tipo realista.
Carvalho Calero segue na liña de Castelao e Blanco Amor, aplicando as técnicas da farsa a un tema e uns personaxes tirados da vida rural e da tradición, combinando escenas realistas con outras expresionistas e ademais, utilizando recursos técnicos que a fan culta. Polo tanto, non é teatro costumista, combina á perfección ambos os dous elementos, o popular e o culto. É unha peza entre a tradición e a vangarda. Hai nela unha estilización que a diferencia claramente do teatro rural decimonónico. Conta ademais con demasiada esaxeración, coa ruptura dos convencionalismos do teatral, non oculta os recursos dramáticos e, sobre todo, mostra unha total despreocupación pola verosimilitude.
Entre tradición e vangarda é, pois, onde debemos situar a Farsa das zocas.
Segundo Sindo Villamayor:
A técnica resulta adecuada á concepción da obra; hai na peza unha estilización que a diferencia claramente do teatro rural decimonónico: a presentación das personaxes por si mesmas –tópico do teatro chinés- dá unha lixeireza, unha ironía, unha falsa inxenuidade á obra, que non deixa a menor dúbida de que non intenta reproducir de maneira realista anécdotas da vida rural, senón que as estiliza, procurando un efecto artístico.
Para Henrique Rabuñal:
É a súa peza máis popular. Ambientada na vida rural galega da posguerra, está baseada nun relato popular recollido en San Sadurniño. Caricaturesca, humorística, próxima ás grandes farsas do noso teatro, aborda o tema do interese económico.
Na Galipedia
SOCIEDADE CULTURAL MEDULIO
FACENDO QUE GALIZA EXISTA
-ten como obxectivos a promoción e defensa da cultura Galega na perspectiva da súa normalización e desmarxinalización.
http://galizacultura.gal/medulio/
https://www.facebook.com/sc.medulio
Enviado por:
Inácio GZ
-inaciogz@gmail.com-
10 de abril de 2022 17:37
_______
Por favor, o contido do seu comentario debe estar relacionado co asunto do artigo.
Prega-se o maior respecto coas persoas, polo que ataques persoais e insultos serán eliminados.
Por favor, non use os comentarios, só para facer propaganda do seu sitio ou será eliminado.
EmoticonEmoticon