Amosando publicacións coa etiqueta #NonInvasionEolica. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #NonInvasionEolica. Amosar todas as publicacións

xoves, setembro 30, 2021

Roteiro polo Coto da Lagoa, para coñecer o patrimonio paisaxístico e natural ameazado por un proxecto eólico - Domingo 3 de outubro, ás 10 da mañá, no local social da asociación viciñal de Marmacón (Papoi) - Ferrol

O vindeiro domingo día 3 de Outubro, está organizado un roteiro pola SGHN e outras entidades que están contra dos proxectos eólicos entre elas ADEGA, no monte da Lagoa con subida ate o coto, coa finalidade de coñecer o patrimonio paisaxístico e medio ambiental ameazado polo proxecto eólico mal chamado Monteventoso. Será un percorrido duns 8 Km, con saída do local da AVV de Marmancón (Papoi) ás 10 da mañá.

Punto de encontro (mapa):
https://goo.gl/maps/MgVwFegp969kGitG7

Participa !

"Non queremos un modelo eólico que rompe, deteriora e minusvalorara o noso territorio e a súa xente para o beneficio dos de sempre".

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Delegación de Adega
Ferrolterra-Trasancos
adegatrasancos@adega.gal
Apartado 481
15480 Ferrol
http://adega.gal/

Info baseada na enviada por:
Adega Ferrolterra
-adegatrasancos@adega.gal-
30 de setembro de 2021 09:57

_______

martes, setembro 14, 2021

Unha plataforma veciñal para loitar contra o macroproxecto Parque Eólico Barqueiro: 'Ortigueira di Non' - Por unha transición enerxética xusta e sustentable


Non sei se vostede esta o corrente do que está a acontecer a día de hoxe nas nosas aldeas, e é que hai un movemento que pretende que se escoite a nosa voz. Un movemento que intenta paralizar o que vemos repetido na historia unha e outra vez. Fanse proxectos co único fin de acadar subvencións sen importar a quen se levan por diante. E esta vez temos algo que dicir: Ortigueira di Non!

ORTIGUEIRA DI NON realizou unha concentración diante do Concello o día do pleno extraordinario que tivo lugar o pasdo 9 de setembro, que se suma ás distintas formas de protesta que están a ter lugar nas últimas semanas, incluído "os roteiros reinvindicativos" que tiveron lugar o domingo5 de setembro e que finalizaban nun marco incomparable, Monasterio de Caaveiro, corazón das Fraguas do Eume onde estes muíños xigantescos tamén chegarían.

Esta plataforma é unha asociación veciñal e apolítica que emerxeu para loitar contra o proxecto Parque Eólico Barqueiro, un dos seis proxectos que ocuparían parte da zona de Ferrol Terra, Ortegal e Mariña.

O aluvión de proxectos eólicos débese ás axudas Next Generation que a Unión Europea está a conceder e ao afán das empresas por conseguir os fondos europeos.

ORTIGUEIRA DI NON está a favor das enerxías renovables. Pero considera que non se poden vulnerar os nosos dereitos e saltarse a lei vixente. Non se pode permitir a instalación de aeroxeradores de 200 metros a 300 metros das casas como se pretende, a destrución da nosa paisaxe, que é máis que un reclamo turístico para nós, sen un estudo tan básico como o de acuíferos, por exemplo. E moito menos permitir o espolio das terras dos nosos veciños. Todo iso para que se lucre unha empresa privada e nós os galegos, nin sequera a nosa comarca, teñamos ningún beneficio máis que a destrución da nosa contorna.

Cremos que como mínimo se debe informar á xente para que teñamos unha idea real do que todo isto significaría para a nosa comarca. E evitando así o botar as mans a cabeza unha vez que o mal xa esta feito.

Lucía Bermúdez Blanco, en representación
PLATAFORMA VECIÑAL ORTIGUEIRA DI NO

No facebook.

Manifesto de Caaveiro -  Por unha transición enerxética xusta e sustentable - 05.09.2021 | En formato pdf, 6 páxinas. | Baixar/Acceder.

Info baseada na enviada por:
Ortigueira Di Non
-ortigueiradinon@gmail.com-
7 de setembro de 2021 22:14

_______

sábado, setembro 11, 2021

Eólicos, así non, ... Por Iolanda Teixeiro Rei


Por Iolanda Teixeiro Rei [*]
11.09.2021

EÓLICOS, ASÍ NON

Recentemente, e en calidade de delegada da organización política Ligando-LGD, veño de rexistrar no concello de Ferrol unha iniciativa contra dos macroproxectos eólicos no noso territorio. Iniciativa que consideramos necesario divulgar nos medios para compartila coa cidadanía. A razón de ser da Administración local non é outra que pór en marcha políticas de servizo á cidadanía, participadas por esta. Máis, cando esa cidadanía fica indefensa perante oligopolios económico-financeiros e lobbies enerxéticos.

Co cambio climático, eses territorios e espazos marítimos que van ser cedidos ao lobbie enerxético van necesitalos as comunidades locais para sobrevivir á incerteza e ás consecuencias dese cambio. Ceder eses territorios significa reducir a capacidade de resiliencia da sociedade ferrolá, contrariando a lóxica da supervivencia.

Por iso, consideramos un despropósito que a cidadanía de Ferrol se teña que informar polos medios de comunicación de que o seu alcalde fai de portavoz deses oligopolios enerxéticos que, por riba, nútrense de subvencións públicas. Apoiar desde o goberno local macroparques eólicos de gran impacto ambiental e patrimonial, arteiramente fraccionados para se poder tramitar na administración autonómica, sen comunicación previa aos afectados, está moi lonxe de calquera política democrática e relaciona perigosamente o goberno municipal cos intereses privados especulativos de grupos de poder alleos que cobizan os fondos europeos Next Generation. Fondos que deberían destinarse aos grupos sociais máis afectados pola crise da pandemia. Sobre todo, porque son empréstitos que o Estado terá que devolver e que recaerán, como sempre, na clase traballadora.

Ligando, como organización decrecentista que é, non se posiciona en contra da enerxía eólica per se anque así non por moitas razóns que paso a enumerar:

1- As enerxías renovabeis na lóxica capitalista, están moi lonxe de ser sostibeis e sociais.

Os megaproxectos -malia ser fragmentados- son sempre insostíbeis por motivos ecosociais. Nun mundo pospetróleo cara o que transitameos, estes megaproxectos especulativos e coloniais, son dependentes do petróleo. Os materiais dos eólicos fabrícanse, transpórtanse e instálanse de xeito directo ou indirecto co uso do petróleo. Parte dos seus compoñentes son moi difíciles, cando non imposibeis, de reciclar e moitos dos mesmos son extraídos e producidos en países que carecen de lexislación ambiental e laboral protectora. Supoñen un saqueo colonial alí onde se asentan, que é sempre na periferia dos grandes centros de consumo enerxético, en zonas colonialmente empobrecidas e indefensas, maiormente no rural. Por tanto, potencian o transporte da enerxía extraída -coa perda e derroche que iso implica- da periferia ao centro cando son as grandes cidades as grandes consumidoras.

2- Non estamos para malos investimentos en custosa tecnoloxía cuxo futuro a medio prazo xa é cuestionabel. Amais de destruir enormemente o territorio, xerarían unha débeda que habería que pagar con máis subas na xa inflada factura de electricidade, mentres se exporta a meirande parte da enerxía, como xa pasou coas aldeas sen luz á beira dos grandes encoros.

3- A instalación de parques eólicos debería realizarse onde se produce e consume enerxía, sobre todo, en solo industrial e urbano porque iso é o máis sustentabel e xusto. Cada vez haberá menos disponibilidade de camións, excavadoras, guindastres… menos disponibilidade de materiais por verse limitada a súa extracción e transporte. A eólica ten de ser, pois, local e comunitaria para poder recibir o calificativo de sostibel. 4-Das Renovabeis pódese tirar moita electricidade pero, no mellor dos escenarios, despois de anos dun desenvolvemento axeitado, poderíase obter delas unha cantidade igual ao 40% da enerxía total que se consume actualmente e non poderán sustituir por completo aos combustibeis fóseis. Polo que promover a idea de que as renovabeis van suplir ao petróleo e ao carbón, sen políticas de redución de consumos nin pór en marcha políticas decrecentistas é unha fraude á cidadanía e aboca ao desastre ás vindeiras xeracións.

5- Galiza é autosuficiente en enerxía eléctrica polo que é irracional e colonial calquera política enerxética de destrución do territorio para transportar (saqueo) a outros territorios que se libran así destas nefastas externalidades.

6- Non é de recibo que a administración faga inventario de Patrimonio ecolóxico e arqueolóxico para logo agasallalo ao lobbie enerxético. Desde Ligando, apoiamos totalmente aos comuneir@s afectados polo proxecto eólico P.E.BRIÓN no monte do Cha e suscribimos o seu rexeitamento, así como ao P.E.MONTEVENTOSO e P.E.FERROL.

É deber do goberno municipal velar pola conservación do territorio, máis do LIC Costa Ártabra e Rede Natura 2000, do patrimonio arqueolóxico catalogado (máis de medio cento de mámoas afectadas) e dos aproveitamentos comunais do Monte do Cha. Así como tamén protexer ás persoas das liñas de alta tensión, do ruído constante das pás xigantes, do efecto sombra, das interferencias nas comunicacións e os acuíferos, fontes e traídas dos que se abastecen os núcleos rurais. Non queremos torres de 200 m. de altura sobre os montes que abeiran a ría de Ferrol! No que ten á eólica mariña, Galiza é a segunda comunidade autónoma en produción de enerxía eólica polo que resulta abraiante e curtopracista sacrificar a biodiversidade única do litoral galego para exportar enerxía. Máis cando isto afundirá a un sector punteiro como é o pesqueiro-marisqueiro. Ao impacto económico súmase o impacto ambiental pois os proxectos San Brandán e San Cibrao son lindeiros cun dos máis importantes corredores de aves de Europa, co grave impacto ecolóxico sobre a avifauna. Polo que resulta grotesco defender a un tempo a eólica mariña e o turismo sostibel, por exemplo.

O goberno municipal ten a obriga de protexer os intereses da economía resiliente do sector pesqueiro e marisqueiro así como das comunidades costeiras afectadas, con miras á soberanía alimentar. Así como o deber de velar pola conservación dos ecosistemas litorais e mariños. Solicitamos deste goberno o posicionamento en contra de calquera megaproxecto eólico, terrestre e mariño que non obedeza ao interese do ben común de proximidade e produción comunitaria. A creación dunha Empresa Municipal de Enerxía Renovabel que fomente o autoconsumo e o cooperativismo enerxético. Un programa municipal de reducción do consumo de enerxía, eficiencia e autonomía a nivel social e individual. Un aproveitamento descentralizado das fontes renovabeis retomando tamén as súas aplicación non eléctricas, ao parecer máis eficientes. Campañas educativas de concienciación nas que se priorice a necesidade de reducir consumos debido á escaseza enerxética nun mundo posfosilista. Políticas cara a re-ruralización e a posta en valor do patrimonio arqueolóxico, especialmente das necrópoles neolíticas.

[*] Iolanda Teixeiro Rei. Secretaria de organización de LiGanDo-LGD. Activista ecoloxista e decrecentista. Unha das organizadoras do primeiro Congreso Galego de Decrecemento que tivo lugar en Ferrol, no mes de outubro deste ano 2018. Articulista e licenciada en Pedagoxía Social pola USC. Profesora de Tai Chi e Chi Kung en Ferrol. No facebook e no twitter. Artigos no Diario de Ferrol e Diario Nós.

Enviado por:
Iolanda Teijeiro
-iolandateixeiro@gmail.com
8 de setembro de 2021 20:58

_______

mércores, setembro 01, 2021

Megaproxectos eólicos, espolio, abuso e atentado contra a saúde, ... por André Abeledo Fernández

Por André Abeledo Fernández [*]
01.09.2021


Megaproxectos eólicos, espolio, abuso e atentado contra a saúde - Efectos dos parques eólicos sobre a saúde.

Logo de case 20 anos de implantación de parques eólicos de forma masiva preto das vivendas en países como Dinamarca, Francia, Bélxica, Holanda, coñécense xa os graves problemas que provocan na saúde das persoas, feito que carrexou a paralización eólica en Australia, e ata que se haxan ditado sentenzas que obrigan a desmantelar aeroxeneradores e parques eólicos por estes motivos.

Coñécese este problema como a "síndrome da turbina eólica" polo que os expertos recomendan a localización dos aeroxeneradores a unha distancia de polo menos 2 quilómetros das vivendas. Con todo, algúns parques eólicos están xa construídos ou proxectados a menos de 500 metros de áreas residenciais, pobos ou casas individuais.

Calquera persoa que viva a unha distancia inferior a 6 km dun parque eólico, debería ser avisada das consecuencias que pode ter para a súa saúde e calidade de vida?.

O ruído, é un dos problemas máis evidentes. As puntas das aspas dun molino de vento poden chegar a alcanzar unha velocidade de ata 80 metros por segundo o que provoca sons e vibracións e ata cambios na presión do aire.

A iso hai que engadir os infrasóns ou ultrasóns, e ondas de baixa frecuencia ou de baixa intensidade, sons de frecuencia inferior a 16 Hz. Nos aparellos de maior potencia, de 3Mw, son maiores os infrasóns, propáganse quilómetros, e poden ocasionar dores de cabeza, problemas de soño, pesadelos nocturnos e problemas de aprendizaxe en nenos, zumbidos nos oídos (tinnitus), irritabilidade, ansiedade, depresión, problemas de concentración e memoria, de equilibrio, mareos e náuseas, cansazo extremo e neurosis.

Tamén se pode engadir o efecto estroboscopio ou "efecto discoteca", que provocan as sombras parpadeantes proxectadas polas aspas ao virar cando o sol está detrás dos muíños, moi estresante e asóciase ata a certos problemas de saúde como ataques epilépticos.

Escintileos e fogonazos das luminarias dos aeroxenedores pola noite, do mesmo xeito, supoñen un motivo relevante de estrés e de perda de calidade de vida para as persoas que viven cerca ou rodeadas de muíños.

Colectivos veciñais, organizacións ecoloxistas e plataformas, grupos de montañeiros e asociacións veciñais e culturais de distintas zonas do rural están en guerra contra o despregue de parques.

A razón é que saben que se aveciña un futuro cun ventilador en todos e cada un dos montes e, por outra e, sobre todo, porque non é máis que un, un espolio.

A min tócame a ameaza do proxecto "Parque Eólico de Caaveiro", a todos os veciños de Anca tócanos loitar si non queremos desaparecer.

O macroproxecto eólico de Caaveiro aféctanos de cheo.

Un proxecto vergonzoso que por non cumprir nin sequera cumpre coa lexislación vixente.

Megamuiños xeradores a uns 269 metros de vivendas, cando a lei marca 500 metros para xeradores moito máis pequenos e polo tanto menos potentes e daniños.

En Alemaña multiplícase a altura do eólico por 10 para calcular a distancia do aeroxenerador das vivendas, neste caso estamos falando de muíños de 200 metros, así que a distancia sería de 2 quilómetros e non de 500 metros.

Obrigáronnos a movernos e facer alegacións sobre proxectos que non deberían estar sobre a mesa, porque atentan contra a poboación e ata contra a lexislación vivente, obrigáronnos a comezar unha loita e poñer diñeiro dos nosos petos para tratar de frear un abuso, un auténtico acto de agresión contra os intereses dos poboadores dos territorios afectados.

Para os veciños afectados por estes megaproxectos eólicos os efectos serán demoledores.

Estamos falando de aeroxeneradores de máis de 200 metros de altura que van provocar uns fortes impactos sobre os veciños e o territorio.
  • Os terreos e as vivendas situados ata a 3 quilómetros do parque perderán sobre o 30% do seu valor actual.
  • O espazo forestal e agrario quedará dependente do macroparque por 30 anos prorrogables.
  • As interferencias no uso do chan, en relación ao uso gandeiro, agrícola e forestal.
  • O grave impacto na paisaxe.
  • O impacto sobre a auga, fontes, caudais, traídas, etc,
  • O ruído insoportable e constante que ten graves efectos sobre a saúde física e mental das persoas.
  • As interferencias que dificultan o funcionamento dos sistemas de telecomunicación, radionavegación aérea, e dos radares.
  • Os accidentes polo desprendemento de pezas.
  • O chamado "efecto discoteca" ou palpádeo de sombras das aspas en movemento sobre as casas.
  • Non aportan postos de traballo, é unha gran mentira.
  • Agudizan o despoboamento do rural, posto que a ninguén lle gustaría vivir preto dun parque eólico. A realidade demostra que o 90% dos municipios con parques eólicos perderon poboación.
  • Problemas coa flora. Todos os anos morren miles de animais como consecuencia da produción de enerxía eólica. Os morcegos son os máis prexudicados.
  • Non son bos para o ser humano. Pode traer problemas biolóxicos ao ter moita contacto con elas, por iso levantar estes parques tan preto da poboación é un verdadeiro atentado contra nosa saúde.

EÓLICOS AQUÍ NON!

[*] André Abeledo Fernández, nado en Neda o 14 de Xullo de 1974, militante comunista e sindicalista. Membro da Sección Sindical e Delegado da CIG en Mercadona na Provincia d'A Coruña. | Facebook e Twitter.

Enviado por:
André Abeledo Fernández
-andre1474@gmail.com-
31 de agosto de 2021 23:48

_______

Concentración no Mosteiro de Caaveiro (Fragas do Eume), o vindeiro domingo 5 de setembro, ás 12:30hs, punto de encontro dos roteiros reivindicativos contra os proxectos de parques macroeólicos e na defensa do rural - Betula participará no roteiro que parte desde a Alameda do Eume parroquia de Ombre (Pontedeume)

Concentración no Mosteiro de Caaveiro (Fragas do Eume), o vindeiro domingo 5 de setembro, ás 12:30hs, punto de encontro dos roteiros reivindicativos contra os proxectos de parques macroeólicos e na defensa do rural.

Betula participará no roteiro que parte desde a Alameda do Eume parroquia de Ombre (Pontedeume), no Centro de Acollida de Visitantes de Ombre, ás 10:30 h.

Dende hai varios meses vense producindo unha considerable alarma social motivada polos proxectos de instalación indiscriminada de macroeólicos en diferentes espazos naturais de Galicia. A envergadura destas estruturas de 250 m de altura, provoca impactos irreversibles na paisaxe, na flora, na fauna e no patrimonio arqueolóxico e etnográfico. Tamén na vida, economía e saúde das comunidades do rural, xa mermadas por outras circunstancias.

A Asociación Betula de custodia do territorio non pode permanecer indiferente ante esta agresión especulativa ao medio natural amparada nunha falsa transición enerxética. Necesitamos enerxías limpas, pero non así.

Á parte das alegacións masivas que se están a presentar, varias asociacións e plataformas convocan unha concentración en Caaveiro, nas Fragas do Eume, o vindeiro domingo 5 de setembro, ás 12:30 h, para facer visible este rexeitamento aos proxectos en marcha.

Betula, con moito esforzo, conseguiu adquirir en propiedade máis de 14 ha. nas Fragas do Eume, que trata de conservar e mellorar. Por iso se suma á convocatoria, pola conservación do patrimonio natural, nesa xornada e contribuír a evitar unha nova degradación deste extraordinario espazo.

As persoas participantes deberán achegar nome (custodia.betula@gmail.com), apelidos, DNI e Tel. para organizar a xornada e cumprir co protocolo Covid. Os menores irán acompañados de adulto. Data límite para apuntarse 3/09/21, ás 14:00 h.

O lugar de encontro será o Centro de Acollida de Visitantes de Ombre, ás 10:30 h. Feito o reconto, dende alí accederemos en vehículos á zona de Fornelos (onde Betula ten propiedades) e logo faremos o último tramo (uns 3 km.) camiñando ata o Mosteiro para encontrármonos cos restantes participantes.

Limodre, 26 de agosto de 2021


BETULA, Asociación para a Custodia do Bosque Atlántico, é unha asociación que procura a conservación e recuperación do patrimonio natural, cultural e paisaxístico a través da Custodia do Territorio.

http://betula-atlantico.eu/

contacto@betula-atlantico.eu

Foto: Mosteiro de Caaveiro - Xulio Barreiro.

"Non queremos un modelo eólico que rompe, deteriora e minusvalorara o noso territorio e a súa xente para o beneficio dos de sempre".

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration

Enviado por:
Asociación Custodia Bosque Atlántico BETULA
-custodia.betula@gmail.com-
26 de agosto de 2021 20:54

_______

xoves, xullo 22, 2021

Concentración en San Sadurniño contra o parque eólico Caaveiro - Sábado 24 de xullo, ás 7 da tarde, en Louseira - Convocada pola asociación veciñal O Castelo de Narahio e outros colectivos - #NonInvasionEolica #EolicaAsiNon

Concentración en San Sadurniño contra o Parque Eólico Caaveiro, convocada para este sábado 24 de xullo, ás 7 da tarde, no Cordal d'A Louseira (Narahio), pola asociación veciñal O Castelo de Narahio e outros colectivos.

San Sadurniño é outro dos concellos afectados pola invasión de macroparques eólicos proxectados para Galiza, polas multinacionais da enerxía. Neste caso trata-se do Parque Eólico Caaveiro 78 MW, promovido pola multinacional ENEL, proxecto que tamén afecta aos concellos de Neda, Fene, A Capela, As Pontes, Cabanas e Narón. O Concello de San Sadurniño, puxo ao servizo da veciñanza un servizo xurídico para facilitar a formulación de alegacións que o propio Concello vai facer. Ante o anuncio por pare da Xunta de Galicia do Informe negativo, para este parque e outros 16 máis das comarcas do noroeste, superiores a 50MW de potencia,o Alcalde de San Sadurniño, Secundino Garcia Casal, fixo un chamamento a continuar coas alegacións das que remata o prazo para a súa presentación o vindeiro martes 27 de xullo, pois o informe negativo da Xunta non é gantía suficiente, para que este parque sexa denegado pola administración central que é o que ten as competencias por superar os 50 MW de potencia. O Concello adiantou o Pleno para este xoves 22 de xullo, para aprobar unha resolución institucional contra o Parque Eólico Caaveiro.

NON AO PARQUE EÓLICO DE CAAVEIRO.
 
"Non queremos un modelo eólico que rompe, deteriora e minusvalorara o noso territorio e a súa xente para o beneficio dos de sempre".

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration


Enlaces de relacionados:

Plataforma Veciñal A Capela Di Non. | Facebook. |

✔ Plataforma Cabanas Di Non. | Facebook. |

Ferrolterra Di Non aos MacroEólicos. | Facebook. |

✔ Asociación Veciñal 'O Castelo de Narahio'. | Facebook. |
_______

Manifestación en Neda contra o parque eólico Caaveiro - Sábado 24 de xullo, con saída ás 11:30hs, diante da Casa do Concello ate O Puntal - Convocada pola Plataforma Veciñal 'Neda di Non' - #NonInvasionEolica


A Plataforma Veciñal "Neda di Non", convoca unha Manifestación en Neda contra o parque eólico Caaveiro, para o sábado 24 de xullo, con saída ás 11:30hs, diante da Casa do Concello ate O Puntal.

O anuncio da área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia polo que se somete a información pública o Estudo de Impacto Ambiental e a solicitude de Autorización Administrativa Previa do Parque Eólico Caaveiro de 78  MW e a súa infraestrutura de evacuación, publicado no BOE, causou preocupación entre a veciñanza e esta comezou a organizar-se. Esta situación esta-se dando por toda Galiza, unha invasión de proxectos de parques eólicos, que pretenden aproveitar a nova política de transición ecolóxica e acoller-se aos fondos europeos "Nex Generation", sen respectar o medio ambiente, nun afán especulativo, do negocio do vento, nunha Galiza xa saturada de parques en funcionamento.

Mesmo os concellos afectados en moitos caso veñen a opoñer-se a construción destes macroparques que pretenden instalar aeroxeneradores de grande potencia e eólicos que superan a altura dos 200 metros. É o caso do Concello de Neda que veu poñer á disposición da veciñanza servizos xurídicos, para facilitar as alegacións ao proxectado parque. Celebrando asembleas veciñais ofrecendo asesoramento legal e achegado escritos de adhesión ás alegacións elaboradas polo propio Concello.

Os principais argumento que do Concello contra a instalación do macroparque no seu escrito de alegacións refiren-se a "vulneración da Directiva europea relativa á Conservación de Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestres; os prexuízos significativos e incompatibles co benestar das familias que residen e viven en núcleos poboacionais afectados; os prexuízos significativos e incompatibles cos valores paisaxísticos das comarcas afectadas e coa protección dos seus valores medio ambientais; a afectación severa e incompatible co desenvolvemento turístico das comarcas afectadas e a promoción do Camiño de Santiago, co patrimonio cultural e arqueolóxico, así como xeolóxico e xeomorfolóxico; o impacto hidrolóxico ou sobre a fauna e, máis nomeadamente, determinadas especies, ou os prexuízos irreparables para explotacións forestais, madereiras e agrogandeiras, así como o seu impacto na demografía, favorecendo un despoboamento do rural". Solicitando en base ás citadas alegacións en que se "desista e arquive o proxecto do Parque Eólico e todas as súas infraestruturas, así como que se rexeite o estudo de impacto ambiental e a solicitude de autorización administrativa previa".

A propia Xunta de Galicia, emitiu informe negativo sobre o Parque Eólico Caaveiro que afecta aos concellos de Neda, Fene, San Sadurniño, A Capela, As Pontes, Cabanas e Narón, así como outros das comarcas do noroeste, como o de Tesouro (As Pontes e A Capela), entre os que están os de Pena do Corvo (Monfero, A Capela e Cabanas), Nordés (Cerdido, Moeche e Valdoviño), Carbeira (Cerdido, Moeche, As Somozas, Valdoviño e As Pontes), Gondre (As Somozas e As Pontes) e Taboada (Monfero e As Pontes), todos estes parques tramitan-se na administración central, a través da área de Industria e Enerxía da Delegación do Goberno en Galicia. A Xunta só tramita os parques de menos de 50 MW de potencia, mentres que os que superen ese limiar corresponden á administración central.

#EolicaAsiNon
#NonInvasionEolica
#GalizaContraAmezaEolica
#EolicaAsiNon
#aldeaslibresdemacroeólicos
#Moratoriaeólica
#PorUnNovoModeloEolico
#aldeasconhorizonte
#RepartoXustoFondosEuropeosNextGeneration


Enlaces de relacionados:

Plataforma Veciñal A Capela Di Non. | Facebook. |

✔ Plataforma Cabanas Di Non. | Facebook. |

Ferrolterra Di Non aos MacroEólicos. | Facebook. |
_______